DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2007 Páx. 3.995

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 1 de marzo de 2007 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as de patrón costeiro polivalente e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

As prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación en centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica, teñen un enorme interese polo seu valor didáctico e pedagóxico por achegar o alumnado ao mundo sociolaboral no que vai desenvolver a súa vida profesional.

Por todo isto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as de patrón costeiro polivalente e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.422K.480.0, por un importe total máximo de 100.000 euros.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

1. Que os/as solicitantes estean matriculados/as nas ensinanzas de patrón costeiro polivalente ou ciclos formativos de formación profesional específica en centros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e cumpran os requisitos exixidos neste artigo.

2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura como anexo, que estean asinadas polo interesado/a e teñan o visto e prace do director/a do centro conforme reúnen todos os requisitos.

3. Ter aprobados todos os módulos profesionais. Para os alumnos que iniciaron o ciclo no curso académico 2001/2002 ou con anterioridade, seralles de aplicación o establecido no artigo 7.4º da Orde do 1 de xuño de 1999, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-Presentación de solicitudes.

1. Os alumnos/as que reúnan os requisitos para participar destas axudas, presentarán a correspondente solicitude, no modelo anexo a esta orde, no centro onde estean matriculados e nos prazos seguintes:

a) Para os alumnos/as de patrón costeiro polivalente, ciclo medio de acuicultura e ciclo medio de mergullo: nun prazo de 40 días naturais a partir do 1 de xuño de 2007.

b) Para os alumnos/as dos ciclos medios e superiores de: «Pesca e transporte marítimo», «Operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque», «Navegación, pesca e transporte marítimo», «Supervisión e control de máquinas e instalacións do buque» e «Produción acuícola»: nun prazo de 40 días naturais a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Cuarto.-Criterios que determinan a contía das axudas.

1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-De 1,0 a 5,9 km: 2,5 euros.

-De 6,0 a 15,9 km: 4,5 euros.

-De 16,0 a 30,9 km: 5,5 euros.

-De 31,0 a 50 km: 7,5 euros.

-Máis de 50 km (con retorno no día): 9,5 euros.

-Máis de 50 km (sen retorno no día): 30 euros.

2. O número máximo de xornadas para os alumnos de patrón costeiro polivalente será de quince, e, para os ciclos formativos, as suficientes para completar as horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo. A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá superar os 750 euros no ciclo superior de produción acuícola e no ciclo medio de mergullo a media profundidade e os 1.015 euros no ciclo medio de acuicultura.

3. Os alumnos con praza nos centros residenciais de Vigo e Ferrol poderán seguir usando a residencia e o comedor durante o período de Formación en Centros de Traballo (en diante FCT) se as condicións da empresa ou de embarque e de desembarque, a xuízo do titor, así o aconsellen. O desfrute da praza de residencia durante a FCT é incompatible coa axuda polo transporte entre a empresa e o centro residencial.

4. Dadas as características singulares da FCT marítimo-pesqueira, na elaboración do proxecto económico os centros seguirán os seguintes criterios:

a) Para os alumnos que fagan períodos de prácticas en terra seranlles de aplicación automática os criterios recollidos no punto 4.1.

b) Nos períodos de embarque percibirán unha contía de 9 euros por día.

5. Cando a empresa colaboradora da FCT realice embarques ou desembarques fóra da Comunidade Autónoma de Galicia o alumno percibirá unha axuda complementaria máxima de 170 euros polos gastos da viaxe.

6. Aos alumnos do ciclo medio de mergullo que teñan que realizar a FCT fóra da súa comunidade autónoma por falta de empresas relacionadas co sector, seralles de aplicación directa a contía máxima establecida para o ciclo medio de acuicultura.

7. Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para reaxustar a dita contía en función da distancia, embarque e do orzamento dispoñible. Neste caso, comunicaráselle aos/ás interesados/as a modificación efectuada.

8. O alumnado estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil.

9. Os/As alumnos/as dos ciclos medio e superior de ponte realizarán a totalidade da FCT embarcados e os do ciclo medio e superior de máquinas, realizarán polo menos un 50% da FCT en barcos de pesca ou mercantes. Estas porcentaxes poderán ser modificadas coa autorización expresa do servizo de ensino, cando as circunstancias persoais ou familiares, a xuízo do titor, así o aconsellen.

Quinto.-Comisión de selección e seguimento das axudas.

1. A selección das peticións e o seguimento das axudas levarase a cabo por unha comisión integrada por:

-O delegado/a territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou persoa en quen delegue.

-Un funcionario/a do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

-O director/a do centro.

-O xefe/a de estudos do centro.

-Un funcionario/a do centro, que actuará como secretario/a, con voz e voto.

2. Das reunións celebradas pola comisión levantarase acta que será remitida á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Sexto.-Adxudicación de axudas.

1. A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico para a formación en empresas. Unha copia do expediente económico, xunto cunha fotocopia de todas as solicitudes, remitirase á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro dentro dos 15 días seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. A comisión de selección e seguimento das axudas, vistas as solicitudes presentadas, os concertos vixentes coas empresas e o crédito dispoñible, levantará acta e fará a oportuna proposta provisional de adxudicación á directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Sétimo.-Resolución.

1. A directora xeral, por proposta da comisión de selección e seguimento, resolverá, por delegación expresa da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, notificándolle a cada centro a concesión ou denegación provisional das axudas, e, se é o caso, a modificación das contías solicitadas.

2. A partir da data de comunicación aos centros, abrirase un prazo de 10 días para que os interesados formulen as reclamacións que consideren oportunas perante a comisión de selección.

3. Resoltas as reclamacións formuladas, a dirección xeral, no prazo de 10 días, ditará resolución na que se farán constar as adxudicacións definitivas.

As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos.

Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante os órganos desta xurisdición no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contado a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo iso sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

O mesmo réxime de recursos procederá contra as bases contidas nesta convocatoria de axudas.

4. O prazo máximo para a resolución da concesión das axudas será de 6 meses a partir do prazo de presentación das solicitudes, de non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Oitavo.-Pagamento das axudas.

O pagamento das axudas farase dunha soa vez, logo da certificación do centro de que os alumnos iniciaron as xornadas prácticas na empresa e ata un límite de 100.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.422K.480.0.

Xunto coa mencionada certificación deberase xuntar unha declaración de cada un dos beneficiarios na que manifeste que non percibiu nin está pendente de percibir outra subvención ou axuda para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

Noveno.-Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudios.

Décimo.-O beneficiario está obrigado ao reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Para o non establecido especificamente na presente orde, haberá que aterse ao disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, en especial no referente aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén haberá que ter en conta que dispoñen os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e do seu regulamento.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para desenvolver o disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos