DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.794

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 27 de marzo de 2007 pola que se publican as bases das subvencións para empresas privadas que realicen actividades de conservación, protección e promoción dos camiños de Santiago e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

O relevante papel que o Camiño de Santiago veu desenvolvendo dende a súa orixe ata os nosos días como elemento de integración de pobos, ideas e culturas, acentuado aínda máis se cabe, no novo espazo común europeo, foi obxecto do unánime recoñemento do Consello de Europa, a Unión Europea e a UNESCO, sendo ademais designado como grande Itinerario Cultural Europeo.

Xunto coa súa configuración como realidade social común, xorde tamén como eixe vertebrado dun patrimonio cultural propio dotado dunha notable singularidade.

Na Comunidade Autónoma de Galicia levouse a cabo nos últimos anos un intenso labor co fin de conservar, promocionar e difundir ese importante legado cultural, para o que cómpre continuar prestando apoio ás diversas iniciativas privadas xurdidas con idéntica finalidade e que se orientan cara a unha maior proxección dos valores históricos, culturais e de integración do Camiño de Santiago.

Con esta declarada finalidade, a Xunta de Galicia, a través das competencias atribuidas á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polo Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte, considera de interese a concesión de axudas aos empresarios que realicen actividades de conservación, investigación, protección e difusión dos diversos camiños de Santiago.

Para tal fin,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto e contía máxima.

Esta disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, as empresas privadas que leven a cabo actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago oficialmente recoñecidos polas comunidades autónomas afectadas.

As actuacións das empresas privadas poderán ser subvencionadas coa cantidade máxima de vinte mil euros (20.000 A) por beneficiario, e referiranse á realización de accións de conservación, protección, promoción, investigación, e recuperación dos camiños de Santiago. Non se subvencionarán gastos derivados do mantemento, funcionamento ou loxística

da empresa peticionaria. Tampouco se subvencionarán viaxes de peregrinación, romarías, etc.

A contía máxima subvencionada non poderá exceder en ningún caso ó orzamento total do proxecto presentado.

Artigo 2º.-Importe orzamentado.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de cento cincuenta mil euros (150.000 A), e farase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.433A-470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. En todo caso, o gasto proxectado, que é compatible con outras posibles axudas, subvencións, ingresos ou recursos, suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Os remanentes do orzamento que resultasen de non realizar a totalidade das actividades subvencionadas destinaranse a outras actividades que a Conselleira de Cultura e Deporte considere axeitadas para a promoción dos camiños de Santiago.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as subvencións todas as empresas privadas con forma xurídica societaria conforme o disposto na lexislación mercantil que leven a cabo as actividades previstas no artigo 1º.

Así mesmo, poderán solicitalas os industriais, profesionais e artistas que estean dados de alta no imposto de actividades económicas, nas respectivas epígrafes, e que realicen as anteditas actividades.

Quedan expresamente excluídas as asociacións, fundacións, comunidades de bens, sociedades civís e calquera outra institución que non se encontre nos supostos previstos nos puntos anteriores.

Así mesmo, quedan tamén excluídos da condición de beneficiarios aqueles en quen concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Os interesados enviarán as súas solicitudes no modelo oficial que figura ao final desta orde, á Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15704 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte. Todo iso de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26

de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Proposta das actividades que solicitan ser subvencionadas e polas que poidan presentar factura a data 30 de outubro do 2007, orzamento detallado das citadas actividades, así como unha breve memoria destas.

b) Breve descrición, se é o caso, das actividades realizadas os anos anteriores en relación co Camiño de Santiago.

c) Declaración xurada de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

d) Declaración xurada de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Autorización para obter a información tributaria nos termos establecidos no artigo 14.e desta orde.

f) Declaración xurada de ter ou non solicitado axudas para a mesa finalidade de calquera das outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais e, se é o caso, contías solicitadas.

g) Fotocopia da tarxeta do CIF ou, de ser o caso, do NIF ou documento equivalente no caso de solicitantes estranxeiros.

h) Fotocopia de alta no IAE e do último recibo que acredita estar ao día do pagamento, ou, se é o caso, a documentación acreditativa de exención do imposto; no caso de solicitantes estranxeiros, documento equivalente.

No suposto de que, en calquera momento posterior á presentación da instancia, soliciten os interesados as axudas ás que se refire e epígrafe e) deste artigo, será obligatorio poñelo en coñecemento dos servizos técnicos da Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, dando conta da axuda solicitada, contía e administración ou ente público ou privado ao que se dirixe.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de maio de 2007.

Artigo 6º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servizos técnicos da Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, con suxeición ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vogais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura e Deporte.

-Serán vogais o director xeral de Patrimonio Cultural, o subdirector xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago e un representante da Sociedade Anónima do Plan Xacobeo designado pola Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, con competencias en temas vinculados aos camiños de Santiago.

Actuará como secretario o/a xefe/a do servizo de Conservación e Protección Xacobeas.

A devandita comisión examinará e cualificará as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios e porcentaxes:

1. A importancia e interese patrimonial e cultural das actividades propostas no proxecto presentado, con valoración especial de aquelas que contribúan á conservación, posta en valor e difusión dos camiños de Santiago e do patrimonio cultural galego vinculado a eles: 40%.

2. A realización de traballos de investigación en relación coa etnografía, arquitectura tradicional e a paisaxe natural no contorno dos camiños de Santiago: 25%.

3. A realización de proxectos que inclúan actividades de recuperación do patrimonio inmaterial e toponimia no ámbito dos camiños de Santiago: 20%.

4. A contía total de achegas económicas ao proxecto, tanto as obxecto de subvención, como as aportacións individuais dos solicitantes 10%.

5. A repercusión cultural e social a calquera nivel do proxecto presentado: 5%.

Artigo 8º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución previsto neste procedemento será de seis meses contados desde o día seguinte ao derradeiro día para a presentación de solicitudes.

A comisión elevará a súa proposta motivada á conselleira, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles aos interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia os beneficiarios e contías subvencionadas, de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega. Así mesmo e de conformidade con punto 4 do devandito artigo, a Consellería de Cultura e Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirmar a súa aceptación da subvención no prazo de 10 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, comprometéndose a executar o proxecto ou actividade subvencionada no prazo establecido e nas condicións fixadas na resolución.

Se transcorrido o anterior prazo non se confirmase a aceptación, entenderase que se renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Denegación da subvención.

O incumprimento dos requisitos exixidos pola orde de convocatoria será causa de denegación da subvención . Así mesmo, o transcurso do prazo máximo

previsto no artigo 8 desta orde para a resolución deste procedemento, sen que tivese recaído resolución expresa, producirá os efectos desestimatorios previstos no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En calquera caso, a denegación da subvención será expresa e motivada e os interesados poderán interpoñer contra a dita resolución denegatoria recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa notificación, ou ben presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas executaranse con estrita conformidade coa proposta recollida no artigo 4º desta orde e na súa realización deberase deixar constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, e no caso de actividades que comporten difusión escrita, deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións están sometidos ás obrigas sinaladas nos artigos 14 e 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexistativo 1/1999, do 7 de outubro, sen prexuízo do cal, unha vez obtidas as subvencións, quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

1. No caso de que a subvención fose concedida para a realización de calquera obra nova, relativa á propiedade intelectual e susceptible de ser reproducida, como publicacións, vídeos, películas, reportaxes fotográficas, CDs, debuxos, gravados, etc., os beneficiarios reservarán unha porcentaxe da obra para a Consellería de Cultura e Deporte Dirección Xeral de Patrimonio Cultural Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago con fins de promoción e divulgación gratuíta da obra. A mencionada porcentaxe, que non superará o 20% do total, será determinada pola Comisión de Valoración a que se refire o artigo 7º desta orde, con base na importancia da subvención concedida en relación á totalidade das subvencións achegadas ao proxecto e á achega do beneficiario a este.

2. Cando a subvención se solicita para a realización de actividades que afecten a propiedade intelectual como publicacións, vídeos, películas, reportaxes fotográficas, CD, debuxos, gravados, etc., os beneficiarios comprométense a autorizar a difusión gratuíta destes pola Consellería de Cultura e Deporte Dirección Xeral de Patrimonio Cultural-Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago.

3. A facer constar en cada proxecto subvencionado, na primeira e sucesivas edicións, que esta recibiu unha subvención da Consellería de Cultura e Deporte Dirección Xeral de Patrimonio Cultural-Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, utilizando a normativa de imaxen corporativa da Xunta de Galicia.

4. A facilitar a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Seguimento.

A conselleira de Cultura e Deporte velará para que as actividades subvencionadas se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo tomar as medidas que coide oportunas ao respecto.

Artigo 14º.-Documentación xustificativa do pagamento.

A subvención farase efectiva sempre que, a data do 30 de outubro do ano 2007, estivese rematada a actividade especificada na solicitude a que se refire o artigo 4º e estivese entregada completa a documentación que a continuación se relaciona:

a) Informe acreditativo de terse completado o obxecto da subvención xunto con fotografías, notas de prensa e demais material que dea testemuño suficiente do seu cumprimento.

b) Facturas orixinais ou, se é o caso, fotocopias compulsadas dos gastos realizados para o seu cumprimento.

c) Certificación bancaria actualizada orixinal e acreditativa de que a conta sinalada para o pagamento está a nome do beneficiario.

d) Certificación actualizada do cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

e) Certificación actualizada de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas,

e de que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, salvo que o beneficiario achegase coa solicitude a autorización expresa para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

f) Certificación actualizada da empresa de ter ou non recibido axudas para a mesma finalidade de calquera outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais e, se é o caso, contías recibidas.

Así mesmo, e sen prexuízo do anterior, no momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto subvencionado das distintas administracións públicas ou calquera dos organismos, entes ou sociedades.

Artigo 15º.-Perda da subvención.

Procederase ao reintegro total ou parcial e á exixencia dos xuros de demora, de conformidade co Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Obtención de subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de modo tal que exceda o custo da actividade desenvolvida.

Procederase de igual xeito nos supostos recollidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2007

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte