DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2007 Páx. 3.989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 26 de febreiro de 2007 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais, con ámbito de actuación supraprovincial e que desenvolvan as súas actividades en Galicia, para o seu funcionamento e para a realización de programas culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura e Deporte responde ao vixente marco institucional

de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 27.19º como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e no artigo 32, que lle corresponde á nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura e Deporte asume as competencias que a facultan para o deseño, programación, desenvolvemento e execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos, a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos e colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Deporte con esta orde quere establecer un instrumento que, adecuándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, de acordo cos criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao fomento da actividade cultural.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. É obxecto desta orde fixar, para o exercicio de 2007, o réxime de concesión de subvencións para o funcionamento e a realización de programas ou actividades culturais concretas polas asociacións, entidades e fundacións sen ánimo de lucro que sexan solicitadas á Consellería de Cultura e Deporte, conforme o procedemento que a seguir se establece.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por programas ou actividades culturais concretas aquelas destinadas á promoción e cooperación cultural, e á difusión e animación sociocultural que contribúen ao espallamento e promoción da cultura galega.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.432B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2007, por un importe inicial máximo de 300.000 euros (trescentos mil euros).

2. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

3. Non poderán ser beneficiarios desta axuda aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 13.2º da Lei xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as fundacións, as entidades e as asociacións culturais sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas nos rexistros correspondentes e co enderezo social en Galicia, que teñan un ámbito territorial de actuación supraprovincial e que desenvolvan as súas actividades en Galicia.

2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria deberan cumprir co establecido no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Quedan excluídas aquelas fundacións, entidades e asociacións culturais sen ánimo de lucro que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e Deporte e que fosen sancionadas pola falta de xustificación do seu investimento.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. Os que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo de 40 días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida á conselleira de Cultura e Deporte, segundo o modelo que figura como anexo, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Deporte, nos rexistros das delegacións provincias desta ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Fotocopia do NIF ou, de ser o caso, do CIF da entidade.

b) Declaración do solicitante das subvencións solicitadas para o mesmo fin ás administracións públicas.

c) Documentación relativa ao programa ou actividade que se vai desenvolver.

d) Anexo II.

e) Memoria, o máis detallada posible, relativa ao programa ou actividade, que deberá facer mención, como mínimo, aos seguintes aspectos:

-Interese do programa ou actividade.

-Emprego do galego no desenvolvemento do programa ou actividade.

-A orixinalidade e o carácter innovador do programa ou actividade.

-Contribución ao fomento e difusión da cultura galega.

-Potencial número de beneficiarios/as do programa ou actividade.

-Repercusión territorial do programa ou actividade.

f) Calendario de execución do programa ou actividade.

g) Orzamento desagregado e polo miúdo do programa ou actividade, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

h) Voluntariamente, poderá achegarse calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que sexa pertinente para a mellor valoración do programa ou actividade presentado.

3. Os anexos I e II desta orde poderanse obter, ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia en que se publique a convocatoria de axudas, ou ben na páxina de internet http://culturaedeporte.xunta.es/

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor, neste caso a Consellería de Cultura e Deporte, para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de atoparse ao día nas obrigas tributarias e fiscais que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requisito previsto nas correspondentes bases reguladoras. Esta consulta farase de oficio e de forma telemática.

Artigo 5º.-Emenda de solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa adventencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e de acordo co previsto nos artigos 42 da citada lei.

Artigo 6º.-Instrución e selección de solicitantes.

Corresponde á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución

Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará constituída polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Creación e Difusión Cultural.

Catro vogais: o subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural, a xefa de Servizo de Promoción da Creación e Difusión Cultural, dúas persoas designadas polo director xeral de Creación e Difusión Cultural .

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

A comisión valorará os expedientes con base nos seguintes criterios:

a) Calidade, interese, orixinalidade e carácter innovador do programa ou actividade desde o punto de vista cultural, con especial valoración dos proxectos que contribúan ao fomento e difusión da cultura galega: ata 10 puntos:

b) Carácter continuado e non ocasional do proxecto: ata 5 puntos.

c) Potencial número de beneficiarios/as do programa ou actividade: ata 5 puntos.

d) Repercusión territorial do programa ou actividade: ata 5 puntos.

e) Nivel de autofinanciamento do programa ou actividade: ata 5 puntos.

f) Impacto social e cultural da entidade: ata 5 puntos

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada.

Artigo 7º.-Resolución.

Á vista da proposta de resolución, a conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia ditará a resolución que proceda, motivada, con indicación do obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe de axuda concedida e a contía desta.

O prazo máximo para ditar e notificarlle aos interesados a resolución expresa será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que remate o prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura e Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 8º.-Importe máximo das subvencións.

O importe máximo destas subvencións non poderá en caso ningún superar o custo das actividades que deselvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axu

das doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Artigo 9º.-Pagamentos e xustificación.

1. Unha vez concedida a subvención, e aceptada por escrito polo beneficiario no prazo de dez días, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

2. Os beneficiarios da subvencións quedarán obrigados a xustificar as subvencións, no prazo dos 20 días hábiles posteriores ao da realización das actividades e, en todo caso, antes do 1 de novembro de 2007, mediante a presentación dos xustificantes acreditativos, o orixinal e dúas fotocopias, de que a actividade se realizou, xunto coa relación detallada destes, cunha memoria explicativa das actividades desenvolvidas en relación coa finalidade da axuda concedida, así como dous exemplares da publicidade xerada.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as obrigas recollidas no artígo 14 da Lei xeral de subvencións e no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime finaceiro e orzamentario de Galicia.

1. A actividade subvencionada con cargo a esta orde deberá contribuir á normalización da lingua galega. As accións de difusión, publicidade e comunicación da actividade subvencionada desenvolveranse en galego.

2. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas por escrito, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos, debendo comunicar á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, o día e a hora da actividade subvencionada. A Consellería de Cultura e Deporte poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

3. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Deporte -Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural- utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

4. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto,

das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11º.-Anulación e reintegro da axuda.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artígo 37 da Lei xeral de subvencións.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Deporte instruirá expediente sancionador, de conformidade co previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais o internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Notificación e desestimación.

1. A resolución da convocatoria producirase no prazo máximo de tres meses a partir do día seguinte da finalización do prazo de presentación de solicitudes. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

2. No caso daquelas solicitudes que fosen desestimadas os solicitantes poderán, a partir desta data, retirar a documentación no prazo dos 30 días seguintes.

Artigo 13º.-Recursos.

Contra estos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante a conselleira de Cultura e Deporte.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Creación e Difusión Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2007.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte