DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 10 de abril de 2007 Páx. 5.569

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 62/2007, do 22 de marzo, polo que se resolve o expediente de deslinde parcial dos termos municipais de Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa.

O Concello de Castro Caldelas solicitou o deslinde do seu termo municipal respecto do municipio limítrofe de Chandrexa de Queixa, no tramo comprendido entre o cuarto e o oitavo marco da liña límite xurisdicional.

O expediente de deslinde tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Segundo consta no expediente, a acta do 21 de xuño de 1920 do Instituto Xeográfico e Estatístico, asinada de conformidade polos representantes dos concellos de Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa, é o documento xurídico vixente que define a liña límite entre os seus termos municipais. Ambos os dous concellos recoñecen a dita vixencia.

O conflito céntrase na interpretación da definición da liña límite descrita na acta de 1920, é dicir, na identificación física da liña límite. O Instituto Xeográfico Nacional utilizou os medios técnicos adecuados e realizou todas as actuacións posibles para aclarar a confusión sobre o límite territorial entre Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa, ocasionada polo transcurso do tempo, polas actuacións desenvoltas sobre o terreo que modificaron a súa fisionomía orixinal e especialmente pola ausencia de caderno topográfico de campo correspondente á acta de 1920.

Como resultado das súas actuacións, o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informes de datas do 26 de abril de 2004 e do 18 de xullo de 2006. Este último é consecuencia das accións realizadas para completar o estudo da liña límite entre os concellos de Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa e contén unha proposta de liña límite que ten en conta non só os datos resultantes da cartografía oficial senón tamén a análise da localización de cada un dos marcos sobre o terreo conforme a súa posición cartográfica e a descrición material e condicións de visibilidade que figuran na acta do 21 de xuño de 1920. Do informe do 18 de xullo forma parte un anexo, de data do 11 de setembro de 2006, no que se precisan as coordenadas dos marcos da liña límite proposta polo instituto, permitindo a súa localización exacta.

A proposta de liña límite contida no informe do 18 de xullo de 2006 foi aceptada pola Deputación

Provincial de Ourense e a Comisión Galega de Delimitación Territorial.

A competencia para resolver os conflitos que poidan suscitarse entre municipios da Comunidade Autónoma de Galicia en relación co deslinde dos seus termos correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de réxime local e logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da deputación provincial respectiva, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo, segundo establecen os artigos 41 e 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Resolver o conflito suscitado entre os concellos de Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa, ambos os dous da provincia de Ourense, sobre o deslinde dos seus termos municipais no tramo comprendido entre o cuarto e o oitavo marco da liña límite xurisdicional, no sentido de considerar válida e vixente a liña límite que se describe na acta do 21 de xuño de 1920 do Instituto Xeográfico e Estatístico, como propón e representa o Instituto Xeográfico Nacional na ortofotografía a escala 1:5.000 que acompaña o seu informe do 18 de xullo de 2006 e que figura como anexo I deste decreto e cuxos marcos están situados conforme a relación de coordenadas que figura como anexo do dito informe e que se reproduce como anexo II deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que consideren oportuno.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO II

Relación de coordenadas dos marcos catro a oito da liña límite entre Castro Caldelas e Chandrexa de Queixa

XYH

Marco 4631687.444688049.341288.57
Marco 5630790.464687420.381264.20
Marco 6630275.474686975.161209.13
Marco 7629638.854685969.381183.82
Marco 8629526.674685661.621160.83

As coordenadas X e Y exprésanse na proxección cartográfica UTM sobre o sistema xeodésico de referencia ED 50. A coordenada H é a altitude ortométrica referida ao nivel medio do mar en Alicante.