DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 02 de abril de 2007 Páx. 5.218

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 14 de marzo de 2007 pola que se determina o órgano suplente do director do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

A Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, establece no seu artigo 5 a súa estrutura orgánica, correspondéndolle ao seu director, segundo o artigo 8, as funcións de dirección e xestión.

Mediante o Decreto 41/2005, do 17 de febreiro, aprobouse o Regulamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia. De conformidade co seu artigo 10, e no non previsto no citado decreto será de aplicación o réxime establecido con carácter xeral na lexislación sobre procedemento administrativo.

Nas normas de atribución de competencias contidas nas citadas disposicións non se prevé expresamente o suplente do director do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia para que o substitúa temporalmente naqueles supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, co obxecto de que non se produzan paralizacións nas funcións encomendadas.

Polo exposto, e de conformidade co establecido no artigo 17 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o director do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia terá como suplente, para o exercicio de todas as súas facultades, o subdirector deste, tal e como se aprobou na xuntanza do Consello de Administración do referido instituto, que tivo lugar o día 13 de marzo de 2007.

Artigo 2º.-A suplencia non supón cesión da titularidade das competencias nin a súa alteración.

Artigo 3º.-Toda a documentación administrativa que se formalice ao abeiro desta orde deberá facer constar expresamente tal circunstancia.

Disposición derradeira

Esta orde notificaráselles ao subdirector designado suplente, ás distintas unidades administrativas do aludido instituto e á Secretaría Xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o seu traslado ás dependencias administrativas que teñan relación ou colaboren dalgún xeito con tal instituto.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos