DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 26 de marzo de 2007 Páx. 4.755

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 46/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1º.28 da Constitución, o que implica a potestade lexislativa, regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18º e 37 do seu Estatuto de autonomía.

En exercicio desa competencia, aprobáronse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

O artigo 30 da citada Lei 3/1996 crea o Comité Asesor do Camiño de Santiago para que emita os informes que se sinalan nos seus artigos 3, 5, 12, 13, 16 e 17 e cantos outros se lle soliciten, e a disposición transitoria segunda da dita lei fixa un prazo máximo dun ano a partir da entrada en vigor para a súa constitución.

En execución do mandado do lexislador e tendo en conta as novas disposicións que regulan a actividade da Administración, en xeral, e dos seus órganos colexiados, en especial, así como os cambios na estrutura organizativa da comunidade autónoma, faise necesario regular a composición e funcionamento do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

1. O Comité Asesor do Camiño de Santiago é o órgano colexiado consultivo, adscrito á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, para os asuntos referentes á protección do Camiño de Santiago, no seu discorrer polo territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para os efectos deste decreto, enténdense como Camiño de Santiago as rutas históricas recoñecidas documental e legalmente.

2. A consulta ao comité será preceptiva cando unha norma así o prevexa, e facultativa nos demais casos.

Os seus acordos non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

3. As resolucións e demais actos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre asuntos en que

teña intervido o comité expresarán se son acordados consonte o informe do Comité Asesor do Camiño de Santiago ou se apartan del, mediante o uso das fórmulas de acordo co Comité Asesor do Camiño de Santiago ou ben oído o Comité Asesor do Camiño de Santiago respectivamente. Neste último caso deberá motivarse suficientemente.

Artigo 2º.-Adscrición.

1. O Comité Asesor do Camiño de Santiago estará adscrito á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, que o dotará dos medios persoais e materiais necesarios para o seu funcionamento, e dependerá funcionalmente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. O comité actuará con autonomía no exercicio das súas funcións, de acordo coas normas establecidas neste decreto e no capítulo II, título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Funcións.

1. O Comité Asesor do Camiño de Santiago exercerá as seguintes funcións con carácter xeral:

1.1. Emisión de informes, ditames e calquera outro tipo de pronunciamentos, a requirimento da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, nas materias da súa competencia, previstas na Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago. e na demais lexislación aplicable.

1.2. Emitir informe sobre a proposta do Plan especial de protección e promoción do Camiño de Santiago a que se refire o artigo 17 da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

1.3. Calquera outra función que lle veña atribuída pola lexislación vixente.

2. Corresponderá ao Comité Asesor do Camiño de Santiago a emisión de informe con carácter previo e preceptivo nos seguintes supostos:

2.1. Procedementos de autorización pola consellería con competencias en materia de patrimonio cultural de proxectos de obras de infraestruturas que deban executarse por causa de forza maior ou interese social e impliquen a necesidade de ocupar un tramo do Camiño de Santiago.

2.2. Procedementos de autorización pola consellería con competencias en materia de patrimonio cultural respecto das actividades que se realicen nas zonas laterais de protección do Camiño de Santiago definidas no artigo 6 da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

2.3. Procedementos relativos a intervencións que afecten o uso do solo na zona de protección do contorno do Camiño de Santiago establecida pola

Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

2.4. Nos procedementos de paralización de obras ou actividades que non se axusten ás condicións establecidas pola consellería con competencias en materia de patrimonio cultural informará sobre a oportunidade e conveniencia de ordenar a demolición das obras ou de adoptar as medidas que impidan definitivamente as actividades, ou ben, de ordenar a instrución do expediente que corresponda de cara á eventual legalización delas, sempre que fosen compatibles co ordenamento xurídico.

2.5. Procedementos de delimitación e deslindamento dos tramos do Camiño de Santiago.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá someter á consideración do Comité Asesor do Camiño de Santiago calquera outro asunto relacionado co Camiño de Santiago respecto do cal a consellería con competencias en materia de patrimonio cultural deba emitir informe. Igualmente, o Comité Asesor do Camiño de Santiago poderá propoñer cantas iniciativas considere necesarias para o mellor cumprimento dos obxectivos e principios xerais da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

Artigo 4º.-Composición.

O Comité Asesor do Camiño de Santiago está integrado polos seguintes membros, con voz e con voto:

a) Presidente ou presidenta.

b) Vicepresidente ou vicepresidenta.

c) Vogais.

Artigo 5º.-Presidencia.

1. A presidencia do Comité Asesor do Camiño de Santiago será exercida polo titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Correspóndelle á presidencia do comité, ademais das funcións enumeradas no número 1º do artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a de dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

3. En caso de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o presidente ou presidenta do comité será substituído polo vicepresidente ou vicepresidenta.

Artigo 6º.-Vicepresidencia.

1. A vicepresidencia do Comité Asesor do Camiño de Santiago será exercida polo titular da Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago.

2. Corresponde ao vicepresidente ou vicepresidenta do comité auxiliar o presidente ou presidenta no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquel.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o vicepresidente ou vicepresidenta do Comité Asesor do Camiño de Santiago será substituído polo titular da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

Artigo 7º.-Vogais.

1. O Comité Asesor do Camiño de Santiago contará cos seguintes vogais:

a) O titular da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

b) O titular da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

c) Un representante do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de urbanismo e ordenación territorial.

d) Un representante do Consello da Cultura Galega.

e) Dúas persoas de recoñecido prestixio e coñecemento en materia dos Camiños de Santiago, designadas polo titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

f) Un representante das universidades galegas.

g) Un representante da consellería competente en materia de turismo.

2. O nomeamento e cesamento dos vogais membros do Comité Asesor do Camiño de Santiago que non o sexan por razón dos seus cargos, e dos seus respectivos suplentes, corresponde ao titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural por proposta das entidades e órganos citados.

3. Con excepción dos vogais a que fai referencia o punto 1 deste artigo nas alíneas a) e b), o cargo de vogal do Comité Asesor do Camiño de Santiago terá unha duración de catro anos computados desde a data da súa designación. Transcorrido o dito prazo, os nomeamentos renovaranse automaticamente, salvo resolución expresa en contrario.

4. O titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural poderá cesar aos membros do comité polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Renovación por transcurso do prazo de nomeamento, se for o caso.

c) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

d) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

e) A petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

f) Incumprimento grave dos seus deberes.

5. As vacantes que se produzan entre os vogais do comité por causa de defunción, incapacidade ou cesamento, serán postas en coñecemento da entidade ou organismo a quen representen, para que propoña

a designación doutra persoa polo período que restara, se for o caso, ao vogal inicialmente designado, dentro do prazo dun mes desde que se producise o feito causante.

6. Os vogais do Comité Asesor do Camiño de Santiago non se poderán atribuír as funcións de representación del, salvo que se lles outorgasen expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, polo propio comité.

7. Serán motivos de abstención e recusación dos membros do Comité Asesor do Camiño de Santiago os previstos con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Os membros do comité e mailo secretario terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-A secretaría.

1. A secretaría do Comité Asesor do Camiño de Santiago será exercida polo titular da Xefatura de Servizo de Conservación e Protección Xacobeas, que actuará con voz pero sen voto.

2. Corresponden á secretaría do Comité Asesor do Camiño de Santiago as funcións establecidas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o secretario ou secretaria do comité será suplido temporalmente por un funcionario ou funcionaria da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, designado polo titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 9º.-Normas de funcionamento.

1. Ás sesións do Comité Asesor do Camiño de Santiago asistirán o presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta, os vogais e o secretario ou secretaria, ou quen os substitúan.

2. Así mesmo serán convocados ás sesións, con voz e sen voto, unha persoa en representanción da deputación provincial correspondente e outra de cada concello directamente afectado nos asuntos a tratar en cada sesión.

Poderán asistir asemade, con voz pero sen voto, as persoas, representantes de organismos, institucións e entidades públicas ou privadas, que polas súas actividades, coñecementos ou experiencia, se considere conveniente para a resolución dos asuntos a tratar.

3. Os asuntos sometidos a ditame do Comité Asesor do Camiño de Santiago irán acompañados dos informes técnicos necesarios para a súa correcta resolución. Estes informes serán elaborados con carácter ordinario por persoal técnico ao servizo da consellería con competencias en materia de patrimonio

cultural, que asistirán ás sesións en calidade de relatores, con voz e sen voto.

4. Así mesmo, o comité poderá encargar a realización dos ditos informes a persoas especializadas, coa finalidade de garantir unha máis eficaz protección e preservación dos Camiños de Santiago. Asemade, poderá solicitar, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o asesoramento legal da Asesoría Xurídica da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, co propósito de asegurar a correcta aplicación da normativa vixente.

Artigo 10º.-Desenvolvemento das sesións.

1. O Comité Asesor do Camiño de Santiago reunirase en sesións ordinarias e extraordinarias, en primeira ou segunda convocatoria. As sesións ordinarias celebraranse unha vez ao mes, agás en agosto. As sesións extraordinarias serán convocadas pola presidencia do comité, por propia iniciativa ou por solicitude da metade dos seus membros, caso en que os asuntos que motivaron a dita petición serán incluídos preceptivamente na orde do día da reunión.

2. A válida constitución do comité requirirá, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros, e en segunda convocatoria, a presenza de, polo menos, a metade deles. Entre eles, necesariamente, deberá asistir o presidente ou presidenta do comité ou, se for o caso, quen o substitúa. Asemade, será precisa a presenza do secretario ou secretaria ou de quen o substitúa.

Entenderase producida con carácter automático a segunda convocatoria transcorrida media hora da primeira.

3. Para a válida adopción de acordos requirirase a maioría simple dos votos dos asistentes á sesión con dereito a voto.

4. As convocatorias das sesións cursaranse por escrito, cunha anticipación mínima de corenta e oito horas, e irán acompañadas da orde do día correspondente e da acta da sesión anterior para os efectos da súa aprobación, de ser esta procedente.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes os dous terzos dos membros do comité e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 11º.-Tramitación de expedientes.

Para admitir un expediente para os efectos do seu exame, informe ou ditame polo Comité Asesor do Camiño de Santiago, será necesaria a presentación da documentación que se determinará na normativa de desenvolvemento deste decreto.

Artigo 12º.-Presentación de solicitudes.

A presentación de solicitudes para a súa tramitación pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que teñan que recibir informe do comité deberá realizarse a través do correspondente concello, que xuntará o oportuno informe urbanístico xa que a auto

rización dunha intervención nun ben integrante do patrimonio cultural non implica a súa adecuación á normativa urbanística nin exime da necesidade de obter a correspondente licenza municipal para a súa execución.

Artigo 13º.-Corrección e mellora da solicitude.

Se a solicitude sometida á consideración do comité non reunise os requisitos a que se refire o artigo anterior ou os exixidos na normativa vixente, requirirase o interesado para que corrixa a falta ou achegue os documentos preceptivos, no prazo máximo dun mes desde a súa notificación, coa advertencia de que, de non facelo así, se entenderá por desistido da súa solicitude, logo da correspondente resolución.

Artigo 14º.-Prazo para a toma de decisións.

Os informes do Comité Asesor do Camiño de Santiago deberán ditarse no prazo máximo de tres meses desde a presentación da documentación preceptiva, ou desde que o interesado presente a que lle fose solicitada mediante requirimento de corrección ou mellora, sen que no mesmo prazo fose obxecto de novo requirimento. Transcorrido o dito prazo sen que fose ditado informe polo comité, entenderase que este é desfavorable.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Comité Asesor do Camiño de Santiago constituirase no prazo de dous meses contados desde a entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-As entidades e organismos a quen corresponda propoñer a designación de representantes no Comité Asesor do Camiño de Santiago deberán comunicar a súa proposta á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural no prazo dun mes desde o día de entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria

A Comisión de Patrimonio Histórico da Cidade e o Camiño de Santiago, coa súa actual composición, continuará coas súas funcións ata a constitución do Comité Asesor do Camiño de Santiago.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, dun xeito específico, o Decreto 63/1992, do 19 de febreiro, polo que se reestrutura a composición e funcionamento das comisións do Patrimonio Histórico Galego, no que se refire á organización e funcionamento da Comisión de Patrimonio Histórico da Cidade e o Camiño de Santiago.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Respecto do non previsto neste decreto observarase o establecido pola Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte