DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 21 de marzo de 2007 Páx. 4.484

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2007 pola que se convocan cursos para o persoal ao servizo das entidades locais de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) aprobado para 2007, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse cursos para o persoal ao servizo das entidades locais de Galicia, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Requisitos dos participantes.

Poderán participar nas accións formativas convocada por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración local de Galicia que se encontran en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos para cada un dos cursos relacionados no anexo.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda.-Acceso ás actividades, datas e lugares de realización.

Poderá participar o persoal que cumpra os requisitos específicos e as preferencias exixidas para cada curso no anexo. A participación nos cursos que teñan lugar en horario de traballo quedará condicionada á autorización das persoas responsables dos centros directivos.

Os cursos realizaranse coa duración e condicións que para cada un deles se indican no anexo. A información será actualizada na páxina web da EGAP, http://www.egap.xunta.es.

Terceira.-Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es, de acordo co disposto na base 4ª desta resolución.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso neste ano.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ás vías de solicitude oficialmente establecidas ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes de cursos de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

-Ordenador con conexión á internet.

-Calquera navegador web co plugin de flash.

-Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

e) Os formularios cubertos adecuadamente de acordo coa base 4ª entenderanse presentados na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula. No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitir á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a devandita documentación por fax ao número 981 54 63 30 ou correo electrónico ao enderezo local.egap*xunta.es, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión.

No caso de encontrárense varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:

-Para os cursos de teleformación, o prazo comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de abril de 2007.

-Para o curso de Recursos Humanos o prazo comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 29 de marzo de 2007.

-Para o curso de Xestión de Servizos Públicos Locais o prazo comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 12 de abril de 2007.

Cuarta.-Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude regulados nesta resolución serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da aplicación informática de matrícula en liña da Escola Galega de Administración Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 63 40, o fax: 981 54 63 30 ou enderezo de correo electrónico matricula.egap*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta.-Criterios de selección.

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública de 30 de xaneiro de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 27, do 7 de febreiro) e, de ser o caso, os criterios específicos que se establezan para cada acción formativa sinalados no anexo.

b) A EGAP poderá solicitar en calquera momento nos centros directivos dos cales dependan os solicitantes un informe acreditativo da adecuación do perfil do solicitante ao contido do curso.

d) Así mesmo, poderá ser solicitado o asesoramento dos profesores na materia dos cursos cando sexa conveniente para unha mellor selección e a homoxeneización do grupo de alumnos, para o que poderán ser establecidas probas previas de nivel.

e) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

f) Procurarase que estea representado o maior número posible de entidades locais.

Sexta.-Publicación das relacións do persoal seleccionado.

a) As relacións das persoas seleccionadas, así como a dun número adecuado de reservas, para participar nos cursos previstos oficialmente serán publicadas no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP http://www.egap.xunta.es. Ademais, para unha maior difusión poderán ser informados da súa selección a través do correo electrónico. Enténdese que as persoas que non figuren na relación, ben ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A persoa seleccionada deberá comunicarlle á persoa responsable do seu centro directivo a selección na actividade en caso de coincidir co horario de traballo, pois neste suposto deberá contar coa súa autorización, que terá que presentarlle ao comezo do curso ao responsable da actividade formativa ou á EGAP. Se por necesidades do servizo ou causas debidamente motivadas poderá negarse a asistencia ao curso, circunstancia que debe ser comunicada á EGAP.

c) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sétima.-Asistencia aos cursos.

a) O persoal seleccionado non poderá renunciar ao curso, salvo por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou causas xustificadas manifestadas documentalmente pola persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolva o seu labor. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de 7 días hábiles, sempre que sexa posible, ao comezo do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada debidamente suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 30 de xaneiro de 2007 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

b) Excepto para os cursos dunha duración superior a 40 horas lectivas, o curso non poderá ser realizado de non asistir o primeiro día da actividade formativa, independentemente da causa que provoque a falta de asistencia.

c) Durante a celebración das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Oitava.-Certificados.

a) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Calquera ausencia non-xustificada ou xustificada insuficientemente implicará a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas lectivas.

c) Para poder superar os cursos de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

-Asistencia á sesión presencial de apertura, se a houber.

-Adecuada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como aprobadas nos prazos que estipulen as titorías.

-Lectura detallada dos contidos do curso. Cada curso ten uns contidos teóricos que deben ser revisados na plataforma. En cada curso estimarase un tempo mínimo que será comunicado antes polas titorías ao seu inicio.

O alumnado deberá superar unha proba final, de carácter presencial, que terá lugar nas dependencias da EGAP. Para poder obter o diploma é necesario obter un aprobado nesa proba e cumprir os demais requisitos con anterioridade.

d) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes nos cursos terán que facilitarlles unha copia das certificacións recibidas aos servizos de persoal do centro directivo ao cal estean adscritos.

Novena.-Facultades da EGAP.

a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e pode suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Así mesmo, correspóndelle á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como todas as continxencias que poidan xurdir.

c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega

de Administración Pública

ANEXO

* Curso de iniciación á informática. O procesador de textos Word.

Código: LII.

Obxectivos:

Proporcionar uns coñecementos básicos de informática, con especial atención ás posibilidades que ofrece o tratamento de textos na realización das tarefas administrativas.

Destinatarios:

Persoal ao servizo da Administración local da Comunidade Autónoma galega, con coñecementos elementais de informática e acceso á internet.

Desenvolvemento:

1. Duración: 30 horas (26 de autoestudo con titorías telemáticas e 4 horas presenciais).

A realización do autoestudo complementarase coa existencia dun sistema de titoría telemática para que os alumnos lle poidan formular ao profesor todas as dúbidas relacionadas coa materia do curso.

Sesións presenciais: realizaranse dúas sesións presenciais de 2 horas, a primeira ao comezo do curso co fin de explicar o seu seguimento e a súa estrutura e a segunda ao final para a realización da proba de avaliación para poder obter o diploma de aproveitamento.

2. Datas: do 16 de abril ao 14 de maio de 2007.

Sesión presencial: 16 de abril ás 17.00 horas na sede da EGAP, Santiago de Compostela.

Exame: 14 de maio ás 17.00 horas na sede da EGAP, Santiago de Compostela.

3. Prazas: 50.

Contido:

Introdución a Microsoft Word. Administración de documentos. Escribir e editar un texto. Formatos. Estilos. Táboas. Encabezamentos e pés de páxina.

* Curso de base de datos Access.

Código: LBD.

Obxectivos:

Introducir o usuario dun xeito rápido no manexo do programa Access.

Destinatarios:

Persoal ao servizo da Administración local da Comunidade Autónoma galega, con coñecementos elementais de informática e acceso á internet.

Desenvolvemento:

1. Duración: 30 horas (26 de autoestudo con titorías telemáticas e 4 horas presenciais).

A realización do autoestudo complementarase coa existencia dun sistema de titoría telemática para que os alumnos lle poidan formular ao profesor todas as dúbidas relacionadas coa materia do curso.

Sesións presenciais: realizaranse dúas sesións presenciais de 2 horas, a primeira ao comezo do curso co fin de explicar o seu seguimento e a súa estrutura e a segunda ao final para a realización da proba de avaliación para poder obter o diploma de aproveitamento.

2. Datas: do 30 de abril ao 11 de xuño de 2007.

Sesión presencial: 30 de abril ás 17.00 horas na sede da EGAP, Santiago de Compostela.

Exame: 11 de xuño ás 17.00 horas na sede da EGAP, Santiago de Compostela.

3. Prazas: 50.

Contido:

Introdución a Access. Traballar con bases de datos. As táboas. Consultas. Formularios. Informes. Páxinas de acceso a datos. Controis e gráficos.

* Curso de protección de datos de carácter persoal na Administración local.

Código: LPD.

Obxectivos:

Analizar as exixencias e os problemas que para as Administracións locais se derivan da aplicación da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e o Real decreto 994/1999.

Destinatarios:

Persoal ao servizo da Administración local da Comunidade Autónoma galega, con coñecementos elementais de informática e acceso á internet.

Desenvolvemento:

1. Duración: 30 horas (26 de autoestudo con titorías telemáticas e 4 horas presenciais).

A realización do autoestudo complementarase coa existencia dun sistema de titoría telemática para que os alumnos lle poidan formular ao profesor todas as dúbidas relacionadas coa materia do curso.

Sesións presenciais: realizaranse dúas sesións presenciais de 2 horas, a primeira ao comezo do curso co fin de explicar o seu seguimento e a súa estrutura e a segunda ao final para a realización da proba de avaliación para poder obter o diploma de aproveitamento.

2. Datas: do 14 de maio ao 18 de xuño de 2007.

Sesión presencial: 14 de maio ás 18.30 horas, na sede da EGAP, Santiago de Compostela.

Exame: 18 de xuño ás 17.00 horas na sede da EGAP, Santiago de Compostela.

3. Prazas: 50.

Contido:

Protección de datos. Datos persoais. Tratamentos de datos. Dereitos dos afectados. Réxime sancionador. Regulamentación de datos: anexos.

* Curso de recursos humanos.

Código: LRH.

Obxectivos:

Proporcionar coñecementos para mellorar a xestión dos recursos humanos.

Destinatarios:

Funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, funcionarios de corporacións locais pertencentes aos grupos A, B ou asimilados, con responsabilidades de recursos humanos.

Desenvolvemento:

-Duración: 45 h.

-Lugares e datas: Santiago de Compostela: sede da EGAP do 11 de abril ao 16 de maio de 2007 (martes, mércores e xoves).

-Horarios: das 17.00 ás 20.00 horas.

-Prazas: 35.

Contido:

-Introdución. Xestión estratéxica de persoal. Réxime xurídico do persoal ao servizo da Administración local galega. O novo estatuto básico do empregado público. Sistemas de avaliación do desempeño. Ética e valores de responsabilidade pública. Selección de persoal. Provisión de postos de traballo. Situacións administrativas. Medidas de conciliación da vida familiar e profesional. Réxime de incompatibilidades e réxime disciplinario. Instrumentos de ordenación e planificación de recursos humanos. Modalidades de contratación laboral temporal na Administración pública. Plans de fomento de emprego. Xestión de nóminas e seguridade social. Indemnizacións por razón do servizo. Función interventora e control de gastos de persoal. Formación continua e desenvolvemento profesional. Saúde laboral e prevención de riscos. Relacións laborais, representación e participación dos empregados públicos.

Valoración:

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e corrección, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 136/1997, do 5 de xuño (DOG nº 114, do 16 de xuño), sobre a determinación dos méritos que lle corresponde fixar á comunidade autónoma nos concursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,15 puntos.

* Curso de xestión de servizos públicos locais.

Código: LSP.

Obxectivos:

Dar a coñecer en profundidade, as distintas formas de xestión de servizos públicos locais, facendo unha análise da problemática de cada unha delas, nos aspectos xurídicos, económicos e incluso técnicos, de xeito que, unha vez rematado o curso, os asistentes poidan realizar un asesoramento global aos xestores que teñan que tomar decisións nesta materia.

Destinatarios:

Funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, funcionarios de cor

poracións locais pertencentes aos grupos A, B ou asimilados, con responsabilidades de recursos humanos.

Desenvolvemento:

-Duración: 30 h.

-Lugares e datas: Santiago de Compostela: sede da EGAP do 23 de maio ao 21 de xuño de 2007 (mércores e xoves).

-Horarios: das 17.00 ás 20.00 horas.

-Prazas: 35.

Contido:

-Aproximación ao concepto de servizo público. A xestión directa e interna dos servizos públicos locais. A descentralización funcional dos servizos públicos locais. Os organismos autónomos. As entidades públicas empresariais. As sociedades mercantís. Outras formas de xestión de servizos públicos locais. As fundacións. Os consorcios. A xestión indirecta de servizos públicos locais. As sociedades mercantís de economía mixta para a xestión de servizos públicos. Outras formas de xestión indirecta de servizos públicos locais. Os concertos. As xestións interesadas. Os convenios interadministrativos. As tarifas dos servizos públicos locais: cuestións financeiras, orzamentarias e contables. Os estudos de custos dos servizos públicos. A planificación estratéxica con respecto aos servizos públicos locais. A dirección por obxectivos e os cadros de mando.

Valoración:

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e corrección, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,35 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 136/1997, do 5 de xuño (DOG nº 114, do 16 de xuño), sobre a determinación dos méritos que lle corresponde fixar á comunidade autónoma nos concursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,10 puntos.