DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2007 pola que se convocan tres xornadas prácticas na loita contra incendios.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2007, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización de tres xornadas prácticas na loita contra incendios, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Xornadas de actualización e reciclaxe na loita contra os incendios para aqueles voluntarios que teñen certa experiencia neste ámbito, poñendo ao día os coñecementos e habilidades precisas para actuar de maneira correcta ante os eventos producidos polo lume.

Segunda.-Destinatarios.

Voluntarios de protección civil que realizasen o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais, e que non realizasen o curso de especialización contra incendios de Ferrol.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de vinte (20) para cada xornada.

2. Duración e datas: cada unha das xornadas terá unha duración de dous días, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e desenvolveranse os días 28 e 29; 30 e 31, de maio, e 4 e 5 de xuño de 2007, respectivamente.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade Pública no concello da Estrada.

4. Aqueles voluntarios seleccionados que teñan roupa axeitada para a realización das prácticas poderán vir provistos dela; de non ser así prestaráselles o equipo axeitado.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 14 de maio de 2007.

4. As instancias deberán vir asinadas polo/a xefe/a do organismo a que estea adscrito o/a solicitante e co selo daquel. En caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, deberán ser relacionadas en orde de preferencia. Este será requisito indispensable para ser admitido na xornada.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede do Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ao fax nº 986 59 09 88 ou 986 57 10 60 ou ben poden ser presentadas en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os interesados poden facer uso do modelo de solicitude que aparece na páxina web: http://agasp.xunta.es.

Quinta.-Contido.

Nelas trataranse os seguintes temas:

1. Equipamentos de protección térmica.

2. Extinción de incendios clase A-B.

3. Manexo de equipos ERA.

4. Rede contra incendios:

a) Conexión/desconexión; tendido/pregado.

b) Construción de liñas de extinción con mangueiras de diferentes tipos e diámetros, liñas de distribución, protección e ventilación. Montaxe de diferentes sistemas de xeración de escuma. Manexo de diferentes clases de espumóxeno, asesorando das súas vantaxes e inconvenientes.

c) Prácticas estáticas con presión de auga, adestrando na composición de equipos de extinción.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización das xornadas exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente ao inicio da xornada. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46, ou consultando a páxina web http://agasp.xunta.es.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate da xornada entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento das xornadas para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de marzo de 2007.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral da Academia Galega

de Seguridade Pública