DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2007 Páx. 4.996

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 12 de marzo de 2007 pola que se regula a integración funcional dos centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde.

A carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde regulada no Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, establece o tratamento de condutas adictivas dentro da atención á saúde mental.

Existe un amplo consenso en torno á pertinencia de integrar e normalizar as redes asistenciais para o tratamento das drogodependencias nos sistemas públicos de saúde. Proba disto é que este impulso integrador e normalizador constitúe unha das principais metas da Estratexia Nacional sobre drogas 2000-2008, aprobada co consenso do conxunto das comunidades autónomas.

As razóns que xustifican esta aposta son a necesidade de evitar a estigmatización dos drogodependentes, a optimización/racionalización dos recursos existentes e a mellora da calidade da atención prestada, proporcionando un acceso a máis e mellores prestacións e posibilidades terapéuticas.

O drogodependente debe deixar de ser considerado como un usuario dun servizo discrecional, para converterse nun usuario ao que o sistema de saúde lle recoñece o dereito obxectivo a recibir determinadas prestacións sanitarias e/ou sociais nunhas condicións concretas.

O Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, no seu artigo 9 regula a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias establecendo que esta asumirá as funcións que se lle asignen ao Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas.

En consonancia co anterior, a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, no seu artigo 29.4º establece que todos os centros e servizos de atención a drogodependentes xestionados por entidades que subscriban concertos e convenios ou se beneficien de axudas da Administración autonómica terán, en canto ao desenvolvemento de programas de intervención, unha dependencia funcional do órgano administrativo a que se adscriba o Plan de Galicia sobre drogas, actualmente a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, da cal, ao mesmo tempo, en virtude do establecido no artigo 3 do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, desenvolvido pola Orde do 20 de abril de 1999, dependen funcionalmente os responsables de saúde mental de área.

Ao mesmo tempo a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, establece no seu artigo 107.3º que, independentemente da súa titularidade, os centros, servizos e establecementos de tratamento das drogodependencias que reciban financiamento público da Administración sanitaria da Xun

ta de Galicia estarán sometidos ás directrices e control da Consellería de Sanidade, para os efectos do desenvolvemento das súas actividades sanitarias e programas terapéuticos.

Por maior abastanza, a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, establece no seu artigo 23 que na planificación dos obxectivos, prioridades e estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na comunidade autónoma preverase nun Plan de Galicia sobre drogas.

O plan recollerá, de forma global, as accións que se van realizar nas áreas de prevención, asistencia, reinserción, formación, investigación, coordinación e outras que consideren oportunas as distintas administracións públicas, asociacións e organizacións non gobernamentais da Comunidade Autónoma galega.

O plan será vinculante para todas as administracións públicas e entidades privadas ou institucións que, con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma, reciban fondos para desenvolvemento de actuacións en relación co consumo de drogas e problemática asociada, debendo as súas actuacións na dita materia axustarse aos obxectivos, criterios e funcións que se establezan nel.

Por último, o artigo 13 do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, que regula os dispositivos de saúde mental, establece que para o desenvolvemento de programas específicos se poderán crear unidades de saúde mental infanto-xuvenil, de psicoxeriatría, de alcoholismo e dependencias non alcohólicas, dispoñendo ao mesmo tempo que o establecemento das ditas unidades específicas non implicará, en ningún caso, a creación de redes paralelas con centros independentes ou recursos especiais que desenvolvan a súa actividade á marxe dos programas xerais de saúde mental e de asistencia psiquiátrica.

Polo anteriormente exposto, en virtude das facultades que se confiren nos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO

Artigo único.-Os centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas que reciban financiamento da comunidade autónoma dependerán funcionalmente, en canto ao desenvolvemento de programas de intervención, do responsable de saúde mental de área en consonancia co disposto na Orde do 20 de abril de 1999 sobre atribución das funcións definidas no artigo 3.2º do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, e de conformidade co Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2007.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade