DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 27 de marzo de 2007 Páx. 4.899

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 47/2007, do 15 de marzo, polo que se modifica o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, veu desenvolver a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar prevista no artigo 1 do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, modificado polos Decretos 332/2005, do 18 de agosto e 454/2005, do 1 de setembro.

O artigo 4 do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, regula, no seu punto 2, as unidades administrativas coas que conta a Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais para o exercicio das súas funcións. Entre as referidas unidades regúlase a Subdirección Xeral de Contratación e Control, da que depende, entre outros, o Servizo de Supervisión de Proxectos.

Desde a entrada en vigor do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, as tarefas desenvolvidas polo Servizo de Supervisión de Proxectos foron adquirindo progresivamente un peso específico dentro da Subdirección Xeral de Contratación e Control, polo que este servizo veu asumindo paulatinamente unha maior carga de traballo e, conseguintemente, unha maior responsabilidade. Ademais, as necesidades administrativas actuais determinan a conveniencia de lle atribuírlle á unidade encargada da supervisión de proxectos novas funcións.

En virtude do exposto, considérase conveniente crear unha nova unidade administrativa, con nivel de subdirección xeral, dentro da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, que asuma a realización das tarefas relacionadas coa supervisión de proxectos.

En consecuencia, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, co informe previo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do artigo 4 do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

1. Suprímese o punto 2.2.3. do artigo 4 do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en que se regula o Servizo de Supervisión de Proxectos.

2. Engádese un novo punto 2.4. ao artigo 4 do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, renumerándose convenientemente os actuais puntos 2.4. e 2.5 que pasan a ser os puntos 2.5. e 2.6., respectivamente.

«2.4. Subdirección Xeral de Proxectos e Obras.

Esta unidade administrativa exercerá as seguintes funcións:

a) Desenvolver as funcións das oficinas de supervisión dos proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que realice a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

b) O seguimento das obras que realice a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e das correspondentes aos convenios de investimento coas entidades locais.

c) A supervisión, dirección e control dos proxectos de obras e obras en que participe a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da súa execución material.

d) A certificación acreditativa da adecuación da execución final dos proxectos de obra ás instrucións, obxectivos e directrices sinalados pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

e) O apoio e o asesoramento técnico, no ámbito das súas funcións, ao resto de unidades administrativas da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, cando así o soliciten, e, en particular, á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros.

f) Calquera outra función que lle atribúa a persoa titular da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar