DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2007 Páx. 6.281

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2007, da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para actividades formativas e de sensibilización que desenvolvan as organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2007.

As políticas de cooperación ao desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Á cooperación internacional propia dos distintos países únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

Un dos obxectivos desta lei é impulsar e promover a participación social e cidadá nas accións de cooperación para o desenvolvemento, así como fomentar a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega nas realidades dos pobos máis desfavorecidos, potenciando unha ética asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre as persoas.

As prioridades enunciadas pola lei en sensibilización e educación para o desenvolvemento perseguen a concienciación da opinión pública nesta materia, a difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países menos desenvolvidos, o fomento da investigación sobre as causas do desenvolvemento, así como a potenciación dos axentes de cooperación de Galicia e, en particular, dunha acción coordinada entre eles.

Do mesmo xeito, o I Plan Director 2006-2009 da Cooperación Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o 24 de abril de 2006, establece como obxectivo estratéxico da cooperación galega a realización dunha política activa e integral de fomento do coñecemento das desigualdades no mundo, de sensibi

lización da poboación galega para a súa superación e de educación para o desenvolvemento.

Pola súa parte, entre os axentes de cooperación recoñecidos pola lei gozan de especial relevancia as organizacións non gobernamentais que se constitúen como interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Polo tanto, procede establecer as bases que regulen o réxime de concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para actividades formativas e de sensibilización que desenvolvan as organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento e outros axentes de cooperación cos que se presenten consorciadas.

Pola súa vez, procede aprobar a convocatoria da concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2007 e 2008 de acordo coas bases reguladoras que se aproban e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e para procurar a normalización e simplificación dos procedementos, e conforme a competencia atribuída pola disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras, que se xuntan como anexo desta resolución, para a concesión de subvencións para actividades formativas e de sensibilización que desenvolvan as organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2007 e 2008 de acordo coas bases reguladoras que figuran no anexo desta resolución, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.41.331A.481.0 (pola contía máxima total de 400.000 euros, 240.000 euros no ano 2007 e de 160.000 euros no ano 2008).

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2007.

Santiago Gómez-Reino Lecoq

Secretario xeral de Relacións Exteriores

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento para o desenvolvemento de actividades de formación e sensibilización.

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións, a través dun procedemento de concorrencia competitiva, a organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento para actividades de formación e sensibilización en Galicia.

Artigo 2º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ao secretario xeral de Relacións Exteriores (rúa dos Feáns, 5-baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias e requisitos dos proxectos.

1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes (organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento):

a) Estar inscrita no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, creado polo Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o citado rexistro, con, polo menos, un ano de antelación ao de publicación da convocatoria.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter domicilio social en Galicia ou contar con delegación permanente en Galicia. Neste último suposto, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprométese ao mantemento da documentación, contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación polo menos, na identificación, formulación, execución, seguimento e avaliación do proxecto.

d) Ter xustificado, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas, con cargo á convocatoria 2005 para a anualidade 2006, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de sensibilización e de cooperación ao desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

e) Non estar inhabilitadas, administrativa ou xudicialmente, para obter axudas.

f) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incursa en ningún procedemento de reintegro ou sanción coa Xunta de Galicia sobre axudas, así como non manter ningunha débeda por calquera concepto coa Facenda Autonómica.

Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por unha ONGD agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1º, letras b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento que, cumprindo os requisitos anteriores, se presenten agrupadas. Neste suposto, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente, exceptuando o requisito incluído no artigo 3º.1 b) para aquelas entidades con ánimo de lucro, que en todo caso deberán acreditar o compromiso de non obter ningún beneficio da operación, de acordo co establecido no artigo 23.2º da citada lei. O devandito compromiso levará a obriga de encargar pola súa custa unha auditoría contable, a cal deberá ser efectuada por un profesional independente a criterio da administración e nela detallaranse os custos directos da intervención e a súa plena correspondencia co obxecto da axuda outorgada. En ningún caso poderán

imputárselle á operación custos directos ou de xestión.

As universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido nas letras c) e j) do artigo 41 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, quedarán exentas do cumprimento do requisito incluído no artigo 3º.1 f) destas bases.

Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención a executar por cada unha delas.

As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán un responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á ONGD solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes.

A ONGD solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos, que poderán ser tres no suposto de presentar este último en agrupación con outras entidades.

2. Requisitos dos proxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto na data de presentación da solicitude. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos

con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de xuño do ano seguinte ao de concesión da subvención, debendo executarse polo menos o 60% da contía total do proxecto no ano 2007.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que non vaian dirixidas exclusivamente aos membros da propia organización.

Artigo 4º.-Documentación.

4.1. Solicitude de subvención no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org.

4.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación de proxecto. A documentación e o documento de formulación do proxecto serán presentados por duplicado (orixinal e fotocopia). O documento de formulación de presentación do proxecto tamén se entregará en formato CD:

Carpeta 1: información relativa á ONGD solicitante:

a) Certificación da Secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación ao Desenvolvemento, en relación á documentación que se recolle a continuación, con indicación do nº de inscrición no dito rexistro. Esta certificación fará referencia a:

* Documentación acreditativa da representación da persoa responsable legal da entidade (para aquelas entidades con domicilio social en Galicia) ou de poder bastante de representación para que actúe en nome e representación da entidade o seu responsable ou delegado en Galicia; e copia compulsada do seu DNI.

* Documentación acreditativa de dispoñer de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

* Certificación do secretario/a da entidade relativa á composición do órgano de goberno da dirección da entidade (as renovacións ou modificacións da súa composición deben ser notificadas, especialmente no que atinxe aos postos de representante legal e secretario/a).

* CIF da entidade.

No caso de que calquera documento dos recollidos anteriormente non se atope vixente no citado rexistro farase indicación expresa sobre este e achegarase, debidamente compulsado, co obxecto de ser incor

porado de oficio ao Rexistro Galego de Axentes de Cooperación.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas das que se dispón de datos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación ao Desenvolvemento, deberase de achegar xunto coa certificación anterior, copia compulsada do seu DNI e certificación do/a secretario/a da entidade, acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade en que conste que a entidade solicitante non está incursa en ningún procedemento de reintegro ou sanción coa Xunta de Galicia por incumprimento das obrigas derivadas da recepción de subvencións e non foi inhabilitada para obtelas, segundo modelo que figura como anexo II.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

d) Certificación da Secretaría da entidade en Galicia con referencia ao balance de contas da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade en que figuren, expresamente, o número de socios/as en Galicia.

e) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de sensibilización e actividades formativas realizados, así como dos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

No caso de que a ONGD presentase esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte.

f) Plan/estratexia de cooperación da organización para os seguintes anos (dous como mínimo) na que se enmarca o proxecto presentado.

g) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, deberán xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán un representante legal, que necesariamente pertencerá á ONGD solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación

de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso.

Carpeta 2: información sobre o proxecto de sensibilización social e/ou formativo.

A información sobre o proxecto presentarase no documento de formulación normalizado ao efecto, que poderá descargarse da páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente á DXCE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior*xunta.es.

4.3. A falta de documentación administrativa relativa á carpeta 1 e de información nalgunha das carpetas ou da xustificación das ditas faltas impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede á súa corrección dentro dos prazos establecidos. Así mesmo, a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento de formulación que non sexa o adaptado a esta convocatoria do ano 2007 conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución, prazo de resolución, condicións de financiamento, gastos que se poden subvencionar, criterios prioritarios e valoración.

6.1. A instrución do procedemento corresponderá ao servizo de fomento da cooperación para o desenvolvemento da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados ou carece de documentación, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, repare a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6.2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

6.3. Condicións de financiamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a subvención concedida os 20.000 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades, a Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a cantidade concedida os 40.000 euros.

6.4. Subvencionaranse os gastos seguintes:

a) Gastos de locais (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización) para impartir a formación ou calquera outra actividade xustificada dentro do proxecto.

b) Axudas de custo e gastos de desprazamento do profesorado e, cando resulte imprescindible, as remuneracións a conferenciantes, monitores ou profesores.

c) Gastos de publicidade da convocatoria da actividade.

d) Gastos propios da actividade formativa ou de sensibilización (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

e) Gastos de persoal, debidamente motivados, ao servizo do proxecto (excluído o persoal propio da entidade). A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará o 25% do orzamento total do proxecto, non será nunca superior a 8.000 euros.

f) Outros gastos que figuren no orzamento da entidade solicitante asociados á administración, xestión, supervisión, difusión e sensibilización social da acción, non podendo exceder estes do 10% do importe total da subvención solicitada á Xunta de Galicia. Estes gastos serán imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales entes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

6.5. Os criterios de valoración ordenaranse de acordo coas seguintes prioridades:

1. Que potencien as seguintes accións:

a) Coñecemento das causas que xeran a pobreza e das posibilidades reais de superación destas, e/ou da realidade dos países máis desfavorecidos.

b) Fomento na sociedade galega, especialmente entre os/as mozos/as, dos valores da solidariedade e da cooperación ao desenvolvemento e proxectos que se vaian realizar en centros escolares.

c) Fomento da formación e capacitación de voluntarios/as e profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia externos á organización para o traballo especializado no ámbito da solidariedade e da cooperación ao desenvolvemento.

d) Accións que permitan a participación activa dos cidadáns ou colectivos destinatarios.

e) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento do milenio e que divulguen a situación nos países en vías de desenvolvemento dos sectores máis vulnerables da poboación, en particular, infancia e xuventude, mulleres, comunidades indíxenas, refuxiados/as e desprazados/as.

f) Accións que promovan o comercio xusto e o consumo responsable.

2. Outras prioridades:

-Que sexan presentados por una agrupación de entidades. Para os efectos desta convocatoria enténdese por agrupación de entidades aquelas asinadas entre dúas ou máis ONGD, e os asinados entre unha ou máis ONGD cunha ou máis entidades galegas recoñecidas como axente galego de cooperación exterior (artigo 23.1º b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento). Será requisito indispensable para o seu recoñecemento que a entidade que asuma o liderado da dita agrupación sexa a ONGD solicitante.

-Que o eido de incidencia e/ou execución inclúa concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos situados no medio rural.

-Implicación garantida no proxecto de asociacións ou grupos de acción social dos concellos e/ou parroquias en que teñan lugar as actividades.

-Proxectos que teñan unha elevada porcentaxe de financiamento da entidade solicitante ou doutras entidades.

-Proxectos cuxo soporte e difusión estean baseados na utilización de novas tecnoloxías.

-Proxectos integrados en campañas globais de sensibilización ou incidencia social.

6.6. Valoración das solicitudes.

6.6.1. As actividades que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: 20 puntos.

I.1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de sensibilización social e formación para o desenvolvemento (subvencionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou por calquera outro financiador), suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 6 puntos.

I.2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión e recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 6 puntos.

I.3. Estratexia concreta de formación e sensibilización da entidade para os vindeiros anos (dous como mínimo). Máximo: 3 puntos.

I.4. Achega financeira da ONGD ao proxecto ou doutras entidades. Esta deberá de ser dun mínimo do 10% para ser puntuada. Máximo: 3 puntos.

I.5. Contribución da ONGD solicitante ao fomento do sector galego de cooperación. Máximo: 2 puntos.

II. Aspectos relacionados co proxecto de actividades: ata 68 puntos.

II.1. Pertinencia do proxecto con especial atención ao contexto social, económico, político e cultural, en función do/s lugar/es de realización e o público obxectivo. Máximo: 6 puntos.

II.2. Coherencia dos obxectivos e resultados formulados coa temática sobre a que se pretende sensibilizar ou formar. Máximo: 6 puntos.

II.3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

II.4. Contido da acción segundo os criterios seguintes. Máximo: 15 puntos.

a) Loita contra as causas da pobreza a partir do coñecemento da realidade dos países máis desfavorecidos. Máximo: 5 puntos.

b) Fomento da formación e capacitación de voluntarios/as e profesionais galegos/as en materia de cooperación ao desenvolvemento. Máximo: 2,5 puntos.

c) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento do milenio e aquelas que difundan a situación nos países máis desfavorecidos dos sectores máis vulnerables da poboación, en particular, infancia e xuventude, mulleres, comunidades indíxenas, refuxiados/as e desprazados/as, así como accións que promovan e difundan os valores ambientais, a súa conservación e mellora. Máximo: 2,5 puntos.

d) Accións que promovan o comercio xusto e o consumo responsable. Máximo: 3 puntos.

e) Integración en campañas globais de sensibilización. Máximo: 2 puntos.

II.5. Incidencia prevista das actividades: descrición precisa dos/as destinatarios/as, número de persoas ás cales se dirixe e a súa pertenza aos colectivos prioritarios (nenos/as, mozos/as, profesorado de todos os niveis educativos e/ou monitores de tempo libre para mozos/as). Máximo: 6 puntos.

II.6. Ámbito de incidencia e/ou execución en concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos situados no medio rural, número de concellos en que se realizan actividades. Máximo: 4 puntos.

II.7. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

II.8. Recursos humanos e técnicos adaptados ás necesidades para executar e acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 3 puntos.

II.9. Grao de ambición dos resultados agardados e garantía a priori para asegurar a eficiencia do proxecto. Máximo: 6 puntos.

II.10. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 4 puntos.

II.11. Integración do proxecto en estratexias integrais públicas de educación (por exemplo educación para a cidadanía) ou sensibilización, e/ou con outras ONGD. Colaboración con asociacións e/ou grupos de acción social dos concellos e/ou parroquias en que teñan lugar as actividades. Máximo: 5 puntos.

II.12. Difusión do proxecto, proxectos cuxo soporte e difusión estean baseados na utilización de novas tecnoloxías, campañas innovadoras. Máximo: 5 puntos.

III. Presentación do proxecto nunha agrupación de entidades. Máximo: 12 puntos.

6.6.2 Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A comisión compoñerase polos seguintes membros:

Presidenta: a directora xeral de Cooperación Exterior.

Secretario/a: un/unha, funcionario/a da Dirección Xeral de Cooperación Exterior

Vogais: dous/duas funcionarios/as da Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os ditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por expertos independentes non vinculados a ningunha ONGD, podendo ser propostos pola coordinadora galega de ONGD.

6.6.3. Será necesario acadar unha puntuación do 50% nas dúas primeiras epígrafes sinaladas para superar a fase de valoración (no caso dos proxectos presentados en agrupación de entidades, esta porcentaxe afectará as tres epígrafes).

Unha vez superada a fase de valoración, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas, en orde descendente, por cada un dos proxectos presentados. No caso das agrupacións de entidades sumarase, á puntuación acadada na epígrafe de proxecto, a puntuación da epígrafe de agrupacións de entidades. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

6.6.4. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009.

Artigo 7º.-Resolución.

Á vista da proposta de resolución, debidamente motivada, o secretario xeral de Relacións Exteriores resolverá, de acordo co establecido na disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 6 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 9º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da cooperación galega, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, publicarase a relación das concedidas con indicación de entidade beneficiaria, contía, país de execución do proxecto e finalidade no rexistro de axudas, subvencións e convenios.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromiso de financiamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria deberá presentar, nun prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito da aceptación da axuda na que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Neste escrito poderá solicitar o pagamento do anticipo cos requisitos establecidos no artigo seguinte. Igualmente deberán confirmar, de ser o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan.

De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente fose posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha reformulación económica deste, que será obxecto dunha nova valoración. Da non-presentación no dito prazo de ningunha comunicación, entenderase que a entidade beneficiaria renuncia á subvención concedida, e procederase ao seu arquivo.

No caso de reformulación do proxecto, o secretario xeral de Relacións Exteriores ditará nova resolución, que será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, o importe dela poderá destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 11º.-Anticipos e pagamentos.

1. Con base no artigo 29.5º da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade

das subvencións, o pagamento das subvencións concedidas farase do seguinte xeito:

1.1. Proxectos en que o período de execución sexa o exercicio corrente (ano 2007):

-Anticipo do 80% da subvención concedida.

-O 20% restante librarase unha vez presentada a xustificación da realización total do proxecto. O prazo para a súa xustificación finaliza o 15 de decembro de 2007.

1.2. Proxectos en que o período de execución comprenda dous exercicios económicos (anos 2007 e 2008):

Anualidade 2007:

-Anticipo do 50% do importe concedido para esa anualidade.

-O 50% restante librarase unha vez xustificado o gasto total da anualidade de 2007. O prazo para a súa xustificación finaliza o 15 de decembro de 2007.

Anualidade 2008:

-Anticipo do 50% do importe da subvención correspondente a esta anualidade.

- O resto da subvención aboarase unha vez presentada a xustificación total do proxecto. O prazo para a súa xustificación finaliza o 15 de decembro de 2008.

2. Para o aboamento da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

2.1. Proxectos en que o período de execución sexa o exercicio corrente (ano 2007):

Para o pagamento do anticipo:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles que resulten da execución do proxecto subvencionado aos beneficiarios/as.

d) Certificación bancaria da conta da entidade afecta a xestión do proxecto. Nesta conta asignada ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao financiamento da consellaría competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Para o pagamento do resto da subvención:

O resto do importe da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12º destas bases reguladoras.

2.2. Proxectos en que o período de execución comprenda dous exercicios económicos (anos 2007 e 2008):

Anualidade 2007:

Para o pagamento do anticipo:

a) Solicitude de libramento do anticipo.

b) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles que resulten da execución do proxecto subvencionado aos/ás beneficiarios/as.

d) Certificación bancaria da conta da entidade afecta a xestión do proxecto. Nesta conta asignada ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao financiamento da consellaría competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

Para o pagamento do resto da anualidade:

O prazo para a xustificación da subvención relativa á anualidade 2007, finaliza o 15 de decembro e librarase unha vez presentada a seguinte documentación:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade solicitante acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número e emisor da factura ou do documento xustificativo e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.

Anualidade 2008:

Para o pagamento do anticipo:

Solicitude de libramento do anticipo.

Para o pagamento do resto da subvención:

O resto do importe da subvención concedida librarase coa súa completa xustificación de acordo coas previsións do artigo 12º destas bases reguladoras.

3. Os beneficiarios, organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78.4º c) e 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme co establecido no artigo 41.1º letra f, da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007.

Artigo 12º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas coa documentación que se sinala no seguinte punto antes do día 15 do mes de peche do exercicio.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente e antes do día 15 de decembro de cada exercicio, presentando a documentación que se sinala no seguinte punto.

2. A entidade beneficiaria xustificará o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención mediante a presentación dun informe final integrado dos seguintes documentos:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade solicitante acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Memoria de execucións sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados coa execución do proxecto e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Memoria financeira final desagregada por conceptos de gastos aprobados, debendo constar:

-Certificación dos gastos polo importe total do proxecto por partidas orzamentarias e na que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada polo representante en Galicia da entidade beneficiaria.

-Relación de facturas que se inclúen co seu contravalor en euros.

-Facturas que soporten a relación anterior, expedidas conforme a lexislación do país no que se adquirisen os bens ou prestasen os servizos. En todo caso, incluirán: nome e apelidos de tratarse dunha persoa física ou a denominación social, domicilio e número de identificación fiscal ou tributaria, e no caso de persoas xurídicas do expendedor e destinatario; descrición da operación e contraprestación total; lugar e data de emisión e importe na moeda en que se emite.

Presentaranse orixinais de todas as facturas que se aboen con cargo ao orzamento total do proxecto, que unha vez comprobadas serán devoltas aos interesados de oficio. No suposto de que a contraparte local no poida desprenderse dalgún documento xustificativo de gasto, presentará informe motivando a dita imposibilidade. Neste caso, será necesario que se achegue unha fotocopia compulsada por funcionario/a público/a.

-Relación de persoal contratado e voluntario da entidade solicitante e local que participaron na execución do proxecto, achegándose no primeiro caso as súas correspondentes nóminas.

-Certificación asinada polo representante en Galicia da entidade beneficiaria co detalle por concepto dos custos indirectos imputados ao proxecto.

Artigo 13º.-Obriga da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos.

1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude, ou, se é o caso, da reformulación, de terse efectuado.

2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato ao centro directivo con competencia en materia de cooperación para o desenvolvemento sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. A alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) o logotipo oficial da cooperación galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da cooperación galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da cooperación galega: www.cooperaciongalega.org.

5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos aos da cooperación oficial española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sostibilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

No canto do seguimento do proxecto, a verificación do marco lóxico, o calendario de execución e os calendarios de actividades e recursos son a base para a comprobación do progreso deste, especialmente nos eidos de eficacia, eficiencia e impacto. Nos informes anuais de avance e no informe final do proxecto recolleranse, como mínimo, os seguintes elementos: contorno do proxecto, avance do proxecto (entendendo como tal o grao de cumprimento das accións e resultados agardados establecidos na formulación inicial, e xa que logo, dos obxectivos xerais e específicos), grao de cumprimento das hipóteses

e riscos, análise da garantía de sustentabilidade do proxecto e, ao cabo, conclusións e recomendacións e o plan de traballo proposto para todo o período seguinte da execución.

A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

Esta avaliación final do proxecto analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade do proxecto financiado, adaptándose á especificidade deste nos termos de referencia (TdR).

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola cooperación española e a Unión Europea, recollendo como mínimo:

-Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

-Texto principal: comezando por unha descrición do proxecto avaliado e os obxectivos da avaliación. Deberá seguir os cinco criterios de avaliación, describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

-Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

-Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos/as avaliadores/as e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 14º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado.

As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao secretario

xeral de Relacións Exteriores, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 15º.-Reintegro por incumprimentos.

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen total ou parcialmente o bo fin das cantidades percibidas deberán proceder ao reintegro da totalidade delas en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional no caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades, administrativas ou penais, a que proceda. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras, e demais normativa de subvencións.

Artigo 16º.-Información aos órganos fiscalizadores.

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 17º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos de silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso- administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 18º.-Remisión normativa.

Para o non previsto nestas bases serán de aplicación os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada pola Lei 24/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.