DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 02 de abril de 2007 Páx. 5.218

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 19 de marzo de 2007 pola que se modifica a do 24 de marzo de 2004 pola que se crea a Rede de Comisións de Docencia e Comisións Asesoras de Galicia.

A Orde do 24 de marzo de 2004 creou a Rede de Comisións de Docencia e Comisións Asesoras de Galicia coas funcións que se describen no seu artigo 3º e a composición da Comisión Permanente que se recolle no seu artigo 6º.

A anterior orde no seu artigo 6º.2 sinala que o Pleno da Comisión Central de Docencia da dita rede poderá propoñer á Consellería de Sanidade a modificación do número de persoas representantes das comisións de docencia, das comisións asesoras e dos especialistas en formación.

Tendo en conta o tempo transcorrido desde a súa publicación así como as modificacións na estrutura orgánica da Consellería de Sanidade como consecuencia da promulgación do Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, é polo que é necesario modificar, en parte, a anterior orde no que se refire á composición da Comisión Permanente da Rede.

Por todo iso, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 6º da Orde do 24 de marzo, o cal, na súa totalidade, queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 6º.-Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente componse dos membros seguintes, todos eles nomeados polo/a conselleiro/a de Sanidade:

a) Catro membros en representación da Consellería de Sanidade: tres por proposta do director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, outro por proposta do director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

b) Cinco membros en representación das comisións de docencia dos centros hospitalarios, elixidos entre os que forman parte delas e propostos pola maioría dos presidentes das ditas comisións.

c) Tres membros en representación das comisións asesoras das unidades docentes de medicina familiar e comunitaria, elixidos entre os que forman parte delas e propostos pola maioría dos coordinadores/presidentes das ditas comisións.

d) Dous membros en representación dos especialistas en formación das comisións de docencia e comisións asesoras dos centros docentes acreditados

elixidos entre os que formen parte delas, un en representación das comisións de docencia dos centros hospitalarios e outro en representación das comisiones asesoras das unidades docentes de medicina familiar y comunitaria. Ambos deberán ser propostos pola maioría dos seus representantes.

2. O Pleno poderá proporlle á Consellería de Sanidade a modificación do número das persoas representantes das comisións de docencia, das comisións asesoras e dos especialistas en formación.

3. A Comisión Permanente escollerá, de entre os seus membros, un presidente e un vicepresidente. Os membros en representación da Consellería de Sanidade non poderán exercer estes cargos.

A duración no desempeño destes cargos é de dous anos, non renovable. Ao rematar este período, e co fin de garantir a continuidade na tarefa, o vicepresidente asumirá automaticamente a presidencia e deixará vacante o seu cargo.

4. Asumirá a secretaría administrativa da Comisión Central de Docencia, con voz pero sen voto, unha persoa designada para tal efecto pola Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria.

5. Os membros da Comisión Permanente renovaranse cada dous anos por metades, coa excepción do vicepresidente».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2007.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidad