DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2007 Páx. 3.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 22 de febreiro de 2007 pola que se clasifica como de interese deportivo a Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS).

Visto o expediente de clasificación da Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS) con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Miguel Juane Sánchez, na súa condición de secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS) foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o día dezaoito de xaneiro de dous mil sete, ante o notario Emilio López de Paz, co número de protocolo cento cincuenta e oito, por Juan Pita Castro, que intervén en representación de Inversiones Subel, S.L., Francisco Fernando Filgueiras Feal en representación da Caixa de Aforros de Galicia e Luis García Rodríguez en representación da Fundación Ronsel.

3. Segundo consta nos artigo 7 dos estatutos, a fundación ten por obxecto:

-Promover a formación e o desenvolvemento integral das persoas, por medio de tres eixes básicos de actuación: a educación, o deporte e a saúde, onde o deporte é un fin en si mesmo, pero sobre todo un medio, unha ferramenta de acción social, para facilitar o dereito á educación para todos, a saúde e o benestar persoal e social.

-Actuar sobre os sectores máis vulnerables da poboación: inmigrantes, desempregados mulleres, persoas maiores, discapacitados, etc., pero en especial, sobre a infancia e a xuventude.

-Impulsar o crecemento e desenvolvemento da economía social, e, en especial, da función social do deporte, para axudar a construír unha sociedade máis libre, xusta e cohesionada.

-Transmitir e potenciar a educación en valores, e nos ideais olímpicos, tales como a solidariedade, responsabilidade social, cultura de paz, xustiza, tolerancia, respecto, esforzo, disciplina, autoestima, etc, que faciliten o desenvolvemento harmónico da persoa e a sociedade.

-Fomentar e desenvolver a educación multicultural grazas ao potencial pedagóxico do deporte facilitando a comunicación e interacción entre culturas, etnias e costumes distintos, logrando, entre outras, unha maior capacitación social e prevención de conflitos.

-Ampliar e mellorar a formación, tanto para o público en xeral, como para os profesionais da educación, o deporte e a saúde.

-Axudar a compatibilizar a actividade física e deportiva coa académica, a conciliar a vida laboral e familiar, así como a dignificar e profesionalizar o sector.

-Desenvolver proxectos e actividades que potencien e unan a actividade física e deportiva coa mellora da saúde na poboación e súa calidade de vida (desenvolvendo hábitos de vida máis saudables, da condición biolóxica, da correcta utilización de espazos e materiais, etc.), e todos os os seus ámbitos e facetas, como ferramenta ou axente de cambio, para o desenvolvemento e integración sociocultural, laboral e educativa, tomando o deporte como un fin, pero tamén como un medio.

-De igual forma, fomentar e desenvolver alternativas de lecer, turismo e tempo libre, activas, creativas e instrutivas, de carácter psicopedagóxico, que favorezan, entre outros, a relación interpersoal, a expansión afectiva, o enriquecemento cultural, a práctica deportiva, hábitos de vida máis sans e saudables, e impulsar unha mellor calidade de vida e benestar. É de máxima transcendencia social, xa que as actividades deportivas, de lecer e tempo libre, son a medida preventiva máis eficaz para moitos dos males da nosa sociedade, como as drogas, a violencia, o racismo, etc.

-Impulsar as relacións e apoios internacionais que favorezan a consecución dos fins propostos, perante colaboracións, creación de redes, clústeres, plataformas, realización de proxectos conxuntos, fondos, capital risco, etc., prestando especial atención a Iberoamérica.

-Promover o desenvolvemento da I+D e innovación, especialmente no ámbito do deporte e da saúde, a través de proxectos, acordos, entidades, etc., de carácter público e/ou privado.

-Actuar en carácter de organización no gobernamental (ONG) e para o desenvolvemento, por si mesma ou a través doutros, mediante actividades, redes, entidades, proxectos, etc., de acción social, apoio á responsabilidade social das empresas, desenvolvemento sustentable, solidaridade internacional e cooperación para o desenvolvemento, baixo criterios, pautas e códigos de conduta apropiados e de bo goberno.

-Actuar con total independencia, compromiso, rigor e profesionalidade na obtención dos fins fundacionais.

-Levar a cabo, por si, en colaboración ou a través doutros, as accións mencionadas e cantas outras tendan a dar debido cumprimento e desenvolvemento aos fins fundacionais.

4. O padroado da fundación estará integrado por Francisco Javier González Pérez como presidente, Arsenio Iglesias Pardo como vicepresidente, e como vogais Inversiones Subel, S.L., Caixa de Aforros de Galicia e Fundación Ronsel.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Educación, Deporte y Salud (FEDYS), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Deporte.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dezanove de febreiro de dous mil sete.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese deportivo a Fundación Educación, Deporte y Salud adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza