DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2007 Páx. 4.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 12 de marzo de 2007 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais relativos á sanidade no Servizo Galego de Saúde durante as tres xornadas de folga dos días 15, 22 e 23 de marzo de 2007, de dúas horas de duración cada día.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998 do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1998), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e SAE, durante tres xornadas, os días 15, 22 e 23 de marzo, das 8.00 ás 10.00 da mañá que lle afecta ao persoal de xestión e servizos e o persoal de formación sanitaria vinculado aos centros xestionados polo Servizo Galego de Saúde, a conselleira de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1º.-As xornadas de folga parcial que lle afectan ao persoal de xestión e servizos e ao persoal sanitario de formación profesional dos seguintes centros: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo de Oza, Área Sanitaria de Ferrol, Xerencia de Atención Primaria de Santiago de Compostela, Xerencia de Atención Primaria da Coruña, Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, Hospital Comarcal de Monforte, Hospital Comarcal da Costa (Burela), Xerencia de Atención Primaria de Lugo, Complexo Hospitalario de Ourense, Hospital do Barco de Valdeorras, Xerencia de Atención Primaria de Ourense, Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Complexo Hospitalario de Pontevedra, e Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo (Área Norte e Área Sur); deberán enten

derse condicionadas ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria nos centros sanitarios, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos aos usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E por iso, manteranse os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible aos pacientes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente aos usuarios, que non se poden aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde. Os efectivos corresponden cos de presenza dos domingos e festivos, coas excepcións derivadas da coincidencia da xornada de folga con días laborables, no horario de apertura dos centros de atención primaria, e do inicio da actividade programada, sen afectación ao resto do persoal sanitario licenciado e diplomado, polo que estes profesionais realizarán a actividade asistencial con normalidade, o que require o apoio imprescindible e a necesaria información e atención ao usuario que accede aos servizos, que, doutra forma, se verían desasistidos.

Entrando na análise pormenorizada dos servizos mínimos por cada ámbito asistencial, establécense os seguintes criterios reitores que deberán seguir os centros para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais. Os criterios aplícanse en cada centro en función das características da prestación e dos cadros de persoal de cada centro, nos termos previstos neste criterios que permitan tal modulación:

Criterios reitores:

A. Persoal sanitario de formación profesional de atención especializada:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servizos de urxencias.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxicas inaprazable no ingreso.

-Atención aos paritorios.

II. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos pacientes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

III. No ámbito de consultas estableceranse mínimos como o apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

IV. No ámbito dos servizos centrais garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos pacientes hospitalizados que, a criterio do facultativo, sexan necesarios.

V. Garantirase a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios.

VI. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes.

B. Persoal sanitario de formación profesional de atención primaria:

Os técnicos especialistas necesarios para a cobertura das urxencias, apoio ás extraccións e probas complementaria urxentes.

O persoal auxiliar de enfermaría en primaria non terá servizos mínimos, agás naqueles centros de especialidades que sexa necesario por mor das urxencias, apoio a extraccións e probas complementarias urxentes.

C. Persoal non sanitario de atención especializada e atención primaria:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente nun triple ámbito:

-Servizos de urxencias.

-Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxicas inaprazable no ingreso.

-Atención aos paritorios.

II. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos pacientes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

III. Garantirase a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios.

IV. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes.

V. Área de admisión:

a) Atención primaria:

-Un efectivo de persoal de xestión e servizos por cada centro, agás nos grandes que será un efectivo por planta.

b) Atención especializada:

-No servizo de admisión e arquivo de atención especializada: un número equivalente ao de domingos ou festivos.

VI. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao paciente que o requira, cun mínimo de un efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

VII. Atención ao paciente: un número de efectivos que garantan a atención ao paciente que o requira, cun mínimo de 1 efectivo e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

VIII. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos ou ata un 50% de efectivo da quenda.

IX. Servizo de lavandaría e lencería: un número equivalente aos domingos ou festivos ou ata o 50% dos efectivos da quenda.

X. Limpeza: un número equivalente aos domingos ou festivos ou ata o 50% dos efectivos.

XI. Hostalaría: un número mínimo igual aos domingos ou festivos, ou ben un 60% dos efectivos, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

XII. Condutores: o mesmo número de efectivos cos domingos ou festivos, ou como máximo un efectivo.

XIII. Servizos administrativos:

-Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos pacientes.

-Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e como máximo un efectivo.

-Subministración: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo de un efectivo.

-Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo de un efectivo.

-Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e como máximo un efectivo.

XIV. Outras áreas de traballo ou servizos: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente aos domingos ou festivos.

Efectivos:

A determinación dos profesionais necesarios con base nos criterios anteriores farase en cada centro por categoría profesional e a súa fixación debe estar adecuadamente motivada.

En atención primaria o persoal de xestión e servizos a determinar por centro referirase ás categorías de auxiliares administrativos, celadores e PSX conxuntamente.

A xustificación debe figurar no expediente de determinación de mínimos de cada centro e debe exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento dos destinatarios. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios, cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios de cada centro, con antelación ao inicio da folga.

Con tales premisas, no anexo desta resolución, determínanse por centros os efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Os efectivos determinados no anexo para a cobertura das folgas das xornadas de traballo das 8.00 ás 10.00 horas dos días 15, 22, 23 de marzo, serven para os tres días, agás que se especifiquen cambios no anexo.

Artigo 2º.-A designación nominal, que deberá recaer nos profesionais de xeito rotatorio para cada xornada de folga, será determinada polo director-xerente do centro e notificada aos profesionais designados.

O profesional designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3º.-Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do

establecido no artigo 16.1º do Real decreto Lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º.-O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º.-Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2007.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade