DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 02 de abril de 2007 Páx. 5.219

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e de acordo co establecido nos artigos 38, 40, 131, 149.1º.7 e 13 da Constitución, e logo da asunción das funcións e servizos do Estado en materia de xestión do traballo, o emprego e a formación en virtude dos sucesivos reais decretos de traspaso, vén desenvolvendo, a través da Consellería de Traballo, un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas, seguindo as directrices e a estratexia europea para o emprego, a

fomentar a estabilidade, a xeración de novos postos de traballo e a cultura emprendedora.

A competencia en materia de política activa de emprego mediante a instrumentalización de programas de axuda ou apoio á xeración de emprego e a inserción laboral correspóndelle á citada consellería en virtude do disposto no Decreto 211/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

O Consello Europeo de Primavera, celebrado en marzo de 2005, formulou a necesidade de relanzar a Estratexia de Lisboa, concentrando os seus obxectivos no crecemento e o emprego, e tendo como referencia permanente a cohesión social e o desenvolvemento sostible. Un dos obxectivos formulados é a necesidade de promover e fomentar actividades de investigación e desenvolvemento, que sexan máis eficaces e estean mellor coordenadas, debendo traballar xuntos a escala europea para garantir que a investigación dea lugar a produtos e servizos innovadores, que xeren crecemento e postos de traballo altamente cualificados.

Esta estratexia integrada debe velar porque a Unión Europea consiga avances paralelos en creación de emprego, competitividade e cohesión social, sendo necesario intensificar os esforzos para crear un maior crecemento así como un maior nivel de emprego e produtividade.

Con base no exposto, quérense incrementar os sistemas de apoio á creación de novas empresas de base tecnolóxica, que constitúen un elemento clave para o desenvolvemento futuro da nosa comunidade como motores dinamizadores da sociedade do coñecemento e xeración de emprego cualificado.

Neste contexto, e conceptuado como medida activa de emprego, este decreto ten por obxecto establecer o programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), para impulsar o espírito emprendedor no trinomio investigación, tecnoloxía e emprego, mediante o aproveitamento intensivo e na colaboración coas diferentes estruturas que xa existen tanto na Consellería de Traballo e noutros departamentos da Xunta de Galicia, como coas tres universidades galegas e con outras entidades vinculadas á innovación, á tecnoloxía e á iniciativa emprendedora, prevíndose mecanismos de acompañamento, asesoramento e avaliación técnica: rede de axentes de emprego con especialización en iniciativas de emprego de base tecnolóxica, persoal consultor de apoio e un comité consultivo integrado por un grupo de persoas expertas para a avaliación técnica dos proxectos.

Neste decreto considerouse necesario introducir axustes técnicos, entre eles, e como novidade máis salientable, a posibilidade de que as empresas inicien a súa actividade unha vez presentada a solicitude de cualificación, o que simplifica e clarifica a tramitación administrativa.

Tamén se establece un marco específico de axudas económicas para facilitar a creación de postos de traballo nas IEBT, así como o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Traballo, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Este decreto ten por obxecto articular o programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), establecer os instrumentos de apoio e de avaliación técnica dos proxectos e regular o procedemento para a súa cualificación e o rexistro administrativo específico.

2. O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) ten por finalidade promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados.

Artigo 2º.-Requisitos das IEBT.

1. Os proxectos empresariais para que poidan ser cualificados como IEBT deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Que teñan condicións de viabilidade técnica, económica, financeira e comercial.

b) Que a actividade, produto ou servizo que vaian desenvolver, teña carácter innovador, contido científico ou base tecnolóxica.

Os proxectos poderán desenvolver a súa actividade en calquera sector económico sempre que se trate dun negocio intensivo en coñecemento que precise actividades I+D e/ou de innovación tecnolóxica.

c) Que se constitúa nunha empresa privada de nova creación, incluíndo autónomas e autónomos, con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que se prevexa, no primeiro ano de actividade, a creación de emprego estable para persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, respectando a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada catro postos de traballo.

e) Que o cadro de persoal no momento de iniciar a súa actividade produtiva estea constituído nun 25%, como mínimo, por persoas con titulación universitaria.

2. A cualificación dun proxecto empresarial como IEBT, logo do informe técnico da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria e do informe do comité creado para o efecto, corresponderalle á Consellería de Traballo de acordo co procedemento establecido neste decreto.

Artigo 3º.-Axudas e subvencións.

1. As empresas privadas resultantes dos ditos proxectos, incluíndo autónomas e autónomos, sempre que se

constitúan e inicien a súa actividade no prazo dun ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT ou, de ser o caso, no que se estableza na resolución de cualificación ou na complementaria que se dite para o efecto, poderán acollerse ás liñas de axudas e subvencións que estableza a Consellería de Traballo para a promoción e impulso das iniciativas de emprego reguladas neste decreto, de acordo cos requisitos, condicións e prazos que se establezan para os distintos tipos de axuda nas correspondentes ordes de convocatoria.

2. Ademais dos instrumentos de asesoramento técnico e acompañamento inicial previstos neste decreto, dentro do marco das políticas activas de emprego, instrumentarase unha liña de incentivos á creación de emprego nas IEBT, que poderán consistir en:

a) Axudas á creación directa de emprego estable.

b) Subvencións financeiras de redución de xuros de préstamos para financiar investimentos en activo fixo.

c) Incentivos para a contratación de persoal experto técnico de alta cualificación.

d) Axudas en atención ao custo de funcións xerenciais externas.

e) Subvencións para facilitar o financiamento dos gastos para o inicio e posta en marcha da actividade.

f) Aqueloutras que se poidan establecer nas ordes de convocatoria.

Capítulo II

Instrumentos de apoio e avaliación técnica

dos proxectos

Artigo 4º.-Axentes de emprego con especialización en IEBT.

1. Dentro da rede de axentes de emprego impulsada pola Consellería de Traballo, integrarase un equipo coordinado de axentes con especialización en iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa función de prestar apoio ás persoas promotoras destas para facilitar a materialización do seu proxecto innovador en empresa, mediante accións de acompañamento e asesoramento técnico especializado e personalizado durante a fase inicial de elaboración do plan de empresa e durante os primeiros anos de lanzamento da actividade.

2. Na fase de preparación do proxecto, a promotora ou o promotor deberá presentar unha memoria técnica e económica do proxecto empresarial ante unha das persoas que formen parte do equipo de axentes de emprego con especialización en proxectos empresariais de base tecnolóxica.

A memoria deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, o grao de avance científico ou tecnolóxico que representa, a previsión de postos de traballo que se crearán, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos e financeiros que avalen a viabilidade do proxecto, e un breve currículo das persoas que o promoven.

3. O ou a axente de emprego de IEBT emitirá informe sobre o proxecto, que deberá xuntarse á solicitude de cualificación como IEBT.

Artigo 5º.-Persoal consultor de apoio.

1. O consultor ou consultora de apoio elaborará un informe sobre a viabilidade técnica, económica e financeira dos proxectos empresariais que se presenten para a súa cualificación como IEBT.

2. O persoal consultor de apoio será designado pola Consellería de Traballo, entre profesionais de recoñecida experiencia con capacidade e solvencia para a avaliación tecnolóxica e empresarial do proxecto.

Artigo 6º.-Comité de IEBT.

1. O Comité de IEBT, órgano de carácter consultivo para a avaliación técnica dos proxectos, estará formado por unha persoa que ostente a presidencia, ata 9 vogais e unha persoa que teña a secretaría. Esta última actuará con voz e sen voto.

A súa composición será a seguinte:

Presidente:

O director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, que poderá delegar en calquera dos vogais representantes da Administración autonómica.

Vogais:

-1 persoa representante da Consellería de Traballo.

-1 persoa representante da Consellería de Innovación e Industria.

-1 persoa representante do Instituto Galego de Promoción Económica.

-Ata 6 vogais con carácter externo por designación da Consellería de Traballo, entre persoal experto das universidades galegas e doutras entidades vinculadas á investigación, á tecnoloxía e á iniciativa emprendedora.

Actuará como secretario ou secretaria unha persoa que forme parte do funcionariado da Consellería de Traballo.

2. Ás reunións do Comité de IEBT poderán asistir, con voz e sen voto, cando sexan convados, o persoal consultor de apoio dos proxectos incluídos na correspondente orde do día.

3. O réxime de funcionamento axustarase ao disposto no capítulo II do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Correspóndelle ao Comité de IEBT emitir informe sobre o carácter innovador, a orientación científica, a base tecnolóxica, as perspectivas de negocio e a potencialidade de crecemento e de creación de emprego do proxecto.

Capítulo III

Procedemento de cualificación de IEBT

Artigo 7º.-Solicitude de cualificación.

1. Poderán solicitar a cualificación como IEBT as persoas promotoras dos proxectos empresariais e as empresas constituídas dentro dun prazo máximo dun ano anterior á data da presentación da solicitude de cualificación, sempre que non iniciasen a actividade.

2. As solicitudes de cualificación como IEBT dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse, no modelo normalizado que figura como anexo

deste decreto, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As ditas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) DNI da persoa promotora e, de ser o caso, poder para actuar en nome da persoa xurídica que representa.

b) Memoria técnica e económica explicativa do proxecto ou plan de empresa, a cal deberá axustarse ao modelo tipo que facilite a Consellería de Traballo.

c) Informe do ou da axente de emprego con especialización en IEBT que prestou apoio e asesoramento.

d) Declaración da persoa promotora da data prevista para a constitución da empresa e da prevista para o inicio da actividade.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación sinalada no artigo anterior, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será tida por desistida da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ditándose resolución para o efecto.

Artigo 8º.-Análise de viabilidade dos proxectos.

Unha vez completa a solicitude a Consellería de Traballo encargará a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación o informe técnico que se menciona no artigo 2º.2 e o informe de viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto empresarial ao consultor de apoio.

O informe non terá carácter vinculante e deberá elaborarse no prazo de 20 días. Este prazo poderá ser ampliado, a solicitude do consultor ou consultora, ata 10 días máis, cando concorran circunstancias especiais que así o aconsellen.

Artigo 9º.-Informe do Comité de IEBT.

Unha vez elaborado o informe de viabilidade polo persoal consultor de apoio, o Comité de IEBT emitirá informe sobre o carácter innovador, a orientación científica, a base tecnolóxica, as perspectivas de negocio e a potencialidade de crecemento e de creación de emprego do proxecto.

No caso de que o Comité de IEBT o xulgue conveniente poderase solicitar da persoa promotora ou do consultor ou consultora de apoio unha ampliación ou aclaración sobre a viabilidade ou sobre calquera outro aspecto do proxecto que poida resultar de interese, así como un segundo informe emitido por outra persoa que forme parte do persoal consultor. Neste suposto a análise definitiva e o informe do comité realizarase logo da presentación da correspondente documentación.

O Comité de IEBT emitirá informe sobre todos os proxectos que se sometan á súa consideración.

Artigo 10º.-Competencia, resolución e recurso administrativo.

1. A competencia para coñecer e resolver sobre as solicitudes de cualificación de iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), corresponderalle ao director

xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo.

2. Logo da tramitación e instrución oportuna o órgano competente ditará resolución motivada sobre a cualificación ou non do proxecto como IEBT.

3. O prazo para resolver será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de cualificación.

No caso de ampliación ou aclaración sobre a viabilidade ou calquera outro aspecto do proxecto ao que se refire o artigo 9º, parágrafo segundo, o devandito prazo quedará suspendido, en virtude do artigo 42.5º a) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra as resolucións ditadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, desde a súa notificación, ante o conselleiro de Traballo.

Capítulo IV

Rexistro administrativo de IEBT

Artigo 11º.-Rexistro administrativo de IEBT.

1. Na Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, levarase un rexistro administrativo de IEBT, no que se inscribirán os proxectos empresariais cualificados como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

2. A inscrición no rexistro administrativo farase de oficio e practicarase na mesma data en que se cualifique o proxecto empresarial como IEBT, facéndose constar, como mínimo, a seguinte información:

a) Número de rexistro que se lle asigna e data de cualificación.

b) Datos de identificación do proxecto/empresa, con indicación do nome ou nomes das persoas promotoras ou, se é o caso, razón social, domicilio social e localidade da empresa.

c) Definición, obxecto e actividade económica e descrición do contido científico ou tecnolóxico do proxecto.

d) Número previsto de postos de traballo que se van crear.

e) Identificación das persoas promotoras do proxecto.

f) Vencemento do prazo para constituírse en empresa e/ou iniciar a súa actividade.

3. As inscricións numeraranse correlativamente e constarán de nove díxitos, correspondendo os dous primeiros ao número de identificación da Comunidade Autónoma, os tres seguintes expresarán a orde secuencial, e os catro últimos indicarán o ano no que se cualifica e inscribe o proxecto empresarial e a continuación identificarase coas siglas IEBT.

4. Na resolución pola que se cualifique o proxecto empresarial como IEBT deberá constar expresamente o número de inscrición e a data do vencemento para constituírse en empresa e/ou iniciar a actividade produtiva.

Artigo 12º.-Inicio da actividade e comunicación ao rexistro.

1. Os promotores ou promotoras, que poderán iniciar a actividade desde o día seguinte ao da presentación da solicitude de cualificación, teñen a obriga de constituír a empresa correspondente e iniciar a actividade produtiva obxecto do proxecto no prazo máximo dun ano desde a data de cualificación do proxecto como IEBT; agás que, logo da proposta do Comité de IEBT, na resolución de cualificación se estableza outro distinto.

Cando circunstancias técnicas debidamente xustificadas así o aconsellen, logo da solicitude da persoa interesada, e logo do informe do comité de IEBT, poderase autorizar a ampliación do prazo concedido para o inicio da actividade mediante resolución complementaria á de cualificación.

Transcorrido o prazo que se estableza na resolución de cualificación, ou na complementaria que se dite para o efecto, sen que se constitúa ou se inicie a actividade, a cualificación quedará sen efecto, procedéndose a practicar o correspondente asento rexistral.

2. As empresas que teñan a súa orixe en proxectos cualificados como IEBT deberanse constituír nunha empresa privada, incluíndo autónomas e autónomos.

Entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. No caso de empresaria ou empresario individual, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

Entenderase que inicia a súa actividade produtiva cando cause alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

3. A persoa promotora do proxecto ou a empresa resultante está obrigada a comunicarlle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo a data da súa constitución e/ou do inicio da actividade dentro dos 15 días seguintes a aquel en que se produzan estas. As ditas circunstancias anotaranse no rexistro.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a seguinte disposición: Orde do 23 de febreiro de 2001 pola que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts) (DOG nº 47, do 7 de marzo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo