DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 10 de abril de 2007 Páx. 5.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2007, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se formaliza a incorporación de novos méritos polos aspirantes xa inscritos e a selección de novos aspirantes para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, de médicos especialistas en medicina do traballo.

O pacto sobre selección temporal de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas, subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO., UXT, CSI-CSIF e SAE (Diario Oficial de Galicia nº 104, do 1 de xuño de 2004) prevé no punto cuarto da Norma Xeral 6.3 (supostos especiais) a formalización de convocatoria de selección temporal naquelas categorías que non fosen convocadas no prazo previsto para a convocatoria ordinaria xeral.

Esta resolución ten por obxecto formalizar a selección de novos aspirantes para vinculacións de médicos especialistas en medicina do traballo; así como incorporar os novos méritos que estean interesados en presentar aqueles aspirantes que xa figuran inscritos en virtude da convocatoria feita mediante a Resolución do 24 de maio de 2005 (DOG nº 105, do 2 de xuño).

Logo da negociación no seo da Comisión Central de Seguimento do pacto de selección temporal, a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, no uso das atribucións conferidas polo Decreto 46/2006, do 23 de febreiro (DOG nº 56, do 21 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 8 de maio de 2006 (DOG nº 99, do 25 de maio), sobre delegación de competencias en órganos cen

trais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, esta división

RESOLVE:

Primeira.-Obxecto e ámbito.

Por medio desta resolución procédese a convocar os novos aspirantes interesados en presentar a súa solicitude de inscrición na listaxe que se confeccione, así como a abrir o prazo para a incorporación dos novos méritos que estean interesados en presentar aqueles aspirantes que xa figuran inscritos en virtude de convocatoria formalizada a través da resolución da División de Recursos Humanos do Sergas, do 24 de maio de 2005.

A listaxe que se confeccione para a prestación de servizos nas unidades periféricas de prevención de riscos laborais das institucións sanitarias do Sergas, terá ámbito de Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Solicitudes e prazo.

2.1. Solicitudes.

2.1.1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que figura como anexo I desta resolución, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos exixidos e méritos alegados polos aspirantes.

2.1.2. Para adquirir a condición de aspirante será requisito imprescindible presentar a solicitude.

2.1.3. Así mesmo, deberán presentar solicitude os aspirantes xa admitidos nas listaxes vixentes de médico especialista en medicina do traballo para actualizar os seus méritos, ou ben para modificar as condicións previamente consignadas. Nestes dous supostos deberán marcar a epígrafe relativa a incorporacións sucesivas.

Os aspirantes que se limiten a incorporar novos méritos, non terán que aboar taxas pero si marcar a epígrafe da solicitude correspondente a actualización de méritos.

Aqueloutros que varíen as condicións consignadas na solicitude anterior, poden realizar unha modificación non substancial ou unha modificación substancial, entendendo por tal, aquela que implique mudanza de quenda (libre/promoción interna).

No primeiro caso, deberán marcar a epígrafe correspondente á modificación non substancial sen ter que aboar taxas. No segundo suposto, teñen que marcar a epígrafe correspondente á modificación substancial e achegar, xunto coa solicitude, o xustificante de ter aboado as taxas de acordo co previsto na disposición décimo terceira desta resolución.

2.1.4. Os aspirantes que se inscriben por primeira vez nestas listaxes deberán marcar na solicitude, o cadro correspondente a primeira inscrición, e achegala xunto co xustificante de aboamento de taxas consonte o previsto na última disposición desta resolución.

2.1.5. O modelo normalizado de solicitude estará á disposición dos interesados na páxina web do Sergas (www.sergas.es), así como no rexistro xeral da Consellería de Sanidade, nas direccións provinciais

do Sergas, nos centros hospitalarios e nas xerencias de atención primaria.

2.1.6. As solicitudes poderán presentaranse nos rexistros dos organismos indicados no parágrafo anterior, preferentemente no rexistro xeral da Consellería de Sanidade (edificio administrativo de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela); e, así mesmo, poderán presentarse a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse ao director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas.

2.2. Prazo.

Os interesados poderán achegar a súa solicitude no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Terceira.-Compatibilidade e incompatibilidade con outras categorías.

Os aspirantes que figuren nestas listaxes poderán figurar tamén nas listaxes de médicos de familia ou noutras que se elaboren das especialidades médicas ou médico cirúrxicas no ámbito do Sergas, polo que se declaran compatibles con elas.

Se os aspirantes figuraran inscritos en listaxes de vinculacións temporais noutra categoría declarada incompatible, de seren admitidos nesta convocatoria, deberán remitir escrito á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas facendo constar a súa opción por unha delas.

Cuarta.-Requisitos.

Os aspirantes deberán estar en posesión ou en situación de posuír no prazo de presentación de solicitudes, os requisitos seguintes:

a) Ter cumpridos 18 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) Acreditar a nacionalidade española ou dun país da UE, ou, se é o caso, dispor de autorización para residir e traballar legalmente en España.

c) Posuír ou estar en condicións de obter dentro do prazo de presentación de solicitudes, a titulación e formación exixida:

-Título de licenciado en medicina e cirurxía, especialista en medicina do traballo.

d) Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do correspondente nomeamento.

e) Non ter sido excluído das listaxes de vinculacións temporais por acordo de exclusión firme fundado en incumprimento grave do aspirante. (Norma xeral 5ª do pacto sobre selección temporal).

f) Acreditar o aboamento de taxa, agás o previsto no punto décimo terceiro desta resolución para os aspirantes que acrediten unha discapacidade igual ou superior a un 33%; ou sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

g) Quenda de promoción profesional temporal: reunir a condición de persoal estatutario fixo nunha categoría estatutaria, contar como mínimo con dous anos de servizo activo como persoal fixo, e posuír a titulación e formación requirida para prestar servizos na categoría á que se opta.

De non acreditar os anteditos requisitos no prazo fixado polo órgano convocante, o aspirante será excluído do proceso de selección.

Quinta.-Méritos.

Os méritos avaliables son os que figuran no anexo II desta resolución e deberán ser debidamente acreditados no prazo de presentación das solicitudes. Os méritos achegados fóra do dito prazo serán rexeitados e excluídos de avaliación.

Só se valorarán os méritos causados ata o día inmediato anterior á data de publicación desta resolución no DOG, tanto os que incorporen os aspirantes xa inscritos como os presentados polos aspirantes que accedan por primeira vez.

Sexta.-Documentación.

Xunto coa solicitude, os interesados deberán achegar a documentación que figura relacionada no modelo de solicitude, acreditativa de posuír os requisitos exixidos nesta resolución e os méritos alegados, mediante documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas.

Os servizos prestados acreditaranse mediante certificación asinada polo director da institución sanitaria ou empresa na que se faga constar toda a información necesaria para a baremación. Para estes efectos, cómpre aclarar que a vida laboral non acredita os servizos prestados.

Non será preciso presentar certificación ou documentos acreditativos dos requisitos habilitadores e méritos relativos á: experiencia profesional, formación académica, formación especializada, formación continuada e aos coñecementos de lingua galega tidos en conta na anterior convocatoria e que, polo tanto, xa constan no expediente do aspirante interesado.

Así mesmo, non será necesario presentar certificado de servizos prestados nas institucións sanitarias do Sergas por aqueles aspirantes que xa figuren inscritos nas listaxes vixentes por valorarse os citados servizos de xeito directo e automatizado desde os aplicativos de persoal e nóminas dos centros do Sergas.

Sétima.-Vinculacións temporais para persoal discapacitado.

Nos termos que indique esta división, logo da negociación no seo da comisión de seguimento deste pac

to, farase unha reserva do 5% das vinculacións temporais en período estival para o persoal que acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e que así o indique e acredite xunto coa solicitude.

Oitava.-Elaboración das listaxes.

De conformidade co disposto na Norma Xeral 6ª do pacto sobre selección temporal, as listaxes de aspirantes a nomeamentos temporais elaboraranse pola estrita orde de puntuación que resultará da aplicación do baremo correspondente á categoría.

Logo da valoración dos méritos dos aspirantes, publicaranse as listaxes provisionais nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais do Sergas, das xerencias de institucións sanitarias do Sergas, da Consellería de Sanidade, da Secretaría Xeral do Sergas e na páxina web do dito organismo. Nas ditas listas provisionais figurarán os aspirantes admitidos coa súa puntuación e a orde de prelación, e os aspirantes excluídos coa indicación da causa de exclusión.

Contra a resolución pola que se publiquen as listaxes provisionais, os interesados poderán formular reclamación perante a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Unha vez resoltas as reclamacións contra as listas provisionais, publicaranse as listaxes definitivas, do mesmo xeito que o establecido para as provisionais.

Novena.-Entrada en vigor das listaxes.

As listaxes que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na publicación das listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

A publicación das listaxes provisionais e definitivas formalizarase nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais do Sergas, das xerencias de atención primaria, hospitais e complexos hospitalarios do Sergas; da Consellería de Sanidade, da Secretaría Xeral do Sergas e na páxina web do dito organismo.

Décima.-Selección de aspirantes.

A xestión das listaxes derivadas desta convocatoria rexerase polo disposto nas normas contidas no pacto sobre selección temporal de persoal estatutario das institucións sanitarias do Sergas (DOG nº 104, do 1 de xuño de 2004).

Undécima.-Período de proba.

Os aspirantes que resulten seleccionados serán sometidos a un período de proba de tres meses de traballo efectivo. Durante a vixencia deste será posible a resolución da relación estatutaria a instancia de calquera das partes, que deberá ser comunicada mediante escrito, sen alegación de causa nin dereito a indemnización polo tal motivo.

Duodécima.-Retribucións.

As retribucións que percibirán os aspirantes que resulten seleccionados serán as recollidas na Orde do 16 de xaneiro de 2007, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2007, en aplicación da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 (código orzamentario SF-A-14).

Décimo terceira.-Xornada laboral.

A xornada que desenvolverán os aspirantes que resulten seleccionados será, con carácter xeral, a asignada ao persoal estatutario de Atención Especializada.

Décimo cuarta.-Aboamento de taxas.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, os aspirantes que accedan por primeira vez e os que soliciten unha modificación esencial, deberán aboar previamente en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 16,32 A e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

O impreso de autoliquidación, así coma os códigos para a súa cobertura, seranlles facilitados aos interesados xunto coa solicitude de inscrición nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios, nas xerencias de atención primaria e estarán publicadas na páxina web do Sergas. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co modelo de solicitude de inscrición, determinará a exclusión do aspirante.

Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e, dentro desta, ás oficinas virtuais e á oficina tributaria. Premerase entón na lenda «servizos de acceso libre» e logo no menú da marxe esquerda en «taxas, prezos, multas e sancións». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o xustificante de ter aboado a taxa substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

Estarán exentos do aboamento desta taxa os aspirantes que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como os aspirantes que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de ser membros de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%.

As tales circunstancias deberán ser acreditadas respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, e a través do título oficial de familia numerosa.

Así mesmo, non terán que aboar esta taxa os aspirantes xa inscritos en procesos precedentes que só incorporen novos méritos ou que fagan modificacións non substanciais das condicións consignadas con anterioridade.

No caso de erro ou discrepancia co importe autoliquidado, establecerase unha exclusión provisional, que poderá ser emendada no prazo de reclamacións á resolución de publicación das listaxes provisionais de aspirantes admitidos e excluídos.

Os aspirantes excluídos dispoñerán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de resolución pola que se publiquen as listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2007.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional

ANEXO I

Médico do traballo

Solicitude de primeira inscrición ou incorporación de novos méritos na listaxe previa a vinculacións temporais de persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde

Convocatoria data: .....

(Deberá consignarse a data de publicación da convocatoria no DOG)

00 1ª Inscrición

00 Incorporacións sucesivas:

00 Actualización de méritos.

00 Modificación substancial (cambio de quenda: libre/promoción interna).

Modificación non substancial.

Solicitante: nome e apelidos ... DNI: ... data de nacemento ... enderezo: ... Concello: ... provincia: ... CP ... teléfono: ... (móbil)... correo electrónico ... código numérico persoal (CNP): ... discapacidade: grao igual ou superior a 33% ... 0 membro de familia numerosa: de categoría especial ... 0 de categoría xeral ... 0

EXPÓN:

Que, publicada a convocatoria para presentar solicitudes como aspirantes a vinculacións temporais do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Pacto sobre selección temporal; resolución conxunta do 24 de maio de 2004, da Secretaría Xeral da

Consellería de Sanidade e a División de Recursos Humanos do Sergas) para a prestación de servizos con carácter temporal nas institucións sanitarias do Sergas, nas condicións que se establecen no devandito pacto, e crendo reunir os requisitos necesarios.

SOLICITA:

Que sexa admitida esta solicitude á que se xuntan os documentos relacionados para a categoría e demáis condicións sinaladas.

Promoción profesional (Norma xeral 9ª: persoal fixo con dous anos de antigüidade): ...0

Centro: .....

... o ... de ... de 200...

Sinatura

Director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde

Relación de documentos que achegan os aspirantes (sinálense cun X os documentos que xunta):

0 Exemplar da autoliquidación de taxa destinado á Administración cuberto pola entidade bancaria, ou xustificante do aboamento pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas.

0 Copia do DNI ou documento que legalmente o substitúa (ou carta identificativa e permiso de traballo e residencia no suposto de cidadáns de fóra da UE), (se non consta no seu expediente).

0 Copia compulsada da titulación exixida, (se non consta no seu expediente).

0 Orixinais ou copias compulsadas do expediente académico, (se non consta no seu expediente).

0 Orixinais ou copias compulsadas dos cursos de formación e perfeccionamento que non se tivesen achegado en anteriores convocatorias:

1 ..........

2 ..........

3 ..........

4 ..........

5 ..........

6 ..........

7 ..........

8 ..........

9 ..........

10 ..........

0 Para a acreditación de servizos prestados: certificados expedidos polos directores das institucións sanitarias ou empresas, nos que conste toda a información necesaria para a baremación, que non se tivese achegado en anteriores convocatorias.

0 Documentación acreditativa doutros méritos non achegada en anteriores convocatorias:

1 ..........

2 ..........

3 ..........

4 ..........

5 ..........

0 Acreditación de discapacidade en grao igual ou superior a 33%: deberá achegarse certificación acreditativa do grao de discapacidade (delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar).

0 Acreditación da condición de membro de familia numerosa de categoría especial.

0 Acreditación da condición de membro de familia numerosa de categoría xeral.

Titulación exixida: licenciado en medicina e cirurxía, especialista en medicina do traballo.

Idade: a idade mínima exixida será, cando menos, de 18 anos cumpridos o último día do prazo de presentación de solicitudes, e non exceder da idade de xubilación forzosa (65 anos).

Advertencias:

1º. No caso de seren seleccionados, os aspirantes que xa figuren inscritos na listaxe de vinculacións temporais noutras categorías declaradas incompatibles deberán remitir escrito á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas optando a unha das categorías.

2º. De acordo co previsto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, comunicaselle que os datos incluídos nesta solicitude serán rexistrados en ficheiros automatizados responsabilidade da Consellería de Sanidade/Sergas. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación de datos e oposición poderán ser realizados nos termos previstos na antedita lei.

ANEXO II

Baremo de médicos do traballo

I. Formación académica.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto dos méritos nesta epígrafe será 3,5 puntos.

1. Estudos de licenciatura:

Por cada matrícula de honra: 1,5 puntos.

Por cada sobresaliente: 1 punto.

Por cada notable: 0,5 puntos.

-A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas, expresando o cociente cos dous primeiros decimais obtidos.

-Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

2. Posgrao (a puntuación máxima acadable nesta epígrafe será de 1,5 puntos).

Exame de grao (licenciatura): 0,25 puntos.

Premio extraordinario: 0,75 puntos.

Pola realización dos cursos monográficos de doutoramento ou do 3º ciclo: 0,25 puntos.

Por acreditar a suficiencia investigadora: 0,50 puntos.

3. Grao de doutor: 1,75 puntos.

-A puntuación máxima acadada polos coñecementos de posgrao e doutoramento reflectidos nas epígrafes 2 e 3 será 2 puntos.

A valoración do grao de doutor excluirá a valoración dos curso de doutoramento e/ou da suficiencia investigadora.

Soamente se valorarán, para os efectos desta epígrafe, os expedientes académicos e titulacións obtidos en España ou noutro país da Unión Europea.

II. Formación continuada.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto dos méritos previstos nesta epígrafe será 4 puntos.

Pola asistencia, debidamente xustificada a:

a) Cursos de formación e perfeccionamento acreditados pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde ou pola Comisión Autonómica de Galicia, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría do médico do traballo nas institucións sanitarias.

b) Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica e universidades, Real Academia de Medicina, colexios oficiais de médicos, Escola Nacional de Medicina do Traballo, Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene, organizacións sindicais ou avalados en debida forma polo Sergas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias do médico do traballo nas institucións sanitarias.

c) Os cursos realizados en aplicación do acordo de formación continua das administracións públicas, que tiveron a súa virtualidade, entre outros, en organismos, institucións, organizacións acreditativas, ou no Plan de Formación Continua do Sergas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias do médico do traballo nas institucións sanitarias.

Por crédito 0,20 puntos.

Por hora 0,02 puntos.

Os cursos valoraranse polos créditos que consten nos seus certificados.

De non constar os créditos, os cursos valoraranse polas horas que se especifiquen no certificado.

Para o caso de que o certificado indique os créditos e horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos que figuren neste. En todo caso, os cursos acreditados pola Comisión Nacional de Formación Continua ou convocados e impartidos polas universidades deberán indicar nos seus certificados o número de créditos de correspondencia.

Non serán valorados os cursos realizados durante a especialización que estean incluídos no programa docente da especialidade correspondente.

Non se computarán os cursos que se presenten que teñan unha data de antigüidade superior a oito anos desde a data do seu remate. Non obstante, a formación superior de carácter oficial, tal como mestrados ou formación que implique un grao de especialización oficial non incluída na epígrafe IV deste baremo non estará afectada por esta limitación. Neste último caso a puntuación que se obteña pola citada formación consolidarase para as futuras convocatorias.

III. Outras actividades.

Aspirantes que superasen as probas de acceso para a obtención pola vía excepcional do título de especialista en medicina do traballo, en virtude do sistema disposto no Real decreto 1497/1999, do 24 de setembro (MESTO): 1 punto.

Por ter acreditadas outras especialidades en prevención de riscos laborais: 2 puntos por cada unha.

IV. Formación especializada.

1. Os aspirantes que, para a obtención do título de médico especialista, teñan cumprido o período completo de formación como médico residente do programa MIR. Inclúense os aspirantes que obtiveron o título de especialista en medicina do traballo de conformidade co sistema de formación recollido no artigo 4.2º do Real decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, desenvolvendo o programa formativo específico en unidades docentes acreditadas para dispensalo, independentemente do sistema de selección no acceso á formación na especialidade:

a) MIR en medicina do traballo: 5 puntos.

b) MIR en medicina legal: 2 puntos.

c) MIR en medicina familiar e comunitaria: 2 puntos.

d) MIR especialista en medicina interna: 2 puntos.

e) MIR especialista noutras especialidades: 1 punto por especialidade.

O máximo de puntuación polo conxunto desta epígrafe de formación especializada será de 9 puntos.

V. Experiencia profesional.

A puntuación máxima posible para cada aspirante polo conxunto dos méritos previstos nesta epígrafe será de 12 puntos.

-Polos servizos prestados como médico especialista en medicina do traballo ou médico de empresa, ou médico de medicina preventiva e saúde pública en postos de prevención de riscos, en institucións sanitarias dependentes do Sergas ou noutras institucións sanitarias integrantes do Sistema Nacional de Saúde, fundacións e empresas sanitarias públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que estas últimas outorguen un tratamento recíproco aos aspirantes ás súas vinculacións temporais. Por cada mes completo: 0,25 puntos.

-Polos servizos prestados como médico especialista en medicina do traballo ou médico de empresa en servizos de prevención propios de institucións sanitarias privadas españolas ou dun país da UE, sempre que outorguen un tratamento recíproco aos aspirantes ás súas vinculacións temporais. Por cada mes completo: 0,15 puntos.

-Polos servizos prestados como médico especialista en medicina do traballo ou médico de empresa en servizos de prevención propios de empresas non sanitarias, servizos de prevención alleos ou servizos de prevención mancomunados de empresas públicas ou privadas de sectores non sanitarios españois ou dun país da UE. Por cada mes completo: 0,10 puntos.

Non se poderán valorar simultaneamente os servizos prestados en dúas ou máis epígrafes se o son en postos incompatibles entre si de conformidade coa normativa vixente para estes efectos.

A acreditación dos servizos prestados en institucións sanitarias públicas españolas farase a través de certificación expedida polo responsable do servizo de persoal ou servizo equiparable do centro público que corresponda.

A prestación de servizos en institucións sanitarias privadas deberá acreditarse coa presentación de certificación da empresa en que se faga constar categoría, duración e xornada do facultativo; tamén se presentará informe do órgano correspondente da Seguridade Social de cotizacións como facultativo.

Os servizos prestados en institucións sanitarias, tanto públicas coma privadas, dalgún país integrante da UE, acreditaranse por medio da certificación oficial expedida polo órgano que proceda do país en cuestión e, de ser necesario, exixirase a súa homologación por parte da oficina diplomática española do país de que se trate.

VI. Coñecementos da lingua galega.

a) Pola realización do curso de iniciación de lingua galega: 0,5 puntos.

b) Pola realización do curso de perfeccionamento de lingua galega: 1 punto.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 1 punto.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA