DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 4 de abril de 2007 pola que se anuncian medidas de apoio ás entidades locais de Galicia, consistentes na dotación de equipamentos informáticos destinados a facilitar a implementación do portal dos concellos Eido Local.

A Xunta de Galicia ven desenvolvendo, desde hai anos, unha serie de servizos informáticos e de telecomunicacións para un proceso de modernización da Administración, así como a intensificación da cooperación coa Administración local. Este proxecto partiu do denominado Portelo Único e posteriormente consolidouse coa implementación do portal informático Eido Local, que supón a implantación da Administración electrónica nas relacións entre as entidades locais e a Xunta de Galicia.

A integración do portal dos concellos Eido Local como novo marco de prestación de servizos a través da internet incorporou un novo instrumento de xestión que permitiu axilizar os trámites e simplificar a tramitación de servizos e documentos administrativos nas relacións establecidas entre a Administración autonómica e a Administración local.

Como consecuencia da incorporación deste novo mecanismo de relación e comunicación no funcionamento ordinario das entidades locais interesadas, faise necesario dispoñer dos medios técnicos e materiais necesarios que constitúan unha infraestrutura telemática con capacidade suficiente para desenvolver un servizo rápido e eficaz, que se pretende potenciar coa incorporación de novas utilidades e servizos por parte da Xunta de Galicia.

Conforme o Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, o fomento e o impulso da incorporación das novas tecnoloxías e de métodos de calidade nas administracións locais galegas.

Tendo en conta isto, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende apoiar e colaborar coas entidades locais de Galicia, regulando por medio desta orde os requisitos e o procedemento que se seguirá para a cesión en propiedade de equipamentos informáticos destinados a facilitar a implementación e o desenvolvemento do portal dos concellos Eido Local.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá ao equipamento informático das entidades locais de Galicia, co fin de facilitar a implementación e o desenvolvemento do portal dos concellos Eido Local, de modo que a

Administración electrónica se converta nunha realidade na nosa comunidade e sexa a ferramenta para empregar nas relacións interadministrativas.

Para tal fin, cederá en propiedade equipamentos informáticos ás entidades locais de Galicia, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as cesións a que se refire esta orde aquelas entidades locais que cumpran cos seguintes requisitos:

-Ter asinado o correspondente convenio coa Xunta de Galicia, referente ao Portelo Único, e que na actualidade estean dados de alta no portal dos concellos -Eido Local- (www. eidolocal.es ou www.eidolocal.com).

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de trecentos vinte e nove mil euros (329.000 A) con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.626.0, programa 141.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, que se dedicarán á adquisición de equipamento informático para as entidades locais de Galicia.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, as entidades locais que reúnan os requisitos a que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse aos seus beneficios, deberán presentar a solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As entidades locais interesadas que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http:/www.eidolocal.es), segundo procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web

e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do rexistro telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http:/www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

3. Xunto coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telemática, presentaranse os seguintes documentos:

3.1. Certificación expedida polo secretario xeral da entidade local relativa ao acordo adoptado polo órgano competente, polo que:

a) Se acorda solicitar a cesión en propiedade regulada nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Facúltase o/a alcalde/sa-presidente/a da entidade para aceptar a cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións establecidas nesta orde.

3.2. Memoria na cal se relacione o material informático con que conta a entidade local na actualidade.

3.3. Relación de procedementos tramitados a través de Eido Local durante os anos 2005/2006.

3.4. Breve memoria xustificativa da necesidade do equipamento informático solicitado, en relación aos obxectivos do portal dos concellos Eido Local.

3.5. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

4. Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación desta solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación nesta páxina web.

5. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa estivese en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas ningunha variación que afectase o contido ou a súa vixencia, non será necesario achegalas novamente sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame

do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

6. Se na solicitude existise algún defecto, seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixiren os erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución e resolución.

Unha vez recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración local e da cal formarán parte as delegadas provinciais da consellería. Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefe de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Emprego da vía telemática nas súas relacións coa Administración autonómica de Galicia (documentación remitida a través de Eido Local: actas, envíos DOG, rexistro, solicitude subvencións) durante os anos 2005 e 2006: (40%).

b) Número de equipamentos informáticos (ordenadores persoais) cos cales conta a entidade local e persoal destinado para este fin: (10%).

c) Número de persoas da entidade local dadas de alta e en posesión do correspondente certificado de sinatura dixital, ademais do/a alcalde/sa presidente/a e o/a secretario/a da entidade: (10%).

d) Maior antigüidade das cesións de equipamentos informáticos para este fin: (40%).

Artigo 7º.-Notificación.

1. O acordo de cesión, que adoptará a forma de orde, publicarase no Diario Oficial de Galicia, expresando o beneficiario e o equipamento ou equipamentos informáticos cedidos.

A resolución da consellería seralles notificada aos solicitantes aos cales se lles conceda a cesión en propiedade dun equipamento ou equipamentos infor

máticos, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

2. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir a entidade local solicitante:

a) Comprometerse ao mantemento e conservación do equipamento informático cedido.

b) Comprometerse a destinar o equipamento informático ao fin para o que foi cedido, así como contribuír ao avance das relacións telemáticas entre a Administración local e autonómica a través do portal dos concellos Eido Local.

c) Comprometerse a dispoñer de sinatura dixital para os/as titulares de alcaldía, secretaría, intervención, ou secretaría/intervención da corporación local, no prazo máximo de dous meses desde a recepción do equipamento informático.

d) Facer unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 8º.-Aceptación.

A entidade local beneficiaria disporá dun prazo de dez días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas no parágrafo anterior. Transcorrido

este prazo sen que se comunique a dita aceptación, poderá anularse a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, segundo establece o artigo 96.bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Reversión e control.

Se os equipamentos informáticos cedidos non se aplicasen ao fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se os descoidasen ou os utilizasen con graves quebrantamentos, ou se incumprisen calquera das condicións de cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que comporta a cesión e, se é o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei de Galicia 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo; ademais, a contida no Decreto 278/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza