DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 22 de marzo de 2007 Páx. 4.564

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 38/2007, do 1 de marzo, polo que se modifica o Decreto 64/2006, do 6 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.

Un ano despois da posta en marcha do Decreto 64/2006, que regula as axudas para rematar as construcións inacabadas de vivenda unifamiliar rural, o seguimento das solicitudes presentadas e da súa normativa reguladora aconsellan facer algunhas actualizacións para perfeccionar o obxectivo de axudar as persoas promotoras das vivendas con baixos ingresos, para que poidan rematar os exteriores delas.

Desta maneira considérase oportuno aumentar a contía da subvención a un límite máximo de 6.000 euros, non poñer un límite temporal á antigüidade das obras da vivenda que, en todo caso, deberá estar en posesión da licenza municipal de obras, e facer algunha corrección para mellorar o funcionamento administrativo na xestión das subvencións.

En virtude do anterior, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 64/2006, do 6 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción.

Modifícase o Decreto 64/2006, do 6 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para o remate exterior de vivendas unifamiliares rurais de nova construción que queda redactado como segue:

Un.-O artigo 3 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3º.-Condicións das vivendas.

Poderanse acoller a estas subvencións aquelas vivendas en construción que teñan a cuberta, os paramentos exteriores e a carpintaría exterior completa e que, contando a vivenda con licenza municipal de obras e axustándose a ela as obras realizadas, os acabamentos exteriores contemplados no artigo 4 deste decreto non estean aínda totalmente rematados».

Dous.-O número 1 do artigo 6º queda redactado do seguinte xeito:

«1. A Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo aos orzamentos da Consellería de Vivenda e Solo e dentro das dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar en cada exercicio económico, que se cuantificarán nas respectivas ordes anuais, poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 4º deste decreto nunha contía equivalente ao 30% do orzamento das obras, sen que en ningún caso a devandita subvención poida superar a cantidade de 6.000 euros por persoa beneficiaria».

Tres.-O terceiro parágrafo do artigo 10 queda redactado do seguinte xeito:

«Na resolución de concesión constará a obriga de destinar a vivenda rematada a residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria durante o prazo, como mínimo, de 10 anos, contados a partir da data de remate das obras».

Catro.-O segundo parágrafo do artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

«O delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento á conselleira de Vivenda e Solo ou persoa en quen delegue».

Cinco.-O punto 3 do anexo queda redactado do seguinte xeito:

«3. Rexuntado con argamasa en muro de perpiaño».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo