DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2007 Páx. 3.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 16 de febreiro de 2007 pola que se convoca a XVI Edición do Premio Manuel Colmeiro, orientado a distinguir estudos sobre a Administración pública de Galicia.

Entre os fins e as funcións que ten atribuídas a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ocupa un lugar destacado a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

A orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, do 20 de marzo de 1992, pola que se creou o Premio Manuel Colmeiro (DOG nº 64, do 2 abril), estableceu no seu artigo 2 o se carácter anual, que acada no ano 2007 a súa décimo sexta edición. Esta convocatoria quere servir de lembranza e de testemuño de homenaxe á figura de Manuel Colmeiro.

En consecuencia, en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento na orde invocada,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócase o Premio Manuel Colmeiro, na súa décimo sexta edición, que se rexerá polas bases que se expresan a seguir:

Primeira.-O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Os traballos poderán versar sobre a súa organización, estrutura, funcións e ámbitos competenciais, podendo abordar a investigación desde calquera perspectiva, xa sexa histórica, xurídica, administrativa, política, sociolóxica, económica, etc.

Segunda.-Poderán participar nesta convocatoria tanto persoas individuais coma equipos de traballo formados para o efecto de calquera nacionalidade dos estados membros da Unión Europea.

Terceira.-A dotación económica do premio é de 4.510 euros, que estará suxeita á correspondente retención fiscal. Tamén se lle entregará á candidatura gañadora un diploma acreditativo que expedirán o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o director da EGAP.

Cuarta.-Os traballos serán orixinais e inéditos e non premiados con anterioridade. Presentaranse en formato A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara, cunha extensión mínima de 100 páxinas. A solicitude de participación presentarase acompañada de tres exemplares da obra e dun exemplar en soporte informático (formato Word).

Nos traballos non figurará ningún dato persoal, e deberá constar exclusivamente o seu título. Xunto co traballo presentarase un sobre pechado dentro do cal figurarán os datos persoais do autor e o título do tra

ballo, segundo o modelo que figura no anexo da convocatoria.

Quinta.-Os traballos dirixiranse ao director da escola e deberán presentarse na Escola Galega de Administración Pública, sita no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela. Igualmente poderán ser remitidos por correo certificado a este mesmo enderezo, coa epígrafe Premio Manuel Colmeiro, sen que figure a identidade do autor no envío postal, acolléndose ao establecido no artigo 24.3º de Regulamento da prestación dos servizos postais, aprobado polo Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro.

O prazo de presentación dos traballos finalizará o 15 de setembro deste ano.

Sexta.-O exame dos traballos presentados e, se é o caso, a adxudicación do premio corresponderalle a un xurado especial, que estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da Administración pública, nomeado polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A composición nominal do xurado farase pública no momento da resolución.

Se o xurado o considere oportuno, poderá declarar o premio deserto.

Sétima.-No proceso de avaliación dos traballos o xurado terá en conta o rigor científico e a súa calidade.

Oitava.-A decisión do xurado, que será inapelable, terá lugar no prazo de dous meses contados desde o último día do prazo de presentación, e notificaráselles a todos os participantes. Igualmente, publicarase no DOG por resolución do director da EGAP, que porá fin á vía administrativa.

A entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Novena.-O importe deste premio aboarase con cargo á dotación prevista na partida 06.80.122B. 480.0 dos orzamentos da EGAP para o ano 2007.

Décima.-A presentación a este premio implicará, no caso de ser galardoado, a cesión polo autor dos dereitos de edición, uso e explotación en favor da EGAP durante un período de tres anos contados desde o día de publicación do resolución do xurado. A compensación económica polos dereitos de explotación que lle puidese corresponder ao autor considerarase incluída na dotación do premio.

Os traballos non premiados seranlles devoltos aos seus autores, logo da súa petición expresa, no prazo de tres meses seguintes ao da data na que lles sexa notificada a decisión do xurado.

Rematado o devandito prazo sen que se solicite a devolución, poderase proceder á súa destrución.

Décimo primeira.-A presentación do traballo para o premio implicará a aceptación polos seus autores destas bases.

Décimo segunda.-As incidencias que poidan presentarse nos supostos non previstos nestas bases serán resoltas polo director da EGAP.

Décimo terceira.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director da EGAP para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza

Declaración xurada de cumprimento dos requisitos estipulados na base 4ª.

D/Dª

O/A candidato/a á XVI Edición do Premio Manuel Colmeiro declara que o traballo presentado cumpre cos requisitos estipulados na base 4ª.

r O/a que asina abaixo declara que o traballo presntado é orixinal e inédito e non premiado con anterioridade.

Asdo. (o/a solicitante)