DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 12 de abril de 2007 Páx. 5.739

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 3 de abril de 2007 pola que se regula o réxime de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para financiamento dos gastos derivados do funcionamento dos servizos de protección civil en materia de xestión de riscos e a xestión de emerxencias.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, letra c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias, e entre elas a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

O Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle a esta consellería, entre outras competencias, as de instrumentación da axuda económica e asistencia técnica aos concellos, para a dotación de medios materiais e equipos de intervención e de protección civil.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para financiamento dos gastos derivados do funcionamento dos servizos de protección civil en materia de xestión de riscos e a xestión de emerxencias.

Artigo 2º

Para a consecución do obxectivo ao que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Adminis

tracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 356.734 euros con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.460.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2007.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar esta axuda os concellos galegos e as mancomunidades de concellos que cumpran as seguintes condicións:

Modalidade A. Subvencións para servizos municipais de protección civil.

a) Contar con Servizo Municipal de Protección Civil (no caso de mancomunidades de concellos, aplicarase á mancomunidade ou ben a cada un dos concellos que a forman).

b) Que nos seus orzamentos para o ano 2007 conten cunha partida orzamentaria destinada a temas de protección civil.

c) Que o concello ou mancomunidade teña elaborado ou este elaborando o PAM e/ou PEMU. No suposto de estar elaborando o PAM e/ou PEMU, o concello ou mancomunidade deberá ter redactado, polo menos, os traballos básicos, que abranguen necesariamente os seguintes aspectos: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica e análise básica dos riscos do concello.

d) Que teñan presentadas as contas da entidade local correspondentes ao exercicio orzamentario 2005, no Consello de Contas de Galicia, no momento da solicitude. No caso de mancomunidades de concellos, deberá entenderse este requisito para cada un dos concellos que a integran.

No caso das mancomunidades de concellos, deberán prestarse os servizos de emerxencia e protección civil de xeito mancomunado. A presentación de solicitude de forma mancomunada é incompatible coas solicitudes dos concellos que a compoñen individualmente.

Modalidade B. Subvencións para concellos que creen o seu Servizo Municipal de Protección Civil:

a) Comprometerse a crear o seu Servizo Municipal de Protección Civil no ano 2007.

b) Cumprir os requisitos das letras c, d da modalidade A.

Artigo 4º.-Destino das axudas.

O destino das axudas é o financiamento dos custos (gasto corrente) dos medios materiais e dos equipos de intervención de protección civil, nos que incorra o concello como consecuencia da realización polos servizos de protección civil do concello, ou os medios asignados a misións de protección civil relacionadas coas campañas estacionais de prevención de riscos (Plan Nega, Sapraga, inundacións, fenómenos meteorolóxicos adversos, etc.) ou de operativos relacionados coa prevención de riscos e a xestión de emerxencias.

Estes gastos non se poderán acumular a outras subvencións ou axudas nas que se soliciten fondos para custos por gasto corrente de medios materiais e equipos de intervención de protección civil.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, directamente ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida á delegada provincial da consellería, presentarase dentro do prazo de trinta días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e xuntaráselle, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo secretario municipal no se que indique a existencia de Servizo Municipal de Protección Civil, nas axudas da modalidade A.

b) Compromiso de creación do Servizo Municipal de Protección Civil durante o ano 2007, nas axudas da modalidade B.

c) Certificado expedido polo secretario municipal no que se indique a cantidade que figura nos orzamentos municipais do ano 2007 para a finalidade de protección civil, nas axudas da modalidade A.

d) Acordo do órgano competente para presentar a solicitude.

e) Memoria asinada polo alcalde-presidente do concello solicitante, na que se indiquen os medios dos que se dispón actualmente no seu concello destinados a tarefas de protección civil e na que se especifique que se cumpre o requisito indicado no artigo 2 d), así como que non se solicitou axuda ningunha para os mesmos fins. Así mesmo, nesa memoria deberán valorarse xustificadamente os gastos a subvencionar que se prevexan.

f) Copia, en soporte informático, do PAM ou PEMU, no caso de telo xa elaborado

g) No caso de non ter elaborado o PAM ou PEMU, copia do documento no que se reflicta o estado actual da súa elaboración, que deberá contar, como mínimo, cos traballos básicos coas seguintes epígrafes: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica e análise básica dos riscos do concello.

h) Xustificante orixinal da entidade bancaria da conta aberta a nome do concello e fotocopia compulsada do CIF do concello.

i) Certificación do secretario da entidade local referida á presentación das contas no Consello de Contas de Galicia, prevista no artigo 3º desta orde.

j) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

No caso das mancomunidades, será o órgano competente da mancomunidade o que presentará a documentación descrita nas letras anteriores.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos

persoais dos beneficiarios para esas finalidades, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 8 desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, co asinamento desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Instrución.

1. Unha vez recibida e revisada a documentación nas delegacións provinciais, os delegados provinciais remitiranlla á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola directora xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue, e formada polas catro delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da dita dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados como se indica a continuación:

Para as axudas da modalidade A:

1. A proporción entre número de persoal en activo dedicado á protección civil de cada concello e a súa poboación, ata o 25%.

2. A calidade na resposta aos requirimentos de intervención por parte do Servizo de Emerxencias 112 de Galicia, estimadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza, ata o 50%.

3. A non-concesión de axudas nas convocatorias de axudas da Dirección Xeral de Protección Civil do ano 2006 para o mesmo fin, ata o 10%.

4. A existencia de riscos especialmente graves no concello, estimados pola Dirección Xeral de Protección Civil, ata o 15%.

Para as axudas da modalidade B:

1. A proporción entre número de persoal dedicado á protección civil de cada concello e a súa poboación, ata o 25%.

2. A especial urxencia na creación do Servizo Municipal de Protección Civil, por non existir no termo municipal outra unidade axeitada para atender urxencias, ata o 25%

3. A existencia de riscos especialmente graves no concello, estimados pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais, ata o 50%.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención seralles notificada pola Dirección Xeral de Protección Civil a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interporse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 9º.-Publicación e rexistro.

Os resultados das resolucións seranlles comunicados a cada unha das entidades locais, a través das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto nos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que como consecuencia deles puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Comunicarlles por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así, entenderase que renuncian á subvención.

b) Facilitar a información que lles sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

No caso das axudas da modalidade B, nun prazo de dous meses desde a notificación da concesión da axuda, o concello deberá presentar a certificación

do órgano municipal competente da creación do Servizo Municipal de Protección Civil. No caso contrario, entenderase desistida a solicitude.

Os concellos aos que se lles aprobasen as axudas da modalidade A, disporán ata o 15 de outubro de 2007 para achegaren as facturas correspondentes aos gastos aprobados ou ben certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicitan a axuda, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000, tal e como se establece no artigo 4º.1. Ademais das facturas, deberán achegar un certificado do órgano competente de cada concello no que se indique que non se pediron outras axudas para a mesma finalidade.

O importe das facturas correspondentes ao investimento aprobado será igual ou superior á cantidade aprobada, minorándose a axuda concedida en caso contrario de xeito automático.

No caso de que non se presentasen as facturas e o certificado sobre non-concorrencia de axudas, segundo se indica no parágrafo anterior, ou estes non fosen válidos, entenderase desistida a solicitude.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, de destinar a axuda a unha finalidade distinta para a que foi concedida, ou se o concello non reúne os requisitos exixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos xuros xerados.

Disposicións adicionais

Todos os documentos descritos no articulado desta orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade de concellos, serán expedidos polo órgano competente da mancomunidade.

No caso de que as condicións expresadas no articulado se cumpran en cada un dos concellos e non na mancomunidade, as obrigas e documentos descritos estarán referidos a cada un dos concellos que a compoñen.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza