DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.782

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 9 de abril de 2007 pola que se convocan eleccións e se ditan normas para a renovación dos consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, e das indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia e Ternera Gallega.

Os consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras e da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega celebraron eleccións para a renovación dos seus plenos o día 26 de maio de 2002, logo da convocatoria a través da Orde do 27 de febreiro dese mesmo ano. Uns meses antes, o 25 de marzo de 2001, celebráronse as eleccións para a renovación do pleno do consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas (convocadas pola Orde do 28 de decembro de 2000), mentres que a renovación do pleno do consello regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia produciuse logo das eleccións que se desenvolveron o día 1 de decembro de 2002 (convocadas por Orde do 16 de setembro de 2002).

Os órganos de goberno destes consellos reguladores foron elixidos para un mandato de catro anos, hoxe polo tanto xa vencido, gozando actualmente dunha prórroga que se concedeu a través da Orde do 29 de marzo de 2005.

Durante o período de mandato destes consellos reguladores aprobouse a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, que foi desenvolta, no relativo ás denominacións xeográficas de calidade e aos seus órganos de xestión, os consellos reguladores, polo Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Polo tanto, unha vez completada a regulación nesta materia, procede renovar os órganos de goberno das distintas denominacións de calidade, cumprindo o mandato recollido na disposición transitoria primeira do citado decreto, que establecía que a dita convocatoria debería realizarse nos seis meses posteriores á súa aprobación. Nesta orde de convocatoria inclúense aqueles consellos reguladores que teñen o seu mandato prorrogado desde hai máis tempo, deixando para un proceso posterior o resto de consellos reguladores.

O proceso electoral que se convoca a través desta orde réxese polo recollido no capítulo VI do dito decreto, coa particularidade, recollida tamén na súa xa citada disposición transitoria primeira, de que as funcións que con carácter xeral se atribúen no proceso aos consellos reguladores, neste primeiro proceso posterior ás reformas legais aprobadas, serán realizadas por xuntas electorais constituídas para o efecto.

Polo tanto, logo da audiencia das organizacións profesionais agrarias e asociacións sectoriais, así como dos respectivos consellos reguladores, en uso das facultades que me confire o citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

De acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, por esta orde convócanse eleccións para a renovación dos consellos reguladores das denominacións de orixe Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras, e das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Pataca de Galicia.

Artigo 2º.-Calendario electoral.

O calendario electoral será o que se recolle como anexo I desta orde.

Os prazos deste calendario para a presentación de escritos, reclamacións e recursos están sinalados por días naturais e expirarán ás 14 horas do derradeiro día do prazo. O lugar de presentación será, en cada caso, a sede da correspondente xunta electoral que deba coñecelos, excepto a presentación de reclamacións sobre os censos, que poderá facerse nos lugares sinalados de exposición destes. Neste caso, os interesados deberán remitir á XED por fax, no mesmo día, unha copia da reclamación presentada.

Artigo 3º.-Xuntas electorais de denominación (XED).

1. De conformidade co previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 4/2007 citado, as funcións que este decreto lles atribúe para a supervisión e execución do proceso aos consellos reguladores serán realizadas neste proceso electoral por un órgano que, baixo o nome de Xunta Electoral de Denominación (XED), estará composto por persoal da Consellería do Medio Rural e dos seus organismos e entes dependentes, así como por membros das organizacións profesionais agrarias, cooperativas e asociacións sectoriais representativas.

2. Para tal fin, para os procesos electorais que regula esta orde, constitúense as seguintes xuntas electorais de denominación:

* XED-V para as denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei. Terá a súa sede na delegación provincial da Consellería do Medio Rural en Ourense e estará composta por:

-Presidente: o delegado provincial da Consellería do Medio Rural de Ourense.

Suplente: o secretario da citada delegación provincial.

-Vogais: dous funcionarios dos grupos A ou B da citada delegación provincial.

Suplentes: dous funcionarios cos mesmos requisitos que os titulares.

-Tres representantes, como máximo, das organizacións profesionais agrarias de ámbito galego.

-Tres representantes, como máximo, das asociacións empresariais do sector industrial vitivinícola.

-Tres representantes, como máximo, das cooperativas do sector vitivinícola.

-Secretario: un funcionario do grupo A, licenciado en dereito, da citada delegación provincial.

Suplente: un funcionario cos mesmos requisitos que o titular.

* XED-RB para a denominación de orixe Rías Baixas. Terá a súa sede na delegación provincial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra e estará composta por:

-Presidente: o delegado provincial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra.

Suplente: o secretario da citada delegación provincial.

-Vogais: dous funcionarios dos grupos A ou B da citada delegación provincial.

Suplentes: dous funcionarios cos mesmos requisitos que os titulares.

-Tres representantes, como máximo, das organizacións profesionais agrarias de ámbito galego.

-Tres representantes, como máximo, das asociacións empresariais do sector industrial vitivinícola.

-Tres representantes, como máximo, das cooperativas do sector vitivinícola.

-Secretario: un funcionario do grupo A, licenciado en dereito, da citada delegación provincial.

Suplente: un funcionario cos mesmos requisitos que o titular.

* XED-IXP para as indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia e Ternera Gallega. Terá a súa sede nos servizos centrais da Consellería do Medio Rural e estará composta por:

-Presidente: a xefa do servizo técnico-xurídico dos servizos centrais da Consellería do Medio Rural.

Suplente: o secretario da delegación provincial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

-Vogais: dous funcionarios dos grupos A ou B da Consellería do Medio Rural ou dos seus organismos e entes dependentes.

Suplentes: dous funcionarios cos mesmos requisitos que os anteriores.

-Tres representantes, como máximo, das organizacións profesionais agrarias de ámbito galego.

-Tres representantes, como máximo, das asociacións empresariais dos sectores industriais implicados.

-Tres representantes, como máximo, das cooperativas dos sectores chamados a eleccións.

-Secretario: un funcionario do grupo A, licenciado en dereito, da Consellería do Medio Rural ou dos seus organismos e entes dependentes.

Suplente: un funcionario cos mesmos requisitos que o titular.

Artigo 4º.-Xunta Electoral Central.

1. Conforme o disposto no artigo 41 do Decreto 4/2007, constituirase unha única Xunta Electoral Central, XEC, para as eleccións aos sete consellos reguladores, con sede nos servizos centrais da Consellería do Medio Rural, en Santiago de Compostela.

2. Esta xunta estará presidida polo secretario xeral da Consellería do Medio Rural, e o seu suplente será o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

3. A XEC estará integrada ademais por:

-Dous funcionarios dos grupos A ou B da Consellería do Medio Rural ou dos seus organismos e entes dependentes.

Suplentes: dous funcionarios cos mesmos requisitos que os titulares.

-Secretario: un funcionario do grupo A, licenciado en dereito, da citada consellería ou dos seus organismos e entes dependentes.

Suplente: un funcionario cos mesmos requisitos que o titular.

Tres representantes, como máximo, das organizacións profesionais agrarias de ámbito galego.

Tres representantes, como máximo, das asociacións empresariais dos sectores industriais implicados.

Tres representantes, como máximo, das cooperativas dos sectores implicados.

Artigo 5º.-Presentación de candidatos para as xuntas electorais e designación.

1. No prazo dos tres días naturais seguintes á data de comezo do proceso electoral (día D), as organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais e cooperativas poderán presentar candidatos a vogais das xuntas electorais.

2. A presentación de candidatos farase mediante solicitude acompañada da documentación requirida no artigo 42 do Decreto 4/2007 citado.

3. No suposto de organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais ou cooperativas integradas noutras de ámbito superior, aquelas unicamente poderán presentar candidatos se estas non o fixeran.

4. O sétimo día posterior á data de comezo do proceso electoral, procederase á designación dos membros das xuntas electorais. A designación de todos eles, titulares e suplentes, será realizada mediante resolución do director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. Na dita designación teranse en conta a formación académica e a experiencia dos candidatos así como, no caso dos representantes de organizacións profesionais agrarias, asociacións empresariais e cooperativas, o seu grao de implantación no sector da actividade da correspondente denominación xeográfica.

5. Contra a dita designación poderá interporse recurso no prazo de dous días naturais ante o conselleiro do Medio Rural, que resolverá no prazo dos dous días naturais seguintes.

Artigo 6º.-Censo electoral.

1. Os censos electorais, que deberán ser elaborados por cada consello regulador para o seu uso no proceso electoral, axustaranse ao modelo que figura no anexo II, e serán os seguintes:

A. Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei.

* Censo A. Sector produtor: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador, con excepción daqueles que sexan socios de cooperativas que sexan titulares, directa o indirectamente, de adegas da denominación, a través das cales transformen a uva e comercialicen o viño.

* Censo B. Sector industrial: constituído polos titulares de adegas inscritas nos rexistros da denominación, con excepción das adegas cuxo titular sexa, directa ou indirectamente, unha sociedade cooperativa.

O censo B subdividirase pola súa vez en dous subcensos, en función da produción de viño cualificado e contraetiquetado como media nos últimos tres anos naturais (2004, 2005, e 2006). Para as adegas de recente creación, se nalgún deses anos non tivesen actividade, faranse os cálculos tendo en conta só os anos en que houbo actividade.

-Subcenso B: adegas cunha produción menor ou igual a 30.000 litros.

-Subcenso B: adegas cunha produción maior de 30.000 litros.

* Censo C. Sector cooperativo: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas do consello regulador que sexan socios dalgunha cooperativa que sexa, pola súa vez, titular, directa ou indirectamente, dalgunha adega inscrita na denominación, a través da cal transformen a uva e comercialicen o viño; así como polos titulares das ditas adegas de base cooperativa.

B. Consello Regulador da denominación de orixe Rías Baixas.

* Censo A. Sector produtor: constituído como no caso da D.O. Monterrei.

* Censo B. Sector industrial: constituído como no caso da D.O. Monterrei. Este censo subdividirase pola súa vez en función da produción cualificada nos tres últimos anos segundo os criterios establecidos para o caso da D.O. Monterrei, de acordo cos seguintes límites:

-Subcenso B: adegas cunha produción menor ou igual a 40.000 litros.

-Subcenso B: adegas cunha produción maior de 40.000 litros. Pola súa vez, este subcenso dividirase en función das subzonas de elaboración de acordo co que se recolle no anexo III.

* Censo C. Sector cooperativo: constituído como no caso da D.O. Monterrei

C. Consello Regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra.

* Censo A. Sector produtor: constituído polos titulares de viñedos inscritos no rexistro de viñas.

* Censo B. Sector industrial: constituído polos titulares de adegas inscritas nos rexistros do consello regulador. Este censo subdividirase en tres subcensos en función do viño cualificado e contraetiquetado nos últimos tres anos, calculada a media como nos casos anteriores e de acordo cos seguintes valores:

-Subcenso B: adegas cunha produción menor ou igual a 20.000 litros.

-Subcenso B: adegas cunha produción maior de 20.000 litros e menor ou igual a 70.000 litros.

-Subcenso B: adegas cunha produción maior de 70.000 litros.

D. Consello Regulador da denominación de orixe Ribeiro.

* Censo A. Sector produtor: constituído como no caso da D.O. Monterrei.

* Censo B. Sector industrial: constituído de igual xeito que no caso da D.O. Monterrei.

Este censo dividirase en función da produción media dos últimos tres anos, de acordo cos criterios antes establecidos, do seguinte xeito:

-Subcenso B: adegas cunha produción menor ou igual de 400.000 litros.

-Subcenso B: adegas cunha produción maior de 400.000 litros.

* Censo C. Sector cooperativo: constituído de igual xeito que no caso da D.O. Monterrei

* Censo D. Sector colleiteiro: constituído polos titulares de adegas de colleiteiro, segundo o establecido na Orde do 12 de maio de 1987, da Consellería de Agricultura, inscritas no rexistro correspondente do consello regulador. Os inscritos neste censo non poderán estar inscritos en ningún outro censo.

E. Consello regulador da denominación de orixe Valdeorras.

* Censo A. Sector produtor: constituído de igual xeito que no caso da D.O. Monterrei.

* Censo B. Sector industrial: constituído tamén como no caso da D.O. Monterrei. Este censo subdividirase, atendendo a criterios idénticos que nos casos anteriores, do seguinte xeito:

-Subcenso B: adegas cunha produción igual ou menor de 70.000 litros.

-Subcenso B: adegas cunha produción superior a 70.000 litros.

* Censo C. Sector cooperativo: constituído de igual xeito que nos casos anteriores.

F. Consello regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

-Sector produtor:

* Censo A: constituído polos titulares de explotacións gandeiras inscritos no rexistro de gandarías do consello regulador.

* Censo B: constituído polos titulares de cebadeiros inscritos no rexistro de cebadeiros do consello regulador.

-Sector industrial:

* Censo C: constituído polos titulares de industrias cárnicas inscritas no rexistro de matadoiros do consello regulador. Dividirase en dous subcensos, segundo o número de canais certificadas no ano 2006:

-Subcenso C: matadoiros con ata 2.000 canais certificadas.

-Subcenso C: matadoiros cunha cantidade de canais certificadas superior a 2.000.

* Censo D: constituído polos titulares de industrias cárnicas inscritas no rexistro de salas de despezamento do consello regulador.

G. Consello regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

* Censo A. Sector produtor: configurado cos titulares de parcelas de cultivo inscritas no rexistro de plantacións. Este censo divídese en tres subcensos, un por cada unha das subzonas en que se divide o territorio da indicación xeográfica, con excepción da subzona Lemos, en que os seus inscritos se incluirán no subcenso da subzona Terra Chá-A Mariña.

* Censo B: formado polos titulares de instalacións de almacenaxe e envasado inscritas nos rexistros do consello regulador. Este censo divídese en tres subcensos, do mesmo xeito que no censo A.

2. Nos censos descritos no punto 1 anterior figurarán exclusivamente os titulares inscritos e con actividade nos rexistros correspondentes do consello regulador.

Para estes efectos, no caso das denominacións de orixe vínicas e da IXP Pataca de Galicia, incluiranse exclusivamente os titulares que tivesen actividade nalgunha das tres últimas campañas. No caso da IXP Ternera Gallega nos censos do sector produtor incluiranse os titulares que tivesen algunha actividade dende o 1 de xaneiro de 2005 ata a data de entrada en vigor desta orde, e nos censos do sector industrial, os que tiveran algunha actividade dende o 1 de xullo de 2006 ata a data de entrada en vigor desta orde.

Como excepción ao considerado nos parágrafos anteriores, poderán figurar no censo os inscritos que, por ser de recente alta, non tivesen aínda actividade, así como os viticultores que non entregasen uva en ningunha das tres últimas campañas debido a ter sometido as súas plantacións a procesos de reconversión e reestruturación.

3. Dentro do sector produtor vitícola, unha mesma persoa física ou xurídica só poderá figurar nun censo ou subcenso. No caso de que un titular teña a súa explotación en parte adherida a cooperativa e en parte non, ou que unha parte estea nunha subzona e outra parte noutra, deberá figurar no censo ou subcenso en que teña a maior parte da superficie inscrita.

Artigo 7º.-Exposición de censos.

1. A XED correspondente, unha vez recibidos dos respectivos consellos reguladores os censos, remitiraos aos lugares seguintes, para a súa exposición:

- Á sede de cada consello regulador, que exporá os seus respectivos censos completos.

- Á sede dos servizos centrais da Consellería do Medio Rural, onde se exporán a totalidade dos censos.

-Ás delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, que exporán os censos correspondentes aos inscritos en cada provincia.

-Ás oficinas agrarias comarcais, que exporán os censos correspondentes aos inscritos do seu respectivo ámbito xeográfico.

2. Unha vez expostos nos lugares sinalados durante o período de dez días naturais, segundo o calendario electoral do anexo I, os censos deberán ser devoltos a cada XED, debidamente dilixenciados con indicación do lugar e días de exposición.

3. Durante o citado período de exposición os interesados poderán formular reclamacións ante a respectiva XED, a cal deberá resolvelos nos oito días naturais seguintes.

4. Contra as ditas resolucións os interesados poderán formular recurso ante la XEC no prazo de seis días naturais, a cal resolverá nos dous días naturais seguintes.

5. Transcorrido o prazo anterior e unha vez resoltas as reclamacións e recursos presentados, procederase á exposición dos censos definitivos nos mesmos lugares que no caso dos provisionais.

Artigo 8º.-Candidaturas.

1. A partir do día seguinte ao da resolución das reclamacións sobre os censos, e durante os nove días naturais seguintes, poderán presentarse candidaturas ante a respectiva XED, de acordo cos artigos 49 e 50 do Decreto 4/2007.

2. O quincuaxésimo día posterior á data do comezo do proceso electoral, a correspondente XED realizará a proclamación provisional de candidaturas e a súa exposición pública na sede da dita xunta electoral.

3. No caso de que non fose proclamada algunha candidatura, no prazo dos dous días naturais seguintes poderán presentarse reclamacións ou a documentación complementaria precisa ante a mesma XED, que resolverá nos catro días naturais seguintes.

4. Contra estas resolucións poderá interporse recurso perante a XEC no prazo de dous días naturais. A XEC resolverá nos dous días naturais seguintes e procederá á proclamación definitiva dos candidatos.

5. Unha vez proclamadas as candidaturas pola XEC, se a totalidade das correspondentes a un censo ou subcenso chegan a un acordo na repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo ou subcenso, e serán os candidatos propostos proclamados vogais pola XEC. O dito acordo deberá ser presentado perante a Xunta Electoral no prazo de catro días desde a proclamación de candidaturas, e virá subscrito polos representantes de cada candidatura.

Artigo 9º.-Vogais a elixir.

1. O número de vogais a elixir por cada censo e subcenso de cada consello regulador é o que figura no anexo III desta orde.

2. A distribución efectúase tendo en conta a paridade entre os sectores produtor e elaborador e atendendo a criterios de representatividade económica e social, de conformidade co establecido no Decreto 4/2007.

Artigo 10º.-Designación dos membros das mesas electorais.

1. Unha vez realizada a proclamación provisional de candidatos, as XED iniciarán o sorteo para a designación dos compoñentes das mesas electorais, tanto titulares como suplentes, procedendo seguidamente á súa notificación aos interesados.

2. Estes disporán dun prazo de cinco días naturais para alegar ante a respectiva XED os posibles motivos que consideren que lles impiden aceptar o cargo.

3. As XED resolverán sen ulterior recurso sobre as alegacións presentadas, procedendo, de resultar necesario, a realizar novos sorteos para cubrir as vacantes daqueles a quen se aceptaron as escusas.

Artigo 11º.-Credenciais de interventores e apoderados.

De conformidade co establecido nos artigos 54 e 55 do Decreto 4/2007, ata o terceiro día anterior ao da votación, o representante de cada candidatura poderá solicitar ante a respectiva XED as credenciais de nomeamento de interventores e apoderados, utilizando para iso os modelos que figuran nos anexos IV e V respectivamente.

Artigo 12º.-Voto por correo.

De acordo co establecido no artigo 53 do Decreto 4/2007, os electores poderán emitir o seu voto por correo. Para estes efectos aplicarase o contido do dito artigo coa única excepción de que, de acordo co previsto na disposición transitoria primeira do decreto citado, as funcións que este artigo outorga á secretaría do consello regulador, serán realizadas pola secretaría da XED correspondente.

Artigo 13º.-Votación, escrutinio, proclamación de vogais electos e constitución dos plenos.

1. O presidente e os vogais de cada mesa electoral reuniranse ás nove horas do día 1 de xullo de 2007, no correspondente local designado para a votación. Durante a primeira media hora recibirán as credenciais dos interventores que se presenten, comparándoas coa copia que consta en poder da mesa, dándolle, se é o caso, posesión do cargo.

2. Ás nove trinta horas o presidente expidirá a acta de constitución da mesa, que asinará xunto cos vogais, ademais dos interventores, se os houbese, comezando ás dez horas a votación, que continuará sen interrupción ata as 17.00 horas.

3. Rematada a votación, o presidente da mesa declarará cerrada esta e comezará o escrutinio, procedendo a realizarse todas as operacións sinaladas no artigo 58 do Decreto 4/2007.

4. O septuaxésimo noveno día posterior á data de comezo do proceso electoral, a respectiva XED realizará a proclamación de vogais electos.

5. Contra esta proclamación os interesados poderán presentar recurso no prazo de cinco días naturais ante a XEC, a cal os resolverá no prazo de tres días naturais e procederá á proclamación definitiva dos vogais electos.

6. Entre os días 16 e 20 de xullo constituiranse os plenos dos consellos reguladores, nos que tomarán posesión os vogais electos e se proporán os candidatos a presidente e vicepresidente.

Artigo 14º.-Indemnizacións.

1. Os membros das xuntas electorais que asistan ás súas reunións terán dereito a percibir as seguintes indemnizacións:

-Presidente e secretario: 90 euros/ día.

-Vogais: 60 euros/ día.

2. Así mesmo, o presidente de cada mesa electoral e o funcionario da consellería encargado de prestar auxilio e asesoramento terán dereito a una indemnización de 90 euros. Pola súa parte, os vogais das mesas electorais terán dereito a unha indemnización de 72 euros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria desta consellería, para ditar cantas instrucións sexan precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Día (*)PrazosFase do proceso electoral

16-4-2007LuDData do comezo do proceso electoral

19-4-2007XoD+3Fin do prazo de presentación de candidatos ás xuntas electorais

23-4-2007LuD+7Designación dos membros das xuntas electorais

25-4-2007Me(D+7)+2Fin do prazo de presentación de recursos ante o conselleiro do Medio Rural contra a designación dos membros das xuntas electorais

27-4-2007Ve(D+9)+2Resolución polo conselleiro do Medio Rural dos recursos presentados contra a designación dos membros das xuntas electorais

2-5-2007MeD+16Constitución das xuntas electorais

Día (*)PrazosFase do proceso electoral

4-5-2007VeD+18Inicio da exposición dos censos provisionais e do prazo para reclamacións sobre estes

14-5-2007Lu(D+18)+10Último día de prazo para a presentación de reclamacións sobre os censos perante as xuntas electorais da denominación

22-5-2007Ma(D+28)+8Resolución das reclamacións sobre os censos polas XED

23-5-2007MeD+37Inicio do prazo de presentación de candidaturas

28-5-2007Lu(D+36)+6Fin do prazo de presentación de recursos sobre os censos ante a XEC

30-5-2007Me(D+42)+2Resolución dos recursos sobre os censos pola XEC

1-6-2007VeD+46Exposición dos censos definitivos

(D+37)+9Fin do prazo de presentación de candidaturas ante as XED

5-6-2007MaD+50Proclamación provisional de candidaturas polas XED e exposición pública. Primeiro sorteo para a designación dos membros das mesas

7-6-2007Xo(D+50)+2Fin do prazo de presentación de reclamacións sobre a proclamación de candidatos ante as XED

11-6-2007Lu(D+52)+4Resolución das reclamacións polas XED

13-6-2007Me(D+56)+2Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación de candidatos ante a XEC

15-6-2007Ve(D+58)+2Resolución dos recursos anteriores pola XEC e proclamación definitiva dos candidatos

16-6-2007SaD+61Comezo da campaña electoral

19-6-2007Ma(D+60)+4Fin do prazo de presentación de acordos electorais polas candidaturas

29-6-2007VeD+74Fin da campaña electoral

1-7-2007DoD+76Constitución das mesas electorais e votación

4-7-2007MeD+79Proclamación de vogais electos polas XED

9-7-2007Lu(D+79)+5Fin do prazo de presentación de recursos sobre a proclamación de vogais electos, ante a XEC

12-7-2007Xo(D+84)+3 Resolución dos recursos anteriores pola XEC e proclamación definitiva de vogais electos

16-7-2007

a

20-7-2007

Lu

Ve

D+91

D+95

Toma de posesión dos vogais electos. Pleno constitutivo e proposta de candidatos para presidente e vicepresidente

(*) Nas fases que comprenden varios días, refírese ao último día do prazo, rematando este ás 14.00 horas dese día.