DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 10 de abril de 2007 Páx. 5.603

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de abril de 2007 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga indefinida que afecta o ensino público non universitario convocada desde o día 16 de abril de 2007.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, e o persoal preciso para prestalos.

Como consecuencia da asemblea de profesorado non numerario de Galiza que tivo lugar o 17 de marzo de 2007 en Santiago de Compostela, comunicouse a convocatoria dunha folga indefinida no ensino público non universitario a partir do 10 de abril. Posteriormente o comité de folga presentou un escrito no que se poñía de manifesto que se aprazaba o inicio da folga o día 16 de abril de 2007.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga á Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores; dun xeito máis específico, o artigo 15 do Real decreto 732/1995, do 5 de maio, publicado no BOE do 2 de xuño, polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros, dispón no seu artigo 15 que todos os alumnos teñen dereito a que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguridade. Polo tanto, a custodia dos menores de idade que se atopen nun centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos, establécese a necesaria presenza no cen

tro docente público non universitario do director ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo, xa que o director desempeña a representación do centro e garante o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan, respectivamente, as alíneas d) e a) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, publicada no BOE do 4 de maio, e, polo tanto, está capacitado e facultado para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente. Por ocupar unha posición semellante á sinalada respecto do director, tamén se considera servizo mínimo a presenza, no período lectivo, dos responsables de centros de menos de tres unidades.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada e de conformidade co comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán a consideración de servizos mínimos para o persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a presenza durante a xornada lectiva do/a director/a ou membro do equipo directivo de cada centro docente non universitario, incluídos os responsables de centros de menos de tres unidades.

Artigo 2º

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 3º

O disposto nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal na dita situación.

Artigo 4º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria