DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2007 Páx. 6.002

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou de doutor.

Preámbulo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31º, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, Diario Oficial de Galicia do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 8 de abril).

O artigo 8.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola comunidade autónoma e o seu artigo 35 establece que unha universidade poderá elaborar e aprobar un plan de estudos conducente á obtención dun título universitario de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional cando corresponda a ensinanzas previamente implantadas polas comunidades autónomas, ás cales tamén corresponde autorizar o momento da súa impartición.

A construción do Espazo Europeo de Educación Superior, organizado sobre os principios de calidade, mobilidade, diversidade e competitividade, oriéntase á consecución, entre outros obxectivos, dun sistema baseado fundamentalmente en dous niveis principais de ensino: grao e posgrao. Neste proceso de converxencia destaca a relevancia dos estudos europeos de posgrao como un dos principais elementos para reforzar a educación superior europea no contexto internacional e a acreditación dos estudos para asegurar un nivel de calidade adecuado.

O Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os estudos universitarios oficiais de posgrao, introduciu un novo título oficial: o de máster. Esta nova regulación dos estudos de posgrao fixa o marco xurídico para que as universidades poidan estruturar as súas ensinanzas de posgrao de carácter oficial sen impoñer directrices xerais pro

pias sobre os seus contidos formativos, agás aquelas a que fai referencia o artigo 8.3º, polo que lles deixa ás universidades a responsabilidade para a organización destes programas de formación especializada. Porén, en tanto que son ensinanzas que conducen á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, requiren, para a súa implantación nunha universidade, a autorización previa da comunidade autónoma de acordo coa nova redacción do artigo 5 do Real decreto 56/2005, dada polo Real decreto 1509/2005, do 16 de decembro.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 259/1994, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto), establece con carácter xeral o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia. No seu artigo 3.1º establécese que a autorización para a implantación de estudos no ámbito territorial propio da comunidade autónoma será feita mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do Consello Social da universidade galega xa autorizada e logo do informe do Consello Galego de Universidades.

Tendo en conta a novidade que supón a implantación dos novos estudos oficiais de posgrao, é necesaria a elaboración e aprobación dunha nova norma que regule a implantación e supresión destas ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional por parte da comunidade autónoma de acordo co Real decreto 56/2005.

Este decreto ten por obxecto regular un novo marco procedemental para que as universidades galegas, no ámbito da súa autonomía e coa maior flexibilidade, poidan definir a organización, estrutura e contidos dos estudos oficiais universitarios de posgrao que consideren implantar, así como obter a garantía de que a oferta destas ensinanzas e títulos oficiais responde a criterios de calidade e a unha adecuada planificación.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto a regulación do procedemento e as condicións para a obtención,

polas universidades do Sistema Universitario de Galicia, da autorización para impartir estudos oficiais de posgrao conducentes á obtención do título de máster ou de doutor/a.

Artigo 2º.-Autorización.

A implantación de ensinanzas universitarias integradas nun programa oficial de posgrao por parte das universidades galegas farase en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, e será autorizada pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 8.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, logo da avaliación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e o informe do Consello Galego de Universidades.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. Os programas oficiais de posgrao que as universidades soliciten implantar deberán cumprir os requisitos establecidos particularmente no Real decreto 557/1991, do 12 de abril, sobre creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios.

2. Co fin de garantir unha oferta equilibrada, de calidade e con pertinencia para Galicia, estes programas deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Deberán ter pertinencia socioeconómica para Galicia.

b) Non poderán coincidir con obxectivos e contidos doutros programas oficiais de posgrao existentes na mesma universidade, co fin de evitar a multiplicidade de títulos.

c) Xustificarán o encadramento da proposta dentro da oferta global galega, co fin de garantir o equilibrio nos diferentes campus e nas áreas científicas proporcionado ao seu grao de desenvolvemento.

d) Ofertarán un número mínimo de prazas non inferior a 20 para os másters profesionais ou académico-profesionais, e de 10 para os másters de perfil académico-investigador e doutoramentos.

En todo caso a autorización da efectiva impartición a que fan referencia os artigos 4 e 35 da Lei orgánica 6/2001 queda condicionada ao cumprimento do requisito de que exista ese mesmo número mínimo de alumnos matriculados no curso académico no que se pretenda iniciar os estudos.

e) Nos másters de especialización profesional ou académico-profesional polo menos o 50% dos créditos serán impartidos polo profesorado co título de doutor, e nos de perfil académico-investigador polo menos o 90% dos créditos serán impartidos polo profesorado co título de doutor.

3. Para autorizar a implantación de estudos universitarios de posgrao en centros de ensinanza superior de titularidade privada ou pública, estes deberán estar adscritos a unha universidade pública ou estar integrados, como centros propios, nunha universidade privada, a través dos procedementos establecidos no Decreto 259/1994.

Artigo 4º.-Solicitude de autorización.

1. A solicitude de autorización de implantación dun programa de posgrao será presentada perante a consellería competente en materia universitaria, polo/a reitor/a da universidade correspondente, antes do 30 de novembro do ano anterior ao que se queira implantar. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da devandita consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de programas interuniversitarios, observarase o disposto no artigo 6 desta disposición.

3. A solicitude deberá conter os seguintes datos:

-Denominación do programa.

-Títulos a que conduce.

-Responsable do programa, debendo achegar os seguintes datos: o seu nome, o departamento, centro ou instituto a que pertenza, o enderezo deste, un teléfono de contacto e o seu correo electrónico).

Artigo 5º.-Documentación complementaria.

1. A solicitude deberá ir acompañada dos documentos seguintes:

a) Certificación do acordo do Consello Social de cada universidade participante propoñendo a implantación da ensinanza ou, no caso das universidades privadas, do órgano desta que teña a competencia para efectuar a proposta.

b) Certificación do acordo de aprobación do programa oficial de posgrao no que se integran as ensinanzas, polo Consello de Goberno de cada universidade participante.

c) Xustificación documental do cumprimento dos requisitos que se establecen no artigo 3.2 deste decreto.

d) Memoria xustificativa da implantación da ensinanza de posgrao, que deberá axustarse ao modelo que se estableza, e que terá o seguinte contido mínimo:

* Aspectos xerais do programa de posgrao.

* Xustificación da implantación do programa.

* Programa de formación.

* Organización e xestión.

* Persoal académico.

* Recursos e servizos.

* Sistemas de garantía da calidade.

* Viabilidade económica e financeira.

2. No caso de programas interuniversitarios observarase o disposto no artigo 6º desta disposición.

3. Cando se trate de programas oficiais de posgrao onde colaboren outras institucións, organismos públicos ou privados ou empresas, deberase presentar a autorización da colaboración polo órgano competente da universidade e o acordo de colaboración que se subscribise.

4. Tanto o modelo de solicitude, como os modelos doutra documentación complementaria exixidos nos números anteriores e o contido detallado da memoria xustificativa a que se refire a alínea 1.D) deste artigo serán regulados pola orde da consellería competente en materia universitaria e serán publicados na URL da devandita consellería.

Estes documentos presentaranse en formato papel e por duplicado, sen prexuízo da memoria que se poderá presentar en formato electrónico.

Artigo 6º.-Programas interuniversitarios.

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 4, cando se trate de programas interuniversitarios, se a universidade coordinadora é unha universidade do Sistema Universitario de Galicia presentará a súa solicitude e tamén a/as solicitude/s e demais documentación que deben achegar as universidades participantes, de forma que se tramitará un único expediente por programa, sen prexuízo de que a autorización para implantación da ensinanza se realice para cada unha das universidades participantes no programa de posgrao.

2. Nos programas interuniversitarios coordinados por universidades de fóra do Sistema Universitario de Galicia as universidades galegas solicitarán á Xunta de Galicia a autorización, como universidades participantes, para a implantación da ensinanza de que se trate.

3. Ademais da documentación complementaria exixida no artigo 5º, á solicitude deberase xuntar o convenio de colaboración entre as universidades participantes que, en todo caso, deberá facer referencia aos seguintes aspectos:

-Universidade ou universidades que expiden o título ou títulos a que conduce o programa.

-Universidade ou universidades competentes para a tramitación dos procesos administrativos e de xestión dos expedientes dos alumnos/as e para a expedición do título.

-Relación das materias e actividades formativas que serán cursadas en cada universidade.

Artigo 7º.-Tramitación e procedemento de autorización.

1. Se a solicitude está incompleta ou non reúne a documentación requirida no artigo 5 deste decreto, darase un prazo de 10 días para que a universidade emende a falta dos documentos preceptivos con indicación de que, se non o fixese así, terase por desistida a solicitude, logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os expedientes serán remitidos á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que procederá a súa avaliación, en particular respecto da adecuación deles aos índices legais de calidade.

3. A consellería competente en materia universitaria someterá o expediente ao informe do Consello Galego de Universidades en exercicio da súa competencia sinalada no artigo 5 da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades. O Pleno do Consello Galego de Universidades emitirá o seu informe logo de deliberación da Comisión de Titulacións e Centros do devandito órgano.

4. Á vista dos informes emitidos, procederase, se for o caso, á autorización da implantación da ensinanza, a través de decreto do Consello da Xunta.

5. Do acordado no parágrafo anterior, a consellería competente en materia universitaria informará o Consello de Coordinación Universitaria antes do prazo que establece o Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, respecto dos programas de posgrao de nova implantación para o curso académico seguinte. Estes programas e os seus correspondentes títulos serán publicados no BOE.

6. A efectiva impartición dos estudos autorizados queda condicionada ao procedemento ordinario de autorización que cumpra segundo os artigos 4 e 35 da Lei orgánica 6/2001, de universidades.

Artigo 8º.-Avaliación.

Unha vez implantados os programas oficiais de posgrao serán avaliados pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia de acordo cos criterios, indicadores e estándares de calidade requiridos para a acreditación dos respectivos estudos que o ministerio competente en materia universitaria determine.

Artigo 9º.-Revogación da autorización.

Se con posterioridade á autorización de implantación da ensinanza de posgrao se apreciar que a universidade incumpre os requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a súa autorización, a consellería competente en materia universitaria requirirá a universidade para que no prazo dun mes regularice a situación de incumprimento. Transcorrido o prazo sen que a universidade efectuase tal regularización, logo da audiencia da mesma e do Consello Galego de Universidades, acordarase a revogación da autorización.

Artigo 10º.-Modificación dun programa de posgrao.

1. A inclusión dun novo título e/ou a modificación da denominación, dos obxectivos, da estrutura de créditos ou dun número de materias superior ao vinte por cento do programa dos estudos universitarios conducentes ao título oficial de posgrao xa autorizados, requirirá o inicio dun novo proceso de autorización de acordo co que se establece neste decreto.

2. En todo caso, deberase comunicar á consellería competente en materia universitaria calquera tipo de modificación dun programa xa autorizado, para os efectos de que determine a necesidade de tramitar ou non o inicio dun novo procedemento de autorización.

Disposición adicional

Primeira.

Aos procedementos regulados neste decreto seranlles aplicables as previsións recollidas nos artigos 3 e 4, anexo I e anexo IV do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, en todo o non previsto neste decreto.

Segunda.

No prazo máximo de dous meses a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aprobará os modelos a que se refiren os artigos 4 e 5 do presente decreto.

Disposición derradeira

Primeira.

Facultase a/o conselleira/o competente en materia universitaria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria