DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2007 Páx. 4.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 6 de marzo de 2007 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria para o fomento e realización de actividades de voluntariado e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

No Decreto 517/2005, do 6 de outubro, establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. No seu artigo 6, punto 2.2.b), establécese que lle corresponde á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade a xestión e coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de voluntariado, así como a elaboración e o seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria e a xestión do sistema de rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria. Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción, investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado e todas aquelas segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no establecido na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria, excepto ás universidades galegas, e que terán que estar inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria, para o fomento e realización de actividades de voluntariado durante o ano 2007, así como que estean dentro do establecido na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

3. Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades sen ánimo de lucro sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria organizada e dirixidos á sociedade, ao voluntariado e ás propias entidades sen ánimo de lucro que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de favorecer o coñecemento para toda a sociedade galega verbo da importancia e valor da participación cidadá solidaria de carácter voluntario, adaptando as actuacións de sensibilización ás características de cada sector poboacional. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:

* Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das asociacións, así como á promoción e captación de voluntariado.

* Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.

* Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación (local, comarcal, etc.).

b) Área de formación e participación: perséguese aquí unha modernización e adaptación permanente das entidades á realidade social a través das liñas fundamentais:

* Gastos de formación de persoas responsables de voluntariado precisos para o desempeño das responsabilidades nas tarefas de acollida, formación e seguimento das persoas voluntarias dentro da organización; e gastos de formación das propias persoas voluntarias.

* Incorporar actuacións innovadoras na aplicación de boas prácticas que sirvan de referentes, actúen como dinamizadores da participación social e favorezan a continuidade do voluntariado, así como o deseño e mantemento de páxinas web.

* Participación activa do voluntariado nos proxectos e actividades que se van desenvolver.

c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado, así como as iniciativas de carácter experimental que acheguen solucións innovadoras.

Artigo 2º.-Beneficiarios/as.

Os/as beneficiarios/as das axudas serán as entidades de acción voluntaria de Galicia, agás as universidades galegas que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2007 e que se desenvolvan dentro das áreas de actuación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos das/os beneficiarias/os.

1. Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:

* Que as entidades estean inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e que estean legalmente constituídas.

* Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver a totalidade dos seus programas na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias e profesionais.

* Non ter débedas no período executivo de pagamento na Comunidade Autónoma galega.

* Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e accidentes de todas as persoas voluntarias para o ano en curso e na data de presentación da solicitude.

2. Polo contrario, non poderán solicitalas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

4. As solicitudes de entidades que conteñan propostas de actividades conxuntas, cada unha delas por escrito deberán asumir a responsabilidade solidaria do proxecto debidamente asinada e designarán un ou unha responsable e unha dirección única para os efectos de notificacións administrativas.

Artigo 4º.-Contía máxima da axuda.

As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2007.05.32.312F.481.0 (proxecto 2003 00513) por un importe de 500.000 A (cincocentos mil euros) segundo o establecido na Lei 14/2006, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables.

1. Serán conceptos subvencionables os gastos correntes que deriven da realización das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2007, entendéndose por tal a contratación laboral de persoal técnico, gastos derivados de desprazamentos do persoal voluntario, gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento

do proxecto, contratación de persoal experto e debidamente xustificado no proxecto, formación de persoal técnico ou voluntario, adquisición de material funxible pero non inventariable, servizos de comunicación: telefónicos, postais e telegráficos, seguros de voluntarios ou voluntarias.

2. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos.

3. Así mesmo, todos aqueles gastos que se realizasen con anterioridade á data da resolución da concesión da subvención terán a consideración de subvencionables sempre que exista constancia de que estes teñen a súa orixe na realización dos programas subvencionados e que, en todo caso, se fagan no exercicio orzamentario no que tivo lugar a publicación da correspondente orde da convocatoria.

4. En ningún caso o importe da subvención será superior ao 80% da cantidade solicitada.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes, xunto coa documentación, dirixiranse ao vicepresidente da Igualdade e do Benestar, presentaranse no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo I presentaranse xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do representante legal da entidade.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Certificación orixinal dunha entidade bancaria da conta da entidade onde se fará o ingreso da subvención.

d) Certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal (anexo II), que recolla: o acordo do órgano que teña asumida a competencia en virtude da cal se solicita a subvención, a acreditación da persoa que ten o cargo do representante legal, así como o conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

e) Proxecto tal e como se recolle no anexo IV.

* Denominación ou nome do proxecto.

* Obxectivos do proxecto ou acción.

* Enumeración e descrición de cada unha das actividades do proxecto, indicando por cada unha delas os seguintes aspectos: número estimado de beneficiarios, actividade que se vai desenvolver, lugar e data de realización, e recursos humanos e materiais precisos especificando os necesarios e cos que conta.

* Recursos humanos: nº voluntarios e de persoal contratado dedicado parcial ou totalmente ao proxecto (ou que se prevé a súa implicación no proxecto).

Orzamento, onde se indicarán os gastos con base nos seguintes conceptos: material funxible, gastos de recursos humanos, gastos da realización da actividade, seguro de voluntarios, outros (especificar). No dito orzamento deberá constar o importe co que conta a entidade e o que solicita nesta axuda, así como, se fose o caso, as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo programa.

3. No caso de que algún dos documentos relacionados nas alíneas a), b) e c) fosen presentados na Administración, deberán facelo constar, así como o expediente para o que foron presentados, quedando deste xeito exento de presentación.

4. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos exixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 7º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, crearase unha comisión de valoración para o efecto que estará presidida polo subdirector/a xeral de Solidariedade e Participación, a xefa do Servizo de Solidariedade, dúas técnicas/os da Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación e unha/un funcionaria/o que actuará como secretaria/o con voz pero sen voto, e unha/un representante de cada unha das delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

3. A dita comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

4. As solicitudes admitidas remitiránselle á comisión de valoración para que, unha vez avaliadas, proceda a propor a concesión ou denegación das axudas seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 8º.

5. A comisión proporá a contía das axudas correspondentes a cada entidade, que en ningún caso superarán o 80% da cantidade solicitada ata esgotar o crédito dispoñible.

6. A comisión poderá establecer un mínimo de puntuación a partir do cal non se valoren os proxectos por considerarse que non se adecuan á calidade exixida nas bases.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo 7º. No devandito procedemento teranse en conta os seguintes criterios:

a) Coherencia xeral do proxecto (ata 20 puntos).

* Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación; os resultados previstos, a oportunidade e interese social do proxecto expresados nunha relación descritiva clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver.

* Secuencia lóxica da intervención: situación da que se parte e a onde se quere chegar detalladamente, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, cos que conta e os que terán que incrementar.

* Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade.

b) Explicación detallada de todo o orzamento (ata 15 puntos).

* Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade dirixidos ás actividades propostas, explicando o orzamento co que se parte e as cantidades que se solicitan.

c) Viabilidade e sustentabilidade do proxecto (ata 10 puntos).

* Información sobre os medios e requirimentos técnicos cos que conta a entidade e os que precisa a maiores para a realización do proxecto.

* Redacción do proxecto e de cada unha das actividades que se van realizar.

d) Capacidade da entidade e solvencia (ata 15 puntos)

* Se a entidade xestionou con anterioridade algún proxecto de igual ou superior contía ao que presenta.

* Proporción da contía subvencionada solicitada respecto aos recursos propios da entidade dirixidos á actividade proposta.

* Concorrencia doutras fontes de financiamento do programa, tanto públicas como privadas.

e) Participación do voluntariado (ata 10 puntos):

* Polo menos ata 10 persoas: 2 puntos.

* Participación en todas as fases do proxecto: 5 puntos.

* Participación nalgunha das fases: 3 puntos.

f) Dedicación das persoas destinatarias da formación (actividades que desempeñan e nº de horas semanais e mensuais) ás actividades da entidade, e que as actividades que realizan estean en consonancia coa formación recibida (ata 10 puntos).

g) Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 10 puntos).

h) Proxectos que promovan a sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega prevendo, entre outras medidas, a figura da ou do responsable de voluntariado e a participación de voluntarios ou voluntarias da organización (ata 10 puntos).

Artigo 9.-Resolución.

1. Á vista das valoracións emitidas pola comisión de valoración e recollidas na acta, a comisión de valoración elevará ao director xeral de Xuventude e Solidariedade unha proposta de resolución que ditará a resolución de concesión ou denegación da axuda ou subvención solicitada por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

3. No momento do vencemento do prazo máximo sen se ter notificado a resolución aos interesados, poderá entenderse desestimada a solicitude de concesión da subvención por silencio administrativo.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde e nas correspondentes ordes de convocatoria esgotarán a vía administrativa, e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente poderá interpoñerse recurso de reposición.

Artigo 11º.-Xustificación da axuda concedida.

1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente pagamento é a que establece esta convocatoria, é dicir, o 15 de outubro de 2007. Para isto o beneficiario deberá presentar, na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou nas delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación por duplicado:

Certificación expedida polo secretario da entidade co visto e prace do representante legal (anexo III), na que se farán constar:

a) Conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e as actividades realizadas segundo o proxecto presentado.

b) A relación de actividades realizadas.

c) O importe do gasto efectuado (en cifras e letra).

d) Cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

2. Acreditar a realización das actividades mediante a entrega dos orixinais ou copias cotexadas de facturas, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, certificacións bancarias e demais medios establecidos no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime das axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que consideren convenientes. No caso de que o beneficiario non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

4. Haberá que presentar no prazo fixado os seguintes documentos:

a) Memoria das actividades realizadas, xustificando a súa realización e o cumprimento das condicións que fundamentan a súa concesión; especificarse o contido das actividades e incluiranse documentos fotográficos que acrediten o realizado.

b) Facturas orixinais, que deberán ir acompañadas dunha relación nominal delas (anexo V).

c) A xustificación dos gastos realizarase do seguinte xeito:

* Comprobación dos gastos correspondentes ao persoal (achegaranse necesariamente as copias compulsadas das nóminas xunto cos boletíns oficiais da cotización á Seguridade Social e o modelo 110).

* As partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal (figurarán os recibos onde consten os datos da ou do perceptora ou perceptor, o seu DNI, o concepto polo que se retribúe e a retención correspondente ao IRPF).

* No caso de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse os recibos ou facturas, de ser o caso, xustificativos do gasto, nos que constará o nome do programa ou actividade así como os datos persoais identificativos da persoa colaboradora.

Artigo 12º.-Concorrencia de subvencións públicas e modificacións da resolución.

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse para isto son que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditada polo órgano concedente logo da instrución do correspondente expediente.

Artigo 13º.-Anticipos e pagamentos.

Unha vez ditada a resolución da concesión e aceptada pola entidade solicitante poderanse aboar as subvencións despois da correcta xustificación dos gastos realizados segundo o artigo 11 desta orde e do previsto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A subvención farase efectiva nun único pagamento ao achegar xustificantes de ter realizadas as actividades segundo o proxecto presentado polo importe

total do proxecto; non obstante, poderanse facer pagamentos parciais, de acordo co artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ata un máximo do 80% da contía total concedida na medida en que se vaia xustificando. O restante 20% aboarase cando se rematen totalmente as actividades subvencionadas.

Tamén se poderá facer un anticipo de pagamento de ata o 10%, segundo o artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, unha vez ditada a resolución de concesión e aceptada pola entidade.

Artigo 14º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades de acción voluntaria que reciban a subvención deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 78.4º do Decreto 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

1. As obrigas das entidades beneficiarias das axudas, ademais das que se poidan establecer en cada un dos anexos, serían:

a) Non modificar a programación de actividades do proxecto presentado ante a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar sen autorización expresa do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

b) Facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

c) Estar sometidos ás actuacións de comprobación que vaia efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

d) Remitir unha memoria explicativa das actividades realizadas con base no proxecto presentado, xunto coa xustificación económica que incluirá, como mínimo, as seguintes epígrafes: obxectivos acadados, descrición das actividades desenvolvidas especificando, por cada unha delas, o lugar e as datas de realización, o número de beneficiarios e o persoal implicado na súa execución (voluntariado e persoal remunerado).

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos de incumprimento da normativa vixente aplicable, de acordo co artigo 16º desta orde:

* Obtención da subvención falseando total ou parcialmente as condicións requiridas ou ocultando datos.

* Incumprimento total ou parcial da actividade ou proxecto.

* Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente establecidos nas bases reguladoras.

* Incumprimento da obriga de adoptar medidas de difusión.

* Resistencia, escusa, obstrución ou negativa das actuacións de comprobación e control previstas na normativa vixente, ou imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, incumprimento do obxectivo, a regularidade das actividades e a concorrencia doutras axudas.

f) Comunicarlle por escrito certificado, nun prazo de 20 días antes da realización, calquera actividade coa publicidade escrita, á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

g) Garantir en canta publicidade se efectúe, así como na propia presentación do proxecto a esta Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación, o uso do galego. Así mesmo, facer constar en toda a publicidade, publicacións, información, internet, actos públicos, material que se cree, e propaganda relativas a actividade subvencionada, o seu contido en galego e a colaboración deste organismo incorporando de xeito visible o seu logotipo.

h) Presentar, xunto coa xustificación do gasto, a memoria xustificativa do programa subvencionado.

Artigo 15º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 16º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de mora devengados desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

Artigo 17º.-Publicidade.

1. Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade bene

ficiaria, contía e finalidade da subvención, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Así mesmo, publicarase na páxina web da Xunta de Galicia a concesión indicando a relación de beneficiarios, e o importe das axudas, ao abeiro do artigo 11.3º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar no director xeral de Xuventude e Solidariedade para desenvolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2007.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normas de aplicación.

Cuarta.-Coa presentación da solicitude (anexo I) o/a beneficiario/a autorizaralle á Administración convocante a inclusión e publicación dos datos, de acordo coas subvencións concedidas, nos rexistros de axudas e subvencións regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación con esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar