DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2007 Páx. 5.892

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 65/2007, do 12 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, no seu artigo 29 establece os criterios

en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, nos que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Por outra banda, a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 aprobada polo Decreto 67/2006, do 27 de abril, e ampliada polo Decreto 158/2006, do 14 de setembro, non foi desenvolvida por completo dentro do correspondente exercicio orzamentario mediante a publicación das convocatorias, polo que deixa de ter eficacia. Todas as prazas non convocadas se incorporan á oferta do ano 2007, agás as 60 prazas de persoal laboral correspondentes á categoría 31 do grupo IV (legoeiro/a), das que se incorporan 55 prazas.

O artigo 34 da dita Lei 4/1988 establece os sistemas de acceso para o ingreso á función pública, mediante convocatoria pública, baseados nos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 22.1º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, a promoción interna poderá levarse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso.

En aplicación do disposto na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, e co obxecto de favorecer a estabilidade no emprego, esta oferta de emprego incluirá prazas desempeñadas por persoal interino, nomeado ou contratado no exercicio anterior, excepto aquelas sobre as que exista unha reserva do posto ou que estean incursas en procesos de provisión.

Con respecto ás prazas de persoal laboral, inclúense ademais nos grupos I e II as prazas creadas en virtude dos acordos de consolidación de emprego público e sinalados no anexo V do IV convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia e na RPT de decembro de 1999, para as que é de aplicación a disposición adicional décimo sétima do referido convenio.

Polo anterior, tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial e de persoal laboral desta comunidade autónoma que afectan o funcionamento dos servizos públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, así como no artigo 22 da Lei 42/2006, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2007, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao persoal funcionario de distintos corpos

e escalas de Administración xeral e especial, así como ao persoal laboral, no ano 2007.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación, logo dos informes da Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Economía e Facenda e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/1988, do 26 de maio, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público.

Apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral e especial, así como de distintas categorías de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia para 2007 nos termos que se establecen neste decreto, de conformidade co disposto no artigo 29.6 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, se durante o exercicio orzamentario correspondente ao ano 2007, e como consecuencia de reestruturacións ou de resolucións de procesos de provisión, así como da publicación de novas relacións de postos de traballo (RPT), quedasen máis prazas vacantes, poderán incluírse nunha oferta complementaria.

Artigo 2º.-Cuantificación da oferta de emprego público.

Nesta oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla no anexo.

Artigo 3º.-Persoal de novo ingreso.

1. Nos corpos e escalas de Administración xeral e especial da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas que se detallan no anexo.

2. Para as distintas categorías de persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas que se detallan no anexo.

Artigo 4º.-Promoción interna.

1. En 2007, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse 298 prazas para os/as funcionarios/as dos distintos corpos da Administración xeral da Xunta de Galicia e tres prazas para os/as funcionarios/as da escala técnica de finanzas. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse

a cabo en convocatorias independentes das de ingreso. A distribución das prazas é a que figura no anexo.

2. Realizarase unha promoción interna separada para permitir que os funcionarios e funcionarias dos corpos de Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ao corpo ao que pretendan acceder, e reúnan os requisitos e superen as probas que para cada caso estableza a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Para o acceso ao corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C) requirirase a titulación establecida no artigo 19 da Lei 4/1988, do 26 de maio, ou de conformidade co establecido na disposición adicional vixésimo segunda da Lei 30/1984, do 2 de agosto, ter unha antigüidade de como mínimo dez anos no corpo auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D).

3. Así mesmo, realizarase unha promoción interna separada para permitir que os funcionarios e funcionarias da escala técnica de finanzas (grupo B) poidan promocionar á escala superior de finanzas (grupo A), sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira na escala técnica de finanzas, e reúnan os requisitos e superen as probas que estableza a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

4. Aos aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que veñan desempeñando sempre que estivese aberto ao corpo/escala do grupo de titulación ao que se acceda.

Artigo 5º.-Proceso de persoal laboral.

Os postos de traballo de persoal laboral dos grupos I e II, vinculados aos acordos de consolidación de emprego público da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, proveranse de conformidade co previsto na disposición adicional décimo sétima en relación co anexo V do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e demais normativa de aplicación.

Artigo 6º.-Persoas con discapacidade.

1. Nos procesos selectivos para o ingreso en corpos e escalas de persoal funcionario, así como nos de promoción interna e de persoal laboral, serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou período de prácticas, estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

2. En cada convocatoria reservarase o sete por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por quen teña a condición legal de persoa con discapacidade, de conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas de reserva, computarase como unha praza que se incluirÁ en tal cota.

En todo caso, en cada convocatoria establecerase o número concreto de prazas que quedan reservadas para persoas con discapacidade ás que puidese corresponder esta cota. Farase constar, así mesmo, que non se reserva ningunha praza no suposto de que non se alcance o mínimo necesario para isto de acordo co previsto nos puntos anteriores.

A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes de promoción interna ou de novo ingreso, segundo corresponda, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios e funcionarias do corpo ou escala ao que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

Con anterioridade ao nomeamento, e unha vez superado o proceso selectivo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

Ademais do anterior, os procesos selectivos deberán incluír a posibilidade de que nas convocatorias nas que se estableza unha cota de reserva para discapacitados, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición pero non obteñan praza pola cota de reserva poidan optar,

en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no de quenda libre.

Unha vez superado o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario ou categorías de persoal laboral da Administración autonómica e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada e deberase limitar a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Disposición adicional

Queda sen efecto o Decreto 67/2006, do 6 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 82, do 28 de abril), e o Decreto 158/2006, do 14 de setembro, polo que se modifica o Decreto 67/2006, do 6 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, ampliando o número de prazas (Diario Oficial de Galicia nº 183, do 21 de setembro), agás no que se refire ás 12 prazas correspondentes ao corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (grupo A), escala de letrados, que foron convocadas mediante a Orde do 29 de setembro de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 192, do 4 de outubro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-te decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2007.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

I. Administración xeral.-I.A. Promoción interna.-I.A 1. Corpos xerais:

Superior da Administración da Xunta de Galicia (grupo A): 28.

Xestión da Administración da Xunta de Galicia (grupo B): 19.

Administrativo da Xunta de Galicia (grupo C): 131.

Auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D): 120.-I.A 2. Escalas:

Escala superior de finanzas (grupo A): 3.

Total: 301.-I.B. Acceso libre.-I.B.1: Corpos xerais:

Superior da Administración da Xunta de Galicia (grupo A): 27.

Administrativo da Xunta de Galicia (grupo C): 39.

Auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D): 103.

Subalterno da Xunta de Galicia (grupo E): 205.

Total: 374.-I.B.2. Escalas:

Escala superior de estatísticos (grupo A): 4.

Escala superior de finanzas (grupo A): 8.

Escala de inspección urbanística (grupo A): 6.

Escala de letrados (grupo A): 3.

Escala técnica de finanzas (grupo B): 10.

Escala técnica de inspección turística (grupo B): 8.

Escala técnica de inspección de consumo (grupo B): 6.

Escala de xestión de sistemas de información (grupo B): 12.

Escala de subinspección urbanística (grupo B): 13.

Escala técnica auxiliar de informática (grupo C): 33.

Total: 103.

Total Administración xeral: 778.

II. Administración especial.-II.1. Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A):

Arquitectos/as: 14.

Enxeñeiros/as agrónomos: 25.

Enxeñeiros/as de camiños, canais e portos: 10.

Enxeñeiros/as de minas: 2.

Enxeñeiros/as de telecomunicacións: 2.

Enxeñeiros/as de montes: 11.

Biólogos/as: 12.

Facultativos de arquivos: 5.

Facultativos de bibliotecas: 3.

Facultativos de museos: 2.

Total: 86.-II.2. Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (grupo B):

Enxeñeiros/as técnicos agrícolas: 42.

Enxeñeiros/as técnicos industriais: 7.

Enxeñeiros/as técnicos forestais: 23.

Arquitectos/as técnicos: 2.

Axudantes de arquivos: 3.

Axudantes de bibliotecas: 11.

Axudantes de museos: 1.

Axentes de extensión pesqueira: 4.

Total: 93.

Total Administración especial: 179.

III. Persoal laboral:

* Grupo I.

Titulado/a superior ambiental (37): 14.

Titulado/a superior especialista (19): 1.

* Grupo II.

Técnico/a ambiental (41): 3.

* Grupo III.

Axente auxiliar inspección transportes (49): 5.

* Grupo IV.

Legoeiro (31): 55.

Toral persoal laboral: 78.

Total oferta de emprego público: 1.035.