DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2007 Páx. 3.842

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de marzo de 2007 pola que se establecen os procedementos relativos ao recoñecemento, mantemento e extinción das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), e ao recoñecemento dos/as veterinarios/as responsables.

As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) foron reguladas polo Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, como aquelas asociacións constituídas por gandeiros para a elevación do nivel sanitario-zootécnico das súas explotacións mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades animais e mellora das súas condicións hixiénicas, que permitan mellorar o nivel produtivo e sanitario dos seus produtos.

O Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia, modificado polo Decreto 245/2002, do 24 de xullo, estabeleceu o marco normativo para a constitución destas asociacións nesta comunidade autónoma, dispoñendo no seu artigo 3 que o órgano competente para o seu recoñecemento, a actualización do censo gandeiro mínimo, a aprobación do seu programa sanitario, o recoñecemento dos veterinarios responsables do desenvolvemento das funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados, e calquera outra cuestión de índole administrativa relacionada con elas, é a Consellería do Medio Rural.

Unha vez establecido o marco básico mediante o Decreto 91/2001, a Orde do 2 de outubro de 2002 pola que se establecen os procedementos relativos ao recoñecemento e extinción das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras, á modificación do programa sanitario e ao recoñecemento de novo veterinario responsable, na Comunidade Autónoma de Galicia, regulou estes procedementos, aprobando tamén o programa sanitario común que sería de obrigado cumprimento para todas as explotacións da agrupación.

Con posterioridade á publicación da dita orde, a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, definiu as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en termos similares ao Real decreto 1880/1996, sinalando expresamente que as cooperativas agrarias poderían constituírse en agrupacións de defensa sanitaria.

Por outra banda, a experiencia da aplicación dos programas das ADSG en Galicia e as importantes transformacións estruturais que sucederon no sector gandeiro galego nos últimos anos, obrigan a facer unha revisión dos obxectivos que debe ter a Consellería do Medio Rural:

-Procurar o fortalecemento do tecido asociativo das ADSG, coa finalidade de que estas agrupacións poidan acadar as capacidades precisas para prestar un servizo de asesoramento sanitario integral aos gandeiros.

-Estimular a implicación dos propios gandeiros/as galegos/as en conseguir mellorar o estatus sanitario das súas explotacións, sabedores de que na súa acreditación sanitaria teñen unha fundamental ferramenta de defensa das producións no mercado local, ao mesmo tempo útil para facilitar a penetración nos mercados do contorno español, europeo e mesmo global.

-Establecer a participación dos servizos veterinarios oficiais no seguimento e control da execución dos programas marco de planificación zoosanitaria de obrigado cumprimento.

Galicia conta cun estatus sanitario en moitos aspectos superior a comunidades do noso contorno; porén, nalgúns aspectos mostramos debilidades que deben ser corrixidas coa implicación dos gandeiros para situarnos por riba da media da maior parte das principais rexións gandeiras europeas, coas que temos que relacionarnos, e nese papel de implicación a estrutura asociativa das ADSG xoga un papel fundamental.

Para fortalecer o tecido asociativo, mellorar a coordinación dos programas e procurar a ampliación do número de explotacións e censos integrados nos programas sanitarios, a Consellería do Medio Rural debe promover na medida do posible a creación de ADSG de ámbito comarcal. Con eses obxectivos incentivaranse os procesos de fusión de ADSG; ademais, por razón de especial interese económico, social e de protección sanitaria do gando, favorecerase a integración de explotacións illadas mediante a ampliación do ámbito territorial de recoñecemento. Atendendo á nosa estrutura territorial e gandeira, dáse así un paso máis no desenvolvemento da competencia das comunidades autónomas para establecer os censos mínimos de explotacións exixibles para o recoñecemento de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras recollido no artigo 3 do R.D. 1880/1996, que foi desenvolto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, inicialmente no artigo 4 do Decreto 91/2001, modificado polo Decreto 245/2002, e

posteriormente no artigo 3 da Orde do 2 de outubro de 2002, pola que se establecen os procedementos relativos ao recoñecemento e extinción das ADSG, á modificación do programa sanitario e ao recoñecemento de novo veterinario responsable.

Faise por tanto necesario desenvolver de novo o marco normativo existente, adaptado ás necesidades do sector e ao impulso que a Administración galega quere imprimir para o pleno desenvolvemento das actividades das ADSG na realidade do agro galego, establecendo con máis claridade o procedemento para o recoñecemento e a inscrición no rexistro das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras de Galicia, para o recoñecemento dos veterinarios responsables da execución dos programas sanitarios e a definición do marco destes.

Dadas as modificacións que hai que realizar, razóns de claridade e seguridade xurídica aconsellan a aprobación dunha nova orde reguladora destes aspectos.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer os procedementos de recoñecemento, mantemento e extinción como ADSG das entidades asociativas agrarias, e fixar os procedementos de recoñecemento dos/as veterinarios/as responsábeis no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Órgano competente.

O órgano da Consellería do Medio Rural competente na execución do obxecto desta orde e en calquera outra cuestión de índole administrativa relacionada coas agrupacións de defensa sanitaria gandeiras, é a dirección xeral competente en materia de sanidade animal.

Artigo 3º.-Condicións para o recoñecemento de entidades asociativas agrarias.

1. Para o recoñecemento e inscrición no rexistro de ADSG da comunidade autónoma será preciso que as entidades solicitantes reúnan os requisitos establecidos no artigo 3 do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto e no artigo 4 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia, que foi modificado polo Decreto 245/2002, do 24 de xullo, que se especifican a seguir.

2. Como criterio xenérico para o seu recoñecemento, terase en conta que as explotacións que pretendan constituír a agrupación, entendendo por tales calquera instalación, construción ou localización ao aire libre en que se manteñan, críen ou coiden animais, reúnan no ámbito da ADSG que se queira constituír o 30% das explotacións gandeiras de cada concello.

Para o caso do gando bovino, ovino e cabrún, poderase constituír unha ADSG nun ou varios concellos, cando as explotacións con que se pretenda constituír a agrupación supoñan, como mínimo, o 30% de todas aquelas que dentro do concello ou concellos afectados posúan un censo gandeiro que supere o 30% do tamaño medio das explotacións da comunidade autónoma.

3. Para o suposto de ADSG de especiais características produtivas, poderase recoñecer unha ADSG, nun ou varios concellos que reúnan, cando menos, o censo mínimo establecido no artigo 4.2º do Decreto 91/2001, modificado polo Decreto 245/2002. Estas especiais características produtivas que poden dar lugar ao recoñecemento das ADSG son as seguintes:

-Cando se trate de especies de produción de natureza rara, exótica ou minoritaria (produción de visóns, avestruces, etc.).

-Cando se trate de producións realizadas con especies tradicionais (produción de bovino, porcino, etc.) en explotacións acollidas a réximes de produción diferenciados (indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe, producións ecolóxicas, producións integradas) ou que contemplen a certificación de garantías sanitarias adicionais nas súas producións, cando a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria considere que precisan do recoñecemento como ADSG para garantir a unicidade do seu programa.

4. Poderase, ademais, recoñecer unha ADSG que non reúna ningún dos requisitos anteriores, de conformidade co disposto no artigo 4.3º do citado Decreto 91/2001, modificado polo Decreto 245/2002, por resolución da Dirección Xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria, cando concorran circunstancias de elevada dispersión xeográfica das explotacións ou cando se dean as circunstancias seguintes:

-Especial interese social ou económico para o territorio en que se pretende constituír a ADSG.

-Especial interese de protección sanitaria do gando.

-Especial interese de protección ambiental.

4.1. Atendendo o especial interese social, económico e de protección sanitaria do gando, que en todo caso deberá estar suficientemente acreditado, poderase autorizar a ampliación do recoñecemento do ámbito territorial dunha ADSG recoñecida nun concello ao territorio doutro concello en que non exista ningunha ADSG recoñecida para a mesma especie animal e tipo de produción. O novo concello onde a ADSG será recoñecida debe pertencer á mesma comarca e será preferentemente limítrofe co concello ou concellos onde a ADSG estaba previamente recoñecida.

5. Así mesmo, as cooperativas agrarias que inicialmente foran constituídas con outras finalidades diferentes das dunha ADSG, poderán ser recoñecidas como tales sempre que, ademais de cumprir as condicións xerais referidas nos puntos anteriores, acorden a modificación dos seus estatutos, engadindo esta finalidade entre os obxectivos da entidade, e elaboren un regulamento de funcionamento específico para a actividade de ADSG, que deberá en todo caso recoller o dereito de integración nela de calquera gandeiro que o desexe e estea incluído no ámbito territorial en que a entidade poida ser recoñecida como agrupación de defensa sanitaria gandeira. Neste caso, a entidade asociativa preexistente, cando actúe como ADSG, deberá garantir a igualdade de trato a todos/as os/as gandeiros/as integrados no que se refire a asunción de compromisos para participar no programa sanitario e na percepción dos servizos sanitarios previstos nel.

Artigo 4º.-Fusións de ADSG.

Dúas ou máis ADSG recoñecidas poderán optar por fusionarse entre elas, sempre que esta decisión sexa adoptada polo órgano competente de cada unha das agrupacións.

A nova ADSG resultante da fusión presentará diante da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, solicitude de recoñecemento segundo o modelo publicado como anexo VI desta orde, acompañado da documentación que se indica no punto 2 do artigo 6º.

A ADSG recoñecida resultante da fusión terá como ámbito territorial o mesmo que o das ADSG que a conformaron, e asumirá diante da Consellería do Medio Rural todos os dereitos e compromisos que adquirirían individualmente cada unha das ADSG que se fusionan, especificamente todos os relacionados coa execución dos programas sanitarios aprobados.

O recoñecemento e inscrición no rexistro da ADSG resultante da fusión comporta a baixa de oficio neste das ADSG de procedencia.

Artigo 5º.-Incentivos.

Os procesos de fusión de ADSG e o incremento da porcentaxe de explotacións integradas no mesmo ámbito territorial da comarca ou área veterinaria serán incentivados mediante a obtención de maiores beneficios, en dependencia das dispoñibilidades económicas, dentro das liñas de axuda que estableza a Consellaría do Medio Rural en apoio das ADSG de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes de recoñecemento.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural.

1. A solicitude de recoñecemento como ADSG presentarase segundo o modelo que figura no anexo I da presente orde e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

-Copia compulsada do CIF da entidade.

-Certificado do secretario da entidade en que figuren os integrantes da xunta directiva actual da entidade, cos seus DNI.

-Certificado expedido polo secretario da entidade en que conste a persoa que desempeñe a representación da entidade, co seu enderezo e teléfono de contacto, xunto á copia compulsada do DNI.

-Copia compulsada da acta de constitución da entidade.

-Copia compulsada dos estatutos en vigor da entidade, nos cales figure a denominación da agrupación, os obxectivos e finalidades que se perseguen, que deberán ser acordes co contido do artigo 2 do Decreto 91/2001, domicilio social, ámbito territorial, órganos de representación, goberno e administración, recursos económicos previstos, normas de funcionamento interno de acordo coa normativa aplicable, así como o recoñecemento do dereito a integrarse na ADSG de todos os gandeiros que o desexen.

No caso de entidades asociativas constituídas inicialmente con outros fins, á copia dos estatutos nos cales conste a inclusión das finalidades propias dunha ADSG no seu obxectivo, unirase copia da acta da

reunión en que se aprobara a formación dunha ADSG no seo da entidade, e copia do regulamento de funcionamento específico para a actividade de ADSG, no cal se inclúan expresamente os extremos indicados no punto anterior.

-Ficheiro informatizado en formato ACCES no cal se inclúan os datos dos socios e das explotacións da ADSG sobre os que se vai executar o programa sanitario, segundo o contido do anexo V desta orde.

-Certificado do secretario da entidade indicando o número de gandeiros que forman parte da entidade, e xustificando que os datos incluídos no ficheiro facilitado corresponden a titulares e explotacións integradas na agrupación.

-Documento asinado por cada un dos/as titulares das explotacións integradas en que manifeste a súa adhesión á ADSG.

-Memoria técnica detallada explicativa do programa sanitario, asinada polo veterinario responsáble e polo presidente da entidade, en que se recollan as medidas que integran o programa e as finalidades e obxectivos deste. Na memoria incluirase o compromiso da agrupación na execución do programa sanitario común e cronograma de desenvolvemento deste, coa indicación pormenorizada da planificación temporal de actuacións ao longo do período de execución en todas as explotacións integradas. A planificación presentada debe ser agrupada en prazos trimestrais.

-Solicitude de recoñecemento do veterinario responsable da ADSG, segundo o modelo do anexo II desta orde.

-Certificado colexial acreditativo da habilitación do veterinario responsable de desenvolver as funcións sanitarias relacionadas co programa sanitario común, para o exercicio libre da profesión.

-Documento acreditativo da relación contractual co veterinario responsable de desenvolver as funcións sanitarias relacionadas co programa sanitario.

-Certificado do secretario da ADSG que xustifique que o veterinario responsable non ten participación financeira nin relacións familiares cos titulares das explotacións integrantes da propia agrupación, e declaración do propio veterinario manifestando baixo a súa responsabilidade a veracidade destes mesmos aspectos.

2. A solicitude de recoñecemento dunha nova ADSG resultante da fusión de varias ADSG presentarase segundo o modelo que figura no anexo VI desta orde e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

-Copia compulsada do CIF da entidade.

-Certificado expedido polo secretario da entidade en que conste a persoa que desempeñe a representación da entidade, co seu enderezo e teléfono de contacto, xunto á copia compulsada do DNI.

-Certificado do secretario da entidade no que figuren os integrantes da xunta directiva actual da nova entidade, cos seus DNI.

-Copia compulsada das actas dos órganos competentes de cada ADSG que se fusiona onde se toma o acordo de fusión.

-Copia compulsada dos estatutos en vigor da nova entidade, nos cales figure a denominación da agrupación, os obxectivos e finalidades que se perseguen, que deberán ser acordes co contido do artigo 2 do Decreto 91/2001, domicilio social, ámbito territorial, órganos de representación, goberno e administración, recursos económicos previstos, normas de funcionamento interno de acordo coa normativa aplicable, así como o recoñecemento do dereito a integrarse na ADSG de todos os gandeiros que o desexen.

3. A solicitude de ampliación do ámbito territorial de recoñecemento presentarase segundo o modelo que figura no anexo VII desta orde e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

-Copia compulsada do CIF da entidade.

-Certificado expedido polo secretario da entidade en que conste a persoa que desempeñe a representación da entidade, co seu enderezo e teléfono de contacto, xunto á copia compulsada do DNI.

-Copia compulsada dos estatutos da entidade nos cales figure a modificación do ámbito territorial de actuación da entidade incluíndo o concello a que pertencen as explotacións que se integren.

-Ficheiro informatizado en formato ACCES en que se inclúan os datos dos socios e das explotacións que se integran na ADSG pertencentes a concellos/s diferentes daqueles en que a ADSG está previamente recoñecida. O ficheiro conterá os campos indicados no anexo V desta orde.

-Documento asinado por cada un dos/as titulares das explotacións integradas en que manifeste a súa adhesión á ADSG.

-Memoria acreditativa do especial interese social, económico e de protección sanitaria do gando, que xustifique a ampliación do ámbito territorial solicitado.

Artigo 7º.-Resolucións e inscricións no rexistro.

1. Recibidas as solicitudes, a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, tras a proposta de resolución da Subdirección Xeral de Gandaría e os informes técnicos que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos aos solicitantes, resolverá sobre o recoñecemento e inscrición no rexistro de ADSG da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre o recoñecemento dos veterinarios responsables, sobre as fusións e ampliacións do ámbito territorial de recoñecemento, así como sobre calquera outra cuestión de índole administrativa relacionada con elas que derive da solicitude.

2. Para solicitudes de recoñecemento, mantemento do recoñecemento, fusión, ampliación do ámbito territorial de recoñecemento e modificación de pro

gramas, o prazo máximo para ditar e notificar a correspondente resolución será de 6 meses dende a data da solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se ditase e notificase a resolución, o interesado poderá entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra as resolucións que dite a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

4. O recoñecemento da ADSG levará implícita a súa inscrición no Rexistro de ADSG da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. A autorización da fusión levará implícita a baixa de oficio das ADSG que se fusionaron e a inclusión da nova entidade resultante da fusión no rexistro.

6. A autorización da ampliación do ámbito territorial de recoñecemento levará implícita a modificación no rexistro do ámbito territorial para o que a ADSG solicitante estaba recoñecida ampliando este ao do/s concello/s onde radiquen as explotacións integradas.

7. As ADSG inscritas incluiranse no rexistro informatizado da Consellería do Medio Rural "Sistema Integrado", especificando as explotacións gandeiras que pertencen a cada ADSG así como os datos dos veterinarios recoñecidos con que conten.

8. As resolucións de recoñecemento das ADSG e, de ser o caso, as modificacións ou extincións que se produzan nas recoñecidas, serán comunicadas ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para a súa inclusión no Rexistro Nacional previsto no artigo 5 do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Artigo 8º.-Mantemento do recoñecemento das ADSG.

1. Para o mantemento do recoñecemento, as ADSG deberán seguir cumprindo os requisitos que permitiron o seu recoñecemento e presentarán anualmente, antes do 31 de decembro de cada ano, a seguinte documentación:

-Solicitude para o mantemento do recoñecemento, segundo o anexo IV.

-Memoria xustificativa do cumprimento do programa sanitario común aprobado pola Consellería do Medio Rural, subscrita polo veterinario responsable e o presidente da ADSG. A memoria presentada deberá incluír o resumo do número de explotacións sobre as que se aplicou o programa sanitario, o número de visitas realizadas polo técnico veterinario a elas, as actuacións levadas a cabo e a análise técnica dos resultados acadados na execución do programa na anualidade que se xustifica, así como a adaptación de obxectivos para a vindeira anualidade.

-Ficheiro informatizado en formato ACCES, segundo os campos do anexo V, en que se inclúan os datos actualizados dos socios e das explotacións da ADSG, con indicación expresa ademais dos que causaron alta e baixa, coas datas destas.

En todo caso, e independentemente do ficheiro anual cos datos actualizados dos socios que se presente para o mantemento do recoñecemento, as altas e baixas dos gandeiros pertencentes á entidade deberán ser comunicadas por escrito aos servizos provinciais de Gandaría no prazo de quince días dende que se produzan.

-Certificación do secretario da entidade conforme os datos de socios, explotacións, altas e baixas que figuran no ficheiro facilitado corresponden á situación actual da agrupación.

-Documentos asinados por cada un dos/as titulares das explotacións correspondentes ás altas e baixas na agrupación tramitadas ao longo do ano.

-Certificación do secretario da entidade que acredite que se manteñen as condicións e circunstancias contractuais que deron lugar ao outorgamento do recoñecemento e credencial do veterinario da ADSG.

2. Excepcionalmente, mediante resolución da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria motivada en razóns de dispersión xeográfica, interese social, económico e de protección sanitaria do gando, poderá manterse o recoñecemento dunha ADSG de gando bovino que, como consecuencia da desaparición e/ou fusión de explotacións, consecutiva da reestruturación do sector no ámbito territorial onde estivese recoñecida, deixase de cumprir os criterios de censos mínimos de explotacións integradas. A ADSG interesada poderá neste caso solicitar á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, o mantemento do recoñecemento, para un único período anual, sempre que integre como mínimo ao 45% do censo bovino do seu territorio de actuación, e presente plan de viabilidade onde indique as accións que prevé para recuperar a representatividade perdida mediante un plan de integración de novas explotacións do mesmo ámbito territorial, ou inicie un proceso de

fusión con outra agrupación recoñecida dentro do mesmo concello ou comarca. A recuperación da representatividade ou o proceso de fusión deberán concluír dentro do mesmo ano para o que se solicita a validación de recoñecemento.

As ADSG que se acollan a este suposto presentarán ademais da documentación prevista no punto anterior, o plan de viabilidade ou copia das actas dos órganos das ADSG implicadas nas cales se adoptase o acordo de inicio de proceso de fusión.

3. A falta de presentación anual desta información poderá determinar o inicio do procedemento de extinción do recoñecemento da ADSG e da cancelación da inscrición rexistral.

Artigo 9º.-Extinción do recoñecemento.

1. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria iniciará o procedemento

de extinción do recoñecemento dunha ADSG, de ser o caso, con comunicación ao interesado e posterior trámite de audiencia, nos seguintes supostos:

-Por petición de parte, por solicitude do representante legal da entidade, tras acordo do correspondente órgano de goberno, segundo establezan os seus estatutos.

-Por incumprimento das condicións determinantes do recoñecemento das ADSG.

-Cando se detecte incumprimento do programa sanitario presentado.

-Cando non se cumpran as obrigas relativas ao deber de colaboración coa Administración sinaladas no artigo 8 do Decreto 91/2001, do 19 de abril.

-Polo incumprimento por parte da entidade das medidas sinaladas pola Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, con base no establecido nos puntos 4 e 5 do artigo 6º, relativos aos veterinarios responsables, do Decreto 91/2001, do 19 de abril.

2. O prazo máximo para a emisión e notificación da resolución, que será ditada polo director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, será de 6 meses.

Cando o procedemento se iniciase por solicitude do interesado, o vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución expresa lexitima a este para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Cando o procedemento se iniciase de oficio, a falta de emisión en prazo da resolución expresa determinará a caducidade do procedemento.

3. Fronte á resolución que poña fin ao procedemento, sexa expresa ou presunta, cabe a interposición de recurso de alzada diante do conselleiro do Medio Rural, nos supostos e prazo establecidos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Programa sanitario.

1. De conformidade co artigo 3 c) do R.D. 1880/1996, do 2 de agosto, as entidades recoñecidas como ADSG deberán dispor de programas sanitarios comúns, que serán aprobados anualmente pola Dirección Xeral de Produción Industrias e Calidade Agroalimentaria.

2. Os programas sanitarios comúns deberán prever a realización de actuacións de prevención, loita e control contra as principais enfermidades que afecten a especie de que se trate, e o fomento das boas prácticas en materia de sanidade e benestar dos animais.

3. No marco da normativa reguladora das axudas que se poidan establecer para o apoio ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras, a Consellería do Medio Rural publicará programas sanitarios marco de obrigado cumprimento para as agrupacións que opten a esas axudas.

4. Os programas sanitarios comúns serán presentados para a súa aprobación, xunto co resto da documentación exixida, no trámite de recoñecemento das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras, aplicándose para a súa aprobación os mesmos prazos e procedementos que para o recoñecemento das entidades.

5. Anualmente cada entidade recoñecida como ADSG, no trámite de mantemento do recoñecemento, presentará memoria do programa desenvolto e adaptación deste para a vindeira anualidade.

Artigo 11º.-Modificación de programas.

1. Á vista dos resultados da aplicación dos programas e atendendo ás peculiaridades locais específicas da ADSG, ou en función da situación epizootiolóxica da súa área de influencia, segundo o establecido no artigo 5 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, as entidades poderán solicitar a modificación dos programas sanitarios presentados.

2. A solicitude de modificación do programa sanitario formularase no modelo do anexo III desta orde. A aprobación da modificación requirirá de informe favorable do xefe de Área de Gandaría correspondente ao ámbito territorial en que se integra a ADSG.

A solicitude de modificación deberá acompañarse dunha memoria técnica de modificación de programa sanitario, en que se detallen as medidas concretas que se modifican no programa sanitario vixente, coas seguintes características:

-Medidas sanitarias concretas que se pretenden realizar.

-Prazos de execución das medidas propostas.

-Medios necesarios para a aplicación das novas medidas.

-Certificado do secretario da ADSG en que conste a aceptación das medidas propostas por parte dos titulares das explotacións que a integran.

3. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria poderá, mediante resolución, modificar partes do programa sanitario durante a súa vixencia, no caso de que as condicións de sanidade animal así o determinen en defensa da gandaría, tras avaliar en todo caso o previsible efecto da modificación na consecución dos obxectivos previstos e os prexuízos que se poidan causar ás agrupacións executoras.

4. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria promoverá que os programas sanitarios desenvolvidos por entidades que conflúan nos mesmos ámbitos territoriais sexan homoxéneos.

Artigo 12º.-Seguimento dos programas.

1. Os servizos veterinarios oficiais das áreas e comarcas veterinarias exercerán funcións de control e seguimento dos programas sanitarios das ADSG recoñecidas no seu ámbito territorial de actuación.

2. As xefaturas de área dos servizos veterinarios convocarán os veterinarios responsables dos programas e os representantes das ADSG que actúen no seu ámbito territorial para a formación de grupos de traballo. Estes grupos de traballo terán como obxectivos:

a) O estudo e debate sobre a aplicación práctica dos programas sanitarios no ámbito territorial que corresponda, pondo en común as dificultades, incidencias, oportunidades e inquedanzas que sexan oportunas.

b) Lograr a máxima integración e complementariedade na execución de programas sanitarios entre as ADSG que actúen no mesmo ámbito territorial.

c) Fomentar a coherencia e colaboración na utilización de medios válidos para a execución dos programas.

d) Fomentar a integración de novas explotacións e o fortalecemento das estruturas asociativas.

e) Elaborar propostas e informes sobre calquera aspecto que teña relación coa execución dos programas, que poderán ser elevadas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

3. Os servizos veterinarios oficiais, baixo a coordinación do xefe de Área de Gandaría, informarán os veterinarios das ADSG das incidencias existentes no desenvolvemento dos programas estatais de erradicación, vixilancia e control das enfermidades dos animais, para os efectos de que estes colaboren no control destas, na aplicación de medidas de bioseguridade e na correcta execución dos labores de limpeza e desinfección e de tratamento e manexo do esterco que procederan. Así mesmo, poderán informar os veterinarios/as das incorporacións de animais que se produzan nas explotacións integradas na ADSG.

Artigo 13º.-Recoñecemento e rexistro de veterinarios/as responsables sanitarios, veterinarios/as colaboradores no programa.

1. Cada ADSG, en función do censo gandeiro que agrupe, deberá dispor do número de veterinarios necesario para a execución do programa sanitario común aprobado. Polo menos terá un veterinario/a responsable sanitario, encargado do desenvolvemento das funcións relacionadas cos programas sanitarios aprobados. Ademais do veterinario/a responsable sanitario, a ADSG poderá contar con outros veterinarios/as colaboradores/as no programa que estarán coordinados polo responsable sanitario.

2. Tanto os/as veterinarios/as responsables sanitarios como os/as veterinarios/as colaboradores/as estarán debidamente recoñecidos pola Consellería do Medio Rural, para o que terán que cumprir os requisitos establecidos no artigo 6 do Decreto 91/2001. O recoñecemento efectuarase por resolución expresa da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, á vista da

documentación presentada xunto coa solicitude de recoñecemento da ADSG.

3. O recoñecemento dos veterinarios da ADSG terá validez por un ano, manténdose en todo caso anualmente, simplemente mediante a presentación no trámite de renovación do recoñecemento da ADSG dunha certificación do seu secretario/a que acredite que se manteñen as condicións e circunstancias contractuais que deron lugar ao outorgamento do recoñecemento do veterinario.

4. Cando se dean as circunstancias previstas no artigo 6. 4º do Decreto 91/2001, do 19 de abril, a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, por proposta da Subdirección Xeral de Gandaría, e logo do informe técnico oportuno, outorgará un prazo de 15 días á ADSG para que remita nova documentación para os efectos de recoñecer un novo veterinario/a responsable que substitúa o anterior ou, se é o caso, para que adopte as medidas necesarias tendentes ao correcto cumprimento das obrigas que lle corresponden ao/á veterinario/a recoñecido.

O incumprimento polas ADSG das medidas sinaladas pola mencionada dirección xeral dará lugar ao inicio do procedemento de extinción do recoñecemento.

5. No caso de substitución do/a veterinario/a recoñecido dunha ADSG, esta deberá comunicar este extremo á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, solicitando o recoñecemento de novo/a veterinario/a, mediante a presentación da solicitude recollida no anexo II, no prazo máximo de quince días contados a partir do seguinte ao da extinción da relación contractual ou cesamento da prestación efectiva de servizos do/a veterinario/a que substitúe. O mesmo prazo rexerá para a comunicación da incorporación de veterinarios adicionais durante o período de vixencia do programa.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 2 de outubro de 2002 pola que se establecen os procedementos relativos ao recoñecemento e extinción das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), á modificación do programa sanitario e ao recoñecemento de novo veterinario responsable, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar os actos e medidas necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES