DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.790

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 27 de marzo de 2007 pola que se publican as bases das subvencións ás entidades de conservación, protección e promoción do Camiño de Santiago e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

O Camiño de Santiago constitúe non só un dos alicerces conformadores da identidade cultural europea, tal como foi recoñecido polas súas principais institucións: o Consello de Europa, a Unión Europea e a UNESCO, senón que tamén supón o punto de partida dun patrimonio cultural con trazos singulares e propios vinculados á Ruta Xacobea.

A importancia deses extremos tradúcese nun constante fluír de peregrinos, estudosos e investigadores interesados nos Camiños de Santiago, que levou á Consellería de Cultura e Deporte ao desenvolvemento dunha normativa propia neste eido.

Así, xunto coa lexislación de protección plasmada nas leis 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, créase o Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago, a través do Decreto 224/1994, do 2 de xuño, co fin de que as diferentes entidades vinculadas ao Camiño realicen actividades conxuntas, facilitando a recíproca información entre elas.

Por Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición normativa en materia do Camiño de Santiago, derrógase o Decreto 224/1994, do 2 de xuño,

que regula no capítulo IV o Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

No artigo 24 do Decreto 45/2001, establécese que as entidades inscritas poderán solicitar as subvencións que regulamentariamente se determinen. Con base niso, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no uso das competencias conferidas polo Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte, considera necesaria a concesión de axudas ás entidades que realicen actividades de conservación, protección, investigación ou promoción dos Camiños de Santiago.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e contía máxima.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, as entidades que realicen actividades de conservación, protección, investigación, promoción, ou calquera outra que repercuta directa ou indirectamente nos Camiños de Santiago en Galicia.

As actuacións destas entidades poderán ser subvencionadas coa cantidade máxima de quince mil euros (15.000 A) por beneficiario, para as anteditas actividades referidas a calequera dos Camiños de

Santiago oficialmente recoñecidos polas comunidades autónomas afectadas, e ata a finalización do crédito orzamentario previsto para o efecto. Non serán obxecto de subvención os gastos de mantemento, funcionamento ou loxística da entidade peticionaria. Tampouco se subvencionarán viaxes de peregrinación, romarías, etc.

A contía máxima subvencionada non poderá exceder en ningún caso o orzamento total do proxecto presentado.

Artigo 2º.-Importe orzamentado.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de douscentos corenta mil euros (240.000 A) e farase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.433A-481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007. En todo caso, o gasto proxectado, que é compatible con outras posibles axudas, subvencións, ingresos ou recursos, suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

No caso de resultar remanentes do orzamento por non realizarse a totalidade das actividades subvencionadas, a conselleira de Cultura e Deporte poderá destinar as ditas cantidades a outras actividades que se consideren axeitadas para a promoción dos Camiños de Santiago.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as subvencións as asociacións, fundacións e institucións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Presentar un proxecto detallado das actividades descritas no artigo 1º.

Exclúense da condición de beneficiarios aqueles en quen concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Os interesados enviarán as súas solicitudes no modelo oficial que figura ao final desta orde á Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15704 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Deporte, todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Número de inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Proposta das actividades que solicitan ser subvencionadas e polas que poidan presentar factura na data do 30 de outubro de 2007, orzamento detallado das citadas actividades, así como unha breve memoria e as súas datas de realización.

c) Fotocopia da tarxeta do ClF, ou documento equivalente no caso de entidades estranxeiras.

d) Breve relación das actividades realizadas durante o ano anterior (máximo 6 páxinas).

e) Declaración xurada de ter ou non solicitado axudas para a mesma finalidade de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, de ser o caso, contías solicitadas.

No suposto de que en calquera momento posterior á presentación da anterior instancia os interesados soliciten as axudas a que se refire a letra e) deste artigo, será obrigatorio poñelo en coñecemento dos servizos técnicos da Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, dando conta da axuda solicitada, contía e Administración ou ente público ou privado a que se dirixe.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de maio de 2007.

Artigo 6º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servizos técnicos da Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, con suxeición ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Lei 38/2003, xeral de subvencións, o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Atónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vogais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura e Deporte.

-Serán vogais, o director xeral de Patrimonio Cultural, o subdirector xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago e un representante da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo designado pola Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, con competencias en temas vinculados aos Camiños de Santiago.

-Actuará como secretario o/a xefe/a do Servizo de Conservación e Protección Xacobeas.

Esta comisión examinará e cualificará as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios e as súas porcentaxes de valoración:

1. A importancia e interese patrimonial e cultural das actividades propostas no proxecto presentado,

con especial valoración daquelas que contribúan á conservación, posta en valor e difusión dos Camiños de Santiago e do patrimonio cultural galego vinculado a eles: 40%.

2. A realización de traballos de investigación en relación coa etnografía, coa arquitectura tradicional e coa paisaxe no contorno dos Camiños de Santiago: 25%.

3. A realización de proxectos que inclúan actividades de recuperación do patrimonio inmaterial e toponimia no ámbito dos Camiños de Santiago: 20%.

4. A contía total de achegas económicas ao proxecto, tanto as obxecto de subvención coma as achegas dos solicitantes: 10%.

5.A repercusión cultural e social da actividade a calquera nivel: 5%.

Artigo 8º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución previsto neste procedemento será de seis meses contados desde o día seguinte ao derradeiro día para a presentación das solicitudes.

A comisión elevará a súa proposta motivada á conselleira, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles aos interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia os beneficiarios e contías subvencionadas de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega. Así mesmo e de conformidade con número 4º do devandito artigo, a Consellería de Cultura e Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirmar a súa aceptación da subvención no prazo de 10 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, comprometéndose a executar o proxecto ou actividade sub

vencionada no prazo establecido e nas condicións fixadas na resolución.

Se transcorrido o anterior prazo non se confirmase a aceptación, entenderase que se renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Denegación da subvención.

O incumprimento dos requisitos exixidos pola orde de convocatoria será causa de denegación da subvención. Así mesmo, o transcurso do prazo máximo previsto no artigo 8º da presente orde para a resolución deste procedemento sen que se ditase resolución expresa, producirá os efectos desestimatorios previstos no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

En calquera caso, a denegación da subvención será expresa e motivada e os interesados poderán interpoñer potestativamente contra a resolución denegatoria recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data perante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas levaranse a cabo con estrita conformidade coa proposta recollida no artigo 4º desta orde e na súa realización deberase deixar constancia de que se trata de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e no caso de actividades que comporten difusión escrita, deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 12º.-Seguimento e obrigas dos beneficiarios.

A conselleira de Cultura e Deporte velará para que as actividades obxecto da subvención se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo tomar as medidas que considere oportunas ao respecto.

En calquera caso, os beneficiarios están sometidos ao cumprimento das obrigas contidas nos artigos 14 e 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, debendo facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercizo das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Documentación xustificativa do pagamento.

A subvención farase efectiva sempre que con data do 30 de outubro de 2007 se tivese executada na

súa totalidade a actividade especificada na solicitude a que se refire o artigo 4º e se tivese entregado completa a documentación que a seguir se relaciona:

a) Informe acreditativo de terse completado o obxecto da subvención xunto coas fotografías, notas de prensa e demais material que dea testemuño suficiente do seu cumprimento.

b) Facturas orixinais ou, de ser o caso, fotocopias compulsadas, dos gastos realizados para o cumprimento da actividade subvencionada.

c) Certificación bancaria actualizada orixinal e acreditativa de que a conta sinalada corresponde á entidade.

d) Certificación actualizada da entidade de ter ou non recibido axudas para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente públicos ou privado, nacional ou internacional e, se for o caso, contías solicitadas.

Así mesmo, e sen prexuízo do anterior, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto subvencionado das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

Procederase ao reintegro total ou parcial e á exixencia dos xuros de demora, de conformidade co Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido la Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos nas bases regulamentadoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Obtención de subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de xeito tal que exceda o custo da actividade desenvolvida.

Procederase de igual xeito nos supostos recollidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte