DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia e se convocan as correspondentes para o período 2007-2008.

O artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, sinala que son órganos competentes para a concesión de subvencións públicas, así como para a aprobación das súas bases reguladoras, os órganos reitores das entidades de dereito público dependentes da Xunta

de Galicia, segundo a súas leis de creación ou normativa específica dentro do seu ámbito de competencia. Así mesmo prevé que as devanditas atribucións poden ser delegadas.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é un ente de dereito público dos sinalados no artigo 12 da citada Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e o seu Consello de Dirección, na reunión do 10 de outubro de 2005, delegou no director xeral de Agader a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural así como a súa xestión orzamentaria e a distribución dos seus recursos. Neste marco, procede a aprobación das bases reguladoras das subvencións aos proxectos

dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se aplicarán a través das sucesivas convocatorias.

Polo que antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se xuntan a esta resolución como anexo.

2. Convocar para o período 2007-2008 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se financiarán con cargo á conta orzamentaria 02.01 02/04/01 656800, cunha dotación máxima de 3.000.000 de euros distribuídos por anualidades da forma que segue: 1.800.000 euros da anualidade 2007 e 1.200.000 euros da anualidade 2008.

Destinarase ao financiamento de proxectos de natureza produtiva polo menos o 65% do crédito total dispoñible e a proxectos de natureza non produtiva o restante 35%, sen prexuízo de que, de xeito motivado e en función da calidade ou do número de proxectos, poida realizarse unha distribución distinta do orzamento.

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a xustificación dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 31 de outubro de 2008.

As solicitudes deberán presentarse segundo os modelos do anexo das bases reguladoras, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras, no prazo de corenta e cinco días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Estes modelos poderán descargarse na páxina web de Agader http://agader.xunta.es

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2007.

Edelmiro López Iglesias

Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada pola disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu regulamento, correspóndelle á Agader a xestión dos recursos que se encomenden de forma específica á dinamización das áreas rurais de Galicia, en especial os recursos que a Xunta de Galicia destine ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural (FGDR).

Con cargo ao FGDR estanse a financiar os programas de desenvolvemento rural Leader +, Proder II e Agader. Ademais de financiar estes programas, o FGDR debe destinarse preferentemente á promoción e apoio de proxectos con incidencia directa sobre o emprego e a renda das zonas rurais, a cofinanciar as accións que contribúan de forma eficaz á diversificación económica e á modernización do tecido produtivo rural e ao cofinanciamento de plans, programas e actuacións que, en xeral, xeren un impacto positivo sobre as zonas rurais. Neste marco, as subvencións aos proxectos dinamizadores de desenvolvemento rural que se regulan nestas bases financiaranse con cargo ao FGDR.

A promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva íntegra, que inclúa o apoio a accións tanto de natureza produtiva como non produtiva.

As subvencións que regulan estas bases para proxectos produtivos encádranse dentro do marco substantivo xeral previsto no Regulamento (CE) 1628/2006 da Comisión, do 24 de outubro de 2006 (DOUE L 302, do 1 de novembro de 2006), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas rexionais ao investimento.

O director xeral da Agader, no uso das funcións delegadas polo Consello de Dirección o 10 de outubro de 2005 (DOG nº 220, do 16 de novembro), é competente para aprobar estas bases.

I. Regras xerais.

1. Obxecto.

O obxecto das presentes bases é establecer as normas para a presentación, selección e subvención, en réxime de concorrencia competitiva, de proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, que se promovan co obxectivo último de potenciar o desenvolvemento equilibrado do territorio e de favorecer a xeración de actividade e incrementar o nivel de renda da poboación.

2. Tipoloxía de proxectos.

Ao abeiro destas bases poderán subvencionarse proxectos de natureza produtiva e non produtiva que, ademais de axustarse ao réxime previsto nas partes II e III destas bases, cumpran os seguintes requisitos:

a) Que teñan carácter dinamizador, no senso de que contribúan a desenvolver social e/ou economicamente áreas rurais co obxectivo de facer destes espazos lugares atractivos e con capacidade de atraer novos habitantes. O carácter dinamizador fundamentarase atendendo a un ou varios dos seguintes aspectos:

-Mellora da calidade de vida e/ou dos servizos á poboación residente en áreas rurais.

-Conservación, mellora e valorización do patrimonio cultural e natural.

-Contribución á creación dun tecido empresarial con vistas ao fomento tanto do espírito empresarial

como ao desenvolvemento dunha estrutura económica con capacidade de xeración de emprego e de renda.

b) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude de axuda e sexan executables dentro do prazo sinalado na convocatoria para a xustificación do investimento.

c) Que dispoñan, antes do inicio da execución do proxecto, dunha confirmación preliminar por escrito da Agader de que o proxecto cumpre as condicións de subvencionabilidade establecidas nas presentes bases.

d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

e) Os proxectos deberán desenvolverse no territorio de Galicia, exceptuando o concello da Coruña e os núcleos urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

f) Os proxectos terán como importe máximo total a cantidade de 600.000 euros.

3. Gastos subvencionables.

Serán subvencionables os seguintes gastos:

-Adquisición de terreos non edificados necesarios para a implantación do proxecto, ata un 10% do total do investimento subvencionable.

-Adquisición de inmobles, é dicir, edificios xa construídos e os terreos sobre os cales se asentan, ata o 25% do total do investimento subvencionable, sempre que exista relación directa entre a compra e os obxectivos do proxecto.

-Urbanización, conexións de servizo e obras exteriores necesarias para o proxecto.

-Obra civil.

-Bens de equipamento.

-Custos xerais do proxecto (traballos e estudos de planificación e preparatorios para o proxecto; enxeñaría do proxecto; dirección facultativa da execución do proxecto; etc.). Todos estes gastos poderán ser subvencionables ata o 12% do total do investimento subvencionable.

-Investimento en activos inmateriais mediante transferencia de tecnoloxía a través da adquisición de dereitos de patente, modelos de utilidade, know-how ou outros coñecementos técnicos.

-Gastos de asesoría xurídica e financeira, notariais, rexistrais e periciais necesarios para a realización do proxecto

-Gastos de consultoría e asistencia técnica, no caso de proxectos non produtivos cuxa finalidade sexa a realización de estudos.

-IVE e outros impostos, gravames ou taxas por licenzas ou permisos cando non sexan recuperables, reembolsables ou compensables por algún medio.

No caso de existiren achegas en especie, estas deberán estar previamente autorizadas pola Agader.

Non serán subvencionables os gastos de promoción comercial, asistencia ou organización de feiras, etc.

4. Beneficiarios.

Poderán solicitar axudas para proxectos dinamizadores

a) Persoas físicas.

b) Sociedades mercantís, sociedades agrarias de transformación, cooperativas, sociedades laborais e outras entidades societarias con personalidade xurídica propia previstas na lexislación vixente.

c) Asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro.

d) Centros especiais de emprego, creados ao abeiro da normativa sobre integración social de minusválidos.

e) Comunidades de montes veciñais en man común.

Non poderán ser beneficiarios das axudas para proxectos dinamizadores.

a) Entidades locais, tanto territoriais como non territoriais, universidades nin as entidades delas dependentes.

b) Comunidades de béns.

c) Calquera outra entidade non recollida na alínea anterior.

1. Coas excepcións que se sinalan no número seguinte, os titulares de proxectos deberán cumprir os criterios de pequena empresa que, para os efectos das presentes bases reguladoras, serán os incluídos no anexo do Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001 (DOUE L 10, do 13 de xaneiro), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas estatais ás Pemes, modificado polo Regulamento (CE) nº 364/2004 da Comisión, do 25 de febreiro de 2004, e que se caracterizan por:

a) Empregar menos de 50 personas. O cadro de persoal obterase pola media mensual habida durante o ano do último exercicio financeiro pechado. Os efectivos da empresa corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA); é dicir, ao número de persoas que traballen na empresa ou pola conta da empresa a tempo completo durante todo o ano e, como fraccións de UTA, das persoas que non traballen durante todo o ano ou o fagan a tempo parcial ou de maneira estacional independentemente da duración do seu traballo.

b) Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non exceda 10 millóns de euros.

Ademais deben cumprir o criterio de autonomía, de conformidade co disposto no artigo 3.1º do anexo do citado regulamento.

2. Cando se trate de cooperativas, sociedades agrarias de transformación, sociedades laborais ou calquera outra entidade xurídica de traballo asociado que se dediquen á produción, comercialización e/ou transformación de produtos agrarios, así como cando

se trate de centros especiais de emprego, creados ao abeiro da normativa sobre integración social de minusválidos, de asociacións ou fundacións de carácter local, provincial ou, como máximo, rexional que persigan fins de interese xeral relativos á asistencia social, á inclusión social e á promoción e atención a persoas con risco de exclusión por razóns económicas, culturais ou de discapacidade, así como de comunidades de montes veciñais en man común, os limiares máximos de persoal e volume anual de negocios ou balance xeral anual, previstos no anexo do citado Regulamento 70/2001 a que se fai referencia no punto anterior, serán os correspondentes ás medianas empresas: 250 persoas e 50 millóns de euros ou 43 millóns de euros, respectivamente.

Ademais deben, así mesmo, cumprir o criterio de autonomía, de conformidade co disposto no artigo 3.1º do anexo do citado regulamento.

3. Terán tamén a consideración de beneficiarios os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención. Por tanto deberán cumprir tamén os requisitos dos dous números anteriores.

5. Financiamento.

Os proxectos subvencionables ao abeiro destas bases financiaranse con cargo á conta orzamentaria 02.01 02/04/01 656800, ata o importe máximo que se concretará en cada convocatoria.

Na convocatoria indicarase a porcentaxe do importe total que se destina ao financiamento de actividades de natureza produtiva e non produtiva.

En todo caso, a concesión das axudas limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

6. Solicitude.

1. A solicitude de axuda presentarase segundo se indique na convocatoria.

2. A solicitude dirixirase ao director xeral da Agader e presentarase no rexistro xeral da Agader, situado na avda. do Camiño Francés, nº 10-baixo, 15771 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A solicitude presentarase dentro do prazo que se determine na correspondente convocatoria.

3. Xunto coa solicitude en modelo normalizado (modelo A do anexo destas bases), os interesados deberán presentar a seguinte documentación, orixinal ou debidamente compulsada:

-Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e, de ser o caso, do seu representante legal.

-Escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante, debidamente inscritos no rexistro correspondente.

-Últimas contas depositadas no rexistro correspondente ou última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, na cal figure o número de empregados do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual.

-Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales que se vai executar o proxecto, ou da dispoñibilidade deles durante un período mínimo equivalente ao que se vai exixir a permanencia do investimento.

-Declaración segundo documento normalizado (modelo B), asinada polo solicitante ou polo seu representante, doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, así como de non estar incurso nos supostos que impidan obter a condición de beneficiario dunha subvención, para os efectos do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Resumo do proxecto en documento normalizado (modelo C1 para proxectos produtivos e modelo C2 para proxectos non produtivos) e, se se coida conveniente, memoria descritiva do proxecto, na cal se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai tomarse de referencia para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos a que se refire o punto 2 e para aplicar os criterios de adxudicación previstos para cada tipo de proxecto nos puntos 17 e 21 destas bases.

-Orzamento detallado en documento normalizado (modelo D) dos gastos necesarios para a execución do proxecto, con indicación, de ser necesario, das partidas que supoñan unha achega en especie.

-Para o caso de proxectos produtivos, plan de empresa en documento normalizado (modelo E) coa xustificación da súa viabilidade económico-financeira en documento á parte.

-Cando o solicitante teña a condición de empresario individual, copia do último recibo pagado polo IAE, ou acreditación de exención. Esta documentación substituirase polo compromiso de darse de alta no epígrafe do IAE correspondente cando o proxecto signifique o inicio dunha actividade empresarial.

-Calquera outra documentación ou información que o interesado considere conveniente para unha correcta análise do proxecto.

A documentación para analizar o proxecto debe presentarse mediante os documentos normalizados que aparecen como anexos das presentes bases, o que non obsta nin exime o solicitante de presentar canta información adicional considere oportuna para a mellor comprensión do seu proxecto.

A presentación da solicitude de axuda comportará a autorización do solicitante para que a Agader obte

ña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado, coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Agader, sempre que indiquen os datos que permitan localizala.

7. Instrución do procedemento.

Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución serán realizados e de oficio pola Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

Na fase de instrución do procedemento realizaranse, entre outras, as seguintes actuacións:

-Emitir, antes do comezo da execución do proxecto e suxeito ao resultado final derivado dunha verificación detallada, confirmación preliminar por escrito sobre o cumprimento polo proxecto das condicións de subvencionabilidade establecidas nestas bases.

-Comprobar se a solicitude e a documentación presentada polos solicitantes reúne os requisitos exixidos nestas bases.

-Requirir ao interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos que resulten preceptivos, no caso de carencias ou defectos de forma da solicitude ou da documentación que deba achegarse, coa indicación de que se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da LRXAP.

-Solicitar cantos informes coide necesarios para a resolución do procedemento, que deberán ser emitidos no prazo previsto na LRXAP.

-Elevar toda a documentación ao órgano competente para a valoración das solicitudes, unha vez efectuadas as comprobacións e recibidos, de ser o caso, os informes.

8.Valoración dos proxectos e proposta de concesión.

As solicitudes presentadas dentro de prazo establecido serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e ponderación previstos nos números 17 e 21 destas bases, segundo a tipoloxía dos proxectos, polo Comité de Xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural (en diante, o Comité), previsto no artigo 17 do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Agader.

En relación a cada un dos criterios anteriores, poderán establecerse tramos máximos, medios e mínimos de puntuación.

Quedarán excluídos aqueles proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios anterior

mente sinalados, obteñan unha puntuación inferior á que propoña o Comité.

Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención proporcional aos puntos obtidos logo da súa valoración segundo os números 17 e 21 destas bases reguladoras e cos límites establecidos nos números 18 e 22 das mesmas.

A distribución do crédito entre os proxectos farase por orde de puntuación, ata o límite consignado na convocatoria para os proxectos de natureza produtiva e non produtiva.

O Comité, de xeito motivado, poderá propor, en función da calidade ou do número de proxectos, unha distribución distinta do orzamento total dispoñible destinado ao financiamento de proxectos de natureza produtiva e non produtiva.

No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulta de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Para estes efectos, confeccionarase unha lista de espera. De igual xeito, farase uso da antedita lista de espera, sen necesidade de nova convocatoria, cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito destinado inicialmente para unha convocatoria determinada.

O Comité elaborará unha proposta que expresará, de forma motivada, a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da subvención, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, o importe e a porcentaxe da subvención proposta respecto dos conceptos subvencionables e as condicións especiais de execución ou xustificación que correspondan. De ser o caso, tamén conterá unha lista de espera dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención.

O Comité elevará a dita proposta ao director xeral da Agader.

Previamente á proposta de resolución de concesión, deberá acreditarse que o beneficiario se encontra ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado, coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

9. Resolución das solicitudes.

1. O director xeral da Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de catro meses, contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación

das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se teña ditado resolución expresa.

2. A concesión das subvencións está supeditado á aceptación por escrito dos beneficiarios, segundo o modelo F do anexo destas bases, nun prazo de 15 días naturais desde a notificación da resolución, de todas as condicións, requisitos e cláusulas establecidas nas bases reguladoras, na convocatoria e na resolución. Neste momento e xunto co aceptación da subvención, o beneficiario deberá presentar certificación emitida pola entidade bancaria en que figure o número da súa conta bancaria en que quere percibir a subvención. Transcorrido o citado prazo de 15 días naturais sen que o beneficiario acepte a subvención, entenderase que renuncia a ela e ditarase resolución neste sentido.

3. Segundo o previsto no artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentaria de Galicia, mediante resolución do director xeral da Agader publicaranse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, con expresión da convocatoria, da partida orzamentaria, beneficiario, importe concedido e finalidade da subvención. Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Agader publicará na súa páxina web as concesións das axudas reguladas nestas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e da súa publicación. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos

relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas de ser o caso.

10. Xustificación do investimento e pagamento da axuda.

1. O investimento xustificarase documentalmente mediante a presentación de facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente, xunto cos títulos ou documentos bancarios que aseguren a efectividade do pagamento. As indicadas facturas e os documentos equivalentes serán estampillados de xeito que conste sobre eles a súa relación coa subvención.

A xustificación do investimento deberá ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Agader na concesión da subvención.

No caso dun proxecto que requira a execución de obra, o promotor deberá dispor, antes do inicio da execución, do proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente e deberá xuntar á xustificación unha copia do resumo do orzamento por capítulos e da memoria do mesmo. Neste suposto, a Agader poderá exixir a presentación de certificacións

de obra asinadas por técnico competente e a copia completa do proxecto técnico visado antedito.

Se o proxecto significa a adquisición de bens inmobles ou achegas en especie, debe presentarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no rexistro oficial correspondente.

Cando a subvención se conceda para a realización de estudos, proxectos de investigación, proxectos técnicos, diagnoses, planos e documentos similares, a xustificación do investimento requirirá, ademais, a entrega a Agader dun exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión.

En relación co previsto no punto terceiro do artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no caso de custo por execución de obras, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipamento ou de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción do compromiso para a execución da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben. Este extremo deberá xustificarse documentalmente ante a Agader mediante a presentación de facturas proforma, ofertas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente. Así mesmo, deberá xustificarse a escolla da oferta cando aquela non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

O prazo límite para a xustificación dos investimentos vinculados ao proxecto será o que se estableza na convocatoria.

2. Previamente ao pagamento deberá acreditarse que o beneficiario se encontra ao día no cumprimento das súas débedas tributarias coa Administración xeral do Estado, coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Sen prexuízo da declaración doutras axudas prevista no punto 6.3, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento.

4. O pagamento dos gastos correspondentes aos conceptos subvencionables realizarase, logo da súa xustificación, dentro das previsións anuais orzamentarias.

Poderán concederse anticipos e pagamentos parciais de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán realizarse pagamentos parciais cando se xustifiquen investimentos por un importe mínimo

de 30.000 euros, sen que o importe da subvención que deba pagarse exceda o importe da anualidade prevista nin o 80% do total da subvención concedida. Cando o investimento requira pagamentos inmediatos, o titular da Dirección Xeral da Agader poderá autorizar, con carácter excepcional, por resolución motivada e tras petición do beneficiario, un anticipo de ata o 50% da anualidade da subvención do proxecto de que se trate.

11. Reintegro da subvención.

Procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida, xunto cos xuros de mora percibidos desde o seu pagamento, nos casos establecidos no punto 10 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Nos supostos en que proceda o reintegro, deberá respectarse, en todo caso, o principio de proporcionalidade.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000.

12. Modificación da subvención.

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención, en particular a variación no orzamento aceptado pola Agader e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

2. Os beneficiarios deberán comunicarlle á Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención, que poderá dar lugar á súa modificación. Poderá autorizarse a dita modificación sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda.

b) Que non exista prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. A modificación establecerá as novas condicións da concesión e, de ser o caso, o reintegro do indebidamente percibido cos seus xuros.

13. Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e, en particular, as que se establezan na resolución de concesión.

Cara ao remate e xustificación en prazo dos proxectos subvencionados e para asegurar a súa total execución, os proxectos deben adaptar a súa execución a un ritmo tal que o 30 de abril de 2008 todos

os proxectos subvencionados deberán de ter executado e xustificado polo menos o 40% do total do orzamento aceptado pola Agader. No caso de que o 40% do total do orzamento non acade os 30.000 euros que figuran no punto 10 das bases, a xustificación parcial deberá realizarse igualmente.

No caso de que algún proxecto non poida cumprir o calendario de execución citado, o beneficiario poderá solicitar á Agader unha prórroga para a xustificación do 40% do proxecto, pero só serán atendidas aquelas peticións de prórroga que acrediten a excepcionalidade da situación. No caso de que non se conceda a prórroga citada, activarase a lista de espera prevista, con reintegro de fondos, se procede.

Cando se inicie o investimento antes da concesión da subvención, previamente ao inicio o solicitante debe obter a confirmación preliminar por escrito da Agader de que proxecto é subvencionable, sen perxuízo dunha confirmación posterior máis detallada. Así mesmo deberá poder acreditar que a execución do proxecto non estaba iniciada antes da presentación da solicitude, para o cal poderá requirir a Agader para que realice unha acta de non inicio, a cal poderá ser substituída por unha acta notarial.

Os beneficiarios poderán subcontratar total ou parcialmente as actividades subvencionadas, axustándose ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Cando segundo este artigo se requira autorización da entidade concedente, o beneficiario presentará a solicitude razoada correspondente, que será resolta polo director xeral da Agader no prazo de 15 días.

O beneficiario debe acreditar o importe, orixe e aplicación dos fondos propios e doutras subvencións ou recursos cos que financie, xunto coa subvención obtida, a actividade subvencionada.

Con carácter xeral, o beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento e a manter os empregos creados ou consolidados durante, alomenos, os 5 anos posteriores á certificación final dos investimentos, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

Así mesmo, o beneficiario debe publicitar a concesión da axuda mediante unha placa co logotipo da Agader se o investimento consiste en obra civil, mediante a instalación dun adhesivo perdurable co logotipo da Agader sobre a maquinaria ou os elementos móbiles subvencionados, ou, no caso de estudos ou materiais gráficos, mediante a inclusión do logotipo de Agader na portada dos documentos gráficos xerados. O logotipo da Agader estará acompañado por un texto que indique a porcentaxe de axuda percibida. O seu tamaño mínimo será dun A5 (148x210 mm). A Agader facilitará modelos aos beneficiarios que o requiran.

Os bens subvencionados quedarán afectados á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos

desde a súa adquisición, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

No caso de subvencións á compra de maquinaria agrícola, deberá acreditarse a súa inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) da provincia que lle corresponda, segundo o previsto na orde do MAPA do 28 de maio de 1987 (BOE nº 138, do 10 de xuño).

No caso de proxectos de investigación, proxectos técnicos, estudos, diagnoses, planos e outros de natureza similar, o beneficiario deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de 5 anos contadosdesde a finalización do proxecto e entregar á Agader un exemplar, en soporte axeitado, para os efectos da súa posible difusión.

O beneficiario está obrigado a facilitar a información que lle requira Agader e, de ser o caso, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

14. Normativa de aplicación.

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases rexeranse polo disposto nestas e pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na comunidade autónoma, en particular, as seguintes:

-Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

-Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

15. Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

-Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo de un mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución for expresa. Se non o for, o prazo será de tres meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

-Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada por silencio administrativo.

II. Proxectos de natureza produtiva.

16. Obxecto.

Os proxectos consistirán na creación dun novo establecemento, na ampliación dun establecemento xa existente, na diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou na realización dun cambio fundamental no proceso de produción global dun establecemento existente nos ámbitos de actividade que a seguir se relacionan:

-Experimentación agraria e forestal, procesamento, transformación e comercialización das producións agrícolas, gandeiras e forestais que non teñan cabida nas liñas de axuda da Consellería do Medio Rural.

-A industria manufactureira, o comercio, o turismo, a construción, a artesanía e os servizos que non teñan cabida nas liñas de axuda establecidas polas consellerías da Xunta de Galicia.

Para os proxectos do sector turístico, quedará excluída a parte do investimento que implique a creación de novas prazas de aloxamento.

Considéranse proxectos de natureza produtiva aqueles cuxa finalidade esencial sexa a obtención dun beneficio ou rendemento económicos.

17. Criterios de adxudicación.

Para a valoración dos proxectos produtivos aplicaranse os criterios e ponderación seguintes, tendo en conta as prioridades de actuación da Agader e, en xeral, as orientacións e aliñamentos das políticas de promoción de actividades económicas da Xunta de Galicia.

I. Creación de emprego e renda: 20 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-Ratio entre o investimento necesario e o número de empregos directos xerados. Os empregos computaranse polo equivalente anual a un emprego a tempo completo.

-No caso de que as necesidades de man de obra xeradas pola iniciativa se cubran en todo ou en parte con man de obra familiar, o incremento que a nova actividade suporá sobre a renda familiar.

II. Capacidade de arrastre da iniciativa no seu contorno: 17,5 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-A estimación razoada do nº de empregos indirectos ou inducidos.

-A estimación razoada da tipoloxía das iniciativas empresariais inducidas e a súa cuantificación.

-A estimación razoada do grao de integración da iniciativa empresarial proposta co tecido empresarial implantado na zona.

-Se procede, compromiso asinado por parte de, polo menos, un promotor para a implantacion dunha nova empresa a partir da posta en marcha e funcionamento do proxecto que se presenta.

III. Grao de innovación do proxecto: 17,5 puntos.

O grao de innovación do proxecto valorarase atendendo a:

-Aparición de novos produtos ou servizos que incorporen trazos específicos locais.

-Utilización de novos materiais, novas enerxías, novas cualificacións profesionais ou novas formas de organización empresarial.

-Novas formas de explotación dos recursos naturais do territorio en que se executa o proxecto.

-Novos métodos que permitan combinar entre si os recursos humanos, naturais e financeiros do territorio que teñan como consecuencia unha explotación máis eficaz do potencial endóxeno.

IV. Incidencia na mellora ambiental: 10 puntos.

Este criterio valorarase atendendo a aqueles aspectos do proxecto que teñan incidencia ambiental positiva ou ben que teñan por obxecto minorar os danos ou incidencias ambientais causados con anterioridade á posta en marcha do proxecto.

V. Localización xeográfica: 10 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta o Indicador Municipal da Renda dos Fogares (IMRF) máis recente publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e a variación da poboación dos concellos entre os anos 2001 e 2006 tomando de referencia o padrón municipal de habitantes. O IMRF terá un peso de 4 puntos e o ritmo de despoboamento de 6.

A asignación de puntuación para o IMRF farase do modo seguinte (o IMRF do conxunto de Galicia é o 100%):

-Concellos cun IMRF inferior ou igual do 70%: 4 puntos.

-Concellos cun IMRF maior do 70% e menor ou igual ao 80%: 3 puntos.

-Concellos cun IMRF maior do 80% e menor ou igual ao 90%: 2 puntos.

-Concellos cun IMRF maior do 90% e menor ou igual ao 100%: 1 punto.

-Concellos cun IMRF maior do 100%: 0 puntos.

A asignación de puntuación para o ritmo de despoboamento farase do modo seguinte:

-Concellos cunha caída de poboación maior ou igual ao 10%: 6 puntos.

-Concellos cunha caída de poboación maior o igual ao 7,50% e menor do 10%: 5 puntos.

-Concellos cunha caída de poboación maior o igual ao 5% e menor do 7,50%: 4 puntos.

-Concellos cunha caída de poboación maior o igual ao 2,50% e menor do 5%: 3 puntos.

-Concellos cunha caída de poboación maior o igual ao 1,50% e menor do 2,50%: 2 puntos.

-Concellos cunha caída de poboación maior o igual ao 0% e menor do 1,50%: 1 punto.

-Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

VI. Promoción da igualdade do home e da muller: 10 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-Presenza relativa de mulleres socias e/ou traballadoras na entidade promotora.

-Empregos femininos sobre o total de empregos creados.

VII. Incidencia sobre colectivos con dificultades de inserción: 10 puntos.

Este criterio valorarase segundo a incidencia do proxecto respecto de:

-Mozos (menores de 35 anos).

-Persoas maiores de 55 anos.

-Persoas con discapacidade.

-Persoas inmigrantes ou emigrantes retornadas.

-Persoas con especial situación laboral.

VIII. Tipoloxía do proxecto: 5 puntos.

Este criterio valorarase concedendo unha puntuación adicional de 5 puntos se o proxecto consiste na creación dun novo establecemento.

18. Réxime de financiamento.

O importe de subvención que pode corresponder a cada proxecto produtivo virá determinado polo resultado da baremación, de acordo cos criterios que se establecen no punto 17, e dentro dos seguintes límites:

-Porcentaxe máxima de subvención por proxecto: con carácter xeral, o límite máximo de intensidade de axuda pública será do 40%, no caso de medianas empresas, ou do 50%, no caso de pequenas empresas, sobre o volume de investimento subvencionable sen prexuízo doutros límites que, de ser o caso, deriven da normativa comunitaria horizontal e sectorial que en cada caso lle sexan aplicables.

En calquera caso, a porcentaxe da axuda será respectuosoa coas intensidades de axuda previstas para España no mapa de axudas de finalidade rexional para o período 2007-2013.

-Importe máximo da subvención por proxecto: 80.000 euros .

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o 75% do custo do proxecto subvencionado, debendo o beneficiario realizar unha achega financeira mínima do 25% do importe total do proxecto subvencionado, ben mediante os seus propios recursos ben mediante financiamento externo, exento de calquera outra axuda pública ou privada.

19. Normas supletorias.

En todo o non previsto nesta sección II, proxectos de natureza produtiva, destas bases reguladoras, terase en conta o establecido no Regulamento (CE) nº 1628 da Comisión do 24 de outubro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas rexionais ao investimento (DOUE L 302, do 1 de novembro) e nas directrices sobre axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (DOUE C 54, do 4 de marzo).

III. Proxectos de natureza non produtiva.

20. Obxecto.

Poderán subvencionarse os proxectos de natureza non produtiva que contribúan á dinamización social

do territorio en que se proxecten e non teñan ánimo de lucro.

Terán a consideración de proxectos de natureza non produtiva aqueles proxectos de carácter social que, sendo sen ánimo de lucro, non teñan entre os seus obxectivos a obtención de ingresos e estes non sexan esenciais para o seu funcionamento habitual.

21. Criterios de adxudicación.

Para a valoración dos proxectos non produtivos, aplicaranse os criterios e ponderación seguintes, tendo en conta as prioridades de actuación da Agader e, en xeral, as orientacións e aliñamentos das políticas de promoción da Xunta de Galicia.

I. Grao de innovación do proxecto: 20 puntos.

O grao de innovación do proxecto valorarase atendendo a:

-Aparición de novos produtos ou servizos que incorporen trazos específicos locais.

-Utilización de novos materiais, novas enerxías, novas cualificacións profesionais ou novas formas de organización empresarial.

-Novas formas de explotación dos recursos naturais.

-Novos métodos que permitan combinar entre si os recursos humanos, naturais e financeiros do territorio que teñan como consecuencia unha explotación máis eficaz do potencial endóxeno.

II. Incidencia na calidade de vida da poboación residente: 20 puntos.

Este criterio valorarase atendendo a aqueles aspectos do proxecto que contribúan a facer máis atractiva a zona para os seus habitantes. Neste senso, considerarase o peso que os beneficiarios directos da acción teñen sobre o total de habitantes do territorio.

III. Incidencia na mellora ambiental: 15 puntos.

Este criterio valorarase atendendo a aqueles aspectos do proxecto que teñan incidencia ambiental positiva ou ben que teñan por obxecto minorar os danos ou incidencias ambientais causados con anterioridade á posta en marcha do proxecto.

IV. Potencialidade para favorecer a creación de novas iniciativas empresariais e emprego: 15 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-Números de empregos directos que se van crear co proxecto.

-Estimación razoada do nº de empregos indirectos ou inducidos.

-Estimación razoada da tipoloxía das novas iniciativas empresariais sobre as cales incidiría o proxecto, e a súa cuantificación.

-De ser o caso, compromisos asinados por parte de promotores para a implantación dunha nova empresa a partir da posta en marcha e funcionamento do proxecto que se presenta.

V. Localización xeográfica: 10 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta o Indicador Municipal da Renda dos Fogares (IMRF) máis recente publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e a variación da poboación dos concellos entre os anos 2001 e 2006 tomando de referencia o padrón municipal de habitantes. O IMRF terá un peso de 4 puntos e o ritmo de despoboamento de 6.

A asignación de puntuación farase do modo sinalado no punto 17.V.

VI. Grao de implicación con outras entidades: 10 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-O número das entidades que participan ou colaboran no proxecto alén dos propios promotores, co detalle do alcance da súa participación.

-A natureza das entidades que participan ou colaboran no proxecto (asociacións, empresas, persoas físicas, entidades locais, administracións, etc.) alén dos propios promotores.

VII. Promoción da igualdade do home e da muller: 5 puntos.

Este criterio valorarase tendo en conta:

-Número de mulleres promotoras do proxecto.

-Número de mulleres beneficiarias.

VIII. Incidencia sobre colectivos con dificultades de inserción: 5 puntos.

Este criterio valorarase segundo a incidencia do proxecto respecto de:

-Mozos (menores de 35 anos).

-Persoas maiores de 55 anos.

-Persoas con discapacidade.

-Persoas inmigrantes ou emigrantes retornadas.

-Persoas con especial situación laboral.

22. Réxime de financiamento.

O importe de subvención que pode corresponder a cada proxecto non produtivo virá determinado polo resultado da baremación, de acordo coas regras que se establecen no punto 21 destas bases reguladoras, e dentro dos seguintes límites:

-Porcentaxe máxima de subvención por proxecto: 75% sobre o investimento subvencionable, sen prexuízo da concorrencia con outras axudas ata o 100% do dito investimento.

-Importe máximo por proxecto: 80.000 euros.