DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2007 Páx. 3.989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 7 de marzo de 2007 pola que se aproba a política de xestión da seguridade da información da Consellería do Medio Rural, do Fondo Galego de Garantía Agraria e demais entidades dependentes daquela.

O Regulamento (CE) 885/2006 da Comisión, do 21 de xuño de 2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1290/2005 do Consello, no que se refire á autorización dos organismos pagadores e outros órganos e á liquidación de contas do FEAGA e do FEADER, establece a obriga de basear a seguridade dos sistemas de información e comunicación empregados na xestión dos fondos agrarios europeos, nunha norma aceptada internacionalmente, de entre tres propostas pola comisión.

A Consellería do Medio Rural, como órgano competente na xestión dos fondos agrarios europeos, coa intervención do Fogga na súa condición de organismo pagador, adoptou a norma ISO/IEC 17799 (Código de prácticas para a xestión da seguridade da información), como estándar de seguridade dos seus sistemas de información e comunicación, mediante a Orde do 4 de xullo de 2005 (DOG nº 143, do 27 de xullo).

De acordo cos preceptos da norma adoptada defínese a política de seguridade da información e comunicación da Consellería do Medio Rural, que precisa da colaboración de todo o persoal ao servizo da consellería, desde os órganos directivos ata os usuarios finais dos sistemas de información.

Polo anterior, no uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar o documento en que se define a Política de Xestión da Seguridade da Información da Consellería do Medio Rural.

2. Dispoñer, para o seu coñecemento por todo o persoal da consellaría co obxecto do seu obrigado cumprimento, a súa publicación na intranet da Consellaría do Medio Rural.

3. Publicar na páxina web da Consellería do Medio Rural (http://mediorural.xunta.es/), un documento básico dos compromisos contidos nesta política que asume a consellería, para o seu xeral coñecemento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral e o director do Fogga, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural