DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2007 Páx. 4.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 9 de marzo de 2007 pola que se prorroga o prazo para a presentación da solicitude única no réxime de pagamento único e outros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, establecido pola Orde do 30 de xaneiro de 2007.

A Orde do 30 de xaneiro de 2007, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 22, do 31 de xaneiro, regula na Comunidade Autónoma de Galicia, entre outro, o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión no 2007, aos titulares de explotacións agrarias, de determinadas axudas comunitarias incluídas no réxime de pagamento único e outros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, así como a indemnización compensatoria. No seu artigo 4.1º establécese que o prazo de presentación da solicitude unificada finalizará o día 16 de marzo de 2007.

Por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Orde APA 525, do 6 de marzo (BOE nº 59, do 9 de marzo) prorrógase o prazo de presentación da solicitude de pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría para a campaña 2007/2008, polo que cómpre, de acordo coa dita normativa básica estatal, modificar o prazo de presentación das solicitudes previstas na normativa galega reguladora desas axudas.

Así mesmo, en coherencia coa dita prórroga, establécese tamén a prórroga do prazo de presentación das solicitudes de indemnización compensatoria.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do EAG e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e no Decreto 562/2005, do 1 de decembro.

DISPOÑO:

Artigo único.-O prazo previsto no artigo 4.1º da Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG nº 22, do 31 de xaneiro) pola que se regula a aplicación do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, así como a indemnización compensatoria, no ano 2007, prorrógase ata o 30 de abril de 2007, inclusive.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural