DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.808

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2007 pola que se convoca un curso de especialización en transportes.

Dentro das actividades programadas para o ano 2007 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dun curso de especialización en transportes, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Actualizar os membros das forzas e corpos de seguridade nos coñecementos e normativa necesarios que lles poidan ser útiles no desempeño posterior do seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

40 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 27 de abril de 2007, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (fax: 986 59 00 28); ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase do 7 de maio ao 25 de xuño (7, 14, 21 e 28 de maio e 4, 11, 18 e 25 de xuño)

das 10.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.00 horas, excepto o día 25 de xuño que será das 9.00 ás 14.00 horas, cunha duración de 54 horas lectivas.

Contido.

-I. Ámbito e normativa de aplicación. Clasificación. Títulos habilitantes. Distintivos.

-II. Transporte de mercadorías perigosas.

-III. Aparello de control tacógrafo. Tempos de condución e descanso.

-IV. Prestación de servizos: transporte escolar, mercadorías perecedoiras, taxis, etc.

-V. Práctica de inspección e procedemento sancionador. Documentos de control.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 2 de maio a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 02 41 e na páxina web http:/agasp.xunta.es.

Lugar.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 4 de abril de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública