DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2007 Páx. 4.087

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de marzo de 2007 pola que se convocan axudas para as estadías do profesorado de fóra do sistema universitario de Galicia para o fomento da actualización e innovación docente e da converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31º, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e Administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

O artigo 2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), establece que a selección, formación e promoción do persoal docente e investigador de cada universidade é competencia da universidade, dentro da súa autonomía. Do mesmo xeito, segundo o artigo 8º da citada lei, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia respecto da creación de centros e implantación de titulacións. Deste xeito, póñense en marcha accións que favorezan a calidade da docencia das ensinanzas autorizadas e efectivamente xa implantadas a través do contacto con profesores/as doutras universidades.

Un dos factores clave nos que pivota o éxito da converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior é a formación e actualización do profesorado universitario. As investigacións educativas, as normativas actuais en materia de política docente universitaria e as directrices e metodoloxías docentes que haberán de levarse a efecto, buscan, entre outras: un novo concepto de aprendizaxe, novas competencias, novas metodoloxías con implicacións de cambio para as funcións docentes do/a profesor/a universitario, o achegamento entre o profesorado e o alumnado, un aumento na calidade do ensino e dos seus resultados, unha mellora substantiva do proceso de comunicación do coñecemento e unha potenciación, en extensión e calidade, da acción titorial do profesorado.

Tales accións pasan, necesariamente, pola existencia de plans de formación do profesorado e un apoio decidido á innovación docente.

No proceso de formación dun profesor ou dunha profesora universitaria véñense invertindo importantes esforzos para acadar excelencia nas compoñentes disciplinar e investigadora. En cambio, os esforzos institucionais para fomentar a innovación docente, a formación didáctica e metodolóxica, o uso avanzado de tecnoloxías da información na docencia ou o coñecemento estructural e normativo da propia institución universitaria, entre outros, son moito máis recentes.

Froito da experiencia de anos anteriores, das suxestións feitas polas propias universidades e da comisión nomeada para o efecto, procédese a convocar axudas orientadas a apoiar a formación do profesorado universitario da Comunidade Autónoma de Galicia financiando as estadías de profesores/as de recoñecido prestixio, pertencentes a centros situados fóra da nosa comunidade autónoma, que desexen colaborar temporalmente coas universidades galegas, con motivo de difundir os seus coñecementos entre a nosa comunidade universitaria.

Trátase de executar accións que cumpran os marcos legais establecidos polo noso ordenamento e que contribúan a mellorar a calidade do sistema universitario de Galicia, apoiando a actualización e innovación do profesorado universitario da comunidade autónoma.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

Convócanse axudas destinadas a apoiar a formación do profesorado do sistema universitario de Galicia, favorecendo a mobilidade de profesores/as de recoñecido prestixio pertencentes a centros situados fóra da nosa comunidade autónoma que desexen colaborar temporalmente coas universidades galegas para difundir os seus coñecementos entre a nosa comunidade universitaria.

Neste sentido, serán subvencionables aquelas estadías nas universidades do sistema universitario de Galicia de profesores fóra da nosa comunidade autónoma coas que se pretenda difundir e actualizar competencias para a incorporación das tecnoloxías da información e comunicación na docencia e nas prácticas educativas (e-learning, blended learning -combinación de formación presencial e virtual-, xestión de cursos en web, etc.), competencias en xestión universitaria, metodoloxías didácticas e innovadoras, novas formas de titoría e orientación

ao alumnado, e todas aqueloutras destinadas a promover prácticas docentes innovadoras.

Deste xeito, preténdese que as actividades docentes que realicen durante a estadía redunden en beneficio do sistema universitario de Galicia na súa faceta académica, dentro do espectro da autonomía universitaria.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión destas axudas destinarase a cantidade total de 86.400 euros, que se financiaran con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.444.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, aprobados pola Lei 14/2006, do 28 de decembro. Este importe poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Artigo 3º.-Beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as universidades que forman parte do sistema universitario de Galicia : Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo.

Artigo 4º.-Período de aproveitamento.

A duración das estadías deberá ser como mínimo de 1 mes e como máximo de 8 meses, e serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2007.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A contía asinada a cada beneficiario/a será de 1.800 euros por mes de estadía do profesor proposto. No caso de que a estadía sexa superior a un mes e inferior a dous meses, considéranse os meses de 30 días. A cantidade correspondente por día sería 1/30 da contía mensual.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes, ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polas universidades correspondentes será de 31 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes, segundo o modelo ED427A que se publica como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo/a funcionario/a de correos antes de que proceda á súa certificación.

3. As universidades presentarán as solicitudes compañadas da seguinte documentación:

-Relación de profesores/as propostos/as, por orde de prioridade, acompañada dunha lista de reserva.

-Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo concepto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

-Informe sobre os/as profesores/as propostos/as en que se valore:

* Méritos curriculares dos/as candidatos/as.

* Interese das estadías para o fomento da actualización e innovación docente e da converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior para a universidade solicitante.

* Viabilidade e garantía dos obxectivos docentes no tempo solicitado e cos recursos dispoñibles.

Cada universidade poderá solicitar o equivalente a 16 meses de duración máxima. No caso de que algunha universidade non complete coas súas solicitudes o tempo máximo de estadía, poderán repartirse entre as outras universidades, a partes iguais, as axudas deixadas de utilizar.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación, criterios de selección e proposta de resolución.

A selección será efectuada por unha comisión constituída por tres representantes da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dos que un deles actuará como presidente/a e outro/a como secretario/a con voz e voto, e os vicerreitores/as competentes na materia das tres universidades galegas. No caso de empate decidirá o voto de calidade do/a presidente/a.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Para a avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

a) Informe das universidades sobre os/as profesores/as propostos/as (artigo 6º.3 desta orde) 80%.

b) Beneficios que redunden no sistema universitario de Galicia, 20%.

Efectuada a selección pola comisión está elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá.

Artigo 8º.-Resolución e publicación.

A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, mediante relación nominal de titulares e suplentes.

As solicitudes non incluídas na resolución de concesión entenderanse denegadas ou desestimadas e publicaranse no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e na páxina web mencionada, coa indicación expresa dos motivos de denegación, de conformidade co artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas de acordo coa lista de suplentes que se estableza na citada resolución.

Contra esta resolución os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Artigo 9º.-Incompatibilidades.

As universidades non poderán solicitar estas axudas para financiar estadías do profesorado que, nos últimos cinco anos, desfrutaron de axudas de simi

lares características convocadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

Antes do 27 de novembro de 2007, cada universidade remitiralle á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto de conformidade co estipulado nos artigos 15.2º c) e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de bolsas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo ás universidades, tras a completa xustificación do cumprimento da estadía e condicións establecidas nesta orde.

Artigo 11º.-Publicación dos resultados obtidos e control.

Os resultados que, eventualmente, poidan obterse con ocasión do aproveitamento destas axudas serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer constar a expresión: «Co apoio da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Xunta de Galicia», e terán que remitirlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

Os/as beneficiarios/as teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas así como as demais que deriven dos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude da axuda comportará a autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas. A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso

terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Cuarta.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Quinta.-Esta convocatoria poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 20 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o titular da dirección xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria