DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 09 de abril de 2007 Páx. 5.468

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 61/2007, do 22 de marzo, polo que se crea o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.

As explotacións de bovino de leite constitúen a rama máis importante do sector agrario galego, tanto en termos de valor económico como de emprego, configurándose ademais como o núcleo central das explotacións profesionalizadas do sector. Esta rama experimentou intensos cambios nas últimas décadas, e as profundas modificacións no seu contorno que se están a producir fan pensar que as mudanzas continuarán no futuro. Os cambios non só afectaron as explotacións, senón tamén a industria transformadora, a distribución e o consumo de produtos lácteos. A relevancia que a cadea láctea ten na nosa economía e a velocidade e intensidade das mudanzas á que está sometida aconsellan que a Administración galega, e o conxunto de axentes que integran esta cadea, dispoñan dunha información pormenorizada sobre esta.

Tendo en conta esta necesidade, a Consellería do Medio Rural considera oportuno crear un órgano especializado, adscrito a esta, que se denominará Observatorio do Sector Lácteo de Galicia. Este órgano tomará para si as funcións de elaboración de informes e estudos sobre os distintos aspectos da cadea de produción, transformación e distribución de produtos lácteos que poidan resultar relevantes para os axentes representativos do sector.

Xa que logo, e por proposta do conselleiro do Medio Rural, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia.

1. Créase o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, como órgano colexiado de asesoramento e consulta cos representantes do sector lácteo.

2. O Observatorio do Sector Lácteo adscríbese á consellería competente en materia agraria e de desenvolvemento rural.

3. O Observatorio do Sector Lácteo ten a súa sede nas dependencias da consellería competente en materia agraria e de desenvolvemento rural.

Artigo 2º.-Funcións.

O Observatorio do Sector Lácteo ten as funcións seguintes:

a) Analizar a situación do sector e as diferentes problemáticas que o afectan.

b) Recompilar os datos técnicos e económicos que se lle remitan relativos ás explotacións de vacún de leite.

c) Elaborar un sistema de información así como os índices de referencia que se consideren adecuados para o coñecemento da evolución do sector lácteo.

d) Subministrarlles aos axentes representativos do sector información sobre a situación estrutural e conxuntural do sector, fundamentada, entre outros, nos prezos pagados e percibidos polos produtores, nos resultados da xestión técnica e económica das explotacións de leite e na situación de oferta e demanda dos produtos lácteos no mercado.

e) Asesorar os diversos servizos da consellería competente en materia agraria e de desenvolvemento rural no exercicio das funcións que teñen atribuídas no ámbito da produción agraria.

f) Elaborar publicacións e estudos sobre a materia.

g) Calquera outra función relacionada co sector lácteo que lle encargue a persoa titular da consellería competente en materia agraria e de desenvolvemento rural, ou outro titular dun órgano da consellería por delegación daquel.

Artigo 3º.-Composición.

1. O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia ten a composición seguinte:

a) Na presidencia, a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as funcións da presidencia serán exercidas polo membro do observatorio en que delegue.

b) En calidade de vogais, as seguintes persoas:

Tres representantes da consellería competente en materia agraria e de desenvolvemento rural, con rango de director ou sudirector xeral, nomeados pola persoa titular da consellería.

Un representante de cada unha das organizacións profesionais agrarias representadas no Consello Agrario Galego, designados pola persoa titular da secretaría xeral de cada organización.

Un representante da Asociación de Cooperativas Agrarias de Galicia, designado pola persoa titular da presidencia desta.

Tres representantes da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, designados pola persoa titular da presidencia desta.

c) O director xeral competente en materia de investigación da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de agricultura e desenvolvemento rural, nomeará entre o persoal administrativo desta, un secretario que exercerá as funcións que

lle atribúe o artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que exercerá as súas funcións sen dereito a voto.

2. No caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, os vogais do Observatorio poderán ser substituídos por outra persoa ao servizo da unidade ou organización á que representen, que acreditarán ante o secretario do Observatorio a súa designación ou representación.

3. O Observatorio pode, por iniciativa de calquera dos seus membros, reclamar a presenza nas sesións de traballo de persoas cualificadas que, en representación doutros departamentos da Xunta de Galicia, dos organismos e entidades sectoriais ou do contorno académico, poidan achegar aos debates o seu punto de vista especializado sobre as materias que se suscitan.

Artigo 4º.-Réxime de reunións.

1. O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia reúnese como mínimo catro veces ao ano, en sesión ordinaria, e con carácter extraordinario, sempre que o seu presidente ou presidenta o considere oportuno.

2. As reunións, tanto ordinarias como extraordinarias, debe convocalas o presidente ou a presidenta con sete días de antelación. No caso de urxencia, as reunións extraordinarias pódense convocar cunha antelación de corenta e oito horas.

3. O Observatorio do Sector Lácteo pode crear grupos de traballo para o estudo de temas concretos de interese para o Observatorio.

Artigo 5º.-Funcionamento e apoio técnico.

1. O funcionamento do Observatorio do Sector Lácteo axustarase en todo o que non prevé este, ás normas que sobre os órganos colexiados contén o capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de investigación da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de agricultura e desenvolvemento rural, o apoio material e persoal necesario ao Observatorio do Sector Lácteo para o desenvolvemento das súas funcións.

Disposición adicional

Os sistemas de información aos que se refiren os puntos d) e e) do artigo 2º someteranse á normativa aplicable en materia de defensa da competencia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A creación do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia non supón un incremento de gasto público.

Segunda.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura e desenvolvemento rural para ditar as ordes e instrucións que

sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA