DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 12 de marzo de 2007 Páx. 3.763

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 28/2007, do 8 de marzo, polo que se modifica o artigo 14 do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia.

O Decreto 227/1995, do 20 de xullo, aprobou o Regulamento do ente público Portos de Galicia, creado como unha entidade de dereito público á que lle corresponde a xestión das funcións e servizos que en materia de portos asuma a nosa comunidade autónoma.

O artigo 14 do citado decreto, que regula o funcionamento do Consello de Administración do ente público, establece no seu número 7 que tal órgano colexiado quedará validamente constituído cando asistan á reunión a metade máis un dos seus compoñentes, especificando nun segundo parágrafo que, de non existir quórum de asistencia, o consello se reunirá en segunda convocatoria vinte e catro horas despois da fixada para a primeira, sendo daquela válida a constitución calquera que sexa o número de asistentes.

Con relación a este réxime de primeira e segunda convocatoria do Consello de Administración, e á vista do tempo transcorrido desde a posta en aplicación da devandita disposición regulamentaria, resulta aconsellable proceder á súa modificación considerando a experiencia acadada sobre os seus efectos.

Esta experiencia acumulada amosa que o espectro de administracións públicas, organismos, corporacións, entidades e sectores representados no propio consello abrangue o territorio da comunidade autónoma de xeito que os vogais deben coordinar a asistencia ás sesións coa atención das responsabilidades que lles incumben naquelas administracións, organismos e sectores, á parte da necesidade de desprazarse para asistir ás sesións do consello desde puntos xeográficos distantes da sede do ente público.

Ante estas circunstancias, a previsión do número 7 do artigo 14º do Regulamento de Portos de Galicia, relativa ao réxime da segunda convocatoria vinte e catro horas máis tarde da primeira, exixe que os vogais eventualmente deban acudir á convocatoria do consello ata en dous días seguidos, o que dificulta o funcionamento do órgano colexiado, xa que a dispoñibilidade dos vogais para asistir vese agravada pola previsión de ter que acudir á constitución do consello en dúas posibles datas, segundo que haxa ou non o quórum preciso en primeira convocatoria, compaxinando tales circunstancias co exercicio das súas actividades profesionais ou laborais, que moitos deles realizan ademais do cargo que motivou a súa designación como vogal.

Polo exposto, estímase que a previsión de que a segunda convocatoria do órgano colexiado se fixe

cun intervalo de trinta minutos despois da hora fixada para a primeira, facilitaría o funcionamento do Consello de Administración e a asistencia dos vogais ás súas sesións, sen mingua de garantías no seu réxime de convocatorias.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de marzo dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o número 7 do artigo 14º do Regulamento do ente público Portos de Galicia, aprobado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo, que queda redactado da seguinte forma:

«7. O Consello de Administración quedará validamente constituído cando asistan á reunión a metade máis un dos seus compoñentes.

De non existir quórum de asistencia o consello reunirase en segunda convocatoria trinta minutos despois da hora fixada para a primeira, sendo daquela válida a constitución calquera que sexa o número de asistentes».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar cantas disposicións exixa a execución e o cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de marzo dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes