DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 04 de abril de 2007 Páx. 5.371

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, se establece o procedemento de autorización das entidades de formación e se crea o rexistro destas.

A calidade e a seguranza alimentaria están a cobrar unha crecente importancia nos últimos anos porque o consumidor demanda garantías sobre os distintos sistemas de cría e as condicións hixiénicas, sanitarias e de benestar animal, dos produtos que consome.

Na Unión Europea, o respecto á lexislación en materia de saúde pública, sanidade animal e vexetal, ambiente e benestar dos animais vai condicionar a concesión de determinadas axudas dentro da Política Agraria Común.

O Real decreto 751/2006, do 16 de xuño, sobre autorización e rexistro de transportistas e medios de transporte de animais e polo que se crea o comité español de benestar e protección dos animais de produción, establece no seu artigo 8 os requisitos que deben reunir os cursos de formación en materia de protección dos animais durante o seu transporte.

O Regulamento 1/2005 do Consello, do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais durante o transporte e as operacións conexas e polo que se modifican as directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) nº 1255/97, establece no seu artigo 3 que o persoal que manipula os animais estará convenientemente formado ou capacitado para o dito labor e realizará o seu cometido sen recorrer á violencia ou a métodos que poidan causar aos animais temor, lesións ou sufrimentos innecesarios; no seu artigo 17 establece a previsión de cursos de formación, ao dispor do persoal dos transportistas e dos centros de concentración. Cómpre ter en conta a entrada en vigor deste regulamento a partir do 5 de xaneiro de 2007, coa excepción dos condutores/as e coidadores/as dos vehículos de estrada destinados ao transporte de équidos domésticos, de animais domésticos das especies bovina, ovina, caprina e porcina ou aves de curral, que será aplicable a partir do 5 de xaneiro de 2008.

O Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación da avicultura de carne, establece no seu anexo I, relativo as condicións xerais para todas as explotacións, que as autoridades competentes asegurarán que se realice a formación de todo o persoal encargado de coidar e manipular os animais das explotacións.

O Real decreto 1041/1997, do 27 de xuño, polo que se establecen as normas relativas á protección dos animais durante o transporte, establece no seu artigo 5 a exixencia de que os transportistas de gando posúan unha formación específica, adquirida na empresa ou nun organismo de formación, ou teñan unha experiencia profesional equivalente para proceder á manipulación e ao transporte de animais vertebrados, así como proporcionar os coidados axeitados aos animais transportados en caso necesario.

O Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, que incorpora ao ordenamento xurídico a Directiva 98/58/CE, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras, modificado polo Real decreto 441/2001, do 27 de abril, establece que os propietarios/as ou criadores/as de animais nas explotacións gandeiras terán como obriga a adopción de medidas axeitadas para asegurar o benestar dos animais.

O Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para protección de porcos, que incorpora ao ordenamento xurídico as directivas 2001/88/CE e 2001/93/CE, establece a obrigatoriedade da capacitación en materia de benestar animal de todas aquelas persoas encargadas do coidado de animais da especie porcina, establecendo que as autoridades competentes

das comunidades autónomas se asegurarán de que se realice a formación mediante cursos de formación.

Anteriormente, o Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, que establece as normas mínimas de protección de galiñas poñedoras e o Real decreto 54/1995, do 20 de xaneiro, sobre protección dos animais no momento do seu sacrificio ou matanza, establecen normas que supoñen, implicitamente, a adecuada formación do persoal en materia de benestar animal. No Real decreto 547/2004, do 25 de xuño, de ordenación das explotacións cunículas, esa exixencia aparece explicitamente.

Por tanto, os axentes que interveñen tanto na cría como na manipulación dos animais en granxas, centros de concentración, matadoiros ou outros lugares ou durante o seu transporte, deberán acreditar unha formación axeitada en materia de benestar animal, para garantir un desenvolvemento racional da produción e procurar o benestar dos animais no mercado.

A formación dos axentes implicados na manipulación dos animais deberá ser garantida e controlada pola autoridade competente para efectos do recoñecemento de programas de formación, cursos ou actividades que sexan impartidos en entidades ou centros de formación agraria.

Cómpre, por tanto, establecer o marco normativo que no ámbito da Comunidade Autónoma galega determine as funcións que se encomendan á Consellería do Medio Rural como competente nestas materias.

En virtude das competencias recoñecidas no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia en materia de ensino, e do Decreto 247/2000, do 29 de setembro, relativo ao regulamento de capacitación agraria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto:

a) Establecer as normas, así como os programas de formación, para a realización de cursos de formación en materia de benestar animal, para garantir a capacitación do persoal encargado da manipulación dos animais, naqueles casos en que a normativa en vigor así o exixa.

b) Regular o procedemento de autorización das entidades que imparten cursos de formación en materia de benestar animal na Comunidade Autónoma galega.

c) Crear o rexistro de entidades que imparten cursos en materia de benestar animal.

d) Regular o procedemento para a expedición do certificado de competencia para condutores/as e coidadores/as de vehículos de estrada de transporte de animais vivos e a acreditación de formación en materia de benestar animal do persoal das granxas, matadoiros, centros de concentración e outro persoal a que lle sexan de aplicación as exixencias legais neste tipo de formación.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto decreto será de aplicación aos cursos que en materia de benestar animal sexan exixibles pola normativa vixente e que sexan organizados e realizados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ben pola consellería competente en materia de agricultura ou ben polas entidades de formación que os impartan ao persoal de granxas, matadoiros, centros de concentración e outros, e aos condutores/as e coidadores/as de gando.

2. Non será de aplicación aos cursos de formación dirixidos ao persoal dos centros de cría, subministradores/as e usuarios/as de animais de experimentación, segundo o disposto no Real decreto 1201/2005, do 10 de outubro, sobre protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos, así como a calquera outro persoal suxeito a unha normativa específica de formación en benestar animal.

Capítulo II

Disposicións relativas á organización e realización dos cursos en materia de benestar animal

Artigo 3º.-Organización.

1. A organización dos cursos de formación en materia de benestar animal correspóndelle, preferentemente, á consellería competente en materia de agricultura, a través da dirección xeral con funcións en materia de formación, así como a outras entidades de carácter público ou privado autorizadas en virtude do establecido neste decreto.

2. Tamén poderán ser organizados e realizados os ditos cursos por outras administracións, organizacións e asociacións profesionais do sector, universidades, cooperativas agrarias, asociacións públicas ou privadas e empresas privadas con recoñecida capacitación, autorizadas de conformidade co previsto neste decreto.

Artigo 4º.-Profesorado.

1. O profesorado será preferentemente persoas con licenciatura en veterinaria, ben que as persoas con titulación universitaria en enxeñaría agronómica (técnica ou superior) e licenciatura en ciencias biolóxicas poderán impartir aquelas partes de formación en benestar animal non relacionadas especificamente con aspectos sanitarios, tendo que acreditar a súa formación en materia de protección e benestar animal.

2. En materias non relacionadas directamente co benestar animal, poderase contar con persoal especializado que acredite a súa formación no contido específico da materia.

Artigo 5º.-Duración e contido mínimo dos cursos e proba de aptitude.

1. A duración dos cursos será dun mínimo de 20 horas, das cales 10 horas se distribuirán para os programas correspondentes ao módulo xeral, establecido no anexo I deste decreto, e 10 horas para cada un dos programas correspondentes aos módulos específicos, establecidos nos anexos II e III deste decreto, incluída a proba de aptitude.

O contido mínimo dos cursos será:

a) Para persoal de granxas, matadoiros e centros de concentración: programas correspondentes ao módulo xeral (anexo I) e ao módulo específico (anexo II).

b) Para condutores/as e coidadores/as de gando: programa correspondente ao módulo xeral (anexo I) e programa correspondente ao módulo de condutores/as e coidadores/as de gando (anexo III).

c) Aquelas persoas que desexen ter as dúas acreditacións obrigatoriamente deberán realizar o programa correspondente ao módulo xeral (anexo I) e a cada módulo específico (anexo II e anexo III).

2. Para superar os cursos en materia de benestar animal será necesario asistir cando menos ao 85% das horas lectivas e demostrar o seu aproveitamento ao rematar o curso a través dunha proba obxectiva de aptitude do programa correspondente a cada módulo.

Artigo 6º.-Requisitos.

As entidades que pretendan impartir cursos de formación en materia de benestar animal deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Cumprir as súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Designar unha persoa responsable de formación de cursos de benestar animal para a coordinación destes coa Administración.

3. Dispoñer de recursos pedagóxicos e medios técnicos de apoio para a correcta execución dos programas de formación.

4. Contar con persoal docente con formación en materia de benestar animal, de acordo co especificado no artigo 4º, deste decreto.

5. Dispor de programas de formación elaborados de acordo cos anexos I, II e III desta disposición.

Artigo 7º.-Procedemento de autorización.

1. A solicitude para a obtención da autorización administrativa das entidades referidas no artigo 3º.3 dirixirase á dirección xeral con funcións en materia de formación da consellería competente en materia de agricultura, segundo o anexo normalizado IV, e poderá presentarse nos lugares e formas previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto co modelo de solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Datos de identificación: CIF ou NIF da entidade.

b) Acreditación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias referidas no artigo 6º.1.

c) Identificación da persoa responsable da formación, así como curriculum vitae.

d) Acreditación da formación do profesorado.

e) Memoria do curso e obxectivos xerais da acción formativa.

f) Programa que se vai impartir, especificando o contido de cada unidade didáctica, horas lectivas, tipo e duración de cada módulo.

g) Os criterios que se van ter en conta para a avaliación dos asistentes.

h) Copia do material didáctico (impreso e informático) que se vai utilizar na impartición dos cursos.

i) Acreditación da dispoñibilidade de locais axeitados para a formación que se vai impartir.

j) Outros elementos que considere de interese presentar.

3. Co obxecto de facilitar a planificación da oferta anual de cursos, a presentación das solicitudes para a autorización de entidades farase nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Unha vez presentada a solicitude, a dirección xeral con funcións en materia de formación da consellaría en materia de agricultura procederá á comprobación da documentación presentada.

2. Se a documentación presentada estiver incompleta ou presentar erros corrixibles, requirirase o responsable para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar ao seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición, procedéndose ao arquivo das actuacións após a notificación da resolución en tal senso, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano competente para resolver as solicitudes é a dirección xeral con funcións en materia de formación da consellería competente en materia de agricultura.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que se adopte será de 2 meses, contados desde o día seguinte á presentación da solicitude. Transcorrido ese prazo, os interesados poderán entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

5. A autorización administrativa supón a inscrición, de oficio, no rexistro de entidades autorizadas para impartir programas de formación en materia de benestar animal.

Artigo 9º.-Recursos.

As resolucións do órgano competente non poñen fin á vía administrativa. Contra elas poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes se o acto for expreso, e no de tres meses en caso de acto presunto, perante o conselleiro competente en materia de agricultura, de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Vixencia das autorizacións e actualizacións.

1. A vixencia da autorización será de cinco anos a partir da data de resolución de autorización.

2. Calquera cambio respecto da documentación presentada inicialmente para a autorización deberá ser comunicado, no prazo de dez días hábiles desde que se produza, á dirección xeral con funcións en materia de formación da consellería competente en materia de agricultura, quen, unha vez estudada, poderá manter ou modificar a resolución da autorización.

Artigo 11º.-Suspensión e retirada da autorización.

1. Procederá a suspensión ou retirada da autorización nos seguintes supostos:

a) Por petición dos interesados/as.

b) Por incumprimento dos requisitos que deron lugar á inscrición inicial ou posteriores renovacións.

c) Por falsidade constatada nos datos declarados na solicitude de autorización ou dos documentos xustificativos presentados.

d) Por sanción firme imposta pola comisión de infraccións graves ou repetidas da normativa vixente en materia de protección de animais durante o seu transporte, logo de audiencia do interesado.

e) Por falta de comunicación das modificacións producidas respecto dos datos do rexistro.

f) Por expiración do prazo de vixencia da autorización sen que se teña solicitado a súa renovación.

g) Por ter sido condenadas, mediante sentenza penal firme, por falsidade nas actuaciones realizadas polas entidades.

2. A retirada da autorización supón a cancelación de oficio do asento de inscrición no rexistro.

Capítulo III

Do rexistro de empresas ou entidades que imparten cursos en materia de benestar animal

Artigo 12º.-Creación.

1. Polo este decreto créase o rexistro de entidades autorizadas para impartir cursos en materia de benestar animal, no cal se inscribirán as entidades autorizadas para impartir formación en materia de benestar animal, de conformidade co previsto neste decreto.

Artigo 13º.-Datos do rexistro.

1. Para cada inscrición deberá constar os seguintes datos:

a) Identificación da entidade.

b) Identificación da persoa responsable ou docente da formación.

c) Data de autorización en vigor.

d) Número de rexistro que lle corresponde.

e) Relación dos documentos que constan no expediente.

2. Os datos da solicitude serán incluídos en ficheiros automatizados e utilizados de acordo co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo IV

Da expedición do certificado de competencia e a acreditación de formación en materia de benestar animal

Artigo 14º.-Certificado de competencia.

1. A obtención do certificado de competencia para condutores/as ou coidadores/as no transporte de gando por estrada adquírese pola superación da proba obxectiva de aptitude correspondente ao módulo xeral (anexo I) e ao módulo específico (anexo III).

2. O certificado de competencia para condutores/as ou coidadores/as expedido conforme o anexo V estará redactado en galego e castelán e en inglés cando exista a posibilidade de que o condutor/a ou o coidador/a exerzan a súa actividade profesional noutro estado membro da Unión Europea. O ámbito do certificado de competencia poderá limitarse a especies específicas ou grupos de especies específicos.

Artigo 15º.-Acreditación en coñecementos de benestar animal.

A obtención do certificado acreditativo dos coñecementos de benestar animal de persoas que manipulen animais en granxas, matadoiros, centros de concentración e outros expedida segundo o anexo VI adquírese pola superación da proba obxectiva de aptitude correspondente ao módulo xeral (anexo I) e ao módulo específico (anexo II).

Artigo 16º.-Expedición do certificado de competencia ou acreditación de formación en materia de benestar animal.

1. Rematado o curso, as entidades organizadoras, actuando en representación dos asistentes, remitirán á dirección xeral con funcións en materia de formación da consellería con competencias en materia de agricultura, en soporte informático e en papel, unha relación daqueles alumnos que, superada a proba de aptitude, soliciten o certificado de competencia, para o cal deberán achegar a seguinte documentación:

a) O documento acreditativo da representación exercida pola entidade organizadora respecto dos asistentes incluídos na solicitude.

b) A documentación relativa á realización e avaliación da proba de aptitude.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade dos alumnos que superaron o curso.

2. Se a documentación presentada estiver incompleta ou presentase erros corrixibles, requirirase o responsable para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar ao seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición, procedéndose ao arquivo das actuacións após a notificación da resolución en tal senso, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A dirección xeral antedita, verificada a concorrencia dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, expedirá de oficio e sen máis trámites o certificado de competencia ou acreditación de formación en materia de benestar animal e seralles remitido ás entidades organizadoras nun prazo non superior a tres meses a partir da data de finalización do curso.

4. Así mesmo, poderán ser suspendidos ou retirados os certificados de competencia pola comisión de infraccións graves ou repetidas tipificadas pola normativa vixente en materia de protección dos animais, logo de audiencia do interesado.

Artigo 17º.-Supervisión das actividades formativas.

A dirección xeral con funcións en materia de formación da consellería con competencias en materia de agricultura poderá supervisar cos medios de que dispón as accións formativas levadas a cabo polas entidades autorizadas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A autorización administrativa prevista neste decreto para impartir formación en materia de benestar animal non exclúe nin substitúe calquera outra que poida ser necesaria para o exercicio da actividade.

Segunda.-Anualmente, as entidades de formación elaborarán unha memoria das actividades realizadas, que será presentada ante a dirección xeral con funcións en materia de formación da consellería con competencias en materia de agricultura e conterá como mínimo a relación de cursos realizados e o número de alumnos/as, segundo a súa actividade laboral, que recibiron formación en cada un deles.

Disposición transitoria

Primeira.-Poderán ser homologados os certificados de competencia ou acreditacións correspondentes a cursos en materia de benestar animal realizados na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, sempre que os programas dos cursos se impartisen de conformidade co establecido neste decreto.

Esta validación farase, após a solicitude da entidade interesada que cumpra os requisitos establecidos no artigo 6 deste decreto e con presentación da documentación especificada no artigo 7, no prazo de seis meses, que comezará a contar ao día siguiente da entrada en vigor deste decreto. Non se validarán os certificados de competencia ou acreditacións cuxa solicitude se presente transcorrido este prazo.

No prazo de tres meses, que comezará a contar o día seguinte ao da notificación da resolución de homologación, poderán solicitarse os certificados de competencia derivados do aproveitamento destes cursos, presentando a documentación establecida no artigo 16º.1 deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro competente en materia de agricultura para ditar os actos e medidas necesarias para o cumprimento e aplicación deste decreto e, especificamente, para modificar os programas dos módulos contidos nos anexos deste decreto para adaptalos ás necesidades formativas que se presenten.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural