DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2007 Páx. 3.972

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 5 de marzo de 2007 que modifica a do 28 de decembro de 2006, pola que se fixan as tarifas e os prezos correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís, expedición de carnés dirixidos á xuventude e participación en actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Con data do 3 de xaneiro de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 2, a Orde do 28 de decembro de 2006 pola que se fixan as tarifas e os prezos correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís, expedición de carnés dirixidos á xuventude e participación en actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

O anexo II da mencionada orde fai relación aos prezos pola expedición dos diferentes carnés dirixidos á xuventude. Entre eles indícase que o prezo para a guía internacional de albergues é de 9,80 euros, cando o prezo da dita guía é de 11 euros. A contía dos prezos dos carnés que aparecen descritos no anexo II, que é onde se atopa o erro, son acordados pola asemblea da REAJ (Rede Española de Albergues Xuvenís). En relación cos carnés de alberguistas nas súas diferentes modalidades (incluída a guía internacional de albergues), os prezos veñen indicados polo organismo provedor destes a nivel nacional (Consorcio REAJ), para os efectos de unificar a política de prezos en toda as comunidades autónomas con competencia en materia de carnés xuvenís, co obxecto de que a un mozo usuario lle custe o mesmo calquera destes carnés independentemente do lugar de expedición.

Por iso, faise necesaria a súa revisión a través desta norma.

De acordo con todo o anterior, e no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988 e o Decreto 517/2005, do 6 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do anexo II da Orde do 28 de decembro de 2006, pola que se fixan as tarifas e os prezos correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís, expedición de carnés dirixidos á xuventude e participación en actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

No anexo II da orde, no prezo correspondente á guía internacional de albergues, quedará redactado da seguinte forma:

«ANEXO II

Prezos pola expedición dos diferentes carnés dirixidos á xuventude:

Guía internacional de albergues: 11 euros».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA