DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2007 Páx. 4.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 7 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2007.

De acordo co disposto no artigo 148.1º.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, establecéndose a súa estrutura orgánica básica polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, no que se contempla a Dirección Xeral de Conservación da Natureza como un dos centros directivos adscritos a ela. Segundo o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, compételle á citada consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, precisamente a través da precitada dirección xeral.

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve. As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses dos nosos gandeiros, que sofren a depredación que ocasionalmente realiza sobre o gando. É por iso polo que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, para conciliar o interese pola pervivencia da especie coa dos gandeiros, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre o gando vacún, ovino, cabrún e equino de Galicia.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentaria de Galicia, na redacción dada a estes pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro. Esta orde cumpre coas exixencias da precitada normativa.

Nos vindeiros exercicios, estas axudas financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para este ano o referido importe recóllese na disposición adicional primeira.

En virtude do anterior, en corcondancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de Autonomía e en uso

das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e principios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensarlles polos danos ocasionados no gando da súa cabana.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados na asignación e utilización dos recursos públicos, con sometemento ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro; así como no previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde, e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas se puidesen impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Os datos de carácter persoal dos titulares de expedientes de axudas que se inclúan nos citados rexistros están protexidos segundo o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse perante o rexistro (IXCA), de conformidade coas prescricións da citada lei orgánica.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderanse acoller a estas axudas os propietarios de gando afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. O gando debe estar explotado en réxime intensivo ou semiextensivo, protexido por medio de cercas, pastores eléctricos ou calquera outro sistema que permita o control do gando.

2. O gando deberá estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable ao efecto, agás no caso do gando cabalar, que soamente deberá estar identificado individualmente.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Para cada exercicio económico concederanse axudas con cargo a este polos danos ocasionados polo lobo, a partir do 1 de outubro do ano anterior ata o 30 de setembro do devandito exercicio.

Artigo 5º.-Comunicación do dano.

Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque, os propietarios das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible mediante unha chamada ao teléfono 900 186 186, a través do que se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. Os animais mortos non poderán ser manipulados, para non obstaculizar o labor investigador dos axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta.

Os feridos poderán ser atendidos polos veterinarios coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.

Dado que a cobertura dos danos amparados por esta orde so é ata o 30 de setembro deste ano, os danos producidos desde o 1 de outubro ata a data de entrada en vigor da orde do próximo ano, caso de habela, terán que axustarse ao procedemento establecido nos parágrafos anteriores deste artigo.

As comunicacións de danos a partir do 1 de outubro só darán dereito a axudas no caso de que se tramite a orde de axudas para os danos causados polo lobo do ano próximo.

Artigo 6º.-Importe das axudas.

1. O importe destas axudas que figura no anexo I desta orde corresponderá ao suposto de morte, e estará condicionado á existencia de crédito orzamentario.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados, nunha contía que en ningún caso poderá exceder o límite das axudas previstas no anexo I para os animais mortos. Cando os feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario en que se faga relación individual dos animais feridos coa súa idade. O sacrificio eutanásico poderase equiparar á morte, non indemnizándose, polo tanto, a atención veterinaria.

3. O importe das axudas poderá ter carácter decrecente nos próximos exercicios, no caso de que se dirixan a gandeiros que xa sufrisen ataques anteriores do lobo na súa cabana gandeira e non tomasen as medidas de vixilancia e protección axeitadas.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo modelo formalizado que se recolle no anexo II desta orde.

Presentarase, preferentemente, nas oficinas dos distritos ambientais relacionadas no anexo IV desta orde, nas cales se asesorará o gandeiro sobre a súa formalización. Posteriormente, a partir dos distritos ambientais enviaranse ás delegacións provinciais para continuar a súa tramitación.

Así mesmo, tamén se poderán presentar nas correspondentes delegacións provinciais desta consellería, ademais de en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de axuda correspondentes aos danos producidos entre o 1 de outubro de 2006 e a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia cursaranse dentro do mes seguinte á devandita publicación.

Unha vez que esta orde sexa publicada, no ano 2007 a presentación das solicitudes de axuda deberase de efectuar dentro do mes seguinte ao de produción do dano.

Para as sucesivas anualidades, haberá un mes de prazo, contado a partir da entrada en vigor da orde de convocatoria anual, para solicitar as axudas polos danos ocasionados entre o 1 de outubro e a referida entrada en vigor. Para os danos ocasionados posteriormente, ata o 30 de setembro de cada exercicio, o prazo de solicitude será dun mes a partir da produción do dano.

3. Dado o caracter compensatorio das axudas, non será necesario acreditar estar ao día das débedas tributarias coa Seguridade Social, e de non ter débedas coa Facenda autonómica, de acordo co disposto no artigo 41.1º i) da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Copia das follas do libro da explotación gandeira en que aparezan os animais afectados, así como as datas de alta e baixa destes na explotación.

b) Fotocopia do CIF/NIF do propietario das reses.

c) Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo III a esta orde.

d) Se o titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente deste polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

e) Cando se actúe no nome doutra persoa, física ou xurídica, así como dunha comunidade de bens, deberase acreditar a representación con que se actúa.

f) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

g) En caso de animais feridos; a factura do veterinario segundo vén especificado no artigo 6º.2.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Recibidas as solicitudes nas delegacións provinciais, os servizos provinciais de Conservación da Natureza examinaranas xunto coa documentación anexa.

No caso de que fosen detectados erros ou omisións e segundo o establecido no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, requirirase o interesado para que se emenden ou completen, nos dez días hábiles seguintes á súa notificación, coa indicación de que se non o fixesen así, se considerarán que desistiron da súa petición, arquivándose o expediente sen máis trámites, cos efectos previstos no artigo 42 desta lei.

2. Os referidos servizos provinciais avaliarán, dentro dos seus ámbitos territoriais, a natureza dos ataques dos lobos obxecto da solicitude de subvención e realizarán a súa valoración. Para tal fin, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.

3. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, e efectuada a correspondente valoración, as delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible elaborarán a oportuna proposta, que elevarán á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que esta continúe coa súa tramitación.

4. Para o anterior, quincenalmente, cada Servizo Provincial de Conservación da Natureza elevará as propostas relativas ás solicitudes avaliadas.

5. Na semana seguinte á recepción das propostas das delegacións provinciais, a Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tramitará os expedientes relativos ás devanditas propostas, ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

6. Unha vez esgotado o crédito, poderase realizar a oportuna modificación orzamentaria para dotar a aplicación financiadora do crédito necesario para atender as solicitudes que se produzan no período anual dado.

Non obstante o anterior, as solicitudes que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria, atenderase con cargo á convocatoria do ano seguinte.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, á vista das propostas formuladas e por delegación expresa do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, resolverá expresa e motivadamente o que en dereito corresponda sobre a denegación ou concesión da subvención compensatoria.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este sen que se ditase resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente de acordo co disposto no artigo 42.1º do devandito texto legal.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e en contra dela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos.

Artigo 11º.-Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada a este polo artigo 13 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma; así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou priva

dos, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control.

4. Así mesmo e, segundo o establecido no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das cuantías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción dada a este polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro; así como no disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

6. Deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o seu importe, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 A. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través dunha relación exposta no taboleiro de anuncios dos servizos centrais da consellería, así como no de cada delegación provincial.

Disposicións adicionais

Primeira.-Financiamento.

No exercicio de 2007, as axudas que se concedan con cargo a esta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541.B.470.1, ata un importe máximo de sesenta mil euros (60.000 A).

A dotación inicial prevista incrementarase en función das solicitudes atendibles e das dispoñibilidades orzamentarias.

Segunda.-Delegación de funcións.

Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida

no seu artigo 9.1º, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2007.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Baremo utilizado para o pagamento de axudas

polos ataques do lobo

EspecieClase e idadeCusto calidade

normal

Custo calidade

selecta

OvinoCordeiro ' 12 meses44 A66 A

OvinoAdulto77 A94 A

OvinoAdulto ) 6 anos20 A24 A

CabrúnCabrito ' 12 meses55 A83 A

CabrúnAdulto77 A99 A

CabrúnAdulto ) 6 anos20 A24 A

EspecieClase e idadeCusto rubia

galega

Custo vacún

leiteiro

Resto de reses

de gando vacún

VacúnXato ' 2 meses210 A165 A165 A

VacúnXato entre 2 e 4 meses264 A210 A210 A

VacúnXato entre 4 e 6 meses440 A385 A385 A

VacúnXato entre 6 meses e 1 ano453 A398 A398 A

VacúnAta 2 anos605 A660 A528 A

VacúnVacas menores de 6 anos825 A1.100 A825 A

VacúnVacas de 6 a 9 anos660 A605 A605 A

VacúnVacas ) 9 anos396 A330 A330 A

EspecieClase e idadeCusto pura

raza galega

Custo outros

cabalos

EquinoPoldro ' 2 meses150 A120 A

EquinoPoldro entre 2 e 4 meses195 A150 A

EquinoPoldro entre 4 e 6 meses300 A250 A

EquinoPoldro entre 6 meses e 1 ano450 A375 A

EquinoAta 2 anos480 A410 A

EquinoCabalos entre 2-10 anos600 A450 A

EquinoCabalos )10 anos450 A340 A

ANEXO IV

I - FerrolEdif. admin. Xunta de Galicia

Praza Camilo José Cela 1. 8º andar, 15403 Ferrol.

II - Bergantiños-Mariñas CoruñesasRúa O Carregal s/n, 15300 Betanzos

Tras da Igrexa, s/n - 15680 Carballo

III - Santiago-Meseta InteriorAvda. do Xeneralísimo, 41-2º, 15680 Ordes

Avda. de Santiago, 24 - 15810 Arzúa

IV - BarbanzaRúa Pintor Xenaro Carrero, 15 B, 15200 Noia

V - FisterraRúa Codeseiras, 11, 15129 Vimianzo

VI - Mariña lucense e centralR/ Alonso Pérez, s/n, 27850 Viveiro.

R/ Pardo de Cela, 22 - 27740 Mondoñedo

VII - Fonsagrada-Os AncaresRúa Ano Vello, s/n, entresollado. 27640 Becerreá

R/ Os Chaos, s/n - 27100 A Fonsagrada

VIII - Terra de LemosRúa Doutor Casares, 146-1º - 27400 Monforte de Lemos

Praza de España, s/n - 27600 Chantada

IX - Lugo-SarriaR/ Benigno Rivera, 62 baixo (políg. O Ceao) Lugo

R/ Calvo Sotelo, 126 - entresollado - 27600 Sarria

X - Terra CháR/ Poetisa Carmiña Prieto Rouco, s/n, 27800 Vilalba

Praza do Concello, s/n - 27420 Meira

XI - Ribeiro-ArenteiroAvda. Ourense, 21-1º D - 32500 O Carballiño

XII - Miño-ArnoiaAvda. da Habana, 79-5º - 32004 Ourense

R/ As Flores, s/n-1ºB - 32730 Maceda

XIII - Valdeorras-TrivesCasa Grande de Viloira - 32300 O Barco de Valdeorras

R/ Sta. Isabel, 1-1º - 32760 Castro Caldelas

XIV - Verín-VianaR/ Rosalía de Castro, 63-1º- 32600 Verín

R/ Beato Aparicio, s/n - 32540 A Gudiña

XV - A LimiaTravesía Irmáns Martínez, 2-1º B - 32840 Bande

R/ Vicente Risco, 9-1º - 32630 Xinzo de Limia

XVI - Deza-TabeirósR/ Puente, 4-1º esq. - 36500 Lalín

XVII - O Condado-ParadantaR/ Paseo Matutino, 35-1º A/B - Ponteareas

XVIII - Vigo-Baixo MiñoR/ Barrio Torneiros, s/n - O Porriño

Barrio Mosteiro, s/n - 36740 Tomiño

R/ Xeneral Rubin, 16-1º - 36800 Redondela

XIX - Caldas-SalnésR/ Doutor Tourón, 28 - entresollado esq.

36600 Vilagarcía de Arousa