DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2007 Páx. 4.627

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1º.28 da Constitución, o que implica a potestade lexislativa, regulamentaria e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18º e 37 do seu Estatuto de autonomía.

En exercicio desa competencia, aprobouse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. O seu artigo 7 dispón que regulamentariamente se establecerá a composición e o funcionamento dos órganos asesores da Consellería de Cultura, entre os cales se inclúen as comisións territoriais do patrimonio histórico.

A evolución experimentada pola lexislación substantiva, coa aprobación da citada Lei 8/1995 e da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, así como os cambios, por unha banda, na organización administrativa da comunidade autónoma e, por outra, as novas disposicións que rexen a actividade da Administración, en especial dos seus órganos colexiados, fan necesaria unha adecuación da regulación da composición e funcionamento das citadas comisións territorais do patrimonio histórico.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do oito de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza.

1. As comisións territoriais do Patrimonio Histórico son órganos asesores da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, de carácter colexiado, que dependen organicamente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e funcionalmente de cada unha das delegacións provinciais da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

2. A consulta ás comisións territoriais do Patrimonio Histórico será preceptiva cando unha norma así o prevexa, e facultativa nos demais casos.

Os seus acordos non serán vinculantes, salvo que a normativa vixente estableza expresamente o contrario.

3. As resolucións e demais actos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre asuntos en que teñan intervido as comisións expresarán se son acordados consonte o informe da Comisión Territorial

de Patrimonio Histórico ou se apartan del, mediante o uso das fórmulas «de acordo coa Comisión Territorial de Patrimonio Histórico» ou ben «ouvida a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico» respectivamente. Neste último caso, deberá motivarse suficientemente.

Artigo 2º.-Funcións.

Son funcións das comisións territoriais do Patrimonio Histórico, con competencia dentro do ámbito territorial respectivo das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra:

a) Emitir informe sobre os expedientes de proxectos de obras que afecten os bens incluídos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, excepto aqueles que promova directamente a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, os que afecten o patrimonio da Igrexa Católica, e aqueles que correspondan ao Comité Asesor do Camiño de Santiago.

b) Asesorar e emitir os informes ou ditames que, dentro do seu ámbito territorial, lles sexan solicitados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre as avaliacións de impacto ambiental e o planeamento urbanístico para programas e plans que poidan afectar os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, así como calquera outro tipo de pronunciamentos, a requirimento da propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nas materias da súa competencia.

c) Propoñer a incoación de expedientes de declaración de ben de interese cultural, de inclusión de bens no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, e emitir informe sobre as propostas efectuadas a este respecto por outros organismos ou por particulares.

d) Calquera outra función que lle veña atribuída pola lexislación vixente.

Artigo 3º.-Composición.

1. As comisións territoriais do Patrimonio Histórico estarán integradas polos seguintes membros, con voz e voto: o presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta e os vogais.

2. Actuará como presidente ou presidenta o titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

3. Actuará como vicepresidente ou vicepresidenta o titular da delegación provincial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

4. Serán vogais de cada unha das comisións territoriais do Patrimonio Histórico:

a) O titular da xefatura do Servizo de Patrimonio Cultural da respectiva delegación provincial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

b) Un técnico en representación do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de urbanismo.

c) Un técnico en representación do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de vivenda.

d) Un representante do Consello da Cultura Galega.

e) Un representante da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.

f) Un representante da universidade do ámbito territorial respectivo.

g) Un arquitecto ou arquitecta dos servizos técnicos da respectiva delegación provincial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

h) Un arqueólogo ou arqueóloga dos servizos técnicos da respectiva delegación provincial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

i) Dúas persoas de recoñecido prestixio e coñecemento en materia de patrimonio cultural designadas polo titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

Actuará como secretario ou secretaria o titular da xefatura do Servizo de Patrimonio Cultural da respectiva delegación provincial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

5. A designación e cesamento dos vogais membros das comisións territoriais do Patrimonio Histórico que non o sexan por razón dos seus cargos, e os seus respectivos suplentes, corresponde ao titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, por proposta das entidades e órganos citados.

6. Con excepción dos vogais a que fai referencia o punto 4º do presente artigo nas alíneas a), g) e h), o cargo de vogal das comisións territoriais do Patrimonio Histórico terá unha duración de catro anos computados desde a data da súa designación. Transcorrido o dito prazo, os nomeamentos renovaranse automaticamente, salvo resolución expresa en contrario.

7. O titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural poderá cesar os membros das comisións territoriais do Patrimonio Histórico polas seguintes causas:

a) Renuncia.

b) Renovación polo transcurso do prazo de nomeamento, se for o caso.

c) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

d) Incapacidade declarada por decisión xudicial firme.

e) A petición da entidade ou órgano que propuxo o nomeamento.

f) Incumprimento grave dos seus deberes.

8. As vacantes que se produzan entre os vogais das comisións por causa de defunción, incapacidade ou cesamento, serán postas en coñecemento da entidade ou organismo a quen representen, para que propoña a designación doutra persoa polo período que restase, se for o caso, ao vogal inicialmente designado, dentro do prazo dun mes desde que se producise o feito causante.

9. Os vogais das comisións territoriais do Patrimonio Histórico non poderán atribuírse as funcións de representación delas, salvo que se lles outorgasen expresamente mediante acordo validamente adoptado, para cada caso concreto, pola propia comisión.

10. Serán motivos de abstención e recusación dos membros das comisións territoriais do Patrimonio Histórico, os previstos con carácter xeral na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Os membros das comisións terán dereito a percibir unha indemnización en concepto de axudas de custo de acordo coa normativa xeral da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Normas de funcionamento.

1. Ás sesións das comisións territoriais do Patrimonio Histórico asistirán o presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta, os vogais e o secretario ou secretaria, ou quen os substitúan.

2. Así mesmo, serán convocados ás sesións, con voz e sen voto, un representante da deputación provincial correspondente e outro de cada concello directamente afectado nos asuntos que se van tratar en cada sesión.

Poderán asistir, asemade, con voz pero sen voto, as persoas, representantes de organismos, institucións e entidades públicas ou privadas, que polas súas actividades, coñecementos ou experiencia, se considere conveniente para a resolución dos asuntos que se van tratar.

3. Os asuntos sometidos a ditame irán acompañados dos informes técnicos necesarios para a súa correcta resolución. Estes informes serán elaborados con carácter ordinario por persoal técnico ao servizo da delegación provincial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

4. Así mesmo, as comisións territoriais do Patrimonio Histórico poderán encargar a realización dos ditos informes a persoas especializadas, coa finalidade de garantir unha máis eficaz protección e preservación do patrimonio cultural de Galicia. Asemade, poderán solicitar, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o asesoramento legal da Asesoría Xurídica da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, co propósito de asegurar a correcta aplicación da normativa vixente.

Artigo 5º.-Funcións da presidencia.

1. Correspóndelle á presidencia das comisións, ademais das funcións enumeradas no número 1 do artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a de dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

2. En caso de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o presidente ou presidenta da

comisión será substituído polo vicepresidente ou vicepresidenta.

Artigo 6º.-Funcións da vicepresidencia.

1. Corresponde á vicepresidencia das comisións territoriais do Patrimonio Histórico Galego auxiliar a presidencia no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquela.

2. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o vicepresidente ou vicepresidenta da comisión será substituído polo secretario ou secretaria da respectiva delegación provincial da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

Artigo 7º.-Funcións da secretaría.

1. Corresponden á secretaría das comisións territoriais do Patrimonio Histórico as funcións establecidas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Nos casos de vacante, ausencia, imposibilidade ou outra causa legal, o secretario ou secretaria será suplido temporalmente por un funcionario ou funcionaria da respectiva delegación provincial, designado polo titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 8º.-Desenvolvemento das sesións.

1. As comisións territoriais do Patrimonio Histórico reuniranse en sesións ordinarias e extraordinarias, en primeira ou segunda convocatoria. As sesións ordinarias celebraranse unha vez ao mes, agás en agosto. As sesións extraordinarias serán convocadas polo presidente ou presidenta da comisión, por propia iniciativa ou por solicitude da metade dos seus membros, caso en que os asuntos que motivaron a dita petición serán incluídos preceptivamente na orde do día da reunión.

2. Para a válida constitución das comisións territoriais do Patrimonio Histórico requirirase, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros, e en segunda convocatoria, a presenza de, polo menos, a metade deles. Entre eles, necesariamente, deberá asistir o presidente ou presidenta da comisión ou, se for o caso, quen o substitúa. Asemade, será precisa a presenza do secretario ou secretaria ou de quen o substitúa.

Entenderase producida con carácter automático a segunda convocatoria transcorrida media hora despois da primeira.

3. Para a válida adopción de acordos requirirase a maioría simple dos votos dos asistentes á sesión con dereito a voto.

4. As convocatorias das sesións cursaranse por escrito, cunha anticipación mínima de corenta e oito horas, e irán acompañadas da orde do día correspondente e da acta da sesión anterior para os efectos da súa aprobación, de ser esta procedente.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, a non ser que estean presentes os dous terzos dos membros da comisión, e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 9º.-Tramitación de expedientes.

Para admitir un expediente para os efectos do seu exame, informe ou ditame polas comisións territoriais do Patrimonio Histórico, será necesaria a presentación da documentación que se determinará na normativa de desenvolvemento do presente decreto.

Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

A presentación de solicitudes para a súa tramitación pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que teñan que recibir o informe das comisións deberá realizarse a través do correspondente concello, que xuntará o oportuno informe urbanístico, xa que a autorización dunha intervención nun ben integrante do patrimonio cultural non implica a súa adecuación á normativa urbanística nin exime da necesidade de obter a correspondente licenza municipal para a súa execución.

Artigo 11º.-Corrección e mellora da solicitude.

Se a solicitude sometida á consideración da comisión non reunise os requisitos a que se refire o artigo anterior ou os exixidos na normativa vixente, requirirase o interesado para que corrixa a falta ou achegue os documentos preceptivos, no prazo máximo dun mes desde a súa notificación, coa advertencia de que, de non facelo así, entenderase por desistido da súa solicitude, logo da correspondente resolución.

Artigo 12º.-Prazo para a toma de decisións.

Os informes das comisións territoriais do Patrimonio Histórico deberán ditarse no prazo máximo de tres meses desde a presentación da documentación preceptiva, ou desde que o interesado presente a que lle fose solicitada mediante requirimento de corrección ou mellora, sen que no mesmo prazo fose obxecto de novo requirimento. Transcorrido o dito prazo sen que fose ditado o informe pola comisión, entenderase que este é desfavorable.

Disposicións adicionais

Primeira.-As comisións territoriais do Patrimonio Histórico constituiranse coa configuración establecida polo presente decreto no prazo de dous meses contados desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As entidades e organismos a quen corresponda propoñer a designación de representantes nas comisións territoriais do Patrimonio Histórico deberán comunicar a súa proposta á consellería con competencias en materia de patrimonio cultural no prazo de un mes desde o día de entrada en vigor do presente decreto.

Disposición transitoria

As comisións territoriais do Patrimonio Histórico, coa actual composición, continuarán coas funcións que tiñan encomendadas ata a súa nova constitución.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de inferior ou igual rango se opoñan ao disposto no presente decreto, e especialmente o Decreto 63/1992, do 19 de febreiro, polo que se reestrutura a composición e funcionamento das comisións do Patrimonio Histórico Galego, no que se refire á composición e funcionamento das expresadas comisións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución do disposto no presente decreto.

Segunda.-Respecto do non previsto no presente decreto, observarase o establecido pola Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte