DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2007 Páx. 3.442

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2007, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se convocan, para o ano 2007, subvencións aos concellos para dotación de equipamento para prestación do servizo de radiodifusión (FM), de carácter municipal e para adquisición de equipamento audiovisual e multimedia.

A Secretaría Xeral de Comunicación, co obxecto de que os concellos adquiran equipamentos para efectuaren radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia (FM), de carácter municipal, que lles facilite aos cidadáns uns medios de comunicación que amplíen o marco da pluralidade informativa, vén establecendo con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia unha liña de subvencións con esa finalidade.

Por outra banda, a necesidade de que os concellos poidan aproveitar ao máximo as potencialidades que presenta a incorporación de medios técnicos no eido da comunicación e a información aconsella que se vaian dotando dos instrumentos necesarios para unha maior eficacia no desenvolvemento das súas actividades, neste eido, establecéndose, neste senso, unha liña de subvencións para a adquisición de equipamento audiovisual, multimedia e outros de natureza análoga.

Polo exposto, e no uso das facultades que me atribúe a disposición adicional segunda c) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Para o ano 2007 convócanse dúas liñas de subvencións, para estudos e dotación de equipamento para prestación do servizo de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, de carácter municipal, (modalidade A) e para adquisición do equipamento audiovisual e multimedia (modalidade B) que permita incorporar nos concellos as vantaxes e potencialidades das novas tecnoloxías da información e comunicación.

Os obxectivos destas subvencións son, por unha banda, incentivar a iniciativa local para a dotación de estudos e equipamento de sistemas de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia e, por outra, estimular a adquisición de equipamento audiovisual, multimedia e outro de natureza análoga que permita achegar os contidos e servizos de interese social e formativo de carácter local aos cidadáns.

Para as mencionadas axudas resérvase a cantidade de 160.000 euros, que se imputarán ao crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 04.31.461A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, atribuíndose inicialmente o dito crédito por metade, para cada modalidade convocada, sen prexuízo

da distribución definitiva que resulte das resolucións de adxudicación. O crédito non adxudicado nunha modalidade pode aplicarse na outra, ata acadar o límite total sinalado.

De acordo co artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sinálase que as subvencións se concederán polo procedemento de rateo do importe global máximo, entre os beneficiarios da subvención, respecto de cada liña convocada.

Na liña A a axuda poderá ter unha contía máxima de 3.000 A.

Na liña B a axuda poderá ter unha contía máxima de 550 A.

Na liña A, a aqueles concellos que teñan outorgada concesión definitiva do servizo de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, asignaráselles unha cota de 1,5 para o cálculo do rateo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

-Con respecto ás subvencións de modalidade A), é necesario que os concellos solicitasen ou soliciten a concesión do servizo de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

-Con respecto ás subvencións de modalidade B) é necesario que os concellos xustifiquen a necesidade do equipamento audiovisual e multimedia, presentando un plan de actividades de carácter social, cultural, formativo e de interese xeral para o concello.

Artigo 3º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente do concello solicitante, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, dirixiranse ao secretario xeral de Comunicación e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou nos das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo para a súa presentación será de trinta e un días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Coas solicitudes xuntarase a seguinte documentación:

Para a de modalidade A) axudas para dotación de estudos e equipamento de sistemas de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia:

a) Memoria descritiva dos investimentos que se van realizar.

b) Orzamento ou valoración económica das actuacións para as cales se solicita a subvención.

c) Compromiso de dotación orzamentaria suficiente para o mantemento do servizo.

d) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

Para a de modalidade B) axudas para adquisición de equipamento audiovisual, multimedia e outro de natureza análoga:

a) Memoria detallada, así como orzamento desagregado, do equipamento para o cal se solicita a subvención, con indicación do importe que se solicita como axuda. Exclúense expresamente a adquisición de PC ou portátil.

b) Plan de actividades de carácter social, cultural, formativo e de interese xeral para desenvolver co equipamento para o cal se solicita a axuda.

c) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas.

Estas subvencións serán compatibles coas que poidan conceder outras administracións públicas, sempre que o importe das subvencións concedidas, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, non supere o custo total do investimento que se vai realizar.

En todo caso, ambas as modalidades de axudas desta convocatoria son compatibles entre si, de xeito que a concesión dunha modalidade de axuda a un concello non lle impide ser beneficiario da outra, para o caso de cumprir o sinalado nestas bases.

Artigo 4º.-Tramitación.

Os servizos competentes da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión da subvención.

Artigo 5º.-Proposta, resolución e publicidade.

1. A proposta de resolución formularalla ao secretario xeral de Comunicación, por un órgano colexiado e a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, que é o órgano instrutor.

A composición do dito órgano colexiado é a seguinte:

-Presidente: o subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual.

-Vogal: a xefa de Servizo de Estudos e Análise de Telecomunicación e Audiovisual.

-Vogal: o xefe de Servizo de Televisión e Radiodifusión.

-Secretario: un funcionario da dita dirección xeral.

2. Cando as axudas outorgadas, individualmente consideradas, sexan inferiores a 3.000 euros, a publicidade efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Comunicación-Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e no taboleiro de anuncios das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Cando as axudas outorgadas, individualmente consideradas, sexan iguais ou superiores a 3.000 euros, a publicidade efectuarase no Diario Oficial de Galicia.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Comunicación publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos

datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 6º.-Prazo máximo de resolución e recursos contra a resolución.

1. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. A resolución ditada polo secretario xeral de Comunicación esgota a vía administrativa e contra a dita resolución poderá interpoñerse potestivamente recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación no prazo dun mes, contado desde o día seguinte á súa notificación; ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados de igual modo.

3. De non notificarse resolución no prazo indicado no número 1, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación no prazo de tres meses, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de seis meses. Os prazos sinalados para estes casos comenzarán a contarse desde que transcorra o prazo de tres meses sinalado no número 1 anterior.

Artigo 7º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación, comprometéndose a executar a adquisición subvencionada no prazo e nas condicións establecidas nesta convocatoria.

De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o concello beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

Ademais, xunto coa aceptación, os concellos que non teñan outorgada a concesión definitiva do servizo público de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia deberán acreditar a solicitude da dita concesión.

Artigo 8º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da axuda, o concello beneficiario, antes do 1 de outubro de 2007, deberá solicitar o pagamento e presentará ante a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual a xustificación do investimento, xuntando o seguinte:

1. Certificación expedida polo secretario da corporación local beneficiaria, que reflicta o acordo aprobatorio do gasto.

2. Declaración complementaria do conxunto de axudas obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra administración, organismo ou ente público.

3. Certificación expedida pola entidade bancaria onde se deba realizar o pagamento.

Artigo 9º.-Inspección e información.

A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual poderá realizar as inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegurar o cumprimento das normas e requisitos con que se concederon as subvencións.

De igual xeito, o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

1. Os concellos receptores das subvencións quedarán obrigados:

a) A non alterar o destino da subvención.

b) A admitir as inspeccións e control que estableza a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

c) A efectuar a xustificación do gasto conforme o establecido no artigo 8º, facultándose a dita dirección xeral para determinar o correcto cumprimento desta obriga.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa determinante de revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Actos de desenvolvemento desta convocatoria.

Facúltase o director xeral de Comunicación Audiovisual para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Artigo 12º.-Réxime xurídico aplicable.

No demais, esta resolución estará sometida á lexislación básica do Estado na materia contida na Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e demais normativa de desenvolvemento.

Artigo 13º.-Recursos contra esta resolución de convocatoria.

Poderá interpoñerse potestivamente recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia; ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados de igual modo.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2007.

Juan Fernando Salgado García

Secretario xeral de Comunicación