DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de abril de 2007 pola que se regula o réxime de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

Esta consellería, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia poidan levar a cabo o seu labor, regula o réxime de subvencións destas, para o ano 2007.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -cuxos preceptos son declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán para a concesión de axudas e subvencións,

polo importe de 615.000 A, ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

2. Estas axudas, compatibles entre si, son de dous tipos:

a) De carácter xeral: para todas as agrupacións de voluntarios de protección civil, ás cales se destinarán ata un máximo do 90% do importe total da subvención.

b) De carácter específico: para aquelas agrupacións de voluntarios de protección civil que dispoñan de terminais remotos do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, a través da subscrición dun protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil, ou estean en trámite de subscrición na data de publicación desta orde, ás cales se destinarán ata un máximo do 10% do importe total da subvención.

3. O montante das axudas de carácter específico que non se destine a elas acrecentará o montante das de carácter xeral.

Artigo 2º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará un crédito de 615.000 A con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.481.2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter xeral, a que se refire o artigo 1º.2 a), as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou ter solicitada a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

b) Teñan dependencia do seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que, recibindo subvencións en anos anteriores, xustificasen o seu investimento e liquidación, segundo o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e artigo 15 e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de tal forma que a non xustificación do dito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Deben expresar o seu consentimento á Administración concedente para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, que de principio se incorpora xa ao modelo de solicitude de axuda.

2. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter específico, ás cales se refire o artigo 1º.2 b), as agrupacións de voluntarios de protección civil que cumprindo os requisitos sinalados no punto 1, teñan subscrito o referido protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil, para dispoñer

dun terminal remoto ou estean en trámite de subscrición na data de publicación desta orde.

Artigo 4º.-Destino das axudas.

a) As axudas de carácter xeral poderán ser investidas en:

1. Material de intervención inmediata e outro que estea relacionado con protección civil (socorro, salvamento, primeiros auxilios e comunicación).

2. Equipamento e vestimenta persoal, así como equipos de prevención e de protección.

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base e os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

4. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

5. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

6. Gastos ocasionados na atención de peregrinos, relacionados co desprazamento e manutención dos voluntarios.

7. Equipamento e material informático.

8. Equipamento e material audiovisual.

Estes gastos non poderán acumularse con outras subvencións ou axudas en que se solicite o mesmo.

Os gastos para xustificar nos puntos 3, 4, e 5 non poderán superar o 75% do total da subvención concedida.

b) As axudas de carácter específico poderán ser investidas en:

1. Gastos de conservación, reposición e mantemento dos equipamentos informáticos e de comunicación co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

2. Gastos de adquisición de accesorios (routers, módems), complementos informáticos, material non inventariable informático e recambios informáticos.

3. Gastos de comunicación e telefonía derivados das tarefas de colaboración co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

4. Gastos ocasionados pola formación específica dos seus compoñentes para este tipo de tarefas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida á delegada provincial, presentarase dentro do prazo de trinta días naturais a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á cal se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

b) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2006, segundo o anexo II (en soporte papel ou informático, preferentemente no segundo).

c) Previsión dos gastos que se financiarán con cargo a esta orde.

d) Orzamento de gastos detallado, segundo clasificación sinalada no artigo 4º.

e) Xustificante orixinal da entidade bancaria, co número de conta que teña aberta esa agrupación.

f) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF.

g) Certificado do presidente da agrupación en que se indique o número de voluntarios que están en activo nela.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 8º desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, coa sinatura desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido o antedito prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, as delegadas provinciais remitiranlla á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 5º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola directora xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue e formada polas catro delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da dita dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración da proposta de resolución, así como a contía da axuda, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

a) Para as axudas de carácter xeral:

1. A proporción entre número de persoal dedicado en activo a protección civil de cada concello e a súa poboación, ata un 20%.

2. A calidade na resposta aos requirimentos de intervención por parte do servizo de emerxencias 112 de Galicia, estimadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ata un 40%.

3. Ter servizo de 24 horas, ata un 30%.

4. A existencia de riscos especialmente graves no concello, estimados pola Dirección Xeral de Protección Civil, ata un 10%.

b) Para as axudas de carácter específico:

1. Operatividade de funcionamento as 24 horas durante os 365 días do ano, en comunicación permanente co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, ata un 40%.

2. Número de protocolos activados, así como as incidencias que se xestionen a través do terminal remoto, ata un 60%.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interporse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 9º.-Publicación e rexistro.

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións de voluntarios de protección civil, pola Dirección Xeral de Protección Civil, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto nos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia deles

puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Comunicarlles por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así, entenderase que renuncia á subvención.

b) Facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

As agrupacións ás cales se lles aprobasen as axudas segundo o artigo 7 desta orde, disporán ata o 15 de outubro de 2007 para achegar as facturas correspondentes aos gastos aprobados, conformadas polo presidente da agrupación, tal e como se establece no artigo 4º.1.

Ademais das facturas deberán achegar un certificado do órgano competente de cada agrupación en que se indique que non se pediron outras axudas para a mesma finalidade.

O importe das facturas correspondentes será igual ou superior á cantidade aprobada, minorándose a axuda concedida en caso contrario de xeito automático.

No caso de que non se presentasen as facturas e o certificado sobre non concorrencia de axudas, segundo se indica no parágrafo anterior, ou estas no fosen válidas, perderase o dereito a percibir as axudas.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, de destinar a axuda a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos xuros xerados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza