DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2007 Páx. 3.467

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 1 de marzo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as prórrogas dos contratos de persoal subvencionados nas entidades asociativas agrarias de Galicia, e se convocan as ditas axudas.

O asociacionismo agrario, en especial o cooperativismo, representa un instrumento fundamental que propicia moi favorablemente unha sostida modernización do sector agrario galego e unha progresiva adaptación aos mercados cada vez máis complexos e exixentes, pero pola súa vez máis amplos.

Ao longo dos últimos anos levouse a cabo o apoio á contratación de persoal altamente cualificado, para diversas funcións a través das axudas para mellorar a formación, a xestión e a consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, nas que se establecía un nivel de apoio do 70, 50, e 30 por cento de subvención dos custos do posto de traballo, dentro dos límites establecidos na normativa regulada nas seguintes ordes: Orde do 14 de abril de 2004, DOG nº 75, do 20 de abril e Orde do 22 de maio de 2006 (DOG do 1 de xuño), respectivamente.

Tal como se indica no parágrafo anterior, o período subvencionable podía comprender tres exercicios consecutivos, coa debida solicitude de prórroga a partir da axuda á primeira contratación. Con esta orde preténdese continuar coas axudas ás prórrogas destes postos de traballo ata a finalización do prazo máximo contemplado na normativa que amparaba a súa contratación, así como favorecer a transición ao novo período de programación 2007-2013 de axudas ao desenvolvemento rural, contemplado no Regulamento CEE 1698/2005 a través da medida 1.1.5 de implantación de servizos de xestión, substitución e asesoramento ás explotacións.

En consecuencia, a Consellería do Medio Rural considera interesante apoiar aquelas accións orientadas a mellorar a xestión e os servizos técnicos aos socios, mediante axudas á contratación de persoal, contribuíndo ao mantemento de emprego e fortalecendo ao mesmo tempo as estruturas produtivas e comercias destas empresas, e así favorecer a modernización e desenvolvemento sustentable do asociacionismo agrario que representa o modelo de maior vocación dinamizadora e eficiente desde un punto de vista socieconómico.

Por todo o exposto, consonte o establecido no artigo 30º.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxeto estabecer as bases reguladoras para as prórrogas dos contratos de persoal subvencionados nas entidades asociativas agrarias de Galicia, e convocalas para o ano 2007 e 2008.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O ámbito de aplicación da presente orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta axuda as cooperativas agrarias de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra, as cooperativas agrarias que teñan como finalidade prioritaria a utilización de maquinaria agrícola (CUMA) e as SAT de caracter comunitario (procedentes da integración de dúas ou máis explotacións agrarias) que comercialicen e ou transformen as súas producións conxuntamente, e que teñan o seu domicilio social en Galicia, sempre que manteñan os postos de traballo para xerencia, técnicos, axentes de substitución e persoal cualificado.

Artigo 4º.-Requisitos e obrigas dos beneficiarios.

1. Mantemento do número de empregos con respecto ao exercicio anterior á solicitude de axudas recollidas na presente convocatoria.

2. Serán subvencionables as primeiras e segundas prórrogas dos postos de traballo subvencionados por primeira vez a través das ordes de axudas para mellorar a formación, xestión e a consolidación do asociacionismo agrario en Galicia para os anos 2005 e 2006 e reguladas nas ordes sinaladas no segundo parágrafo do preámbulo da presente orde.

3. Os tipos de contratos subvencionables deberán ser exclusivamente de carácter indefinido.

4. A solicitude e concesión de subvencións para as prórrogas farase conxuntamente para os anos 2007 e 2008, ao abeiro desta orde.

5. O importe da axuda decrecerá anualmente segundo o indicado no artigo 5º.3 a).

6. Cando se produza a rescisión dun contrato para o que se concedeu subvención, procederase á substitución do traballador no prazo máximo dun mes, en similares condicións ás inicialmente aprobadas, para seguir tendo dereito á axuda concedida. Os datos do substituto e a copia compulsada do seu contrato remitiranse no prazo máis breve posible á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvencionar as retribucións económicas da primeira e segunda prórroga dos postos de traballo contemplados no artigo 4º.2.

2. Para o cálculo do importe económico da axuda terase en conta o establecido no contrato, así como os conceptos e contías incluídos nas súas nóminas. A subvención aprobada non comprenderá as cotizacións á seguridade social que lle correspondan á entidade contratante, agás para a contratación de axentes de substitución.

3. Contía económica e limitacións:

a) A contía económica das axudas será, para a primeira prórroga de ata o 50%, e na segunda prórroga de ata o 30%.

b) As retribucións económicas subvencionables deberán estar en consonancia coas funcións e co nivel do posto de traballo desenvolvido. As subvencións concedidas para a primeira prórroga non poderán superar os seguintes límites máximos:

-Xerentes: 15.000 euros.

-Técnicos: 15.000 euros.

-Axentes de substitución: 11.500 euros.

-Persoal cualificado: 8.500 euros.

4. Para as segundas prórrogas, aplicaranse os límites proporcionais que correspondan en cada caso.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se xunta.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade.

3. As solicitudes dirixiranse ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos despendentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse segundo o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento

que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado levará consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras, de acordo co previsto no artigo 41 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

5. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Documentación.

Á solicitude de axuda deberá xuntarse a seguinte documentación:

1. Copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello reitor, segundo o modelo do anexo IV, en que se:

-Aproba realizar as accións para as que se vai pedir a subvención.

-Acorda solicitar a subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

2. Copia compulsada do CIF.

3. Copia completa da declaración do imposto de sociedades correspondente ao último exercicio económico.

4. Certificacións, segundo o modelo do anexo V, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ao abeiro desta orde.

5. Certificación do número de conta bancaria en que se pretende ingresar a axuda.

6. Orzamento anual das prórrogas, calculado e detallado mes a mes, a partir da data en que se produce a prórroga.

7. Data da prórroga ou prórrogas e a súa duración, que pode comprender un ou dous exercicios respectivamente.

8. Compromiso formal sobre as condicións de substitución do traballador, en caso de rescisión do contrato de traballo subvencionado antes de finalizar o período de duración establecido.

9. Copia compulsada dos TC1 e TC2 dos meses de abril e novembro do ano anterior, especificando o nome completo dos traballadores que se corresponden cos códigos do TC2, para efectos da súa identificación e control.

10. No caso dos axentes de substitución, copia da contabilidade xustificativa deste posto de traballo do exercicio anterior.

11. Relación completa dos empregados que ten no cadro a entidade asociativa, no momento de presentar a solicitude de axuda.

12. No caso de substitución do traballador deberá presentarse no prazo indicado no artigo 4º.6 a copia compulsada do título académico, diploma ou acreditación formal da cualificación do traballador substituto, perfectamente lexible. Non se admitirán certificacións nin declaracións dos propios interesados. No caso específico dos axentes de substitución, acreditación da realización dun curso específico, ou compromiso de realizalo na primeira convocatoria que faga a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, para traballar neste servizo, ou ben titulación académica equivalente a ciclo de grao medio ou superior de orientación agropecuaria.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

1. Para a aprobación das solicitudes de axuda teranse en conta como criterios preferenciais:

-Que incrementen ou manteñan o seu cadro de persoal.

-Que continúen coa posta en marcha de novas actividades ou servizos.

-A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

2. Aos criterios de valoración establecidos anteriormente outorgaráselles ata unha puntuación máxima de catro, catro, e dous puntos, respectivamente.

3. En canto aos postos de traballo para os que se solicita a prórroga da axuda, consideraranse preferenciais os postos de xerentes, técnicos, axentes de substitución e persoal cualificado, por esta orde.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento da axuda.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables deberá realizarse antes do 20 de decembro.

O incumprimento do prazo poderá implicar a perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ás entidades beneficiarias.

2. A xustificación do gasto efectuarase prioritariamente dirixida ao Servizo de Fomento Asociativo Agrario, (Consellería do Medio Rural, rúa dos Irmandiños, s/n, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das entidades asociativas agrarias beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente os gastos realizados.

4. Para proceder ao pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente a entidade beneficiaria presente certificación de todas as axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins contemplados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do seu presidente.

5. Coa resolución de concesión das subvencións que se regulan nesta orde poderase solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

6. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das nóminas que se presenten. Se os gastos totais xustificados son inferiores aos orzamentados e admitidos, practicarase a redución proporcional pertinente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

7. Para poder realizar o pagamento das subvencións concedidas será necesario xustificar debidamente os gastos efectuados, mediante:

-Copia compulsada das nóminas pagadas pola entidade beneficiaria ao persoal suxeito á axuda.

-Copia compulsada dos TC1 e TC2 correspondentes ao período xustificado ou, de ser o caso, compromiso de presentalos.

-No caso dos axentes de substitución é necesario presentar a facturación contable específica que acredite e permita determinar os custos e coñecer os servizos prestados aos socios, na data da presentación da documentación xustificativa da axuda.

-Coa primeira liquidación tamén se achegará a copia compulsada da prórroga dos contratos, de ser o caso.

8. A partir do primeiro pagamento iranse facendo sucesivas liquidacións da axuda, por semestres naturais, para as que é necesario previamente presentar as nóminas, TC1 e TC2 pertinentes.

9. As contratacións de persoal, por razón da súa duración, adoitan culminar alén do propio exercicio orzamentario, polo cal o gasto correspondente terá carácter plurianual.

Artigo 10º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo se terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Resolución.

1. O órgano competente para levar a cabo a tramitación da presente orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. A avaliación das solicitudes levarase a cabo por un órgano colexiado composto polo subdirector xeral competente en Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo, o xefe de servizo competente en Fomento Asociativo Agrario, un xefe de sección e un xefe de negociado que actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e emitirá informe co resultado da avaliación ao director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria que pola vez formulará proposta de concesión que a elevará ao conselleiro do Medio Rural.

2. O Conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

3. Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

4. Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, poderá entenderse desestimada a axuda solicitada.

Artigo 12º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos e investimentos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 13º.-Seguimento e control.

1. As entidades beneficiarias están obrigadas a lle comunicar á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as cooperativas e SAT beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, estarán suxeitas ao establecido no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, (Decreto lexislativo 1/1999).

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación da presente orde esgotan a vía administrativa, e contra delas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

3. En todo o non previsto nesta orde seguirase o sinalado nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 15º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.712C.770.4, por un importe de 120.000 A; dos cales 48.000 A para o exercicio 2007, 54.000 A para o exercicio 2008 e 18.000 A para o exercicio 2009 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como con outros remanentes

que puidesen existir nesta ou noutras aplicacións. Estes importes poderán ser incrementados con outras achegas doutras administracións.

En todo caso, a concesión das axudas reguladas na presente orde estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Terceira.-A presente orde de axudas seralle de aplicación o disposto no Regulamento CE nº 1998/2006, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis.

Disposición derrogatoria

Derrógase a Orde do 22 de maio de 2006, DOG nº 104, do 1 de xuño, pola que se establecían axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural