DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2007 Páx. 3.555

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2007, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se publica o acordo sobre integración funcional e acceso extraordinario á carreira profesional de determinado persoal das categorías de diplomados sanitarios de atención primaria.

Con data do 16 de febreiro de 2007, a comisión de seguimento do acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario (DOG nº 155, do 11 de agosto de 2006) adoptou o seguinte acordo, que se publica para o seu coñecemento, efectos e conseguinte apertura do prazo para solicitar a integración funcional e o acceso ao dito réxime de carreira:

Exposición preliminar:

A cláusula 2ª do acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario, asinado na Mesa Sectorial con data do 4 de xullo de 2006, aprobado polo Consello da Xunta o día 27 de xullo seguinte, e publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de agosto, inclúe no ámbito de aplicación ao persoal fixo de atención primaria, con praza en propiedade no Servizo Galego de Saúde, que por non ter optado pola integración no novo sistema, manteña unha estrutura retributiva diferente á do Estatuto marco. Obviamente, a lite

ralidade deste enunciado non pode excluír do sistema a un colectivo que, como as matronas do modelo tradicional, nin sequera desfrutaron da oferta de integración (esta é a auténtica vontade das partes asinantes do Acordo do 4 de xullo).

O acceso á carreira deste colectivo debe producirse nas condicións establecidas na cláusula adicional primeira do propio acordo.

De conformidade coa dita cláusula, o acceso realizarase neste caso, con recoñecemento inicial dun nivel de pregrao, logo de solicitude de integración funcional nas unidades e servizos de atención primaria. Esta integración funcional configúrase como a incorporación á actividade da unidade ou servizo en termos de xornada, horario e participación na actividade asistencial e prestacional, sen modificacións adicionais do actual réxime xurídico e retributivo, e de conformidade coa programación funcional da xerencia.

Ademais, esta integración enténdese provisional durante o período de encadramento no pregrao -ano 2007- e definitiva e irreversible tras o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional previsto para xaneiro de 2008. Esta previsión, xa incorporada ao Acordo do 4 de xullo de 2006, posibilitará extinguir aquelas integracións funcionais que, tras a avaliación realizada no primeiro ano da súa efectividade, se manifesten ineficaces para acadar o obxectivo procurado dunha progresiva integración

no traballo do equipo. Polo demais, esta medida, ao disipar certa inseguridade no colectivo afectado, pode ser un elemento favorecedor da integración dun persoal que -cómpre recordar- pode neste intre manterse voluntariamente no réxime xurídico de orixe.

Como lle corresponde á comisión de seguimento do acordo determinar o procedemento, efectos e criterios de avaliación aplicables para o acceso ao grao I e sucesivos, a dita comisión adopta o seguinte acordo:

1. Obxecto.

Constitúe o obxecto deste acordo:

1. Determinar o procedemento e efectos da integración funcional do persoal fixo das categorías de diplomados sanitarios de atención primaria, con praza en propiedade nos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, que por non ter optado pola integración no novo sistema manteña unha estrutura retributiva diferente á da Lei 55/2003, do Estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria).

2. Determinar os criterios de avaliación da integración funcional.

2. Requisitos.

Poderá solicitar a integración funcional, e simultaneamente o seu acceso ao réxime extraordinario de desenvolvemento profesional co encadramento inicial no pregrao, o persoal a que se refire a cláusula primeira que estea en situación de activo ou asimilada e acredite cinco anos de servizos prestados.

Para valorar o cumprimento dos requisitos atenderase á data do 31 de decembro de 2006.

3. Procedemento.

Os interesados deberán presentar a súa solicitude e a documentación acreditativa dos requisitos, nun prazo de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude deberá presentarse necesariamente no modelo recollido no anexo. O dito modelo está publicado na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

A solicitude, que deberá dirixirse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas, poderá presentarse a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A tramitación e resolución das solicitudes corresponderá ao citado centro directivo. A resolución, que porá fin á vía administrativa, pronunciarase sobre o recoñecemento do pregrao e os seus efectos económicos, con indicación dos recursos que contra ela caiba interpoñer.

A resolución de recoñecemento do pregrao supón a simultánea integración funcional provisional no

centro de destino, de conformidade co establecido na cláusula 5.

4. Efectos do recoñecemento do pregrao.

O recoñecemento do pregrao outorgaralle ao profesional o dereito a percibir, con efectos do 1 de xaneiro de 2007, un complemento de carreira pregrao, de carácter fixo e persoal, que ascenderá á contía de 1.725 euros/ano e que se devengará en doce mensualidades.

5. Efectos da integración funcional.

A integración funcional, que será inicialmente provisional, e irreversible e irrenunciable unicamente tras unha efectiva resolución de recoñecemento do grao I no ano 2008, suporá a incorporación á actividade da unidade ou servizo en termos de xornada, horario e participación na actividade asistencial e prestacional, sen modificacións adicionais do seu actual réxime xurídico e retributivo, e de conformidade coa programación funcional da xerencia.

A xornada de traballo será a mesma que realiza o persoal estatutario do equipo en que se produza a integración.

Xornadas complementarias: os profesionais que na actualidade presten atención continuada en réxime de localización, e se integren funcionalmente nun servizo con gardas de presenza física (PAC), poderán exercer a voluntariedade nas mesmas condicións que o resto do persoal de enfermaría xeral do servizo, e integrarse no réxime de quendas establecido coa mesma carga horaria ca este.

Axendas de citación: deberán permitir dar correcta resposta ás necesidades do paciente. O horario de atención estará axustado ao resto das axendas dos profesionais do centro, conforme se acorde cos coordinadores ou a dirección de enfermaría, e sempre na procura de que o tempo de espera para o acceso a consulta sexa o menor posible.

Cada axenda de enfermaría ofertará unha marxe mínima de atención por consulta de catro horas, entre o primeiro e o último paciente apuntado para consulta.

Se o centro non estivese informatizado, as normas de citación serán consecuentes co anteriormente exposto.

6. Avaliación da integración funcional.

1. A integración funcional do persoal que teña recoñecido o pregrao e inste o recoñecemento do grao I no ano 2008 requirirá ser avaliado favorablemente para os efectos do dito recoñecemento.

A avaliación favorable da integración funcional do persoal encadrado no pregrao suporá o encadramento no grao I de desenvolvemento profesional con efectos do 1 de xaneiro de 2008, a percepción do complemento de carreira correspondente ao dito grao (1.800 A anuais) e a absorción do complemento de carreira pregrao.

2. A avaliación para o acceso ao grao I e sucesivos, coa secuencia temporal prevista no punto 6 da repetida cláusula adicional, realizarase consonte os baremos, criterios e procedemento de avaliación que fosen aplicados ao persoal diplomado sanitario que, de conformidade coa secuencia temporal xeral establecida no parágrafo a) da cláusula 10 do Acordo do 4 de xullo de 2006, xa accedese anteriormente ao correspondente grao.

A comisión de seguimento poderá establecer as adaptacións que sexan precisas para o persoal integrado funcionalmente.

Para o acceso ao grao I (xaneiro de 2008) atenderase ao baremo e criterios de avaliación xa publicados no Diario Oficial de Galicia do 11 de agosto de 2006.

No proceso de avaliación da actividade do interesado poderán tomarse en consideración, como criterios favorables a este, as peculiaridades organizativas e asistenciais do centro de destino.

7. Efectos da avaliación negativa da integración funcional provisional.

A avaliación negativa da integración provisional, impeditiva do recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional no ano 2008, suporá a extinción da integración funcional, a recuperación das condicións previas en materia de xornada, horario e participación na actividade asistencial e prestacional, e a perda simultánea de todos os dereitos, económicos ou de calquera índole, nacidos do réxime extraordinario de desenvolvemento profesional. Particularmente, a avaliación negativa suporá a perda do complemento de carreira pregrao.

Para tales efectos os interesados, no mesmo prazo que se abra para o recoñecemento do grao I, poderán solicitar a extinción da súa integración funcional, xuntando informe do órgano de avaliación sobre o resultado negativo da dita integración. En todo caso, os órganos directivos das institucións sanitarias notificaranlle á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional as avaliacións negativas da integración funcional.

O dito centro directivo resolverá a extinción da integración, e do recoñecemento do pregrao, no prazo de tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes e con efectos do primeiro día do mes seguinte a aquel en que se dite a resolución.

8. Seguimento e avaliación da integración funcional. Información aos interesados.

1. Constituirase unha comisión de seguimento e avaliación da integración funcional en cada Xerencia de Atención Primaria (de área no caso de Ferrol). Na Xerencia de Pontevedra crearase unha comisión para a área de Vigo e outra para a de Pontevedra.

Cada comisión terá 9 membros designados por resolución da xerencia, 4 deles por proposta das catro organizacións sindicais asinantes do Acordo

do 4 de xullo de 2006. A Presidencia será exercida pola persoa que ocupe o dito órgano unipersoal de dirección ou aquela en quen delegue.

Na designación garantirase a participación de polo menos dous profesionais integrados funcionalmente.

2. As comisións reuniranse polo menos unha vez cada catro meses para realizar o seguimento da integración funcional e, en todo caso, cando proceda realizar as correspondentes avaliacións para progresar nos sucesivos graos.

Do resultado do seguimento informarase aos interesados e á Comisión de Seguimento do Acordo. Esta comisión, en atención á información que se reciba sobre o resultado do seguimento e do proceso de avaliación en cada institución, poderá establecer criterios de xeral aplicación. A División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional dará audiencia a esta comisión con carácter previo a calquera resolución desestimatoria de recoñecemento de grao.

9. Desenvolvemento do sistema e complemento de carreira.

Para coñecemento dos interesados, publícanse a secuencia temporal de acceso ao réxime extraordinario do colectivo que opte pola integración funcional, o período de servizos requirido para o acceso e a contía do complemento de carreira do persoal que acceda aos sucesivos graos:

a) Secuencia temporal:

-Pregrao: 1 de xaneiro de 2007.

-Graos I (absorción pregrao) e grao II: 1 de xaneiro de 2008.

-Grao III: 1 de xaneiro de 2009.

-Grao IV: 1 de xaneiro de 2010.

b) Servizos prestados:

-Pregrao e grao I: 5 anos o 31 de decembro de 2006.

-Grao II: 12 anos o 31 de decembro de 2007.

-Grao III: 19 anos o 31 de decembro de 2008.

-Grao IV: 25 anos o 31 de decembro de 2009.

c) Contías anuais do complemento de carreira resultante do recoñecemento dos sucesivos graos:

ANOS DE SERVIZO

ANO 2007

ANO 2008

ANO 2009

ANO 2010

ANO 2011

E SUCESIVOS

5 ANOS EN DECEMBRO DE 2006: PREGRAO1.725

5 ANOS EN DECEMBRO DE 2006: G-I1.8001.8751.9501.950+LEI

ORZAMENTOS

12 ANOS EN DECEMBRO DE 2007: G-II3.6003.7503.9003.900+LEI

ORZAMENTOS

19 ANOS EN DECEMBRO DE 2008: G-III5.6255.8505.850+LEI

ORZAMENTOS

25 ANOS EN DECEMBRO DE 2009: G-IV7.8007.800+LEI

ORZAMENTOS

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2007.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES