DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 20 de marzo de 2007 Páx. 4.395

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 33/2007, do 1 de marzo, polo que se crea a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia.

A igualdade entre mulleres e homes é hoxe en día un principio xurídico universal. No entanto, e malia este recoñecemento formal, a repartición de roles entre ambos os sexos ao longo dos séculos fai que, aínda na actualidade, na nosa sociedade as desigualdades sigan existindo e que a posición de moitas mulleres sexa de desvantaxe.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4.2º que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

Como resultado do mandado estatutario, estanse a desenvolver e aplicar políticas específicas de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres mediante o establecemento de estratexias destinadas a romper as barreiras estruturais que impiden na práctica unha mellor distribución de papeis entre uns e outras.

Así, a aprobación da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, na cal se establece a obriga de integrar a dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e de todas as accións competencia da Xunta de Galicia, supón un paso adiante cara á completa eliminación das discriminacións directas e indirectas entre mulleres e homes e na promoción da igualdade.

É un feito que no ámbito da sociedade do coñecemento, o papel da ciencia e a tecnoloxía resulta esencial, constituíndose no motor do progreso social e económico. Para podérmonos enfrontar aos retos que presenta o contexto competitivo actual e rendibilizar as oportunidades que se nos brindan no novo milenio faise indispensable que Galicia aproveite ao máximo todo o seu potencial de investigación. No entanto, hai unha cuestión clave que segue a condicionar este obxectivo: a insuficiente presenza das mulleres e da perspectiva de xénero nos ámbitos da ciencia, da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico.

Resulta de grande relevancia conceder prioridade a esta cuestión canto ao deseño e promoción das políticas científicas, tecnolóxicas, educativas e mes

mo sociais co obxectivo de corrixir os desequilibrios entre investigadores e investigadoras, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a optimizar a utilización dos recursos humanos e, a un tempo, enriquecería a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

As actuacións desde a perspectiva de xénero nos ámbitos social, científico, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara a un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais, facéndose necesario contar cunha área de traballo interdepartamental estable que dinamice e transforme a ciencia e tecnoloxía galegas, finalidade a que responde a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, órgano colexiado de asesoramento, proposta e colaboración que se crea a través deste decreto ao abeiro do artigo 39 do Estatuto de autonomía.

Por todo iso, por iniciativa do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, do conselleiro de Innovación e Industria e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude das competencias respectivas e no uso das atribucións que lles confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Créase a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia. A dita unidade terá como finalidade incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia.

2. As súas actuacións irán encamiñadas, nunha perspectiva integral, a promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no eido da investigación e innovación e na xestión da I+D+i, así como a situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva do xénero nun primeiro plano.

Artigo 2º.-Natureza xurídica.

A Unidade de Muller e Ciencia é un órgano colexiado de asesoramento, proposta e colaboración integrado na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e que se adscribe ao departamento competente en materia de políticas de igualdade.

Artigo 3º.-Membros da Unidade de Muller e Ciencia.

A Unidade de Muller e Ciencia estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidenta/e.

b) Vicepresidenta/e primeira/o.

c) Vicepresidenta/e segunda/o.

d) Secretaria/o.

e) Vogais.

Artigo 4º.-Presidencia.

1. Corresponderalle ao departamento competente en materia de políticas de igualdade, que exercerá esta competencia a través dun/dunha representante con rango mínimo de director/a xeral.

2. A/o presidenta/e da Unidade de Muller e Ciencia terá as seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación da unidade.

b) Exercer a súa dirección, adoptando as medidas necesarias para o seu bo funcionamento.

c) Realizar a convocatoria das reunións ordinarias e extraordinarias, presidilas e moderar o seu desenvolvemento.

d) Fixar a orde do día das reunións, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos restantes membros da unidade que fosen formuladas coa anticipación suficiente para permitir efectuar a convocatoria en prazo.

e) Dirimir a votación en caso de empate.

f) Asegurar o cumprimento das leis.

g) Visar as actas e acordos da unidade.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición de presidenta/e da unidade.

Artigo 5º.-Vicepresidencias.

1. A vicepresidencia primeira será exercida pola consellería competente en materia de educación e ordenación universitaria a través dun/dunha representante con rango mínimo de director/a xeral.

2. A vicepresidencia segunda correspóndelle á consellería competente en materia de innovación e industria, que exercerá esta competencia a través dun/dunha representante con rango mínimo de director/a xeral.

3. As persoas que desempeñen ás vicepresidencias substituirán, pola orde en que aparecen mencionadas, á presidenta/e nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal.

Artigo 6º.-Secretaría.

1. Será exercida por un/unha funcionario/a do departamento competente en materia de políticas de igualdade da Xunta de Galicia, correspondéndolle a súa designación á presidencia.

2. Correspóndelle á secretaría da unidade:

a) Asistir ás reunións do pleno con voz pero sen voto.

b) Efectuar as convocatorias das reunións da unidade por orde da presidencia.

c) Recibir as comunicacións que as vogais da unidade presenten para a súa toma en consideración, así como cantas notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretaria/o.

Artigo 7º.-Vogais.

Formarán parte da unidade en calidade de vogais, sendo nomeadas polo/a presidente/a da unidade por proposta da persoa titular do correspondente departamento:

a) Dúas/dous funcionarias/os da consellería competente en materia de políticas de igualdade, unha con rango de subdirector/a xeral e outra co de xefa/e de servizo.

b) Dúas/dous funcionarias/os da consellería competente en materia de educación e ordenación universitaria, unha con rango de subdirector/a xeral e outra co de xefa/e de servizo.

c) Dúas/dous funcionarias/os da consellería competente en materia de Innovación e Industria, unha con rango de subdirector/a xeral e outra de xefa/e de servizo.

d) Unha persoa experta no ámbito científico e tecnolóxico de carácter profesional, proposta pola consellería competente en materia de innovación e industria.

e) Unha persoa experta no ámbito educativo e a promoción científica universitaria proposta pola consellería competente en materia de educación e ordenación universitaria.

f) Unha persoa experta no ámbito social, proposta polo departamento competente en materia de políticas de igualdade.

g) Unha persoa experta no ámbito sanitario, proposta polo departamento competente en materia de sanidade.

Artigo 8º.-Duración do mandato.

1. Os membros da unidade que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.

2. A/o secretaria/o e mais as vogais serán nomeadas por períodos de tres anos desde a constitución da unidade.

Artigo 9º.-Perda da condición de membro da unidade.

1. Os membros da unidade nomeados por razón do seu cargo perderán esta condición por deixar de desempeñar o dito cargo.

2. Nos demais casos a perda da condición de membro da unidade producirase polas causas seguintes:

a) Polo transcurso do período do seu mandato.

b) Por renuncia.

c) Por revogación do seu nomeamento.

d) Por calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.

3. A perda da condición de membro da unidade, excepto polo transcurso do período do mandato, deberá ser comunicada á secretaría da unidade.

Artigo 10º.-Funcións.

A Unidade de Muller e Ciencia terá as seguintes funcións:

a) Elaborar propostas e recomendacións para promover a equidade de homes e mulleres no ámbito da ciencia e a tecnoloxía galegas.

b) Realizar informes e avaliacións que permitan establecer a situación actual das mulleres no eido científico e tecnolóxico e a súa evolución no tempo e sensibilicen a sociedade sobre a presenza real das mulleres nestes ámbitos, tanto nos niveis educativos como no desenvolvemento profesional.

c) Promover ante as diferentes institucións e organismos con responsabilidades nos ámbitos científicos e tecnolóxicos galegos a unificación dos criterios na elaboración de indicadores desagregados por sexos, así como a publicación e difusión dos datos resultantes da maneira máis ampla posible.

d) Colaborar coa administración educativa no deseño de accións formativas e de sensibilización para fomentar en todos os ámbitos e niveis educativos (ensino primario, ensino secundario obrigatorio (ESO), bacharelato, ciclos formativos de grao medio e superior e ensino universitario) a orientación non sexista e promover a presenza das mulleres nos itinerarios e/ou especialidades científicas e tecnolóxicas.

e) Poñer en marcha un Programa Galego de Muller e Ciencia que, entre outras cuestións:

-Elabore un estudo histórico que permita difusión e visibilización na sociedade das contribucións feitas pola mulleres en Galicia á ciencia e á tecnoloxía.

-Leve a cabo accións de sensibilización para promover a incorporación das mulleres como científicas e tecnólogas no tecido produtivo.

-Leve a cabo accións de sensibilización para promover a presenza equilibrada das mulleres nos órganos responsables da selección e avaliación do persoal científico e en formación e da concesión de axudas á investigación científica e á innovación, así como nos espazos de xestión da I+D+i e demais organismos que teñen responsabilidades no ámbito científico e tecnolóxico.

-Realice tarefas de asesoramento para a integración do principio de igualdade de xénero en todas as fases de aplicación, control e avaliación dos proxectos e programas de investigación científica levados a cabo con apoio ou financiamento do goberno galego e outras institucións.

-Inste os organismos estatísticos oficiais á incorporación de forma normalizada nas estatísticas que elaboran de datos relativos á presenza feminina nas actividades de I+D+i co fin de obter información específica de carácter cuantitativo e/ou cualitativo sobre esta cuestión.

f) Cantas outras actuacións lle encomenden as disposicións legais ou a Xunta Galicia.

Artigo 11º.-Funcionamento.

A Unidade de Muller e Ciencia funcionará en pleno e nas comisións de traballo que se constitúan, podendo establecer as súas propias normas de funcionamento.

Artigo 12º.-O pleno.

1. O pleno estará formado polas persoas que teñen a presidencia, as dúas vicepresidencias e a secretaría e a totalidade de vogais que figuran no artigo 7º deste decreto.

2. Reunirase con periodicidade cuadrimestral, podendo convocarse sesións extraordinarias cando a presidencia ou a maioría dos seus membros o considere necesario.

Artigo 13º.-Comisións de traballo.

1. A Unidade de Muller e Ciencia poderá crear comisións de traballo para mellor desenvolvemento das súas competencias. Estas comisións xestionarán de forma autónoma as iniciativas, programas e actuacións que nelas delegue o pleno.

2. As comisións de traballo serán presididas polas persoas expertas relacionadas nas letras d), e) e f) do artigo 7º, formando parte delas un mínimo de dúas vogais do pleno.

3. Cada un dos tres departamentos implicados na creación da Unidade de Muller e Ciencia proporcionará o persoal de apoio necesario para o funcionamento destas comisións.

Artigo 14º.-Réxime xurídico.

O réxime xurídico da Unidade de Muller e Ciencia axustarase ao disposto no presente decreto. No non previsto será de aplicación o capítulo II do título II

da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15º.-Gratuidade das funcións e compensacións económicas por asistencia ás reunións.

O exercicio das súas funcións por parte dos membros do Unidade non implicará percepción de remuneración ningunha en concepto de asistencia, sen prexuízo dos gastos de desprazamento e as axudas de custo que se aboarán ás vogais relacionadas no artigo 7º segundo o establecido para o grupo 1º no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na administración autonómica de Galicia ou normativa que o substitúa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA