DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.751

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de abril de 2007 pola que se ditan normas para a cesión en propiedade de material de emerxencia e salvamento en misións de protección civil, aos concellos e mancomunidades de concellos galegos.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración

local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar, tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia, actividade fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios coa Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como das necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar dos medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regular o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de material de emerxencias e salvamento en misións de protección civil aos concellos e mancomunidades de concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para colaborar cos concellos galegos na mellora da eficacia das súas actuacións en materia de protección civil e emerxencias e equipar cos medios necesarios a protección civil, cederalles en propiedade material de emerxencia e salvamento aos concellos e mancomunidades de concellos galegos que conten con Servizo Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que estea inscrita no rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Este material de emerxencias e salvamento estará composto por bomba de achique e grupo electróxeno, segundo se describe no anexo II.

Artigo 2º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 99.236 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.623.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2007, que se dedicarán á adquisición de material de emerxencia e salvamento para cederllo en propiedade aos concellos e mancomunidades de concellos.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas os concellos galegos e as mancomunidades de concellos que cumpran as seguintes condicións:

a) Contar con Servizo Municipal de Protección Civil ou ben dispoñer de agrupación de voluntarios de Protección Civil inscrita no rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguranza e protección civil.

c) Que o concello ou mancomunidade teña elaborado ou estea a elaborar o PAM e/ou PEMU. No suposto de estar a elaborar o PAM e/ou PEMU, o concello ou mancomunidade deberá ter redactado, cando menos, os traballos básicos, que abranguen necesariamente os seguintes aspectos: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica e análise básica dos riscos do concello.

d) Que teñan presentadas as contas da entidade local correspondentes ao exercicio orzamentario do 2005 no Consello de Contas de Galicia no momento da solicitude. No caso de mancomunidades de concellos, deberá entenderse este requisito para cada un dos concellos que a integran.

No caso das mancomunidades de concellos deberán prestarse os servizos de emerxencia e protección civil de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma mancomunada é incompatible coas solicitudes dos concellos que a compoñen individualmente.

En calquera caso, a entidade solicitante deberá comprometerse no momento da solicitude a aceptar a cesión do material que se lles conceda con cargo a esta orde.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os interesados en acollerse aos beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de trinta días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial

de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

a) Certificado expedido polo secretario do concello en que se indique a existencia de Servizo Municipal de Protección Civil, se é o caso.

b) Certificado do órgano competente en que se crea a Xunta Local de Protección Civil, se é o caso.

c) Certificado do órgano competente da mancomunidade en que se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil, se é o caso.

d) Certificado expedido polo secretario municipal ou órgano competente da mancomunidade en que se indique a cantidade que figura nos orzamentos municipais do ano 2007 para a finalidade de protección civil.

e) Acordo do órgano competente para presentar a solicitude.

f) Memoria asinada polo alcalde ou órgano competente da mancomunidade solicitante en que se indiquen os medios de que se dispón actualmente no seu concello ou mancomunidade destinados a tarefas de protección civil e emerxencias e no cal se especifique que se cumpre o requisito indicado no artigo 2 d), así como que non se solicitou axuda ningunha para os mesmos fins.

g) Copia en soporte informático do PAM ou PEMU, no caso de telo xa elaborado.

h) No caso de non ter elaborado o PAM ou o PEMU, copia do documento onde se reflicta o estado actual da súa elaboración, que deberá contar, como mínimo, coas seguintes partes: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica e análise básica dos riscos do concello.

i) Xustificante orixinal da entidade bancaria da conta aberta a nome do concello e fotocopia compulsada do CIF do concello.

j) Certificación do secretario da entidade local referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista no artigo 3º desta orde.

k) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto

ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, as delegadas provinciais remitirana á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola directora xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue, e formada polas catro delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Protección Civil, que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, cun número de beneficiarios en correspondencia co número de unidades de material de emerxencia e salvamento ofertado, e conterá unha lista de reserva para a posible renuncia dalgún beneficiario ou a adquisición de máis unidades, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

1. A proporción entre o número de persoal dedicado en activo á protección civil de cada concello e a súa poboación, ata o 25%.

2. A calidade na resposta aos requirimentos de intervención por parte do servizo de emerxencias 112-Galicia, estimadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ata o 50%.

3. A non concesión de axudas nas convocatorias de axudas da Dirección Xeral de Protección Civil do ano 2006 para o mesmo fin, ata o 10%.

4. A existencia de riscos especialmente graves nos concellos, estimada pola Dirección Xeral de Protección Civil, ata o 15%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, e procederase á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, supoñendo a cesión en propiedade do material de emerxencia e salvamento.

2. A notificación da resolución será efectuada pola Dirección Xeral de Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición perante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación e xustificación.

1. O alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade ao cal se lle conceda o material disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunicar a súa aceptación.

2. Transcorrido o prazo referido sen que se comunique a aceptación, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá anular a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión observarase o disposto no artigo 96.bis 4 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da comunidade autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo alcalde ou presidente da mancomunidade ou persoa en que delegue, e o

secretario xeral da consellería ou funcionario en que delegue, na cal constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ao fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva implícitos a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposición adicional

Todos os documentos descritos no articulado desta orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade de concellos, serán expedidos polo órgano competente da mancomunidade.

No caso de que as condicións expresadas no articulado se cumpran en cada un dos concellos e non na mancomunidade, as obrigas e documentos descritos serán referidas a cada un dos concellos que a compoñen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2007.

José Luís Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO II

Características técnicas

1. Corenta (40) xeradores eléctricos portátiles de gasolina, coas seguintes especificacións:

Cilindrada mínima: 210 c.c.

Saída continua mínimo monofásica: 4 kw.

Potencia mínima motor: 8 HP.

Chasis reforzado.

Carburante: gasolina sen chumbo.

Peso máximo en seco: 50 kg.

Prezo máximo unitario IVE incluído: 1.200 euros.

2. Corenta e tres (43) motobombas portátiles autoaspirantes de augas sucias, coas seguintes especificacións:

Cilindrada mínima: 150.

Potencia mínima 45 HP.

Aspiración mínima: 6 m.

Capacidade para aspirar augas sucias.

Caudal máximo: mínimo de 35.000 l/h.

Chasis reforzado.

Prezo máximo unitario IVE incluído: 1.200 euros.