DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 06 de marzo de 2007 Páx. 3.347

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 20/2007, do 22 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo.

Mediante o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, aprobouse a estrutura orgánica da Consellería de Traballo.

Non obstante, o desenvolvemento práctico das competencias e funcións atribuídas aos distintos centros directivos da consellería aconsella introducir algunhas modificacións na devandita estrutura co fin de facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa.

É o caso da Secretaria Xeral, en que se fai unha reestruturación das funcións encomendadas aos diferentes servizos dependentes dela.

Por unha banda, o desenvolvemento das políticas de emprego da consellería e o seu seguimento e control fan imprescindible a creación dunha nova unidade dependente da Dirección Xeral de Promoción do Emprego que se encargue do deseño, xestión, seguimento e control dos programas de incentivos en materia de promoción do emprego.

Así mesmo, a importancia do cooperativismo e a economía social como fontes indiscutibles de xeración de emprego fan preciso unificar na Dirección xeral de Relacións Laborais todas as competencias e xestión de programas de fomento de emprego en materia de cooperativas e outras formas de economía social.

Por outra banda, dáse unha redacción máis clara e precisa ás atribucións do titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais na resolución de recursos en materias de competencia da dirección xeral.

Por último, modifícase a dependencia do Servizo de Xestión e Coordinación dentro da Dirección Xeral de Formación e Colocación e, baixo a dependencia do director xeral de Formación e Colocación, créase o Centro de Novas Tecnoloxías, con nivel de xefatura de servizo, co reto de posibilitar a impartición de formación a nivel avanzado e conectado directamente coa empresa e co mercado laboral para dar unha resposta inmediata ás empresas das súas necesidades de formación en novas tecnoloxías dos seus traballadores.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Traballo, tras os informes favorables da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de febreiro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo.

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, queda modificado como segue:

Un. O punto II. Secretaría Xeral. Artigo 4º. Dous queda redactado da seguinte forma:

«II. Secretaría Xeral.

Artigo 4º

Dous.-A Secretaría Xeral, para o exercicio das súas funcións, estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral.

Con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as funcións de prestarlle asistencia ao secretario xeral en cantos asuntos lle encomende, así como a súa suplencia en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

É a unidade encargada de elaborar o borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control, a xestión da contratación administrativa e económica e as funcións relativas aos sistemas ou procesos informáticos da consellería.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A execución, coordinación, seguimento e control do orzamento, así como a proposta e xestión das súas modificacións.

-A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e propostas de pagamentos.

-A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión económica.

-Control do material de oficina e calquera outra función relativa á xestión económica e orzamentaria.

1.2. Servizo de Contratación e Obras.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión dos expedientes de contratación que sexan competencia da consellería.

-Seguimento e control da execución de todos os contratos.

-O desenvolvemento das funcións de supervisión dos proxectos respecto das obras que realice a consellería.

1.3. Servizo de Informática.

Corresponderanlle, sen prexuízo das competencias que en materia informática ten atribuídas a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o exercicio das seguintes funcións:

-Planificar, impulsar e mecanizar os sistemas de información da consellería.

-Estudo, seguimento, informe e proposta sobre plans xerais de informatización, así como a súa coordinación, supervisión, apoio e asesoramento técnico.

-Xestionar as bases de datos, redes e sistemas informáticos.

-Velar polo cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal, con especial referencia á implantación, revisión e auditoría dos documentos de seguridade exixibles no eido xeral da consellería.

-Calquera outra función relativa a sistemas ou procesos informáticos da consellería.

2. Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa.

É a unidade encargada da coordinación dos servizos de carácter xeral, xestión de persoal da consellería, a dirección e coordinación dos asuntos de réxime interno, organización do rexistro xeral, velar polo sistema de xestión dos procedementos administrativos, así como a coordinación dos estudos e publicacións da consellería e outros asuntos que lle atribúa o secretario xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Persoal.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes administrativos relativos ao persoal funcionario e laboral dependente da consellería, a súa custodia e arquivo.

-A xestión e tramitación da nómina.

-A elaboración e actualización da relación de postos de traballo do persoal funcionario e laboral da consellería.

-A tramitación dos expedientes de incompatibilidade do persoal da consellería.

-Coidar do correcto funcionamento do rexistro xeral da consellería e do seu arquivo.

-A tramitación das reclamacións e recursos en materia de persoal e a tramitación de expedientes disciplinarios.

2.2. Servizo de Asuntos Xerais e Publicacións.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-Levar o inventario de bens mobles e inmobles adscritos á consellería, sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda.

-Control da asistencia e puntualidade.

-A tramitación dos expedientes sobre bens demaniais ou patrimoniais, en canto sexa competencia da consellería.

-A coordinación da publicación no Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais dos actos e resolucións ditados polos órganos da consellería.

-Xestionar asuntos xerais, tales como mantemento de instalacións, vehículos adscritos á consellería.

-A organización e a xestión dos fondos documentais e bibliográficos da consellería.

-A coordinación das publicacións e as funcións relativas ao plan de publicacións da consellería.

-A información xeral e difusión das publicacións da consellería en soporte papel, telemático e audiovisual.

-A coordinación das aplicacións estatísticas da consellería.

-A elaboración de memorias, estudos e informes.

3. Servizo Técnico Xurídico.

Baixo a dependencia directa do secretario xeral, corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

-O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral, a elaboración das compilacións e a proposta de refundicións das normas emanadas da consellería.

-O estudo, preparación e tramitación dos expedientes que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

-O exercicio das funcións que a consellería teña encomendadas en relación coas fundacións de interese galego sobre as que lle corresponda exercer o protectorado.

-O estudo, tramitación e formulación de propostas de resolución de recursos ou reclamacións interpostas contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da consellería e, en xeral, a elaboración de estudos e informes que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo secretario xeral.

-A coordinación da publicación no Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das ordes de axudas e subvencións e disposicións de caracter xeral da consellería».

Dous. O punto III. Dirección Xeral de Promoción do Emprego. Artigo 5º. Un e dous no seu punto 1, queda redactado da seguinte forma:

«III. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 5º

Un.-Correspóndelle o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de fomento do emprego, así como no eido da colaboración coas administracións e institucións públicas e con entidades sen ánimo de lucro. Así mesmo, levará a cabo a programación, seguimento, control e, se é o caso, a xestión das escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego.

Respecto dos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral, corresponderalle coordinar a súa xestión, supervisar o seu funcionamento e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades.

Correspóndelle tamén a elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores.

Levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación e control dos programas de fomento do emprego correspondentes á incentivación da contratación por conta allea e o apoio ao autoemprego, e ao emprego nas iniciativas empresariais no ámbito local e rural, aos programas dirixidos á integración laboral das persoas con discapacidade en coordinación co departamento competente en materia de igualdade e benestar, así como das accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego e a elaboración das estatísticas correspondentes.

1.1. Servizo de Programación e Xestión.

A este servizo corresponderalle a xestión dos programas e accións para o fomento da contratación por conta allea, a coordinación dos labores de difusión, formación e información correspondentes aos programas e daqueloutras actividades que se lle asignen dentro da súa área funcional, así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

1.2. Servizo de Apoio a Emprendedores.

A este servizo corresponderalle a xestión dos programas e accións de apoio a emprendedores e á iniciativa empresarial no ámbito local e rural, a coordinación dos labores de difusión, formación e información, asesoramento a emprendedores e empresas familiares e Pemes e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional, así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

1.3. Servizo dos Autónomos, Inserción Laboral e Calidade do Emprego.

A este servizo correspóndelle o deseño dos programas de incentivos xestionados pola subdirección xeral, a posta en marcha do rexistro de empresas de inserción, a elaboración de informes estatísticos, o deseño e dirección dos plans de seguimiento e control das axudas e a súa execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias derivadas da tramitación dos expedientes e a coordinación cos servizos de promoción do emprego das delegacións provinciais e todas as unidades administrativas relacionadas cos xestión destas materias».

Tres. O punto IV. Dirección Xeral de Formación e Colocación. Artigo 6º. Dous no seu punto 2.1 queda redactado da seguinte forma:

«2.1. Servizo de Xestión e Coordinación.

A este servizo corresponderalle a coordinación da actividade e o soporte técnico da rede de intermediación no mercado de traballo, o seguimento dos convenios establecidos cos centros asociados, o control de calidade da actividade de inserción que desen

volverán e a avaliación da calidade das infraestruturas exixidas para a súa inclusión na rede de intermediación e atribución de funcionalidades a estes centros de acordo coa tipoloxía establecida».

Catro. Engádese un novo punto 4 ao epígrafe IV. Dirección Xeral de Formación e Colocación. Artigo 6º. Dous:

«4. Centro de Novas Tecnoloxías.

Baixo a dependencia do director xeral e co nivel orgánico de servizo, o Centro de Novas Tecnoloxías ten como obxectivo a formación en novas tecnoloxías dos traballadores tanto en activo como desempregados, adaptando a programación ás necesidades existentes no mercado laboral en canto a formación en tecnoloxías avanzadas.

Correspóndelle ao centro fomentar o desenvolvemento dos servizos e tecnoloxías que constitúen os piares fundamentais da sociedade da información a impartición de xornadas de sensibilización, seminarios, cursos, cursos técnicos de especialización destinados aos profesionais do sector das TIC, os profesionais doutros sectores, as empresas e os cidadáns en xeral que desexen introducirse na sociedade da información».

Cinco. O punto V. Dirección Xeral de Relacións Laborais. Artigo 7º. Un e dous no seu punto 3 queda redactado da seguinte forma:

«V. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 7º

Un.-Correspóndelle á Dirección Xeral de Relacións Laborais a dirección, coordinación, control e execución das competencias da comunidade autónoma en materia laboral, seguridade e saúde laboral, cooperativas e entidades de economía social, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos da Xunta de Galicia.

Así mesmo, correspóndelle ao titular da dirección xeral, no ámbito das competencias da dirección xeral, o coñecemento e a resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas polos delegados provinciais no seu respectivo ámbito territorial.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, estrutúrase nas unidades que a seguir se relacionan e que terán atribuídas as seguintes funcións:

3. Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social.

Á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social correspóndelle a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas e outras empresas de economía social, así como as relacións coas súas entidades representativas, sen prexuízo das competencias doutras consellerías en materia de cooperativas.

Correspóndelle, ademais, a elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente ao seu programa de gasto, a súa xestión, seguimento e avaliación, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade:

3.1. Servizo de Cooperativas e Economía Social.

Ao cal lle corresponderá:

-A cualificación, inscrición e certificación dos actos que deben acceder ao rexistro xurídico de cooperativas central e os depósitos relativos ás asociacións de cooperativas.

-A tramitación de expedientes sancionadores por infracción da normativa cooperativa, así como de procedementos de adopción de medidas de intervención temporal e de descualificación de cooperativas.

-A cualificación e inscrición no rexistro administrativo de sociedades laborais e expedición de certificacións.

-A cualificación e inscrición no rexistro administrativo de centros especiais de emprego e expedición de certificacións.

-Información e asesoramento en materia de cooperativas e de empresas de economía social, así como o impulso das relacións intercooperativas.

-A coordinación dos rexistros provinciais de cooperativas.

-Planificación, xestión e control das axudas a cooperativas, sociedades laborais e as súas asociacións.

-Execución dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e doutras formas de economía social.

-Execución dos programas de fomento do emprego nas empresas e nas entidades de economía social.

-Elaboración de estatísticas, realización e coordinación de estudos sobre cooperativas e empresas de economía social.

-O desenvolvemento e a xestión daqueloutras funcións atribuídas á autoridade laboral na normativa de cooperativas e sociedades laborais.

-Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados».

Disposición transitoria

Como consecuencia da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto, modifícase a denominación e contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade polo que se autoriza o conselleiro de Traballo, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de febreiro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA