DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 2 de abril de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007 (IN519B).

Os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas, van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias infraestruturais e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores a súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

Coa finalidade de realizar a renovación destas infraestruturas, para evitar a súa obsolescencia, ou de habilitar outras novas non previstas na súa orixe, e co obxecto de motivar o esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á comunidade autónoma, a Consellería de Innovación e Industria coida necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas de instalacións e de servizos ás empresas.

Como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Consellería de Innovación e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas a mellora das infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste programa estrutúranse unha liña de axudas, aprobándose as súas bases e adaptándose ás novas exixencias de regulación estatal e autonómica en materia de subvencións públicas. Igualmente procederase á convocatoria destas axudas para o ano 2007.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Innovación e Industria, dirixidas a asociacións e institucións sen ánimo de lucro, incluídas no programa de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia (IN519B), que se inclúen como anexo I a esta orde.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2007.

3. Poderanse solicitar axudas plurianuais para a realización de obras que deberán finalizar no ano 2008.

Artigo 2º-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4º das bases reguladoras.

2. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria que se indica:

Aplicación: 10.03.732-A 780.0.

Denominación: asociacins e institucións sen ánimo de lucro: actuacións en materia de infraestruturas en polígonos industriais.

Importe en euros:

-Ano 2007: 200.000.

-Ano 2008: 50.000.

3. A contía máxima da subvención neta equivalente na aplicación 10.03.732-A 781.0 Asociacións e institucións sen ánimo de lucro poderá alcanzar:

Ata o 100% do custo de elaboración dos estudos o proxectos técnicos.

Ata o 50% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servizos e infraestruturas en materia de comunicación, subministracións enerxéticas, iluminación, saneamento e edificios múltiples.

Ata o 35% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento das infraestruturas, en materia de reparación e pavimentación de vías e movemento de terras.

A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente investimento é o 30 de outubro de 2007 e o 30 de outubro de 2008 para as subvencións purianuais.

4. Sobre este procedemento administrativo, que ten por código IN519B poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través da páxina web oficial da consellería (www. conselleriaiei. org), na súa epígrafe de axudas.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, xunto coa documentación, presentaranse nos rexistros da Consellería de Innovación e Industria, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www. conselleriaiei. org), na súa epígrafe de axudas.

b) Os teléfonos 981 54 55 72 e 981 54 43 88 da devandita dirección xeral.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Consellería de Innovación e Industria, que é o 981 54 43 41.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das subvencións encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2007.

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. Estas bases teñen como obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, para o ano 2007.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramítase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao Regulamento comunitario nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de mininis (DOUE L 379,28.12.2006).

3. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes actuacións:

A. A elaboración ou execución de estudos e proxectos de investimento para a incorporación de novos servizos e para a mellora das infraestruturas existentes en materia de comunicación, subministracións enerxéticas, iluminación, saneamento, reparación e pavimentación de vías, movemento de terras e edificios múltiples.

B. A realización de instalacións centralizadas de produción de calor ou electricidade, sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeneración.

C. A dotación de infraestruturas de servizos avanzados que poidan ser prestados con carácter horizontal e que supoñan unha mellora en materia de xestión, seguridade e formación.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, a non-discriminación, eficacia e eficiencia.

5. Non se valorarán para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes o investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

No caso de que os solicitantes das subvencións sexan asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o beneficiario acredite mediante a correspondente certificación que se encontra acollido ao réxime de exención de IVE.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

1. As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas e financiaranse con cargo á partida 10.03.732-A 781.0 Actuacións en infraestruturas en polígonos industriais. Asociacións e institucións sen ánimo de lucro cun crédito de 200.000,00 euros, consignados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

O crédito e a aplicación orzamentaria son os que se indican a continuación:

Aplicación: 10.03.732-A 780.0

Denominación: asociacións e institucións sen ánimo de lucro: actuacións en materia de infraestruturas en polígonos industriais.

Importe en euros:

-Ano 2007: 200.000.

-Ano 2008: 50.000.

2. Sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa relación de solicitudes que resultan de aplicación dos criterios de valoración que se recollen no artigo 9º.

3. A contía máxima da subvención neta equivalente poderá alcanzar:

Ata o 100% do custo de elaboración dos estudos ou proxectos técnicos.

Ata o 50% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servizos e infraestruturas en materia de comunicación, subministracións enerxéticas, iluminación, saneamento e edificios múltiples.

Ata o 35% do investimento subvencionable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento das infraestruturas, en materia de reparación e pavimentación de vías e movemento de terras.

4. Esta subvención é compatible con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras supere o custo da actividade subvencionable.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Os beneficiarios das axudas serán as asociacións e institucións sen ánimo de lucro que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde, nos parques empresariais e recintos de localización preferente radicados no seu termo municipal cunha antigüidade mínima de 5 anos e cun nivel de ocupación de polo menos do 25% das parcelas dispoñibles.

2. Cando o beneficiario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos para cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará para cada unha delas, que terán igualmente a condición de beneficiarios. Nestes casos, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, correspondan á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos

23 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes, para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, salvo que se xustifique que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que se celebrase o contrato con anterioridade a solicitude da subvención, sempre que se refiran ao período establecido no artigo 1º.1.

As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo II, presentaranse acompañadas da seguinte documentación, que deberá presentarse por duplicado:

a) Aquela que acredite a personalidade, natureza e réxime xurídico do solicitante, tendo en conta que:

Se é unha fundación, asociación ou entidade sen ánimo de lucro deberá achegar a escritura pública de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, debendo quedar acreditada, se é o caso, a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

Se se trata dunha agrupación deberá achegarse documentación acreditativa da súa constitución e dos requisitos a que se refire o artigo 3º.2 destas bases.

b) Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade coa presente orde e prazo de execución, que levará como anexo unha relación das empresas situadas no parque empresarial.

c) Orzamento detallado por capítulos e conceptos das actuacións e coa correspondente desagregación do IVE.

d) No caso de execución de obras, proxecto asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente.

e) Informe urbanístico emitido polo concello en que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licenza municipal.

f) Titularidade das infraestruturas do proxecto ou autorización expresa das actuacións no caso de que o solicitante non sexa o titular.

g) Declaración doutras axudas solicitadas, obtidas ou que prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A obtención destas axudas deberá comunicarse tan pronto como se coñeza e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos recibidos. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

h) Fotocopia cotexada do NIF/CIF do beneficiario.

i) No caso de instalacións centralizadas de produción de calor ou electricidade achegarase convenio específico do titular das infraestruturas coas empresas implicadas na xeración de enerxía conforme o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro.

j) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2º e 3º do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Esta declaración axustarase o modelo recollido como anexo IV desta orde.

k) Declaración xurada do solicitante de contar cos documentos de estar ao día das súas obrigas tributarias, da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Só aqueles interesados aos que se lles adxudique a subvención presentarán a documentación que se relaciona na declaración xurada conforme o modelo previsto no anexo V desta orde, e farano no momento da xustificación da subvención.

l) Declaración escrita do solicitante sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras de conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo, se o solicitante indica que certa documentación que se debe usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a esa documentación. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. No caso de persoas físicas, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de caracter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á

honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondéndolle ao conselleiro de Innovación e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1º resulta que o solicitante non está ao día de pagamento das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, ou con calquera outro organismo da Administración pública galega.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións que resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de in admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa na que delegue.

b) Vogais: o subdirector xeral de Administración Industrial e un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Innovación e Industria.

c) Secretario: o xefe de servizo de Administración industrial

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidos ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

As solicitudes de subvención serán valoradas de acordo cos seguintes criterios que se relacionan por orden decrecente de importancia:

a) Maior número de empresas instaladas no parque empresarial.

b) Antigüidade das infraestruturas, primando as máis antigas.

c) Contribución á captación e introdución de novas tecnoloxías, mellora da calidade e mellora do ambiente.

d) A contribución do investimento solicitado á mellora da competitividade das empresas localizadas no parque empresarial.

e) Posibilidade de inducir actividades complementarias.

f) A non -percepción doutras axudas en exercicios anteriores.

g) Factores de tipo estrutural no ámbito económico, social, etc. da área de influencia do parque empresarial.

h) Compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que o interesado manteña coa Administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo VII.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite ao que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución

outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será seis meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

c) A data límite para a presentación de modificación da resolución de concesión serán os quince días naturais desde a súa notificación.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, xunto a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; cun limite de 15 días naturais desde a súa notificación.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Innovación e Industria logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención farase axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI destas bases, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios:

a) Cumprir o obxecto, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente, ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos ou condicións, así como a realización das actividades e o cumprimento da finalidade que determine a concesión e o desfrute da subvención.

c) Someterse as actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar

os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, na forma en que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exisidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade de carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

i) Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora devengados desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

2. A rendición de contas dos perceptores de subvencións a que se refire o artigo 34.3º da Lei 7/1988, do 5 de abril, de funcionamento do tribunal de contas, instrumentarase a través do cumprimento da obriga de xustificación do órgano concedente ou entidade colaboradora, se é o caso, da subvención, regulada na alínea b) do punto 1 deste artigo.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar antes do 30 de outubro de 2007 a seguinte documentación por duplicado:

a) Memoria en que se detallen os investimentos e gastos realizados ou o estudo ou proxecto técnico elaborado, que deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención.

b) Documentos acreditativos do investimento ou actuación consistentes en facturas orixinais e documentos xustificativos do pagamento realizado, ou copia cotexada deles.

c) No caso de que o investimento subvencionable sexa a realización de obras ou de instalacións, presentaranse certificacións en que se detalle o valor final da execución de cada unha das unidades de obra, visados polo correspondente colexio oficial e asinados polo técnico director.

d) Xustificante que acredite estar ao día nas súas obrigacións tributarias, da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, excepto o caso de que estean exceptuadas por disposición legal.

e) Xustificante das axudas obtidas ou que prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía. Esta declaración axustarase ao modelo recollido como anexo III desta orde.

f) Certificación da conta bancaria, en que conste código de banco, código de sucursal, díxito da conta e código de conta corrente, onde se debe realizar o aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Innovación e Industria, antes de proceder ao seu pagamento, poderán solicitar as aclaracións, informes ou medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que consideren convenientes. No caso de que o beneficiario non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

2. A percepción da axuda terá lugar despois de que os servizos técnicos da Consellería de Innovación e Industria tras a inspección realizada, se é o caso, certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da subvención e o establecido na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presentar a documentación adicional que lle sexa requirida por estes servizos técnicos, co obxecto de determinar o alcance do proxecto e as actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado tivese un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que a minoración do custo non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda que se conceda verase minguada nunha porcentaxe proporcional.

3. Unha vez xustificado debidamente o investimento, aboarase ao beneficiario nun único pagamento.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios da subvención reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19º.-Control.

1. A Consellería de Innovación e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no resto de normativa que resulte de aplicación.