DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2007 Páx. 3.447

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino públicos de Galicia que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas, para o ano 2007 (PR 101 C).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2º e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantir o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3º do mesmo artigo, encoméndaselles ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que ao remate dos ciclos educativos, nos que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado debe coñecer esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Igualmente, a Administración educativa debe desenvolver e apoiar aquelas medidas que axuden a incrementar o uso da lingua galega na comunidade educativa.

Para conseguir os citados obxectivos, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso das dúas linguas oficiais de Galicia, establecida nos decretos 247/1995, do 14 de setembro, e 66/1997, do 21 de marzo, así como a creación dos equipos de normalización lingüística (ENL), como órganos de impulso e dinamización para o fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario. A creación e funcionamento destes equipos está regulada mediante o Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG número 156, do 9 de agosto), polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, e mais polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

Tal como se establece nos devanditos decretos, serán funcións do equipo de normalización lingüística as seguintes:

1. Presentarlle, a través do claustro, propostas ao equipo directivo para a fixación dos obxectivos de normalización lingüística que se incluirán no proxecto educativo de centro (PEC).

2. Propoñerlle á comisión de coordinación pedagóxica, para a súa inclusión no proxecto curricular de centro (PCC), o plan xeral para o uso do idioma, no cal se deberán especificar, cando menos:

a) Medidas para potenciar o uso da lingua galega nas actividades do centro.

b) Proxectos tendentes a lograr unha valoración positiva do uso da lingua propia e a mellorar a competencia lingüística dos membros da comunidade educativa.

3. Propoñerlle á comisión de coordinación pedagóxica, para a súa inclusión no proxecto curricular, o plan específico para potenciar a presenza da realidade galega, cultura, historia, xeografía, economía, etnografía, lingua, literatura, arte, etc. no ensino.

4. Elaborar e dinamizar un plan anual de actividades tendentes á consecución dos obxectivos incluídos nos plans anteriores.

5. Presentar, para a súa aprobación no consello escolar, o orzamento de investimento dos recursos económicos dispoñibles para estes fins.

6. Proporcionarlles aos membros da comunidade educativa información sobre actividades do equipo e de todos aqueles actos e institucións culturais relacionados coa realidade galega.

Por outra banda, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia na súa sesión do día 22 de setembro de 2004, reitera a necesidade de promover medidas favorables ao galego para conseguir equiparar o nivel de competencia do alumado en lingua galega e castelá, así como para corrixir a situación social de desigualdade entre os dous idiomas.

O artigo 7.1º do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, atribúelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a función de impulsar e coordinar o labor de normalización lingüística dos servizos de normalización dos demais organismos públicos, polo que, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, órgano competente en materia de ensino na comunidade autónoma e, en uso das facultades que lle outorga á citada secretaría xeral a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006 antes citado, procédese a efectuar a convocatoria de presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos para o exercicio 2007, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar a presentación de proxectos de fomento do uso do galego, promovidos polos equipos de normalización lingüística dos centros públicos de ensino de Galicia, que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, así como o ensino de idiomas durante o exercicio 2007.

2. Destinatarios.

Os centros públicos de ensino citados no parágrafo anterior, a través dos equipos de normalización lingüística.

3. Requisitos.

Para optar a esta convocatoria, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

A) O equipo de normalización lingüística que formule o proxecto deberá estar formalmente constituído consonte o previsto no artigo 82 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e no artigo 63 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro.

B) Os proxectos deberán estar incluídos na programación anual de actividades aprobada polos centros. Con carácter excepcional, debidamente xustificado, no caso de equipos de nova creación, poderán subven

cionarse proxectos que non estivesen incluídos na programación inicial.

C) Para optar ao financiamento derivado desta convocatoria, os equipos de normalización lingüística dos centros deberán ter xustificado convenientemente, en tempo e prazo, os gastos correspondentes á convocatoria do exercicio 2006.

D) Os proxectos e as actividades desenvolvidas ao abeiro desta convocatoria deberán presentarse e desenvolverse de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG nº 84, do 14 de xullo). Así mesmo, coidarán o respecto da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

4. Dotación orzamentaria.

O importe das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos financiaranse con cargo á partida orzamentaria 04.60. 151 A. 640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, aprobados pola Lei 14/2006, do 29 de decembro, e destinarase unha contía máxima de 800.000 euros.

O financiamento máximo que se outorgará para cada proxecto non superará os 2.500 euros. Esta contía en ningún caso poderá exceder o custo total do proxecto. Se para o mesmo proxecto se solicitara algún tipo de axuda ou subvencións ante calquera outra Administración ou ente público deberá xuntarse á solicitude unha declaración na que se exprese o conxunto das solicitudes efectuadas ou concedidas.

5. Solicitudes.

As solicitudes para participar nesta convocatoria realizaranse segundo o formulario que figura anexo a esta resolución.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada no artigo 7, dirixiranse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presentaranse, preferentemente, nos rexistros destas delegacións ou en calquera outro rexistro propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme ao Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño). Sen prexuízo de que tamén poderán presentarse segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Documentación que se xuntará á solicitude.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

A) Copia en formato electrónico do proxecto (PDF ou WORD).

B) Copia impresa en papel do proxecto, asinado polo coordinador ou coordinadora do equipo de normalización, co visto e prace do director ou directora do centro. No proxecto deberán indicarse:

-As medidas tendentes á consecución dos obxectivos previstos no plan xeral para o uso do idioma e no plan específico para o ensino en lingua galega.

-Breve análise sociolingüística, obxectivos, medidas, temporalización e porcentaxe de alumnado e profesorado implicado. Sería desexable que a programación, polo menos dalgunhas das accións, se realizase de xeito plurianual e se conseguise un compromiso da comunidade educativa a medio e longo prazo na continuidade das accións máis relevantes.

-Descrición detallada de cada actividade, xunto co orzamento estimado desta e o orzamento total do proxecto. Previsión do impacto producido na comunidade educativa e, de ser o caso, no contorno.

7. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días dende a publicación destas bases no DOG.

8. Procedemento.

Recibidas as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta secretaría xeral, revisarase a documentación e, se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselle ao centro para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71, da Lei 30/1992.

9. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisión de cualificación: unha vez completados os expedientes, procederase á cualificación dos proxectos. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial desta secretaría xeral unha comisión integrada por:

Presidencia:

-O xefe ou xefa do Gabinete Provincial de Normalización Lingüística.

Vogais:

-Un/unha representante da Inspección Educativa que será designado/a polo delegado ou delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística.

-Un/unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de normalización lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Secretaría:

Desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete provincial.

Coa finalidade de homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración con carácter previo ao inicio das sesións das comisións provinciais, poderá levarse a cabo unha sesión conxunta na que participen 3 membros de cada comisión provincial, para a valoración en común de 5 proxectos de cada unha das provincias elixidos ao chou.

Así mesmo, unha vez valorados os proxectos polas 4 comisións provinciais, tendo en conta o número e a calidade dos proxectos presentados, poderase acordar tamén nunha sesión conxunta das mesmas características unha puntuación mínima para optar á concesión do financiamento do proxecto.

10. Criterios de cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos aos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións de selección terán en conta a calidade do proxecto e o número de estudantes do centro.

A calidade do proxecto terá un peso do 70% e será puntuada de 0 a 20, en función de:

A) Implicación de membros da comunidade educativa no proxecto.........(de 0 a 7 puntos).

B) Orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa. Neste sentido, daránselles prioridade ás competencias activas (en primeiro lugar, uso oral e, en segundo, uso escrito), sobre as pasivas (recepción visual ou auditiva).............. (de 0 a 3 puntos).

C) Utilización de novas tecnoloxías (de 0 a 4 puntos).

D) Colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do ámbito educativo (de 0 a 3 puntos).

E) Colaboración con outros centros educativos de igual ou diferente nivel, co obxectivo de potenciar as experiencias de ámbito máis amplo...................(de 0 a 3 puntos).

O número de estudantes terá un peso do 30%. Concederáselle a cada centro 2 puntos por cada 100 estudantes ou fracción, ata un máximo de 20.

11. Proposta de resolución e resolución definitiva.

Rematadas as sesións e, de ser o caso, aplicada a previsión de puntuación mínima prevista no parágrafo 10, as comisións elaborarán a listaxe coa puntuación outorgada a cada proxecto e o gabinete de normalización lingüística correspondente formulará unha proposta de resolución de adxudicación do financiamento de cada proxecto, que se elevará á secretaria xeral de Política Lingüística, quen resolverá sobre esta.

A resolución será publicada no DOG e na web www.xunta.es/linguagalega. Nela expresarase a contía outorgada a cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes.

12. Oposición contra a resolución.

Os centros docentes interesados, unha vez publicada a resolución, disporán dun prazo de 30 días para formular, de maneira motivada, oposición ou alegacións á resolución de concesión.

13. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

14. Xustificación.

A xustificación dos gastos correspondentes aos proxectos que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria deberá ser presentada ante os gabinetes provinciais, antes do 15 de xullo de 2007.

A xustificación incluirá a seguinte documentación:

1. Unha memoria que analice en detalle o desenvolvemento de cada unha das actividades para as que se lle concedeu a asignación económica. Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e propoñeranse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

2. Facturas orixinais, expedidas a nome do propio centro educativo, correspondentes ás actividades programadas e aos gastos totais de material destas.

3. Certificación bancaria, selada e asinada pola entidade correspondente, na que consten os datos da conta do centro na que se solicita o ingreso da axuda.

Con base nesta xustificación, a comisión de cualificación dos proxectos prevista no parágrafo 10 valorará e emitirá, no ditame sobre a execución das actividades, a consecución dos obxectivos e o impacto dos proxectos desenvolvidos polos centros.

15. Perda do dereito ao cobramento do financiamento.

O centro perderá o dereito ao cobramento do financiamento concedido polas seguintes causas:

-Xustificación presentada fóra do prazo (con posterioridade ao 15 de xullo de 2007).

-Incumprimento dos fins, obxectivos ou variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

-Incumprimento do requisito previsto no parágrafo 3.4 desta convocatoria sobre o uso correcto do galego e o respecto á toponimia oficial.

16. Pagamento.

O pagamento non poderá ser superior á contía concedida na resolución da convocatoria. Sen prexuízo do anterior, só se aboará o importe das actividades debidamente xustificadas, ata o máximo que figura na xustificación.

Os pagamentos serán efectuados polos gabinetes provinciais, a través das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

17. Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión e desenvolvemento desta convocatoria, esta secretaría xeral desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria e deléganse as facultades correspondentes para proceder a efectuar os pagamentos nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

18. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipamentos e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección Educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995, do 14 de setembro.

Non obstante, e co obxecto de analizar a consecución dos obxectivos desta convocatoria e para propor medidas correctoras, se for mester, para o mellor funcionamento dos equipos de normalización lingüística (ENL), e para o mellor desenvolvemento dos proxectos de fomento de uso do galego, durante o mes de xullo constituirase unha comisión que emitirá un ditame global sobre a convocatoria. A comisión estará formada por:

-Subdirector/a xeral ou xefe/a do Servizo de Educación e Innovación Educativa.

-Subdirector/a xeral ou xefe/a do Servizo de Inspección Educativa.

-Coordinador ou coordinadora central dos ENL.

-Coordinadores ou coordinadoras provinciais dos ENL.

-Asesor ou asesora técnica de lingua galega do Servizo de Formación do Profesorado.

19. A secretaria xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento desta resolución.

20. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou, directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en ambos os casos desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística