DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2007 Páx. 4.690

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 45/2007, do 1 de marzo, polo que se declara monumento natural A Carballa da Rocha, no concello de Rairiz de Veiga.

A Carballa da Rocha é unha árbore da especie Quercus robur L, sita no termo municipal de Rairiz de Veiga, dentro da comarca da Limia, na provincia de Ourense, que constitúe un elemento da natureza erixido nunha formación arbórea de notoria singularidade e beleza que presenta un interese científico, cultural e paisaxístico, merecedor de ser obxecto dunha especial protección.

A zona localízase na bacía do río Limia, onde antigamente se atopaba A Lagoa de Antela, próxima ao LIC Veiga de Ponteliñares. Esta árbore é o individuo máis espléndido dunha masa boscosa de titularidade privada, integrada nun conxunto de prados e sebes de gran valor e diversidade florística. Presenta un fuste impresionante, cun perímetro, medido a 1,30 metros de altura, de 6,90 metros, que se bifurca aos 7 metros de altura en dúas pólas de grandes dimensións e acada a excepcional altura total de 33 metros.

O carballo mostra unha vitalidade excelente, sen feridas nin podrerías e sen ningún síntoma de praga ou presenza de ataques fúnxicos foliares.

A paisaxe do contorno vén conformada polos usos agrogandeiros tradicionais da zona, que se alternan con masas forestais, configurando un ecosistema de gran biodiversidade, potenciado pola proximidade do LIC ES 1130005; salienta que no contorno inmediato se localiza a zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN), declarada polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais, como o LIC ES 1130006 Veiga de Ponteliñares, que presenta formacións de vexetación herbácea e arbustiva produto do ecosistema de auga doce da zona.

A trascendencia social, histórica e cultural da Carballa da Rocha é de grande importancia debido á súa proximidade á capela da Virxe da Mercé, lugar de celebración das romarías da zona, así como por ser protagonista de numerosas lendas e contos populares. Débese manter, polo tanto, a integridade dos valores morfolóxicos, históricos e culturais da Carballa da Rocha e fomentar o seu coñecemento.

Estes recursos naturais precisan dunha protección que garanta a súa conservación e que asemade sexa compatible co uso público e gozo da natureza neste espazo, tal como se sinala na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da vixente Constitución española e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas.

A citada Lei 9/2001, do 21 de agosto, no seu artigo 13, regula a adquisición da condición de monumento natural para aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacigos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos. O disposto neste precepto é enteiramente aplicable ao caso concreto da Carballa da Rocha.

As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe foron asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do Estatuto de autonomía, recollidas no seu artigo 27.30º.

Polo anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declaración como monumento natural.

De conformidade coa Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, declárase monumento natural o espazo coñecido como A Carballa da Rocha, situado no concello de Rairiz de Veiga, na provincia de Ourense, que abrangue unha superficie total de 0,64 hectáreas.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

Aplícaselle ao monumento natural A Carballa da Rocha o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos, co fin de protexer e conservar os importantes valores naturais que presenta en canto á singularidade da súa xea, fauna e flora, así como respecto á dos seus propios ecosistemas e hábitats naturais e á singular beleza da súa paisaxe.

Artigo 3º.-Localización.

A Carballa da Rocha atópase situada nas seguintes coordenadas en proxección UTM:

-Fuso 29 T; Zona: norte 4.658.433 e leste 596.750.

A zona declarada espazo natural protexido abrangue as parcelas catastrais, detalladas no anexo I, con número 93, 96, 97, 98, 99 e 437 do polígono número 86 do termo municipal de Rairiz de Veiga, sume unha superficie total de 0,64 Hectáreas.

Artigo 4º.-Medidas de protección.

Na zona na que se localiza A Carballa da Rocha e co fin de garantir a conservación dos valores que motivaron a súa declaración como monumento natural establécense as seguintes medidas de protección:

1. Prohíbese, en todo o ámbito do monumento natural:

a) A realización de campamentos ou o seu establecemento.

b) A realización de desmontes ou terrapléns.

c) Verteduras ou vertedoiros de calquera natureza.

d) As queimas.

e) A fixación ou colocación de carteis ou anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumento natural.

f) A extracción de area.

g) O establecemento de infraestruturas que menosprezen a calidade paisaxística do contorno.

h) Os aproveitamentos mineiros da xea presente na área.

i) A construción de edificacións permanentes de calquera tipo.

j) A recolleita de especies de flora e fauna silvestre sen autorización da consellería competente en materia de ambiente.

2. Fóra dos camiños e vías existentes, só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal ou a empregada para o servizo das instalacións públicas existentes.

3. Prohíbese a realización de calquera tipo de acción que poida supoñer a destrución ou alteración dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios, de acordo co disposto na Directiva 1992/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

Artigo 5º.-Suspensión de actividades.

A consellería competente en materia de conservación da natureza instará a suspensión de toda actividade que non dispoña da preceptiva autorización, que non se axuste as condicións da autorización outorgada, que incumpra o establecido neste decreto, na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ou calquera outra que atente contra a súa conservación e protección como monumento natural.

Artigo 6º.-Potestade sancionadora.

A vulneración do réxime de protección establecido para A Carballa da Rocha, así como a inobservancia da normativa vixente que regula os espazos naturais protexidos, serán sancionadas de conformidade co disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, con suxeición ao procedemento legalmente establecido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

PARCELAS DO MONUMENTO NATURAL CARBALLA DA ROCHA

PROVINCIACONCELLOAGREGADOZONAPOLIG.PARC.SUP

(ha)

32-OURENSE68-RAIRIZ DE VEIGA0086930,0229

32-OURENSE68-RAIRIZ DE VEIGA0086960,0429

32-OURENSE68-RAIRIZ DE VEIGA0086970,4834

32-OURENSE68-RAIRIZ DE VEIGA0086980,0310

32-OURENSE68-RAIRIZ DE VEIGA0086990,0341

32-OURENSE68-RAIRIZ DE VEIGA00864370,0286

0,6429