DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2007 Páx. 4.146

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, téndose producido o traspaso das competencias en materia de ensino non universitario mediante o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no seu capítulo III do título II a escolarización en centros públicos e privados concertados. A lei prescribe que as administracións educativas deberán regular a admisión do alumnado en centros públicos e privados concertados de tal forma que se garanta o dereito á educación, o acceso en condicións de igualdade e a liberdade de elección de centro por pais, nais e titores legais.

No artigo 84 da lei establécense os criterios prioritarios que se aplicarán na admisión do alumnado cando non existan prazas suficientes.

Así mesmo, a Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, regula a participación na programación xeral do ensino e dedica o seu título IV aos centros concertados, regulando que a admisión nestes centros se axustará ao réxime establecido para os centros públicos e definindo a infracción das normas sobre admisión de alumnado como unha das causas de incumprimento grave do concerto por parte do titular do centro.

A admisión de alumnado na Comunidade Autónoma de Galicia está regulada polo Decreto 87/1995, do 16 de marzo. É necesario substituír esta norma por outra que se adapte ao previsto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a partir do curso académico 2007-2008, tal como prescribe a disposición transitoria décimo novena da propia lei, aproveitando para introducir algunhas modificacións en relación coa normativa anterior, xurdidas como consecuencia da experiencia acadada pola súa aplicación.

Establécese que os pais, nais ou titores legais autorizarán a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a acceder aos datos tributarios necesarios para a aplicación dos criterios de admisión e puntualízase que contra as resolucións do titular dos centros privados concertados se poderán presentar reclamacións perante o delegado ou delegada provincial da propia consellería.

No decreto regúlase a admisión nos ciclos formativos tanto de grao medio e superior con independencia do centro en que o alumnado estivese cursando os estudos previos, e reservando unha proporción de prazas para o alumnado que acceda a través de proba e outra para o alumnado con discapacidade.

En aplicación do artigo 87 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, garántese unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo, establecendo a proporción de alumnado destas características que debe ser escolarizado en cada un dos centros públicos e privados concertados garantindo os recursos persoais e económicos necesarios. Finalmente, garántese a escolarización do alumnado de incorporación tardía.

Polo demais, neste decreto tense en conta a integración activa da dimensión da igualdade entre mulleres e homes consonte o establecido na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas polos artigos 28.1º e 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, previo informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto a regulación dos criterios e o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º.-Principios xerais.

1. Todo o alumnado ten dereito a unha praza escolar que lle garanta a educación obrigatoria e gratuíta. Teñen dereito, así mesmo, a un posto gratuíto no segundo ciclo da educación infantil.

2. A consellería competente en materia de educación, mediante a programación xeral e a oferta anual de prazas escolares, garantirá o dereito do alumnado a unha praza escolar nas etapas e niveis obrigatorios e no segundo ciclo da educación infantil,

especialmente nas zonas de nova poboación. Nesta programación terase en conta a oferta existente de centros públicos e privados concertados e, como garantía de calidade da educación, realizarase unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

3. Os pais, nais ou titores legais dos alumnos ou alumnas e, se é o caso, estes cando sexan maiores de idade, teñen dereito a elixir centro docente de entre a oferta de centros sostidos con fondos públicos. Cando o número de postos escolares ofertados nun centro sostido con fondos públicos sexa inferior ao número de solicitantes, a admisión rexerase polo establecido neste decreto.

4. Na admisión do alumnado integrarase activamente a dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e en ningún caso haberá discriminación na admisión do alumnado por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, nin poderá exixirse a formulación de declaracións que poidan afectar a súa intimidade, crenzas ou conviccións.

5. Para garantir a posibilidade de escolarizar todo o alumnado sen discriminación por motivos socioeconómicos, en ningún caso poderán os centros públicos ou privados concertados percibir cantidades das familias por recibir as ensinanzas de carácter gratuíto, impoñer ás familias a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións nin establecer servizos obrigatorios, asociados ás ensinanzas, que requiran achega económica, por parte das familias do alumnado. No marco do disposto no artigo 51 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, quedan excluídas desta categoría as actividades extraescolares, as complementarias, e os servizos escolares, que, en todo caso, terán carácter voluntario e non discriminatorio. A consellería competente en materia de educación dotará os centros dos recursos necesarios para facer posible a gratuidade das ensinanzas de carácter gratuíto, de acordo co artigo 88 da Lei orgánica de educación.

6. En aplicación do principio de colaboración e atendendo ao principio de reciprocidade, a consellería competente en materia de educación facilitaralle ao alumnado doutras comunidades autónomas o acceso a centros de zonas limítrofes, para cursar ensinanzas que non se lles oferten en centros próximos ou da súa comunidade autónoma.

Artigo 3º.-Información ao alumnado e aos pais, nais ou titores legais.

1. Os centros docentes farán público o seu proxecto educativo e facilitaranlles ao alumnado e aos pais, nais ou titores legais canta información favoreza unha maior participación da comunidade educativa. Así mesmo, informaranlle dos recursos específicos ou especiais e dos servizos complementarios de que dispoñan.

2. Os titulares dos centros privados concertados informarán, ademais, do seu carácter propio no caso de que o tivesen definido, de acordo co artigo 115 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. A matriculación do alumnado nun centro público ou privado concertado suporá respectar o seu proxecto educativo, sen prexuízo dos dereitos recoñecidos ao alumnado e ás súas familias nas leis e no establecido no punto 3 do artigo 84 da Lei orgánica de educación. Así mesmo, informarán, se é o caso, do réxime de financiamento con fondos públicos das ensinanzas concertadas, así como das actividades extraescolares e actividades complementarias, servizos complementarios e outros servizos de carácter voluntario e non lucrativo que ofrecen, coa indicación estimativa do prezo e da correspondente aprobación nos casos que sexa preceptiva.

3. Todos os centros docentes sostidos con fondos públicos facilitaranlles aos pais, nais ou titores legais que o soliciten e exporán no seu taboleiro de anuncios e en todos os sistemas de información pública de que dispoñan, durante o proceso de admisión do alumnado, polo menos a seguinte información:

a) Normativa reguladora da admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos.

b) Oferta de postos escolares en cada un dos cursos das ensinanzas sostidas con fondos públicos para o curso académico ao que se refire o proceso de admisión.

c) Área de influencia de cada unha das ensinanzas e da adscrición do centro, se existe, a outros centros.

d) Centros que ten adscritos.

e) Prazo de presentación de solicitudes.

f) Calendario que inclúa a data de publicación das relacións do alumnado admitido e os prazos para presentación de reclamación e, se é o caso, recursos.

g) Prazo para a formalización da matrícula.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Para ser admitido nun centro docente, o alumnado deberá reunir os requisitos de idade e, se é o caso, os requisitos académicos exixidos polo ordenamento xurídico vixente, para o nivel educativo e curso ao que se pretende acceder.

2. Non poderá condicionarse a admisión ao resultado de probas ou exames, agás para os niveis ou ensinanzas en que así o estableza o ordenamento xurídico vixente.

Artigo 5º.-Garantía de permanencia.

1. Unha vez admitido un alumno ou alumna nun centro docente público ou privado concertado, queda garantida a súa permanencia nel ata a finalización das ensinanzas sostidas con fondos públicos que o centro estea autorizado a impartir, sen prexuízo do que a normativa vixente establece sobre requisitos académicos e de idade e dereitos e deberes do alumnado para cada un dos niveis educativos e sen prexuí

zo do dereito das familias a solicitar o cambio de centro.

2. O disposto no punto anterior non será de aplicación para o alumnado que vaia cursar ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

Artigo 6º.-Adscrición de centros docentes.

1. Para os efectos de escolarización de alumnos e alumnas, sen necesidade de novo proceso de admisión, os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de educación, de acordo coa planificación previamente realizada para atender as necesidades de escolarización, poderán adscribir cada un dos centros públicos de educación infantil a centros públicos nos cales se imparta educación primaria, e cada un dos centros públicos nos cales se imparte educación primaria a centros públicos nos cales se imparte educación secundaria obrigatoria, de acordo co procedemento que estableza a consellería competente en materia de educación.

2. A pedimento dos titulares dos centros privados concertados, os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de educación poderán aprobar a adscrición dos centros de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria a centros privados concertados que pertenzan ao mesmo titular e que se encontren na mesma área de influencia.

3. Se non mediar solicitude dos titulares ou o centro concertado non tiver outro centro privado ao que se adscribir conforme o disposto no parágrafo anterior, os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de educación, oídos os centros afectados, poderán facer a adscrición a centros públicos ou privados concertados.

4. Para os efectos de adscrición nos centros concertados o número de prazas entenderase referido á capacidade destes recollida na correspondente autorización administrativa dos centros e o número de unidades concertadas con que conten.

TÍTULO II

Normas comúns sobre o procedemento

e a acreditación dos criterios de admisión

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. Por orde da consellería competente en materia de educación establecerase o modelo normalizado de solicitude, o prazo da súa presentación e o de resolución delas. Así mesmo, nesta orde determinarase a documentación que, se é o caso, deberá presentar o interesado xunto coa solicitude para acreditar aqueles criterios que desexa que lle sexan tidos en conta no procedemento de admisión, de acordo co establecido neste decreto.

2. A solicitude de posto escolar será única para unhas mesmas ensinanzas, irá dirixida á dirección do centro, no caso dos centros públicos, e ao titular,

no caso dos concertados, e presentarase no centro en que o solicitante pretende ser admitido, sen prexuízo, para os centros públicos, do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Na solicitude poderán relacionarse outros centros, por orde de preferencia, que serán considerados posteriormente, no caso de que o interesado non sexa admitido no centro a que vai dirixida a solicitude.

4. O consello escolar dos centros docentes públicos e o titular no caso dos centros privados concertados poderán solicitar de forma motivada dos solicitantes a documentación complementaria para a xustificación das situacións e circunstancias alegadas. No caso de que esta documentación non sexa presentada no prazo de dez días, entenderase que se renuncia á puntuación prevista no punto correspondente do baremo.

5. Será ineficaz a solicitude ou solicitudes presentadas nos casos seguintes:

a) Cando se presente máis dunha solicitude para unhas mesmas ensinanzas, o mesmo centro ou centros diferentes.

b) Cando se comprobe a falsidade ou uso fraudulento da documentación presentada polo interesado.

c) Cando a solicitude se presente fóra de prazo.

Nestes supostos, non se terá en conta a solicitude ou solicitudes presentadas, e realizará a escolarización pola comisión de escolarización ou, no seu defecto, o Servizo Provincial de Inspección Educativa.

Artigo 8º.-Áreas de influencia.

1. Os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de educación delimitarán, de acordo co procedemento que se estableza por orde da consellería, en que serán oídos os sectores afectados, as zonas de influencia dos centros co obxecto de aplicar a puntuación que corresponda por proximidade do domicilio. Para determinar a área de influencia de cada centro terase en conta a súa capacidade e a poboación que hai que escolarizar do seu contorno, tendo en conta á hora de fixalas que se lles poida ofrecer aos solicitantes un centro público e sempre que sexa posible, un centro privado concertado. Así mesmo, determinarán as áreas limítrofes ás anteriores, para os efectos do disposto nos artigos 19º e 20º deste decreto.

2. Nos centros que impartan bacharelato, a delimitación das áreas de influencia e limítrofes poderá realizarse para cada unha das modalidades.

Artigo 9º.-Irmáns matriculados no centro ou pai, nai ou titores legais traballando no centro.

1. Para a consideración de irmáns matriculados no centro, só se terán en conta os que vaian continuar

escolarizados nel durante o curso escolar para o que se solicita a admisión.

2. No caso de centros docentes privados concertados será necesario, ademais, que estes teñan subscrito concerto para o nivel educativo no que cursará estudos o irmán ou os irmáns matriculados.

3. Para os efectos do previsto neste decreto, terán a consideración de irmáns as persoas sometidas a tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído dentro da mesma unidade familiar.

4. Así mesmo, nos casos de irmáns que nacesen dun parto múltiple, outorgaráselles a cada un deles a puntuación que se establece no artigo 17º a) deste decreto, sempre que todos solicitasen o mesmo centro e obtivesen a máxima valoración pola proximidade do domicilio.

5. Para a consideración de pais, nais ou titores legais que traballen no centro, teranse en conta aqueles que no prazo de solicitude de admisión teñan unha relación laboral ou funcionarial nel e que esta vaia continuar durante o curso escolar para o que se solicita a admisión.

Artigo 10º.-Definición e acreditación do domicilio familiar e do lugar de traballo.

1. O solicitante poderá demandar que se teña en conta o domicilio familiar ou o lugar de traballo, non sendo acumulables as puntuacións polos dous criterios.

2. Considérase como domicilio familiar o habitual de residencia dos representantes legais do alumnado ou, se é o caso, o dos alumnos e alumnas maiores de idade ou menores emancipados se viven en domicilios distintos dos daqueles e excepcionalmente daqueles familiares cos que o menor efectivamente conviva sempre que esa convivencia real se probe co que dispoña a consellería competente en materia de educación. Cando os representantes legais vivan en domicilios diferentes, considerarase como domicilio familiar o daquel con quen conviva ou teña a garda e custodia legalmente atribuída por sentenza firme, por convenio regulador ou por acollemento familiar preadoptivo.

3. O domicilio familiar acreditarase mediante certificado do padrón municipal. Naqueles centros e ensinanzas en que haxa máis demanda que oferta, os directores dos centros docentes públicos ou os titulares dos centros privados concertados solicitarán á delegación provincial correspondente que verifique que os datos de identificación fiscal, emitidos pola Axencia Estatal Tributaria no ano en que se solicita praza escolar, coinciden cos achegados polo certificado do Padrón Municipal. Para tal fin, na solicitude de inscrición os pais, nais ou titores legais autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precisa para a acreditación do domicilio fiscal, que será subministrada á consellería competente en materia de educación pola Axencia Estatal de Administración Tri

butaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración citado no artigo 11º deste decreto.

4. De conformidade co establecido no artigo 84.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o lugar de traballo do pai, da nai ou titores legais poderá ser alegado para os efectos da determinación da puntuación que proceda por proximidade do domicilio. Así mesmo, os alumnos e alumnas maiores de idade ou menores emancipados poderán optar, se é o caso, por que se considere o domicilio do seu lugar de traballo.

5. Cando se teña en conta o lugar de traballo, no caso dos traballadores que realizan a súa actividade por conta allea, a proximidade do lugar de traballo ao centro acreditarase mediante a achega dun certificado expedido para o efecto polo titular da empresa ou polo seu responsable de persoal e unha copia do contrato laboral. No caso de traballadores por conta propia, a proximidade do lugar de traballo ao centro acreditarase mediante alta censual inicial perante a Axencia Estatal Tributaria, con todas as posibles modificacións posteriores e alta na Tesouraría Xeral no Réxime da Seguridade Social correspondente.

Os funcionarios presentarán a certificación expedida pola xefatura de persoal respectiva.

Artigo 11º.-Acreditación da renda da unidade familiar.

1. De conformidade co establecido no punto 10 do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e nos artigos 95.1º, alínea k, e 95.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, na solicitude de inscrición os pais, nais ou titores legais autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precisa para a acreditación da renda anual da unidade familiar, será subministrada directamente á consellería competente en materia de educación pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración que se estableza entre ambas e cos requisitos a que se refire a disposición adicional cuarta da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e outras normas tributarias, e as disposicións que a desenvolvan. Esta información será a que corresponda ao exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural en que se presenta a solicitude.

Os interesados deberán facer constar na solicitude a suma da renda anual de todos os declarantes na unidade familiar, de acordo co que estableza a consellería competente en materia de educación.

2. Cando no marco de colaboración entre a consellería competente en materia de educación e a Axencia Estatal de Administración Tributaria se poida dispoñer da información de carácter tributario que se precise, non se lles exixirá aos interesados que presenten individualmente certificacións sobre

ingresos expedidas pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, nin a presentación, en orixinal, copia ou certificación, das súas declaracións tributarias. Nestes supostos, o certificado será substituído pola declaración responsable do interesado de que cumpre as obrigas sinaladas, así como a autorización expresa deste para que a Axencia Estatal de Administración Tributaria subministre a información á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Tanto que se optase por unha tributación conxunta como por unha tributación individual, a autorización será concededida por ambos os dous cónxuxes.

Artigo 12º.-Acreditación de discapacidade.

Para os efectos deste decreto puntuaranse as discapacidades en grao igual ou superior ao 33%. No suposto de que se alegue unha discapacidade igual ou superior ao 33%, do alumno ou alumna, ou da súa nai, pai ou titores legais ou algún dos seus irmáns, esta deberá acreditarse mediante a certificación do ditame emitido polo órgano competente da Xunta de Galicia ou, se é o caso, doutras administracións públicas.

Artigo 13º.-Acreditación da condición de familia numerosa.

Esta circunstancia acreditarase mediante fotocopia compulsada do título oficial de familia numerosa que deberá estar en vigor ou da solicitude de recoñecemento ou renovación do referido título oficial, debendo neste último caso presentar este ou a súa renovación con anterioridade á resolución do procedemento de admisión do alumnado.

Artigo 14º.-Acreditación do expediente académico.

Nos supostos que se considere o expediente académico como criterio de admisión, acreditarase mediante unha certificación académica persoal.

TÍTULO III

Admisión do alumnado en centros que imparten as ensinanzas de réxime xeral, a excepción

da formación profesional

Artigo 15º.-Acceso por primeira vez a un centro.

1. O procedemento de admisión que se regula neste título aplicarase a aqueles alumnos e alumnas que accedan por primeira vez aos centros docentes públicos ou privados concertados para cursar ensinanzas correspondentes á educación infantil, a educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato.

2. De conformidade co previsto no punto 5 do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos centros públicos que ofrezan varias etapas educativas o procedemento inicial de admisión realizarase ao comezo da que corresponda á menor idade.

3. De acordo co establecido no punto 8 do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos centros privados concertados, que impartan varias etapas educativas, o procedemento inicial de admisión realizarase ao comezo da oferta do curso que sexa obxecto de concerto e que corresponda á menor idade.

4. O cambio de curso, ciclo, nivel ou etapa non requirirá un novo procedemento de admisión, agás que coincida cun cambio de centro.

5. O establecido no parágrafo anterior non será de aplicación ás ensinanzas de formación profesional e ás ensinanzas de réxime especial, que requirirán un novo proceso de admisión, aínda que se impartan no centro onde o alumno estea matriculado.

Artigo 16º.-Criterios xerais de prioridade para a admisión do alumnado.

1. Naqueles centros sostidos con fondos públicos onde houber suficientes prazas dispoñibles para atender todas as solicitudes, serán admitidos todos os alumnos e alumnas que cumpran os criterios a que fai referencia o artigo 4º deste decreto.

2. Nos procedementos de admisión de alumnado en centros que impartan educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, cando non existan prazas suficientes, terán prioridade aqueles alumnos ou alumnas que procedan dos centros de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, respectivamente, que teñan adscritos.

3. Naqueles centros sostidos con fondos públicos onde non existan prazas suficientes para atender todas as solicitudes, adxudicadas, se é o caso, as prazas que proceda en aplicación do establecido no parágrafo anterior, o proceso de admisión rexerase polos seguintes criterios prioritarios:

a) Existencia de irmáns matriculados no centro ou pais, nais ou titores legais que traballen nel.

b) Proximidade do domicilio familiar ou do lugar de traballo do pai, nai ou quen teña a custodia legalmente atribuída, ou dos alumnos ou alumnas maiores de idade ou menores emancipados.

c) Rendas anuais da unidade familiar, atendendo ás especificidades que para o seu cálculo se aplican ás familias numerosas.

d) Concorrencia de discapacidade no alumno ou alumna, ou no seu pai, nai, titor legal ou nalgún irmán.

e) A condición de familia numerosa.

f) Ademais, para as ensinanzas do bacharelato terase en conta o expediente académico do alumno ou alumna.

4. Os centros públicos adscritos a outros centros públicos, que impartan etapas diferentes, consideraranse centros únicos para efectos de aplicación dos criterios de admisión do alumnado establecidos neste decreto.

5. De acordo co establecido no punto 3 do artigo 85 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, aqueles alumnos e alumnas que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música ou danza e ensinanzas de educación secundaria terán prioridade para ser admitidos nos centros que impartan ensinanzas de educación secundaria que determinen os delegados ou delegadas provinciais da consellería competente en materia de educación. O mesmo tratamento se lle aplicará ao alumnado que siga programas deportivos de alto rendemento.

6. De conformidade co artigo 78 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, corresponde á consellería competente en materia de educación favorecer a incorporación ao sistema educativo do alumnado que, por proceder doutros países ou por calquera outro motivo, se incorporen de forma tardía ao sistema educativo español. Para tal fin, a consellería competente en materia de educación poderá autorizar un incremento de ata un dez por cento do número máximo de alumnos ou alumnas por aula nos centros públicos e privados concertados dunha mesma área de escolarización para atender as necesidades inmediatas de escolarización que se produzan.

Artigo 17º.-Valoración da existencia de irmáns no centro.

a) Por un irmán matriculado no centro: 5 puntos.

b) Polo segundo e seguintes irmáns matriculados no centro: 2 puntos por cada un.

Artigo 18º.-Valoración por ser traballador do propio centro.

A valoración por ser traballador do propio centro será de cinco puntos e non será acumulable no suposto de que ambos os dous pais, ou titores legais, traballen no mesmo centro.

Artigo 19º.-Valoración da proximidade do domicilio familiar ao centro.

A valoración da proximidade do domicilio familiar dos alumnos ou alumnas ao centro, realizarase aplicando o seguinte baremo:

a) Se o domicilio familiar se encontra na área de influencia do centro: 5 puntos.

b) Se o domicilio familiar se encontra nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 2 puntos.

c) Se o domicilio familiar se encontra noutras áreas: 0 puntos.

Artigo 20º.-Valoración da proximidade do lugar de traballo.

A valoración da proximidade do lugar de traballo realizarase aplicando o seguinte baremo:

a) Lugar de traballo do pai, nai ou titor legal, situado dentro da área de influencia do centro: 3 puntos.

b) Lugar de traballo do pai, nai ou titor legal, situado nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 1 punto.

c) Lugar de traballo do pai, nai ou titor legal, situado noutras áreas: 0 puntos.

Artigo 21º.-Valoración da renda anual da unidade familiar.

Na valoración da renda anual da unidade familiar teranse en conta as especificidades que para o seu cálculo se aplican ás familias numerosas.

a) Ingresos iguais ou inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples: 3 puntos.

b) Ingresos superiores ao indicador público de renda de efectos múltiples e inferiores ao duplo deste indicador: 2 puntos.

c) Ingresos superiores ao duplo do indicador público de renda de efectos múltiples e inferiores ao triplo deste indicador: 1 punto.

d) Ingresos iguais ou superiores ao triplo do indicador público de renda de efectos múltiples: 0 puntos.

Artigo 22º.-Valoración da discapacidade.

A valoración da discapacidade a que fai referencia o artigo 12º deste decreto realizase aplicando o seguinte baremo:

a) Por discapacidade no alumno ou alumna: 3 puntos.

b) Por discapacidade na nai, pai ou titor legal: 2 puntos por cada un deles.

c) Por discapacidade nalgún dos irmáns ou das irmás do alumno ou alumna: 1 punto por cada un deles.

Artigo 23º.-Valoración da pertenza a familia numerosa.

Por pertencer a familia numerosa outorgarase 1 punto.

Artigo 24º.-Valoración do expediente académico.

Para o acceso ás ensinanzas do bacharelato, o expediente académico na titulación alegada para o ingreso terá a seguinte valoración:

a) Nota media de sobresaliente: 1 punto.

b) Nota media de notable: 0,50 puntos.

c) Por nota media de ben: 0,25 puntos.

Artigo 25º.-Puntuación total e criterios de desempate.

1. A puntuación total que obteñan os alumnos e alumnas, aplicando os baremos establecidos nos artigos precedentes, decidirá a orde de admisión.

2. No caso de empate na puntuación final, aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios de desempate:

a) Maior puntuación na epígrafe de ter irmáns matriculados no centro.

b) Pai, nai ou titor legal traballando no centro.

c) Maior puntuación na epígrafe de proximidade do domicilio familiar ou laboral.

d) Maior puntuación na epígrafe de discapacidade.

e) Maior puntuación na epígrafe de renda da unidade familiar.

f) No caso do bacharelato, maior puntuación no expediente académico.

3. Se unha vez aplicados estes criterios se mantén o empate, este resolverase aplicando o resultado dun sorteo público, na forma que determine a consellería competente en materia de educación.

TÍTULO IV

Escolarización do alumnado con necesidades

específicas de apoio educativo

Artigo 26º.-Escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

1. De acordo co artigo 87.1º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, a consellería competente en materia de educación garantirá unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo nos centros públicos e nos centros privados concertados.

2. A escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais rexerase polos principios de normalización e inclusión e asegurará a súa non-discriminación e igualdade efectiva no acceso e a permanencia no sistema educativo. A consellería competente en Educación poderá autorizar a flexibilización das distintas etapas educativas, cando o considere necesario.

3. A escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais en unidades ou centros de educación especial, que se poderá estender ata os vinte e un anos, só se levara a cabo cando as súas necesidades non poidan ser atendidas no marco das medidas de atención á diversidade nos centros ordinarios.

4. A consellería competente en materia de educación establecerá a proporción de alumnado con necesidades educativas especiais que poderán ser escolarizados en cada un dos centros públicos e privados concertados.

5. Para facilitar a escolarización e garantir o dereito á educación do alumnado con necesidade específica de apoio educativo, a consellería competente en materia de educación reservará ata o final do prazo de matrícula un máximo do quince por cento das prazas dos centros públicos e privados concertados.

6. A consellería competente en materia de educación adoptará as medidas de escolarización previstas nos puntos anteriores atendendo ás condicións socioeconómicas e demográficas da área respectiva, así como ás de índole persoal ou familiar do alumnado que supoñan unha necesidade específica de apoio educativo.

TÍTULO V

Criterios de admisión nos ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica

Artigo 27º.-Admisión do alumnado nos ciclos formativos de formación profesional.

1. Na admisión de alumnado aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior, cando non existan prazas suficientes, atenderase aos criterios que se establecen neste artigo, con independencia de que o alumnado proceda do mesmo centro ou doutro distinto.

2. A consellería competente en materia de educación establecerá unha reserva dun mínimo do dez por cento e un máximo do vinte por cento das prazas de cada ciclo que se imparte nos centros públicos e nos centros privados concertados para o alumnado con discapacidade, sempre que a súa discapacidade lles permita cursar o ciclo solicitado.

3. A consellería competente en materia de educación establecerá unha reserva dun mínimo do vinte por cento e un máximo do trinta por cento das prazas de cada ciclo que se imparte nos centros públicos e nos centros privados concertados para o acceso, a través de proba, daquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos exixidos con carácter xeral.

4. Nos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, cando non existan prazas suficientes, seleccionaranse os alumnos ou alumnas pola maior nota media do expediente académico da titulación que lles dá acceso ou, se é o caso, a nota final das probas de acceso. En caso de empate e por mor de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representativo na área profesional en que se demanda a praza de formación.

5. Nos ciclos formativos de grao superior de formación profesional, e segundo o disposto nos artigos 29.2º e 29.3º do Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro (BOE do 3 de xaneiro de 2007) polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, cando non existan prazas suficientes, terá prioridade o alumnado que:

a) Cursase a modalidade de bacharelato que se determine para cada ciclo coas materias vinculadas a el.

b) Cursase a modalidade de bacharelato sen cursar algunha das materias vinculadas ao ciclo.

c) Cursase algunha das modalidades de bacharelato distintas das establecidas nos parágrafos anteriores.

d) Estea en posesión do título de técnico superior ou equivalente.

e) Estea en posesión dunha titulación universitaria ou equivalente.

Dentro de cada un dos colectivos, a orde de prioridade virá determinada por:

1) A maior nota media no expediente académico do alumnado.

2) Maior nota ou maior nota media nas materias vinculadas.

En caso de empate en cada un destes casos e por mor de favorecer o fomento das vocacións nas áreas con infrarrepresentación de mulleres ou de homes, seleccionarase en virtude do sexo menos representativo na área profesional en que se demanda a praza de formación. De persistir o empate efectuaríase un sorteo.

6. No caso da oferta modular presencial para as persoas adultas e as ensinanzas de formación profesional a distancia a que se fai referencia nos capítulos VI e VII do Real decreto 1538/2006, a consellería competente en materia de educación poderá establecer requisitos académicos de acceso diferentes aos establecidos con carácter xeral.

TÍTULO VI

Órganos competentes para resolver

os procesos de admisión

Artigo 28º.-Consellos escolares e titulares dos centros privados concertados.

1. Nos centros públicos o órgano competente para decidir sobre a admisión do alumnado é o consello escolar do centro, con suxeición a este decreto e ás normas que o desenvolvan.

2. Nos centros privados concertados, os seus titulares serán os responsables do cumprimento estrito das normas xerais sobre a admisión de alumnos. O consello escolar do centro participará no proceso de admisión do alumnado, garantindo a suxeición ás normas sobre o mesmo.

Artigo 29º.-Comisións de escolarización.

1. Os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de educación poderán constituír comisións de escolarización de ámbito municipal coa finalidade de garantir e supervisar o cumprimento das normas sobre admisión de alumnado e o exercicio dos dereitos recoñecidos neste decreto, así como adoptar as medidas oportunas para a adecuada escolarización de todos os alumnos e alumnas.

2. As comisión de escolarización constituíranse, en todo caso, cando a demanda de prazas dalgún centro educativo do seu ámbito de actuación supere a oferta.

Artigo 30º.-Composición das comisións de escolarización.

1. Cada comisión de escolarización estará constituída polos seguintes membros, nomeados polo delegado ou delegada provincial da consellería competente en materia de educación :

a) Un inspector ou inspectora de educación que exercerá a presidencia.

b) Un director ou directora dun centro público do ámbito de actuación da comisión de escolarización, nomeado por proposta da xunta provincial de directores.

c) Un ou unha titular de centros concertados do ámbito de actuación da comisión de escolarización, nomeado por proposta das organizacións de titulares en función da súa representatividade. No caso de que non haxa centros concertados na zona, acumularase este posto a un segundo representante dun centro público.

d) Un representante do concello comprendido no ámbito de actuación da comisión de escolarización.

e) Dous representantes das nais ou pais dos alumnos dos centros do ámbito de actuación da comisión de escolarización, un deles dun centro público e outro dun centro privado concertado, nomeados por proposta das federacións e asociacións respectivas. No caso de que non haxa centros concertados na zona, acumularase este representante a un centro público.

f) Dous representantes do profesorado, un deles dun centro público por proposta da xunta de persoal docente e outro por proposta das organizacións sindicais con representación no ensino concertado. No caso de que non haxa centros concertados na zona, acumularase este representante a un centro público.

g) Unha funcionaria ou un funcionario designado ou designada polo delegado provincial, e que actuará como secretaria ou secretario, con voz e sen voto.

2. O delegado ou delegada provincial da consellería competente en materia de educación nomeará libremente, de acordo cos criterios e proporcións establecidas nos puntos anteriores, os membros das comisións de escolarización cando non se formule ningunha proposta polo sector correspondente, procurando unha representación equilibrada de ambos sexos entre os membros que deba elixir da comisión de escolarización.

Artigo 31º.-Funcións das comisións de escolarización.

1. As comisións de escolarización terán as seguintes funcións:

a) Informarlle, segundo o procedemento que se estableza, aos pais, nais ou titores legais do alumnado e a este sobre os centros docentes públicos e privados concertados e sobre as prazas dispoñibles neles.

b) Distribuír entre os diferentes centros o alumnado con necesidades educativas específicas.

c) Establecer actuacións para verificar que cada solicitante presentou unha única instancia e, se é o caso, dar cumprimento ao previsto no artigo 7º.5 deste decreto.

d) Supervisar o proceso de admisión de alumnado e o cumprimento das normas que o regulan propoñendo, se é o caso, aos delegados ou delegadas provinciais da consellería competente en materia de educación, a adopción das medidas que consideren adecuadas. Para o cumprimento desta función, o presidente da comisión poderá solicitar informe do inspector do centro.

e) Distribuír aqueles alumnos ou alumnas que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar entre os centros que conten con prazas vacantes, tendo en conta, cando sexa posible, as preferencias dos representantes legais do alumnado e os criterios de admisión establecidos neste decreto, garantindo a escolarización de todo o alumnado.

f) Adoptar as medidas necesarias para a escolarización das solicitudes efectuadas fóra de prazo.

g) Calquera outra que estableza a consellería competente en materia de educación, en relación coa aplicación das normas sobre admisión de alumnado en centros sostidos con fondos públicos.

2. As comisións de escolarización poderán recibir dos centros educativos, dos concellos ou das unidades competentes das delegación provinciais, toda a documentación que coiden necesaria para o exercicio das súas funcións.

3. Nas ensinanzas de formación profesional específica e ensinanzas artísticas poderá establecerse unha comisión de escolarización de ámbito autonómico, coa composición e funcións que determine a consellería competente en materia de educación.

4. Iniciado o curso académico, os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de educación determinarán a data en que as comisións de escolarización se disolven, asumindo as súas funcións a inspección educativa.

TÍTULO VII

Reclamacións e recursos

Artigo 32º.-Reclamacións e recursos.

1. Os acordos e decisións sobre a admisión do alumnado realizados polo consello escolar dos centros públicos, así como as decisións das comisións de escolarización, poderán ser obxecto de reclamación, perante o mesmo órgano, no prazo de cinco días hábiles. Estes órganos deberán resolver as reclamacións no prazo de cinco días hábiles.

2. As resolucións das reclamacións poderán ser obxecto de recurso de alzada perante o delegado ou delegada provincial da consellería competente en materia de educación, no prazo dun mes.

3. Os acordos e decisións que sobre admisión de alumnado adopten os titulares dos centros privados concertados poderán ser obxecto de reclamación polos interesados, perante os propios titulares dos centros, no prazo de cinco días hábiles. O titular deberá resolver as reclamacións no prazo de cinco días. Contra as resolucións destas reclamacións poderá presentarse denuncia ante os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de educación, por incumprimento das normas que regulan a admisión de alumnado. A resolución dos titulares das delegacións provinciais porán fin á vía administrativa.

4. De conformidade co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o recurso de alzada dirixido ao delegado ou delegada provincial da consellería competente en materia de educación, poderán interpoñerse perante o órgano que ditou o acto que se impugna ou perante o órgano competente para resolver. As denuncias contras as resolucións dos titulares dos centros privados concertados presentaranse sempre perante o delegado ou delegada provincial.

Se o recurso se presentase perante o órgano que ditou o acto impugnado, este deberá remitilo ao competente no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

5. As resolucións da comisión de escolarización autonómica prevista no artigo 31º.3 deste decreto serán impugnables mediante recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Artigo 33º.-Incumprimentos.

1. O incumprimento das normas sobre admisión do alumnado polos centros docentes públicos dará lugar á apertura do correspondente procedemento administrativo, para efectos de determinar as posibles responsabilidades en que se puidese ter incorrido.

2. O incumprimento das normas sobre admisión de alumnado polos centros privados concertados é causa de incumprimento grave do concerto por parte do titular do centro e poderá dar lugar ás sancións previstas no artigo 62, puntos 5 e 6 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Proceso de admisión telemática e informatización do proceso de admisión nos ciclos formativos de formación profesional.

A consellería competente en materia de educación poderá establecer procedementos telemáticos no proceso de admisión do alumnado e poderá establecer a informatización do proceso de admisión do alumnado de ciclos formativos de grao medio e de grao superior da formación profesional específica respectando o establecido na Lei orgánica 15/1999, do

13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e sen prexuízo das competencias que este decreto lles atribúe aos diferentes órganos de goberno no proceso de admisión.

Segunda.-Admisión do alumnado en residencias escolares e escolas fogar.

Para a determinación dos postos escolares vacantes do centro ou centros docentes en cuxas áreas de influencia quede comprendido o domicilio dunha residencia escolar ou dunha escola fogar, a consellería competente en materia de educación establecerá un número de postos vacantes nestes centros suficiente para garantir a escolarización neles do alumnado residente.

Terceira.-Alumnado estranxeiro.

O establecido neste decreto en relación coa escolarización será aplicable ao alumnado estranxeiro nos termos establecidos na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, modificada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, e na normativa que as desenvolva.

Cuarta.-Cambios de centro derivados de actos de violencia.

Os delegados ou delegadas provinciais da consellería competente en materia de educación asegurarán a escolarización inmediata das alumnas ou alumnos que se vexan afectados por cambios de centro derivados de actos de violencia de xénero ou acoso escolar. Igualmente, facilitarán que os centros educativos presten especial atención a este alumnado.

Quinta.-Escolarización do alumnado con necesidades educativas específicas.

A consellería competente en materia de educación poderá determinaros centros en que polas súas características, dotacións e recursos o alumnado con determinadas necesidades educativas específicas terá unha escolarización preferente.

Sexta.-Escolarización nos centros que impartan parte das materias en linguas estranxeiras.

Este decreto será de aplicación nos centros autorizados a impartir parte das materias do currículo en linguas estranxeiras.

Sétima.-Escolarización por traslado dos pais, nais ou titores legais.

Os delegados ou delegadas provinciais da consellería competente en materia de educación asegurarán a escolarización do alumnado que, unha vez iniciado o curso académico, se ven afectados polo traslado a diferente localidade dos seus pais, nais ou titores legais respectando, sempre que sexa posible, o dereito de elección de centro dos pais.

Oitava.-Admisión do alumnado nos centros específicos de educación de adultos.

Este decreto será de aplicación nos centros que imparten as ensinanzas de adultos, sen prexuízo do

que se estableza ao respecto na súa normativa específica.

Novena.-Admisión do alumnado nos centros que imparten ensinanzas de réxime especial.

A admisión do alumnado nos centros que imparten ensinanzas de réxime especial rexerase pola súa normativa específica.

Décima.-Confidencialidade da información.

Todas as informacións a que se refiren os artigos 11 e 12 só poderán ser utilizadas para os fins previstos neste decreto. As persoas que teñan acceso ás mencionadas informacións terán o deber de sixilo e confidencialidade.

Décimo primeira.-Centros privados non concertados.

De acordo co disposto no artigo 25 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, os centros docentes privados non concertados disporán de autonomía para establecer os criterios e determinar o proceso de admisión do alumnado neles, sen prexuízo do establecido no artigo 2º.4 deste decreto.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor deste decreto quedan derrogadas as seguintes disposicións:

1. Decreto 87/1995, do 16 de marzo, polo que se regula a admisión dos alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria.

2. Orde do 24 de abril de 2000 pola que se regula o procedemento para a admisión dos alumnos en bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos.

3. Orde do 16 de marzo de 2001 pola que se regula o procedemento para a admisión dos alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos.

4. Orde do 12 de abril de 2002 pola que se regula a admisión do alumnado nos ciclos formativos de grao superior de formación profesional específica en centros docentes sostidos con fondos públicos.

5. Todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación á consellería competente en materia de educación.

Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria