DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.743

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 3 de abril de 2007 pola que se regula o réxime de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para financiamento dos investimentos derivados da creación, posta en funcionamento e desenvolvemento dos servizos municipais de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

O Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe a esta consellería, entre outras competencias, as de instrumentación da axuda económica e asistencia técnica aos concellos, para a dotación de medios materiais e equipos de intervención e de protección civil.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -cuxos preceptos son declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, aos concellos e mancomunidades da comunidade autónoma de Galicia para a creación, posta en funcionamento e desenvolvemento dos servizos municipais de protección civil.

Artigo 2º.-Crédito.

Na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.760.2, existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 595.000 euros.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar esta axuda os concellos galegos e as mancomunidades de concellos que cumpran as seguintes condicións:

Modalidade A: subvencións para servizos municipais de protección civil.

a) Contar con servizo municipal de Protección Civil (no caso de mancomunidades de concellos, aplicarase á mancomunidade ou ben a cada un dos concellos que a forman).

b) Que nos seus orzamentos para o ano 2007 conten cunha partida orzamentaria destinada a funcións de protección civil.

c) Que o concello ou mancomunidade teña elaborado ou estea a elaborar o PAM e/ou PEMU. No suposto de estar a elaborar o PAM e/ou PEMU, o concello ou mancomunidade deberá ter redactado, cando menos, os traballos básicos, que abranguen necesariamente os seguintes aspectos: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica e análise básica dos riscos do concello.

d) Que teñan presentadas as contas da entidade local correspondentes ao exercicio orzamentario 2005 no Consello de Contas de Galicia no momento da solicitude. No caso de mancomunidades de concellos, deberá entenderse este requisito para cada un dos concellos que a integran.

Modalidade B: subvencións para concellos que creen o seu servizo municipal de protección civil:

a) Comprometerse a crear o seu servizo municipal de Protección Civil no ano 2007.

b) Cumprir os requisitos das alíneas c), d) da modalidade A.

En ambas as modalidades A) e B), se o solicitante é unha mancomunidade de concellos, deberán prestarse os servizos de emerxencia e protección civil de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma mancomunada é incompatible coas solicitudes dos concellos que a compoñen individualmente.

Artigo 4º.-Destino das axudas.

O destino das axudas é o financiamento dos investimentos (gastos de investimento) consistentes na creación, posta en funcionamento e desenvolvemento do servizo municipal de protección civil, incluíndo os de adquisición de equipamentos necesarios e material inventariable para a atención de emerxencias ou medios e instalacións asignados a misións de protección civil relacionados coas campañas estacionais de prevención de riscos (Plan Nega, Sapraga, inundacións, fenómenos meteorolóxicos adversos etc.). Estes gastos non poderán acumularse con outras subvencións ou axudas en que se soliciten fondos para custos por gastos de investimento en materia de protección civil.

Subvencionaranse con cargo a esta orde o 85% dos gastos aprobados mediante a resolución que se describe no artigo 8.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 3º que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Admi

nistracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida á delegada provincial da consellería, presentarase dentro do prazo de trinta días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e xuntaráselle, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo secretario municipal en se que indique a existencia de Servizo Municipal de Protección Civil, nas axudas da modalidade A.

b) Compromiso de creación do servizo municipal de protección civil durante o ano 2007, nas axudas da modalidade B.

c) Certificado expedido polo secretario municipal en que se indique a cantidade que figura nos orzamentos municipais do ano 2007 para a finalidade de protección civil, nas axudas da modalidade A.

d) Acordo do órgano competente para presentar a solicitude.

e) Memoria asinada polo alcalde-presidente do concello solicitante en que se indiquen os medios de que se dispón actualmente no seu concello destinados a tarefas de protección civil e no cal se especifique que se cumpren o requisitos indicados no artigo 3º d), así como que non se solicitou axuda ningunha para os mesmos fins. Así mesmo, nesa memoria deberán valorarse xustificadamente os gastos subvencionables que se prevexan.

f) Copia, en soporte informático do PAM ou PEMU, no caso de telo xa elaborado.

g) No caso de non ter elaborado o PAM ou PEMU, copia do documento en que se reflicta o estado actual da súa elaboración, que deberá contar, como mínimo, coas seguintes partes: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica e análise básica dos riscos do concello.

h) Xustificante orixinal da entidade bancaria da conta aberta a nome do concello e fotocopia compulsada do CIF do concello.

i) Certificación do secretario da entidade local referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista no artigo 3º desta orde.

j) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

No caso das mancomunidades será o órgano competente da mancomunidade o que presentará a documentación descrita nas alíneas anteriores.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 9º desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, coa sinatura desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido o antedito prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os delegados provinciais remitiranlla á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 5º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola directora xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue e formada polas catro delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da dita dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e, para a elaboración da proposta de resolución, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados como se indica a seguir:

Para as axudas da modalidade A:

1. A proporción entre número de persoal en activo dedicado a protección civil de cada concello e a súa poboación, ata o 25%.

2. A calidade na resposta aos requirimentos de intervención por parte do servizo de emerxencias 112 de Galicia, estimadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ata o 50%.

3. A non concesión de axudas nas convocatorias de axudas da Dirección Xeral de Protección Civil do ano 2006 para o mesmo fin, ata o 10%.

4. A existencia de riscos especialmente graves no concello, estimados pola Dirección Xeral de Protección Civil, ata o 15%.

Para as axudas da modalidade B:

1. A proporción entre número de persoal dedicado a protección civil de cada concello e a súa poboación, ata o 25%.

2. A especial urxencia na creación do servizo municipal de protección civil, por non existir no termo municipal outra unidade axeitada para atender urxencias, ata o 25%.

3. A existencia de riscos especialmente graves no concello, estimados pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais, ata o 50%.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de

avaliación. Na resolución indicarase o investimento subvencionado con cargo a esta orde para cada solicitude.

2. A resolución das solicitudes de subvención seralles notificada pola Dirección Xeral de Protección Civil a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interporse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 9º.-Publicación e rexistro.

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das entidades locais, a través das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, ademais, publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto nos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Comunicarlles por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así, entenderase que renuncia á subvención.

b) Facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

No caso das axudas da modalidade B, nun prazo de 2 meses desde a notificación da concesión da axuda, o concello deberá presentar a certificación do órgano municipal competente da creación do servizo municipal de protección civil. No caso contrario, perderase o dereito á percepción da axuda.

Os concellos aos cales se lles aprobasen as axudas da modalidade A, disporán ata o 15 de outubro de 2007 para achegar as facturas correspondentes ao 100% do investimento aprobado ou ben certificación pola mesma porcentaxe do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a cal solicita a axuda, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000, tal e como se establece no artigo 5º.1. Ademais das facturas que xustifican o investimento, deberán achegar un certificado do órgano competente de cada concello en que se indique que non se pediron outras axudas para a mesma finalidade.

O importe das facturas correspondentes ao investimento aprobado será igual ou superior á cantidade aprobada, minorándose a axuda concedida en caso contrario de xeito automático.

No caso de que non se presentasen as facturas e o certificado sobre non concorrencia de axudas, segundo se indica nos parágrafos anteriores, ou estas no fosen válidas, perderase o dereito a percibir as axudas.

O importe da axuda concedida será do 85% do investimento aprobado e xustificado cos medios descritos nos parágrafos anteriores deste artigo.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, de destinar a axuda a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se o concello non reúne os requisitos esixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos xuros xerados.

Disposición adicional

Todos os documentos e condicións descritos no articulado da presente orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade de concellos, serán expedidos polo órgano competente da mancomunidade. No caso de que as condicións expresadas no articulado se cumpran en cada un dos concellos, as obrigas e documentos descritos serán referidas a cada un dos concellos que a compoñen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza